Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

San Xoán de Borneiro

Dolmens de Dombate

Conxunto megalítico da Idade de Pedra composto por dous dolmens: un máis antigo e pequeno, e outro posterior e de maiores dimensións, coñecido como a Catedral do megalitismo galego.

Véxase o apartado: Dolmen de Dombate

Dolmen ou Mámoa da Gándara

Coñecido desde o ano 1924, actualmente case non se conservan restos. A mámoa orixinal tiña uns 15 metros de diámetro e 2 metros de altura. Sitúase nunha zona de transición entre monte baixo e terras de cultivo, pero o túmulo foi moi rebaixado por tarefas agrícolas. Hoxe só se conserva unha lousa fracturada da antiga cámara poligonal e parte do túmulo moi deteriorado.

Mámoas de Agranova

  • Mámoa nº 1
    Diámetro: 15 m | Altura: 1 m
    Terras de monte baixo. Bo estado de conservación.
  • Mámoa nº 2
    Diámetro: 12 m | Altura: 0,5 m
    En monte baixo. Bo estado de conservación.
  • Mámoa nº 3
    Diámetro: 13 m | Altura: 0,6 m
    En monte baixo. Un camiño de carro afecta a parte central.
  • Mámoa nº 4
    Diámetro: 10 m | Altura: 0,3 m
    En monte baixo. Estado bastante bo.

Mámoa do Cruceiro da Portela

Diámetro: 12 m | Altura: 0,8 m
Situada en monte baixo. Estado aceptable, malia que un camiño de carro pola marxe sur e outro de servizo de prado deterioraron o aspecto superficial do túmulo.

Cista da Insua

Xacemento funerario da Idade do Bronce, destruído en 1975 durante tarefas agrícolas. Inicialmente gardada polos descubridores, está actualmente depositada no Museo Arqueolóxico da Coruña.

Consérvanse sete lousas, catro delas decoradas:

  • Lousa A: dúas liñas paralelas nos bordos maiores como marco; cinco triángulos abertos no vértice superior; fila de cinco cazoletas aliñadas cos triángulos; liña recta con 11 triángulos pequenos perpendiculares.
  • Lousa B: repite a decoración da Lousa A.
  • Lousa C: dúas fileiras de triángulos enfrontados (8 e 9).
  • Lousa D: igual que a anterior, con fileiras de nove triángulos.

O arqueólogo Manuel Lestón considera probable que existan outras cistas soterradas na mesma zona.

A Cidá de Borneiro

Importante asentamento fortificado da Idade do Ferro, situado no Chan de Borneiro. Conta con croa, foxo, terrapléns, antecastro e un barrio de entremurallas. Escavado desde 1932, é o único castro escavado da Costa da Morte.

Durante boa parte do ano, conta con servizo de guía turístico.

Véxase o apartado: A Cidá de Borneiro

Castro ou Castelo de Borneiro

Recoñecido en 1984 pola arqueóloga Ana Mª Romero Masiá, trátase dun asentamento fortificado da Idade do Ferro ou mesmo medieval, situado nun outeiro granítico dos montes de Borneiro.

  • Croa ovoidal de 95 x 60 m, delimitada por un terraplén natural con afloracións rochosas.
  • As zonas máis vulnerables foron pechadas con grandes bloques de pedra.
  • Circúndase por dous antecastros ao sur, leste e oeste, que reforzan o sistema defensivo.
  • Posúe un excelente estado de conservación, conservándose partes visibles da muralla.

O Caldeiro

Mina de adscrición cultural indeterminada, situada fronte á Cidá de Borneiro. Presenta as seguintes características:

  • 150 m de longo, 20 m de ancho e 6 m de profundidade.
  • A parte alta mostra unha sección en forma de “V”, mentres que a parte baixa, próxima ao rego dos Muíños, conforma un semicírculo.

Trátase dunha explotación semellante ás minas romanas do noroeste peninsular, polo que é probable que a súa orixe sexa romana ou, como mínimo, antiga.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *