Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ESTO

CASTRO DE BERES

Igual que o castro do Piñeiro de Anos, presenta unha croa circular duns 55 metros de diámetro. Esta croa estaba rodeada por un parapeto de entre 4 e 6 metros de altura que foi arrasado durante as tarefas agrícolas. Cara ao norte e noroeste obsérvase un antecastro tamén moi alterado polos traballos agrícolas. É posible que os niveis habitacionais do castro se conserven en bo estado.

Desde o castro pode gozarse dunha excelente panorámica da contorna. Ao norte albíscase o cume do monte Neme e ao oeste o monte Faro de Brantuas. Segundo Rodríguez Casal (1975: 122), este castro tiña un cuncheiro, como os de San Fins do Castro e A Cidá de Borneiro. A lenda (Casal, 1975: 122) conta que nas vésperas de San Xoán sae unha galiña negra cos seus pitos, e que os mouros sacan as súas mulas a beber nun recodo do río.

No ano 1928, o castro de Beres foi escavado polo enxeñeiro Adelino de Faría Rodríguez, quen atopou restos de cerámica elaborada con lousa moída. Este castro foi tamén fonte de inspiración poética para Eduardo Pondal: neste recinto castrexo, Temunde, a fada do vento, contempla a visión do irmandamento entre os guerreiros galegos e portugueses.

A lenda recollida por Otero Cebral (35) relata que os antigos contaban que no castro había soterrada unha relucente cadeira de ouro da que nunca ninguén puido dar fe.


IGREXA DE SAN XOÁN DO ESTO

Trátase dunha igrexa de estilo barroco situada nun lugar solitario, entre as parroquias de Anllóns e Silvarredonda. No espazo relixioso exterior atópase o cemiterio parroquial.

O templo presenta planta de salón, formada por un presbiterio e unha nave única. A ábsida é cadrada e está cuberta cunha bóveda de canón en pedra, sustentada por arcos perpiaños. A sancristía está adosada ao muro norte do presbiterio, ao que se accede por unha porta interior; tamén está cuberta cunha bóveda. A cuberta do edificio é a dúas augas, con tella curva tradicional.

No interior, os muros están revocados e encalados, agás a bóveda do presbiterio e a arcada estrutural. A decoración destaca polo retablo do altar maior, con características claramente barrocas.

A fachada principal posúe a estrutura pentagonal tan común nas igrexas da zona. Sobre un eixo vertical imaxinario, distribúense unha porta rectangular enmarcada en cantaría, unha pequena ventá e unha espadana de formigón con dous vans para as campás. Os muros exteriores están revocados en cal, agás os esquinales, feitos con cachotaría, e os linteis das portas e fiestras.


ANXO COUSILLAS

Anxo Cousillas Bermúdez, nado en 1961 na parroquia do Esto, defínese como artista vocacional e autodidacta. Formado en debuxo, modelado e talla na Escola Mestre Mateo, traballa principalmente a madeira e a pedra, aínda que ás veces tamén incorpora vidro ou metais.

Participou en numerosas exposicións tanto no ámbito comarcal (Castelo de Vimianzo, Centro Cultural de Ponteceso) como no estatal (Palacio de Congresos de Zaragoza, Casa de Galicia en Madrid). Varias das súas obras están instaladas en espazos públicos de Laxe, Ponteceso, Carballo, Ribadeo ou Pobra de Trives.

Neste caso, atopamos unha escultura do autor que representa a Santiago peregrino, recoñecible polo sombreiro, as vestiduras e o bastón coa cabaza.


CRUCEIRO DO CAMPO DA FESTA

Cruceiro de granito. A plataforma é cadrada e conta con tres chanzos. O pedestal é cadrado e presenta mesa adosada. O varal é octogonal e comeza en forma cadrada. O capitel é cilíndrico, remata cadrado e está moldurado. A cruz é rectangular con brazos de media cana. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ladeada á dereita, mans abertas, coroa de espiñas e pano de pureza atado á dereita. Aos lados están a Virxe e San Xoán. No reverso non hai imaxe.


CRUCEIRO DE SAMPIL

Feito en granito. A plataforma atópase soterrada. O pedestal é circular. O varal é octogonal. O capitel é cadrado, moldurado e decorado con rostros. A cruz é octogonal. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, cabeza erguida, mans abertas, coroa de espiñas, pano de pureza sen atar e cartela co INRI. No reverso non hai imaxe.


CRUCEIRO DA PARROCHA

Erguido nunha antiga encrucillada de corredoiras. O varal é de cemento; o capitel está decorado con querubíns e follas. No anverso aparece Cristo; no reverso, a Virxe en actitude orante. O pedestal está encastrado na plataforma.


O CIPRIANILLO DE BERES

O Ciprianillo de Beres é un manuscrito de mediados do século XIX elaborado por Rafael Ares y Torres, un crego erudito que exerceu na parroquia de Pazos (Ponteceso). Comezou o seu labor arredor de 1845, estendéndoo ata 1880. No seu texto recompilou moita información sobre a cultura popular de Bergantiños.

En Galicia, Asturias e Portugal acadou gran sona o Libro de San Cipriano, ou Ciprianillo, polas listas de tesouros e rituais que indicaban como desfacerse dos feitizos que protexían os tesouros das mouras e meigas agochados en castros ou mámoas. En esencia, un ciprianillo é un grimorio, un libro de maxia e ocultismo que recolle oracións e rituais cristiáns para enfrontarse ao demo. O ciprianillo foi moi coñecido a finais do século XIX, circulando en diversas versións con fragmentos engadidos ou modificados. A súa orixe podería remontarse ao século XVII.

A obra foi recompilada e investigada por Juan Félix Neira Pérez e publicada en 2023 baixo o título Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *