Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Sendeiros

R-3. Ruta do Rego dos Muiños

R-3. Ruta do Rego dos Muíños

Panel 1: Ruta do Rego dos Muíños (R-3)

Tipo de percorrido: Lineal
Lugar de inicio: Aparcadoiro do Lodeiro (inicio da Senda do Anllóns)
Lugar de chegada: Castro A Cidá de Borneiro
Lonxitude: 3,5 km
Duración aproximada (ida e volta): 2 horas
Dificultade: Baixa

Esta ruta comeza no Lodeiro (Canduas), punto de inicio e remate da Senda do Anllóns, e finaliza no castro A Cidá de Borneiro.

No pasado, o Rego dos Muíños ou do Roncadoiro foi un importante recurso económico aproveitado polos habitantes das parroquias de Canduas e Borneiro. Como vestixio deste uso tradicional, ao longo dos seus 3 km de percorrido aínda se conserva un destacado conxunto etnográfico composto por 24 muíños. Desde as abas do castro ata as beiras da enseada da Insua, a auga descende en fervenzas cunha forza suficiente para mover os rodicios destes fermosos exemplos da arquitectura popular vinculada á produción do pan.

O nome do regato provén do “roncar” da auga ao baixar con forza: o característico son que se escoita ó longo do seu percorrido.

Os muíños son pequenas construcións de pedra nas que o gran (millo ou trigo) se moe por medio dun sistema de rotación activado pola forza da auga. Hoxe, coa transformación do mundo rural, a maioría destes muíños atópanse abandonados, mais aínda se conserva algún en bo estado e preparado para realizar a súa antiga función de moenda.


Lista de muíños do Rego dos Muíños

  • Muíño de Taboído
  • Muíño Novo
  • Muíño da Cancela
  • Muíño do Ferreiro
  • Muíño dos Corteduiros
  • Muíño da Brañeira
  • Muíño de Tras dos Ríos
  • Muíño do Mouzo
  • Muíño das Bellotas
  • Muíño do Loureiro
  • Muíño do Marroco
  • Muíño Vello
  • Muíño de Jorge e Plaia
  • Muíño do Leiro
  • Muíño do Vidreiro
  • Muíño de Generosa
  • Muíño do Chaparro
  • Muíño da Cotareda ou Daniel
  • Muíño de Motas da Fontefría
  • Muíño de Agustín e Miranda
  • Muíño de Rei

PANEL 2: XAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ E OS MUÍÑOS DO RONCADUIRO

Coincidindo co inicio das escavacións arqueolóxicas no castro A Cidá de Borneiro na década de 1930, un mozo do Seminario de Estudos Galegos chamado Xaquín Lorenzo Fernández, coñecido como Xocas, aproveitou a súa estadía en Cabana de Bergantiños para compilar documentación que máis tarde publicaría co título Notas etnográficas da parroquia de Borneiro. Nela, ademais de describir numerosos elementos etnográficos da zona, realiza un estudo detallado das arquitecturas do pan e dos muíños do Roncadoiro. Estas son as súas palabras:

“A auga, ó saír dun muíño, entra xa no cubo doutro, aproveitándose así todos os sitios para instalar estes. A consecuencia da inclinación do leito do regato, a auga leva moita forza, o que motivou a introdución dunha peza característica: a pa. Despois dunha curta canle, a auga entra no cubo, que ten unha inclinación duns 60º. Pode ser de madeira ou de pedra.

No primeiro caso, emprégase un tronco de árbore partido pola metade, escavado en ambas partes e logo unido con aros de ferro. No segundo, fanse dúas canles na pedra que logo se ensamblan e aseguran con grampas metálicas. En ambos casos, o cubo conta ao comezo cunha reixa de ferro, chamada gradisenla, que impide o paso de follas e ramas que poderían obstruír o eixe.

Cando o muíño está parado, péchase a saída da auga coa pa para evitar que a súa forza rompa o rodicio. Todos os muíños de Borneiro son de herdeiros, non existindo ningún destinado á moenda mediante pagamento.

A disposición do mecanismo varía pouco respecto a outros lugares. A capa e o están ao aire e, para evitar que a fariña se espalle, colócanse unhas táboas arredor formando unha caixa. A abundancia de pedra pizarrosa fai que tamén se empregue no tellado dos muíños, sostido por trabes que soportan as laxas que os protexen da intemperie […]”

PANEL 3: PATRIMONIO, NATUREZA E TRADICIÓN ORAL NO REGO DOS MUÍÑOS

1. CRUZ DO RONCADOIRO (DESAPARECIDA)
A cruz viradoira do Roncadoiro está hoxe desaparecida. Por fortuna, coñecemos a súa existencia e forma grazas a un debuxo e texto de Daniel R. Castelao incluído en As cruces de pedra na Galiza:

“Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun monumento antigo, quizais refeito máis tarde. Pola súa condición xiradoira, o pobo atribúelle virtudes milagreiras.”

Nesta parroquia cabanesa consérvanse outras dúas cruces viradoiras: unha camiño do lugar de Borneiro e outra en Vilaseco.

2. CRUCES GRAVADAS NAS PORTAS DOS MUÍÑOS
Moitas veces, os marcos das portas dos muíños presentan cruces gravadas na pedra. A súa función era impedir a entrada do demo e protexer o muíño de todo mal. Estes símbolos cristianizaban e salvagardaban tanto o lugar como ao muiñeiro.

3. TREVISCO (Daphne gnidium)
Arbusto de propiedades purgantes e tóxicas, con follas e cortiza velenosas. O seu froito é unha atractiva baga vermella tamén velenosa. Os veciños de Borneiro recollían trobisco do Roncadoiro para matar os piollos do gando. Tamén se utilizaba en rituais para afastar o mal do aire.

4. CANTIGAS POPULARES
Nas Notas etnográficas da parroquia de Borneiro, o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, Xocas, recolleu cantigas da tradición oral cabanesa, nadas arredor dos muíños, lugares de encontro onde os veciños, mentres agardaban a súa quenda de moenda, contaban contos, bailaban muiñeiras ou cantaban versos como estes:

O muíño no é muíño,
que é a capela dos ratos,
onde se daban os bicos
e mailos moitos abrazos.

Mui muíño, mui muíño,
bótame a fariña fóra,
que a filla da muiñeira
ten un andar que namora.

Fun ó muíño con Paula,
fun ó muíño con ela;
fun ó muíño con Paula,
fun en paz e vin en guerra.

No muíño onde eu moio
tamén moi unha señora;
chégalle o gran, queridiña,
chégalle o gran que non roia.


Descarga aquí a Ruta do Rego dos Muíños.

R-2. Tralas pegadas dos Riobó

R-2. TRALAS PEGADAS DOS RIOBÓ


PUNTOS DE INTERESE:


1. LUGAR DA MATA (SAÍDA / CHEGADA)
2. IGREXA DE S. MARTIÑO DE RIOBÓ
3. TORRE DA PENELA
4. VAL DA BARCIA
5. POZO DA HORCA
6. CASTRO E CAPELA DE SAN BRAIS DO FOLGOSO
7. MUÍÑOS DOS ABELÁNS


Resume do percorrido

Este percorrido transcorre por un interior de Cabana de Bergantiños que amosa curtos vales, elevadas altitudes e importantes elementos patrimonais entre os que salientan arquitecturas defensivas como a Torre da Penela ou o mellor retablo barroco do concello na parroquial de San Martiño.


Por terreos do antigo condado da Penela, berce da nobre familia Riobó, as aldeas preséntanse pequenas e conformadas por un escaso número de vivendas debido ós poucos terreos cultivables e á enorme ocupación dos bosques.
O ser humano deixou aquí unha pegada tan lonxeva que permanece no tempo en entornos
etnográficos como o dos muíños dos Abeláns, o sacro-arqueolóxico de San Brais de Folgoso ou o espazo fluvial do Pozo da Horca.


RUTA:


Km. 0. A ruta comeza na Mata. Iniciamos camiñada cara á igrexa de San Martiño. Pasado o cemiterio,deixamos á esquerda un desvío que baixa a Soutochán que nos levaría directos ó Pozo da Horca, pero seguimos recto cara Riobó.


Km. 1.5. Riobó é unha aldea encaixada nun val entre montañas. Nunha das casas pedimos a chave para acceder á igrexa de San Martiño. O interior garda marabillas de arte relixiosa: dúas pías bautismais antigas, un arco triunfal con capiteis románicos, dúas sepulturas con escudos dos condes da Penela e o mellor retablo barroco do concello. Continuamos percorrido por detrás dunha canceliña metálica que dá paso a un camiño polos prados que atravesa o regato de Riba da Cancela e enlaza cunha corredoira ata a aldea da Penela.


A Torre da Penela é o único resto dunha fortaleza medieval que vixiaba o condado do mesmo nome. Os seus lindes marcábanos os cruceiros de Bello, Baneira e campo da Penela. O fundador do vínculo foi Lope Bermúdez. A principios do século XVII, Lorenzo Bermúdez de Castro converteuna en pazo. Os últimos apelidos nobres foron os do conde Javier Ozores Poderosa.

Ten formato cadrado. Na frontal aparece un escudo e unha porta con arco de medio punto de grandes doelas. Os cuarteis do escudo amosan as armas do remodelador: Bermúdez, Castro e Riobó. Outro escudo encástrase nos pés dun cabazo veciño.

A lenda de orixe do nome do lugar conta que uns soldados tiñan retida no cárcere da torre unha fermosa moza. Nun descoido, ela logrou fuxir, pero déronlle morte ó pé do cruceiro. Os veciños, que vían o acontecido, exclamaron: ?¡Pena… dela! ¡Pena… dela!?. Outra tradición di que quen pasaba as lindes do cruceiro salvábase.


Seguimos a frecha amarela ata fonte da Penela que nace nunha ladeira da aldea. É un conxunto de pedra no que dous canos verten auga nun sartego. A lenda conta que nela se agocha o encanto dunha feiticeira e fermosa dama branca.


Km. 2. Volvemos sobre os nosos pasos. Seguimos pola pista asfaltada cara á Barcia deixando á esquerda Riobó. Máis adiante, un atallo polo medio do monte lévanos ó val da Barcia (km. 4) e desde alí unha pista de terra que bordea o río déixanos na aldea de Soutochán.


Km. 4.7. Collemos un camiño de carro que nos leva ó desvío, de ida e volta, para visitar o Pozo daHorca. Batemos coa maxestosa fervenza da Baiabosa, a quen Eduardo Pondal dedicou versos coma estes: ?río de Bergantiños, / xentil e soador, / cando da Baiabosa / sae con rouco son, / entre miúdos seixos / de branca e leda cor?. Cóntase que no fondo do Pozo da Horca se esconde unha grade de ouro; tamén se di que desde aquí ata a Torre da Penela vai unha trabe de ouro; ademais, que o pozo vén ser un ollo do mar.


Km. 6. Recuamos sobre os nosos pasos e subimos á dereita por un camiño forestal ata o castro de
Folgoso e a capela de San Brais, santo da gorxa. Ocastro é de pequeno tamaño e croa circular;
presenta como particularidade a de ser un espazo precristián sacralizado mediante construción
dunha ermida na súa acrópole. A capela data do século XVIII; presenta presbiterio a maior altura cá
nave; no interior, conserva un retablo barroco.


Km. 7.2. Dirixímonos ó Folgoso. A derradeira visita son os tres muíños dos Abeláns. Ó seu carón
restaurouse a marxe fluvial cun pequeno paseo e área recreativa.


Km. 9.5. Volvemos á aldea de Folgoso na que se conservou a tradición culinaria das filloas á pedra. A
música tradicional tocada con pandeireta tamén mantén vivas pezas como a ?punteada e a xota de
Folgoso? tocadas co puño pechado. Os últimos pasos lévannos outra vez ó café-bar Josefa da Mata
por unha costenta pista asfaltada.

Descarga aquí : Tralas pegadas dos Riobó

R-1. Ruta arqueolóxica por Borneiro

R-1. RUTA ARQUEOLÓXICA POR BORNEIRO

Este itinerario ten como puntos de partida e chegada o castro A Cidá de Borneiro. A súa lonxitude é de 10 km, a duración aproximada 4 horas, ten dificultade media e está sinalizada.

Comeza no aparcadoiro do castro A Cidá de Borneiro (km 0) e sóbese pola costenta pista forestal. Contra a dereita vaise deixando a suposta mina de ferroque explotaron os antigos habitantes da Cidá. No primeiro desvío á esquerda, cóllese cara ó Monte Gontón. Neste camiño atópase un sinal co nome do monte. Debe andarse ata outra pista forestal que procede do lugar de Borneiro.

Vírase á esquerda e, máis adiante, outra vez á esquerda para transitar un camiño que servirá de atallo
para chegar á longa recta (km 2) que remata no Miradoiro da Fernandiña (371 m). Desde este
miradoiro natural, poderase gozar dunhas das máis fermosas vistas da enseada da Insua, de todas as
parroquias de Cabana de Bergantiños e da maioría dos concellos da comarca.


Abandónase o miradoiro, recúase sobre as pegadas, déixase á dereita o citado atallo e báixase toda a recta ata chegar ó seu remate. Nel, cóllese o desvío á dereita que conduce á pista que vén do lugar de Muriño (Zas) e das Torres do Allo (km 4).


Nesta encrucillada sóbese á dereita deixando sempre a esta man o espazo coñecido como Castro ou Castelo de Borneiro. Está constituído polos restos dun castro aínda sen escavar que destaca pola grandeza do seu sistema defensivo. As lendas contan que nel vivían mouros que se comunicaban cos habitantes da Cidá, tamén que hai unha viga de ouro enterrada ou que se podía ver unha galiña con pitos de ouro.


Contra o final da costa pódese coller un desvío opcional á dereita e, por un estreito camiño de carros, achegarse ó Niño dos Corvos ou Igrexa dos Lobos. Este é un dolmen natural con capacidade no seu interior para varias persoas. Tempo atrás foi empregado como refuxio de pastores. A súa lenda di que era acubillo dos lobos.
Vólvese outra vez á pista forestal e descéndese cara ó lugar de Borneiro. A segunda casa que se atopa á esquerda é a do pintor Manuel Lema Otero, xa falecido, e que en 1982 resultou gañador do Iº Premio de Arte Naíf ou Inxenuista coa obra “A batalla do Ebro”.


Un pouco máis adiante, nunha pequena carballeira, encóntrase o cruceiro do Sacramento. A ruta continúa cara á esquerda, pero aquí pódese coller un desvío á dereita duns 400 m. ata a rectoral e a igrexa de San Xoán de Borneiro. Esta dátase entre os s. XVI e XVIII. O seu retablo barroco é obra do imaxineiro local Juan Martínez e do seu fillo Ignacio, quen posúen tamén outros retablos e esculturas en varias igrexas da redonda.
Despois deste desvío opcional, a ruta conduce, por asfalto e deixando á esquerda o lugar de Vista Alegre, cara ó lugar do Briño (km 6).

Ó chegar á estrada xeral AC-431 As Grelas-Baio crúzase e, á dereita, encóntrase o sinal de capela do Briño. Camíñase ata ela. As súas orixes recúan ata o s. XVI, aínda que foi moi retocada no s. XVIII.
Desta data é a fachada coas imaxes do patrón San Xoán Bautista na parte máis alta, a virxe das
Virtudes no fornelo central e os catro apóstolos (Santiago, santo André, san Paulo e san Pedro). Á
dereita, está a fonte de augas milagreiras. Á esquerda, o cruceiro con data do 1602 no varal.


Sáese da carballeira do Briño pola área recreativa e cóllese unha estrada asfaltada camiño a Dombate. Andado un monte de piñeiros e, aproximadamente a uns 300 metros, pásase a rentes da finca onde se encontrou a Cista da Insua. Este xacemento é unha tumba individual da Idade do Bronce composta por sete lousas decoradas con gravados xeométricos e que se pode visitar no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón (A Coruña).


Chégase ás encrucilladas das estradas de Dombate e cóllese sempre á dereita (km 8) cara ó dolmen. Este é un conxunto funerario de finais do Neolítico composto por dous monumentos superpostos con sendas mámoas acoirazadas. Do primeiro dolmen (Dombate Antigo) só se conserva a mámoa e as pegadas de nove lousas dunha pequena anta. Ó lado deste vello xacemento, levantouse o gran dolmen visible na actualidade (Dombate Recente) cunha cámara de sete lousas e corredor orientado ó nacente do sol. Tras as escavacións, ademais dos gravados xa coñecidos con anterioridade, encontráronse pinturas en todas as lousas, restos líticos posiblemente pertencentes ó enxoval funerario, restos cerámicos e idoliños en pedra.


Déixase atrás o dolmen, atravésase o río da Balsa e cóllese o desvío á esquerda por unha vella corredoira que leva á pista polideportiva. Avánzanse uns pasos á esquerda e cóllese o seguinte desvío á dereita ata o lugar de Vilaseco.


Na estrada cóllese á dereita e uns metros máis adiante, no cruceiro, hai que desviarse á esquerda para tomar un novo camiño á dereita que baixa ata a fonte do Picho. Aquí conéctase co final doutra ruta, a do Rego dos Muíños do Roncaduiro.

Ó outro lado da estrada xeral, sóbese polo camiño que conduce á última parada deste percorrido:o Castro A Cidá de Borneiro. Este é un poboado prerromano habitado entre os séculos VI a.C. e I d.C. É o único recinto castrexo escavado na Costa da Morte. Presenta escavadas as tres cuartas partes do seu recinto principal e na croa ofrece un total de 36 construcións estendidas por toda a ladeira do monte. Está rodeado por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado Leste onde só hai un por mor da pendente do terreo e o río que actúan como defensas naturais. As construcións, con predominio de planta redondeada, son todas de tipo doméstico, salvo as existentes no barrio exterior ou Barrio de Extramuros que presentan unha forma ovalada e tiñan unha posible función industrial para almacenamento e fundición de metais.
Tras a visita á Cidá báixase ata o Rego dos Muíños e chégase así ó punto final desta ruta (R-1) de sendeirismo (km 10).

Descarga aquí a Ruta Arqueolóxica Borneiro.