NANTÓN

MÁMOAS DA PIOLLA
No lugar da Piolla consérvanse un total de 14 mámoas, con diferentes diámetros e alturas. A maioría delas presentan un bo estado de conservación, constituíndo un interesante exemplo do megalitismo na comarca.
PETRÓGLIFOS DA PIOLLA
Xunto cos de Corme e O Roncudo, os petróglifos da Piolla constitúen un dos escasos exemplos de arte rupestre da Idade de Bronce na comarca de Bergantiños. A súa conservación é case un milagre, xa que se atopan moi próximos a unha antiga canteira empregada para extraer pedra de construción.
Trátase dun conxunto de cazoletas dispostas case en círculo, ao redor das cales se organizan outras máis pequenas. Nun lateral da laxe pode observarse unha ringleira de coviñas dispostas en liña.
CASTRO DE ANIDO
Castro bastante alterado polas tarefas agrícolas mecanizadas. Aínda así, consérvanse restos defensivos nas ladeiras noroeste, leste e suroeste. A croa, de 90 metros de longo por 70 de ancho, podería conservar niveis habitacionais non afectados polos traballos agrícolas. O recinto está rodeado por un parapeto duns 4 metros de altura.

PAZO DE CASANOVA
Actualmente transformado en casa labrega, este edificio de tres corpos presenta patín e corredor aberto. Na entrada hai dous escudos coas armas das familias Pardiñas, Villardefrancos, Riobóo, Moscoso e Caamaño.

Foi fundado polo capitán Francisco Rodríguez de Gondomil e destaca por ser o único exemplo no concello cunha planta en forma de “U”, que rodea un patio central. A escaleira de pedra remata nun patín cuberto con peitoril macizo de cantería, elemento que dá acceso á planta nobre, mentres que a planta baixa estaba destinada a tarefas agrícolas.
Cómpre salientar a importancia das lareiras nos pazos galegos: este en concreto contaba con dúas, ademais dun forno.

IGREXA DE SAN PEDRO
A igrexa atópase nun contorno arrodeado por carballos centenarios. No portal de acceso á reitoral consérvase unha inscrición coa data de 1815. Segundo Lema Suárez, a capela maior, con bóveda de crucería nervada, dataría de finais do século XVI. A nave sería posterior, construída posiblemente no século XVIII. Os retablos son neoclásicos e barroco-rococós.
O interior conta cunha bóveda de canón, e os confesionarios están integrados nos propios muros. No muro sur albíscase unha antiga porta cegada con pedra.
A fachada, de forma pentagonal, sostén unha torre campanario cunha soa campá, construída a finais do século XIX. No cemiterio destacan varios panteóns de pedra.

CRUCEIRO DO IGREXARIO
Cruceiro de granito situado preto da igrexa. Erguido sobre unha plataforma cadrada dun só chanzo. O varal comeza en cadrado e continúa octogonal, con adornos nos chafráns. A cruz é rectangular, tamén con chafráns nos brazos. No anverso, representa a Cristo crucificado con tres cravos, mans abertas, cabeza ladeada á dereita, coroa de espiñas e pano de pureza atado á dereita. Non se conserva imaxe no reverso.

HÓRREO DA PALLEIRA
Impoñente hórreo de pedra, de ancho normal, sustentado sobre 20 pés troncocónicos con repisa e coroa. Non presenta decoración nas sobrepenas.
É considerado o cabazo máis grande de Bergantiños, aínda que en realidade se trata de dous cabazos unidos.
MÚSICA – HIMNO DE CABANA DE BERGANTIÑOS
Ben te podes alabare,
Cabana de Bergantiños:
por un lado, te-lo Anllóns;
polo outro, te-lo mare.
Deixei as verrugas no San Fins do Castro,
apañei os ramos na de Remuíño,
cureime da gorxa no San Brais de Canduas
e comín as roscas no Carme do Briño.
Hainos a feixes na ría:
mexillóns e berberechos.
As rapazas de Cabana
apáñanos á tardiña.
(Retrouso)
En Anos teñen O Espiño,
Santa Lucía en Nantón,
en Cundíns, teñen San Paio,
en Canduas, San Martiño.
(Retrouso)
Non os hai como en Borneiro,
monumentos tan antergos:
o Dolmen maila Cidá,
famosos no mundo enteiro.
(Retrouso)
Ten Riobó e A Penela,
Silvarredonda e O Esto.
En Cabana hai de todo,
non vin terra como ela.
(Retrouso)
BIBLIOGRAFÍA
- Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P. (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergantiños. Cabana de Bergantiños.
- Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995). Cabana: Análise histórica e social. Deputación da Coruña.
- Lema Suárez, X. M. (1999). Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas). Asociación Neira.
- Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995). Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso. Deputación da Coruña.
0 Comments