Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CUNDÍNS

MACHADO PULIDO DO NEOLÍTICO NA MARGARIDA

Na Margarida, no ano 1994, un familiar dunha alumna, María Torres, do colexio As Revoltas, atopou, mentres traballaba unha leira, un machado biface pulido de pedra pertencente ao final da cultura megalítica. Datariase, polo tanto, entre os anos 3500 e 3000 a.C. A falta de máis datos, deduciuse que o machado formaría parte dun enxoval funerario. Os machados de pedra eran ferramentas utilizadas en tarefas artesanais ou domésticas, aínda que neste caso actuaría como unha ofrenda á persoa soterrada.


IGREXA DE SAN PAIO DE CUNDÍNS

Accédese ao adro por unha cancela de ferro coroada por dúas molduras-capiteis cadradas. Estes capiteis (Garea, 80) proveñen da desaparecida casa modernista Villa Fanny de Ponteceso de Cabana.

Ten planta de salón, composta por unha capela maior cadrada e unha nave. Xunto ao muro norte da nave localízase unha capela lateral tamén cadrada, e ao carón, adosada ao muro norte do presbiterio, sitúase a sancristía.

A capela maior está cuberta por unha bóveda de crucería nervada, mentres que a capela lateral presenta unha bóveda de nervios estrelados con catro claves. A nave está cuberta con madeira.

A finais do século XVI, construíuse neste lugar unha capela-panteón coñecida como capela da Virxe da Soidade. Posteriormente levantouse a actual igrexa parroquial. Os dous corpos estaban separados por unha reixa. As construcións conservadas pertencen ao primeiro barroco galego. A porta exterior amosa (Garea, 80) un frontón partido co escudo do Marqués da Serra. Na inscrición pode lerse JANUA COELI (Porta do Ceo).

No interior de San Paio destaca o retablo barroco do altar maior. Na iconografía represéntase, no ático, a decapitación de San Paio; no primeiro corpo, á esquerda do espectador, unha imaxe de San Paio e, á dereita, outra de San Pedro. Aínda que non pertencen ao retablo, colocáronse na mesa do altar as imaxes do Sagrado Corazón de Xesús e de San Isidro.

A porta principal está enmarcada por un arco de medio punto feito con grandes doelas. Esta parte (Lema Suárez, 1998 II: 643-70) é a máis antiga da igrexa; o resto e a espadana foron construídas a finais do século XIX. O retablo maior é barroco.


CAPELA DE SAN MARCOS

En Cundíns (Otero Cebral, 43) existiu no pasado unha capela dedicada a San Marcos, hoxe desaparecida, aínda que pervive na memoria oral da veciñanza.

A ermida foi fundada en 1860 por Francisco Rodríguez de Soto. En 1749 xa constaban os seus bens como “incultos e moi deteriorados” e en 1753 era unha “ermida ben indecente”. É probable que fose abandonada definitivamente tras a Desamortización de Mendizábal de 1834. Cara a mediados do século XX, o gando aínda se refuxiaba entre os seus muros. Consérvase o topónimo “Monte de San Marcos”. A pía bautismal foi trasladada a unha casa próxima á igrexa de Anós. Tamén se conta que a imaxe barroca de San Marcos (último terzo do século XVIII) da igrexa de San Cremenzo de Pazos (Zas) procede desta ermida cabanesa.


REITORAL DE CUNDÍNS

Á dereita do cruceiro está a reitoral de Cundíns, que conserva un hórreo rústico de seis pares de pés. As ventás dominan a igrexa e o val da parroquia. Ao redor da reitoral (Otero Cebral, 76) ergueuse a antiga Casa da Fábrica ou de Beneficencia, destinada antigamente á atención dos pobres e romeiros que acudían os días 26 e 29 de xuño.


CASA DE ENRIQUE SIEIRO

Á sombra dun carballo centenario está situada a casa de Enrique Sieiro, mestre xa finado, natural de Codeseda (Pontevedra). A eira é circular. Preto dela, atópase un pozo con caseta de pedra. En fronte, outra vivenda onde vivía Dédalo, un can de caza que viviu máis de 25 anos e que, polo seu nome, tiña alcume de embarcación de guerra.


JOSÉ EIROA FONDO

José Eiroa Fondo naceu en O Perico, parroquia de Cundíns, o 14 de decembro de 1929 e faleceu en Pedrouzo, tamén en Cundíns, o 2 de abril de 2003. Coñecido como o Fotógrafo de Cundíns, iniciou a súa paixón pola fotografía durante o servizo militar. Ao regresar á súa aldea natal, alugou unha cámara a Gervasio de Carballo e comezou a facer fotos por toda a comarca. Pronto o oficio deulle rendemento e encargou unha cámara Leica por case un millón de pesetas da época, enviada desde Alemaña.

Eiroa tiña un auténtico ollo de artista. Se compraba unha cámara nova, probábaa cos seus fillos bañándose nunha tina de cinc xunto á cociña de ferro. Fotografaba tamén escenas da vida rural, feiras, festas, vodas, comuñóns e outros eventos sociais.

Nos comezos, desprazábase ás romarías en bicicleta, coa cámara ás costas, logo cunha moto Guzzi e despois con coches Citroën. Fotografaba os xantares e os grupos de mozos e mozas que querían gardar recordos.

Vendía as fotos nas feiras de Baio, Agualada e Anllóns, onde despregaba os retratos nun expositor e os veciños levábanos con ledicia. Máis adiante comezou a traballar dende a casa, onde mesmo exhibía no escaparate unha fotografía dun mozo con dúas pombas nos ombreiros.

Tamén sufriu contratempos. Cando facía falta diñeiro na casa, emigraba ou embarcaba, pero sempre volvía á súa verdadeira vocación: a fotografía.

Nunha ocasión foi a Anós a facer fotos de carné. Durante o xantar deixou a cámara nunha mesa e desapareceu. Denunciou o roubo, pero días despois apareceu no Allo, sobre unha pedra. Tratouse dunha broma pesada.

José Eiroa era un fotógrafo completo: disparaba, revelaba e entregaba as fotos. Foi dos poucos que revelaban en branco e negro na zona. Aprendeu a técnica en Foto Blanco da Coruña e construíu un pequeno laboratorio na súa casa.

O seu traballo é testemuña imprescindible da vida de Cabana de Bergantiños no século XX. Cada fotografía súa é unha lembranza dunha terra e dunha xente.


MINA DE SAN LOTO

Nas minas de San Loto extraíase rutilo. Un dos traballadores, Manuel Torrado do Outeiro (Anós), contou nunha entrevista (Eiroa Pose):

“Fai 43 anos, no lugar de San Loto (ano 1958), comezamos a traballar nas minas. Duraron dous anos. A empresa era de Mourelle, Manolo de Xaquín e Lelo de Cacharro. Tiñamos unha barraca para gardar o mineral, cun vixilante de noite. O mineral era rutilo, que se usaba para obxectos de guerra (pistolas, balas?). Traballaban entre 30 e 40 persoas. Usabamos azadón, pala e pico. Facíase un canal por onde corría a auga cun motor. Íase picando e botando terra no canal. A auga lavaba a terra e o mineral quedaba no fondo. Recollíase en caldeiros e gardábase ata que viñan camións. Cobrábamos cinco pesos diarios, que non estaba mal. Cando había moito mineral, os xefes facían comida. Había moi bo ambiente.”

As minas foron recollidas en verso pola poetisa de Neaño, María Baña Varela (2004: 89):

Xa che buscamos traballo.
Vouche mercar unha moto,
léva-lo caldo na pota,
vas traballar a San Loto.


CRUCEIRO DE CUNDÍNS

Está situado nunha área recreativa próxima á igrexa. Erguido sobre unha plataforma cadrada con catro chanzos. O pedestal está encastrado no último chanzo. O varal é octogonal e remata nun capitel sinxelo e cadrado. A cruz está esculpida polas catro caras.


CRUCEIRO DO IGREXARIO

Combina formigón e granito. Ten dúas plataformas: unha de formigón para salvar o desnivel do terreo e outra de granito con tres chanzos. O pedestal é cadrado con chafráns e ten mesa anexa. O varal é octogonal, comezando e rematando en cadrado. O capitel, cadrado e moldurado, presenta cabezas de anxos con ás. A cruz é cadrada, con brazos achafranados e tamén con anxos.

No anverso: Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ladeada á dereita, mans abertas, coroa de espiñas, cartela de INRI, pano atado á dereita e pés sobre caveira con tibias. Por riba, a cara do Pai. Aos lados, a Virxe e San Xoán.

No reverso: unha Virxe orante coas mans xuntas.

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *