RIOBÓO

CASTRO DE FOLGOSO

O castro de Folgoso está situado nun pequeno elevamento do terreo. A súa croa ten forma ovoidal, cunhas dimensións de 122 metros de longo por 103 de ancho, e está rodeada por un parapeto de entre 7 e 8 metros de altura. Cara ao noroeste atópanse dous antecastros de aproximadamente 70 metros de longo e 20 de ancho. Cara ao suroeste localízase un precipicio coñecido como o Pozo da Forca, vinculado a varias lendas.
Nunha destas lendas afírmase que no fondo do pozo se agocha unha grade de ouro que ninguén conseguiu atopar. Outra versión conta que no fondo se atopa unha trabe de ouro que comunica a fervenza coa Torre da Penela.
No centro do castro érguese a capela barroca de San Brais, datada do século XVIII. Presenta planta de salón cunha soa nave e un retablo tamén de estilo barroco. A imaxe do santo (San Brais pequeno, patrón da gorxa) trasládase dende a igrexa de San Martiño durante as festividades do 3 de febreiro e 26 de abril.
O presbiterio está nun nivel máis elevado ca nave. A cuberta é a dúas augas e a fachada principal está coroada por unha espadana sen campá. No adro, na marxe sueste, hai un cruceiro de granito e formigón, con plataforma cadrada de dous graos. O pedestal remata nunha roda lisa, o varal é octogonal (aínda que comeza cadrado), non ten capitel, e remata nunha cruz de formigón con extremos lanceolados.
IGREXA DE SAN MARTIÑO

O cruceiro, situado no lado norte do adro, combina formigón e granito. Ten unha plataforma de tres graos, pedestal circular, varal cadrado con chafráns, capitel moldurado e cruz octogonal. No anverso figura Cristo crucificado con tres cravos, mans abertas, cabeza ladeada á dereita e pano de pureza atado. No reverso, unha Virxe orante.
A igrexa foi construída por mandato de Ruy Soneira de Riobóo, nobre da casa da Penela, onde tamén foi soterrado. Inicialmente independente da parroquia por falta de atención pastoral, pasou a depender de Riobóo.
A edificación actual é maioritariamente barroca, aínda que conserva elementos románicos: a ábsida, as primeiras fiadas dos paramentos e o arco triunfal con semicolumnas que separa a cabeceira.
A planta é de salón cunha única nave rectangular e ábsida cuadrangular, separadas por un arco de medio punto. Ten teito raso de madeira e tellado a dúas augas. A fachada é sobria e está coroada por unha espadana con dúas campás.

No interior destaca o arco triunfal con perfil en aresta, apoiado sobre columnas adosadas de estilo compostelán románico (1099-1101). Hai dúas pías bautismais: unha sobre base con forma de oso ou lobo (símbolo dos Moscoso) e outra máis grande decorada con gallóns.
O retablo de San Martiño é de estilo barroco e está considerado unha xoia do patrimonio sacro local.
Baixo o altar consérvanse tres sepulcros:
- Esquerda: escudo dos Castro, Moscoso, Riobóo, Leis e Villardefrancos, pertencente a Lorenzo Bermúdez de Castro e María de Leis.
- Centro: sepultura de Ruy Soneira de Riobóo.
- Dereita: sen epígrafe identificativo.
MÚSICA TRADICIONAL DE FOLGOSO
Punteada de Folgoso
Muiñeira da ribeira,
muiñeira ribeirana,
muiñeira da ribeira
tócoche de mala gana.
(…)
Xota de Folgoso
E vira e vira
e volve a virar,
a volta da vira
é mala de dar.
(…)
FERMÍN CALVO GÓMEZ
Fermín Calvo Gómez, nado en Silvarredonda pouco antes da Guerra Civil, viviu desde novo as penurias da posguerra. Comezou a traballar como criado nunha casa labrega e, aínda que apenas puido ir á escola, máis adiante aprendeu a ler e escribir.
Traballou como serranchín e canteiro, picando pedras de muíños e cargando materiais. Tamén emigrou, vivindo as duras condicións da diáspora galega.
Pero Fermín tamén destacou como poeta popular e regueifeiro, coñecido como Fermín da Feira Nova. Participou en festas e foliadas, compartindo palco con outros grandes da regueifa como Calviño de Tallo, Grixoa ou Guillermo da Rabadeira.
Foi homenaxeado polo Concello de Cabana de Bergantiños e publicou o libro “Recordos dun regueifeiro”, onde se recollen coplas sobre a vida rural, as romarías, os costumes e tamén críticas sociais. Na súa obra recoñece a influencia de Pondal, María Baña e Asunción Antelo.
MÚSICA: OS GAITEIROS DE NEAÑO
Os gaiteiros de Neaño
foron tocar á Penela.
Perderon a gaita en Liñares,
andan mirando por ela.
Arado de ferro
e carro con bois,
orquillas e sachos
traémolos nós.
0 Comments