Romaría de San Fins do Castro

A Romaría de San Fins do Castro

A romaría de San Fins do Castro é unha das máis coñecidas e concurridas da comarca de Bergantiños. A súa importancia e singularidade medraron especialmente coa chegada do párroco Saturnino Cuíñas, nos anos 30, quen foi tamén un destacado folclorista en Cabana de Bergantiños.
Co seu impulso, a celebración adquiriu dous elementos distintivos que a fixeron única: o Himno a San Fins e o célebre Berro Seco.
O Himno a San Fins
A letra do himno foi composta por Saturnino Cuíñas, mentres que a música correu a cargo do director de banda Xosé María de Neaño.
Comeza cos seguintes versos:
Meu santo San Fins do Castro,
¿que lle dás ós teus romeiros?
Auga da túa fontiña,
sombra dos teus bidueiros.
A Fonte Santa

Antes do viño e da festa, xa dende primeira hora da mañá, a protagonista é a auga da fonte, situada a carón da ermida. Os romeiros acoden antes do amencer para lavarse a cara e as mans coa auga santa ou para botar moedas na pía.
As mans non se secan, e o pano de man, tras mollarse na fonte, déixase secar sobre a herba do campo. A tradición asegura que, unha vez seco, cura as verrugas. Tamén se lle atribúen propiedades curativas para enfermidades como a pulmoeira das vacas.
O Berro Seco

É un dos momentos máis esperados da romaría. O cura de Cesullas sube ó palco da música e, dirixíndose aos romeiros, dá paso a tres berros secos, lanzados a coro por todos os asistentes. Estes berros semellan os que dan os canteiros cando erguen unha pedra pesada, simbolizando forza e unión.
O Santo de Pólvora
Trátase dunha falla artesanal que estala xusto antes do comezo dos bailes da misa. A figura que se queima representa, en forma de maqueta articulada, diferentes oficios tradicionais, como o de ferreiro, afiador ou canteiro.
As Merendas

Logo das misas e dos bailes da mañá, pola tarde os bidueiros de San Fins e os seus arredores énchense de merendas campestres. Os romeiros estenden os manteis sobre a herba ou instalan mesas de madeira que preparan con días de antelación, celebrando xuntos nun ambiente de fraternidade e tradición.
0 Comments