Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Santa María do Remuiño

SANTA MARIÑA DO REMUÍÑO

Tras deixar os rápidos de Verdes (Coristanco) e a sonada Pontedona, o río Anllóns entra en Cabana de Bergantiños nun caudaloso e encaixado meandro. Neste tramo, as augas son recollidas para a produción de enerxía eléctrica. Ao mesmo tempo, é un espazo rico en vexetación de ribeira e cunha destacada presenza de aves acuáticas como alavancos ou cormoráns.

Entre os restos arqueolóxicos, destacan as antigas galerías de extracción aurífera iniciadas xa na época romana. Nun lugar natural onde a presenza da auga é tan significativa, non resulta estraño que se conservaran cultos hidrolátricos precristiáns. Para cristianizar estas crenzas pagás instaurouse neste punto o culto a Santa Mariña. Cada 18 de xullo, os cabaneses reúnense aquí para honrar a esta santa.

A carballeira

Trátase dunha das carballeiras máis antigas e frondosas do concello, situada xunto á ermida. Conta con merendeiros e coa fonte do espazo sacro. Baixo a súa sombra celébranse merendas populares e tamén algunha festa gastronómica fóra das datas da romaría.

A capela

A ermida é unha construción sinxela. O retablo, datado no tempo do reinado de Isabel II, foi obra do párroco Antonio Rodríguez Ardeleiro. Durante unhas obras de restauración apareceu no lintel da entrada unha pedra coa cabeza esculpida dunha figura feminina, identificada como unha deusa prerromana da fertilidade. Na actualidade, esta escultura está empotrada na cabeceira da igrexa de San Martiño de Cores.

O cruceiro

Atópase a medio camiño entre a fachada da ermida e a carballeira. Pola súa rica simboloxía, é un dos cruceiros máis singulares do concello. No anverso represéntase un corazón atravesado por espadas; no reverso, unha coroa de espiñas e unha serpe.

A fonte

A fonte actual data de 1896. Segundo a tradición, nestas augas lavábanse os ubres das vacas para que producisen máis leite. Noutros tempos, tamén as mulleres que tiñan que amamantar bebés se lavaban nela por crenzas curativas.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *