Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Carme do Briño


Carballeira
É unha das carballeiras máis antigas do concello de Cabana de Bergantiños. A maior agrupación de
árbores ancestrais encóntrase arredor da capela e da fonte, mesmo parece que as coroan de
sombras. Ademais, dispóñense arrredor do campo valado da romaría e deixan o centro como espazo
libre para os romeiros.


Cruceiro
Nunha extrema da carballeira, levántase un traballado cruceiro que contén a seguinte lenda no
pedestal: ?SE RETOCÓ, TRASLADÓ Y PINTÓ SIENDO CURA PÁRROCO FRANCISCO LEMA MARTÍNEZ
NATURAL DE ESTA PARROQUIA AÑO 1899?. Esta inscrición expresa tres aspectos importantes deste
cruceiro: primeiro, fala do costume de traslado de cruceiros; segundo, informa de que estamos diante
dun cruceiro policromado; e, terceiro, ofrécenos a data de traslado. O ano de construción do mesmo
escúlpese na parte superior: 1622. Esta referencia cronolóxica dátao como un dos cruceiros máis
antigos de Galicia.


Ermida
O nome da ermida do Briño ten dúas advocacións femininas: a Virxe do Carme e a Nosa Señora das
Virtudes. A súa fachada decorada coma se fose un retablo convértea nunha das igrexas máis
singulares de Cabana de Bergantiños. A estrutura desta capela remóntase a finais do século XVI:
esculturas manieristas na fachada e arco triunfal, arcos e bóveda da nave semiapuntandos que
recordan o estilo gótico. A fachada engalánase coas seguintes imaxes pétreas: a Nosa Señora das
Virtudes co seu neno preside o centro da frontal; á súa dereita, aparece Santiago Peregrino co seu
caxato; á súa esquerda, Santo André co cruz en aspa; abaixo, á dereita, San Paulo coa súa espada;
abaixo, á esquerda, San Pedro coas chaves do ceo; coróase todo o conxunto coa imaxe de San Xoán
Bautista, patrón de Borneiro.

Fonte Santa
As augas da Fonte Santa manan a poucos metros da fachada da ermida. Coma a de San Fins do
Castor, a fonte é un monumento de pedra. No pasado, moi próxima a este fonte ergueuse un hospital
para devotos enfermos que estivo ó coidado dun ermitán. Hoxe, o edificio non se conserva, aínda que
se mantén o resto toponímico: unha leira é chamada O Hospital.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *