Tras ser capelán da Condesa de Torre Penela de Carballo e da familia Figueroa en San Martiño de Horto (Abegondo), Saturnino Cuíñas Lois foi enviado como párroco a Santo Estevo de Cesullas en substitución de Manuel López Porto. Preséntase en Cesullas o 10 de abril de 1931 coa súa nai Adelina e irmáns Aurelio e María.
Desde a chegada, a súa parroquia de presentación cobrou un importante dinamismo no eido relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Creou coros parroquiais, deulle vida ás celebracións relixiosas do Nadal ou achegouse á xuventude a través das festas do catecismo. Foi unha persoa importante para que se construíse a estrada de Neaño a Baio.
Como pagamento polo seu labor, a corporación municipal nomeouno fillo adoptivo de Cabana de Bergantiños o 17 de marzo de 1956 cando cumpría as vodas de prata como párroco. Neste acto descubriuse unha placa de mármore na igrexa de Santo Estevo.
Desempeñou o seu traballo pastoral ata poucos momentos da súa morte, o 7 de abril de 1978. O seu pasamento foi todo un acontecemento social na comarca de Bergantiños. Asistiron veciños de concellos colindantes e a corporación municipal en pleno. O enterro foi oficiado polo arcebispo de Compostela Ángel Suquía. Quedou soterrado no cemiterio parroquial.
Cinco anos despois, o 21 de agosto de 1983, o Concello de Cabana de Bergantiños realizoulle unha homenaxe póstuma e recoñeceuno como fillo predilecto. Nos actos culturais participaron as corais Coral de Bergantiños, Toxos e Flores de Ferrol, Follas Novas, Lembranza e Cántigas da Terra da Coruña, o grupo folc Marea Baixa de Carballo, os grupos folclóricos da Asociación Cultural Río Anllóns de Ponteceso e do colexio público As Revoltas de Cabana; o humorista O Xestal deleitou os asistentes cos seus divertidos chistes e despois cantou por primeira vez en público acompañado por Xosé Manuel Eirís que tocaba unha das zanfoñas que pertencera a Saturnino Cuíñas. Como fin de festa, Andrés Rei dirixiu a interpretación do famoso Berro Seco. Tamen se colocou unha placa conmemorativa na fachada da ermida de San Fins.
Saturnino Cuíñas e o San Fins do Castro