Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

SILVARREDONDA

TORRE DA PENELA

A fortaleza defensiva medieval transfórmase en pazo no século XVII por mandato de Lorenzo Bermúdez de Castro como medida para o establecemento dunha rede de fortalezas fronteirizas para amparar Bergantiños. Destaca por ser exemplo da orixe dos pazos na arquitectura militar e defensiva. Dubídase a cantidade de torres que chegaron a existir no lugar por parte dos investigadores, indo dende dúas ata a posibilidade de catro.

Conta cunha planta cadrada e soamente queda en pé unha das torres que conformaban a fortaleza. Aínda que mantén a robustez e sobriedade propia deste tipo de construccións, o cambio de funcionalidade fixo que perdera o seu carácter defensivo, destinándose ata hai pouco a celeiro e pombal.

Conta con planta cadrada e catro alturas aínda que en disposición na fachada só se aprecian tres. A entrada pola fachada principal realízase a través dunha porta de medio punto de grandes doelas, mentres que na fachada posterior hai un acceso directo á terceira planta debido ao desnivel do terreo.

O resto do edificio conta coas características propias dunha fortaleza defensiva: sobriedade na composición, grosos muros e escaseza de vanos. No interior quedan restos dunha escaleira de caracol de madeira. A torre remátase cun antepeito de cantería coroado por ameas. Nunha das fiestras pódese apreciar o escudo de armas da casa cos Bermúdez, Castro e Riobóo.

Ás costas da Torre atópase unha fonte con pía en forma de sartego e dous canos de auga. A lenda conta que a fonte é unha ofrenda dunha muller á que lle morreu o fillo ou unha posible penitencia. Tamén se relaciona cun suposto pasadizo que comunicaba a Torre coa fonte e que permitía a comunicación coa mesma en caso de asedio.

Cerca do lugar, o cruceiro con inscrición estaba antigamente na entrada da fortaleza. A lenda conta que quen traspasase o cruceiro quedaba ceibe dos seus perseguidores. Así, unha muller fuxitiva parece que se achegou ao cruceiro salvador pero foi apresada antes e decapitada. Compadecidos, os veciños laiáronse: “Pena dela!”, de onde se extraería o nome do lugar.

SAN PEDRO


A igrexa, de dimensións moi reducidas, é de gran sinxeleza. Conta cunha planta de salón rectangular e unha ábsida cadrada á que se accede mediante un arco triunfal. Ten unha sancristía anexa ao lado norte. A volumetría da nave sobresae en altura, de modo que a correspondente ao presbiterio é lixeiramente inferior. A fachada coróase cunha espadana de cemento con dúas campás.

O cruceiro do adro é de granito e carece de plataforma. Conta cun pedestal octogonal e un varal cadrado con chafráns. O capitel é cadrado e moldurado, mentres que a cruz é tamén cadrada e presenta remates florenzados cun botón central.

CAPELA DE SANTA MARGARIDA DE BANEIRA
Trátase dunha ermida sinxela, de planta rectangular e cuberta a tres augas. No presbiterio presenta unha fiestra rectangular semellante á dunha casa. A fachada coróase cunha espadana na que se conservan dúas inscricións. A romaría celébrase o 13 de xullo.

A fonte de Santa Margarida de Baneira é a máis monumental de todos os conxuntos relixiosos do concello. Presenta dous corpos de pedra: o central, rectangular, está coroado de pináculos e unha cruz acanalada que cobre o manancial; xunto a el, sobresae un corpo máis baixo cuberto por unha pequena bóveda de canón que conduce ao interior da fonte. Nas súas augas, os romeiros mollen panos e deixan moedas para curar as verrugas. Segundo o etnógrafo Otero Cebral, os devotos tamén lavan nas augas as pernas e as mans que teñen algún mal.

FERMÍN CALVO GÓMEZ
Fermín Calvo Gómez naceu en Silvarredonda poucos meses antes do inicio da Guerra Civil. Como tantos nenos da posguerra, apenas puido ir á escola. Comezou a traballar sendo aínda un rapaz, servindo en casas de labregos, onde comía nunha banqueta no medio da cociña, lonxe da mesa dos amos.

Máis adiante puido asistir durante un tempo á escola de Silvarredonda. Por mor da vergoña de ser máis vello ca os demais nenos, aplicouse moito e aprendeu axiña as nocións básicas para defenderse na vida.

Traballou como serranchín cortando madeira nos montes de Bergantiños, madeira que se transportaba en barcos de cabotaxe desde A Insua ou Corme. Máis tarde exerceu de canteiro, subindo barro e masa para os mestres canteiros, e despois aprendendo a traballar a pedra el mesmo. Unha das súas tarefas era picar as moas dos muíños hoxe abandonados.

Como moitos bergantiñáns, tamén emigrou, partindo en tren cheo de ilusión. Porén, a realidade foi dura: o que cría un palacio era unha barraca, e tivo que comezar a traballar de contado.

No século XX, Bergantiños foi terra de poetas populares, entre eles os regueifeiros. Fermín foi un dos máis coñecidos, baixo o nome artístico de Fermín da Feira Nova, pola feira de Coristanco onde viviu. Espertou para a regueifa nas foliadas, nas fiadas e nos traballos comunitarios. Recorda como moitas mulleres cantaban mellor ca os homes, aínda que non se atrevían a facelo en público.

Fermín é hoxe un dos últimos regueifeiros tradicionais que seguen vivos. Foi testemuña directa dos grandes regueifeiros do século XX, como Calviño de Tallo, Camuzas ou Blanco, o seu mestre. Fermín comezou a cantar o día que lle gañou unha regueifa ao propio Calviño.

Participou en festas e programas como Luar da TVG, e foi homenaxeado en múltiples ocasións. En 2006, o Concello de Cabana e a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizaron unhas xornadas de regueifa nas que Fermín compartiu escenario con regueifeiros históricos e novas promesas.

Publicou o libro Recordos dun regueifeiro, unha obra onde recolle a súa vida, os seus versos e a memoria das aldeas de Bergantiños. Nel, o autor recoñece a influencia de poetas como Alfredo Brañas, María Baña, Eduardo Pondal ou Asunción Antelo. Os seus versos respiran amor pola terra, crítica social e o humor propio da regueifa.

A día de hoxe é raro ver unha regueifa en Bergantiños, pero coa lectura deste libro podemos volver escoitar a voz de Fermín enriba dun palco ou na televisión. Unha voz que conserva a fala viva da comarca, ás veces tamén en castelán, como reflexo da súa realidade social.

MÚSICA

Os ghaiteiros de Neaño
Foron tocar á Penela.
Perderon a gaita en Liñares,
Andan mirando por ela.

Arado de ferro
E carro con bois,
Orquillas e sachos,
Traelos despois.

Arado de ferro
E carro con bois,
Orquillas e sachos,
Traémolos nós.

A catro pesetas
Traballades vós.


BIBLIOGRAFÍA

  • Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P. (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergantiños. Cabana de Bergantiños.
  • Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995). Cabana: Análise histórica e social. Cabana de Bergantiños: Deputación da Coruña.
  • Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995). Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso. Deputación da Coruña.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *