Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Sendas

VELLOS OFICIOS

Vellos oficios nacidos no corazón da prehistoria


O ser humano encontrou no pasado o seu modo de vida na Insua.
Distintos oficios manteron moitas xeracións de cabaneses. Desde o
aproveitamento da area, empregar canles fluviais como navegación,
extraer marisco ou capturar distintas especies de peixes.


O oficio humano máis primitivo da Insua é o de mariscador, datado na prehistoria segundo se
comprobou en escavacións da Cidá de Borneiro. Pervive nas mans da Agrupación de Mariscadores do
Anllóns e en cetáreas que comercializan mexillón, berberecho, ameixa, ostra e mincha.


Singulares foron os lancheiros, transportistas de mercadorías (sal, tella,madeira, area) por augas da enseada e da ría. A madeira recollíana de aserradeiros emprazados nas marxes do río. Os gabarreiros, con gabarras motorizadas, extraían area do leito fluvial.


De noite, os anguleiros, con altas botas, amplo trueiro e luz, capturan angula procedente do mar dos Argazos. Despois, saboréase nas tabernas típicas e restaurantes da contorna.


Tras apañaren miñoca e senrada nas areas lodosas, os pescadores de cana agardan o paso das robalizas polas canles fluviais na baixada da marea. Tempo atrás, collíanse con fisga numerosas sollas ou capturábanse abundantes reos e salmóns. Desde A Pesqueira, río arriba, aínda pervive a tradición da captura de lamprea.

TOPONIMIA


Topónimos que sorprenden no noso camiñar

Este paseo de ribeira está inzado de microtopónimos que nos falan dun pasado con pegadas humanas. Outras veces, son testemuña da presenza de aves, de moluscos ou explicación da conformación do terreo.


A Urixeira quizais proveña de «A Orxeira», lugar abundante en “orxo”. OsPedriscás é unha pequena
punta de “pedra” que se esconde baixo as augas.


A Praia dos Xalleiros lembra os habitantes da comarca de “Xallas” que cargaban aquí carros de area
para logo botar nas leiras. Unha Sartaña é un terreo pouco produtivo ou “sartañego”.


A numerosa existencia de “cunchas” de bivalvos no Cuncharedo bautizan o lugar. O Pendón suxire a
presenza dunha marca (bandeira ou pao) que indicaría a canle de navegación fluvial.


Os Pazos fai referencia á localización de “pazos” ou casas suntuosas neste espazo. A Caduleira é
unha zona de cultivo de horta; o “cadolo” (tallo da verza) dálle nome. Na inaccesible Furna do
Corvo aniñaban os “corvos mariños”.


En Miras, “miramos” unha boa panorámica sobre a ría. O Lodeiro debe o nome ó “lodo” que converte
as súas areas lamacentas en residencia privilexiada para a senrada (Nereis diversicolor).

NAUFRAXIOS

Testemuña de naufraxios ó longo dos séculos


As costas da ría de Corme e Laxe, a bocana do río e as augas do interior da enseada son testemuña de naufraxios ocorridos ó longo dos séculos.


O afundimento máis curioso da enseada da Insua foi o de El Compostelano recollido por José Baña
Heim en Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios:


“Día con ventos de sur e refachos de travesía. No porto de Corme, un barco é abandonado pola tripulación. Rompe amarras e queda ó pairo cun ser a bordo: o gato. Esquiva a Barra, entra en Canduas e chega indemne á Telleira. A xente observa a «perfecta manobra» e pregúntase: «¿Quen goberna este barco?» El Compostelano foi gobernado polo Micifuz que, ó verse só a bordo, dixo para si: «¡Para mariñeiros, nós…!»”

LITERATURA


A Insua con letras de ouro na literatura
Escritores da Ilustración, o bardo galego por excelencia, novelistas do século XX e poetisas locais encontraron na Insua unha fonte de inspiración para os seus textos.

O frade ilustrado, Martín Sarmiento, en Viaxe a Galicia(1745) fala da navegabilidade do Anllóns:


«É ría, río, e como porto pois alí chegan pataches da ría de Laxe, Corme e Cándoas»


Eduardo Pondal, autor do himno galego, canta á súa terra natal nestes versos:


«eu nacín cabo dun agreste outeiro,
poronde o Anllóns, con nobre magestade,
camiña ó seu destino derradeiro»


Un personaxe de En salvaxe compaña, do novelista coruñés Manuel Rivas, sente
paixón pola fermosura da Insua:


«Habería que poñer no Monte Branco unha escola da beleza, dixo melancólico o rei de
Galicia»


A poetisa local, María Baña, en Colleita poética humaniza esta paisaxe coa presenza dos seus veciños:

«Neaño ten unha praia,
pasa polo Monte Blanco;
hai que vela que é bonita

donde se bañan os pobres
no medio da xente rica»


Hermosinda de Tabuído rescata nos seus versos o fértil pasado do transporte de cabotaxe:


«Estamos todos no recreo,
mirando prá nosa ría
e vendo os barcos que pasan
da Cruña a Villagarcía»

LECER


Un espazo envexable para gozar do tempo libre


A Insua convida á mestura en harmonía da presenza humana con este entorno natural. Os seus areais, augas, camiños e aves en invernada ofrecen un amplo abano de posibilidades para coñecer e gozar con pracer desta paraxe.

Os areais son lugar privilexiado de encontro para familias e visitantes. As praias fluviais do Curro, da Urixeira, do Pendón e do Lodeiro presentan augas calmas. Na costa xorden praias virxes como A Piquita, A Barra, Area das Vacas, Rebordelo e San Pedro con Corme e o Atlántico no horizonte.

As marxes do río debuxan doados camiños polos que practicar sendeirismo. Desde Ponteceso, pola esquerda ofrécense as longas marismas, os campos de dunas vexetadas e as faldras areosas do Monte Branco en dirección á praia de Valarés. Pola dereita, na banda cabanesa, bríndase unha marxe máis humanizada con oficios e artesanías milenarias como a carpintería de ribeira.

O avistamento respectuoso de aves é un luxo imprescindible para a ollada humana. Aconséllase acudir con potentes lentes e cámara fotográfica. Por mor da invernada, os meses fríos ofrecen unha maior variedade de especies.

FLORA


Hábitat singular para flora en perigo de extinción


A Insua é un complexo de espazos naturais que supera as mil hectáreas de superficie. A zona de marismas é das de maior extensión de Galicia. Todo un conxunto de ecosistemas cuberto de plantas e vexetais que o converten nun xardín botánico natural de referencia.


Unha especie en perigo de extinción como a boraxinácea(Omphlodes littoralis) supera o milleiro de
exemplares na Insua. A súa escasa presenza no resto do territorio galego brinda gran valor a este
espazo natural.

Na Barra e nas dunas adáptanse a sitios secos e salobres o feo da praia, de longas raíces, ou a Crucianela marítima, que florece de maio a agosto. A eolización de area ata o cume do monte Branco provoca a aparición da Iberis procumbens en altitudes (182 m) impensables.


As marismas fórmanse por campos de xuncos, mentres que no malecón e nas
ribeiras alterna a presenza de tarais, abeneiros e figueiras.


Os bosques repoboáronse de eucaliptos e piñeiros, fronte a especies
autóctonas en regresión coma o acivro, carballo e castiñeiro. O sotobosque
cúbrese de toxos e fieitas.
Nas rochas abundan o pirixel do mar e a herba de namorar, de flores rosadas que destacan dun
cepellón de follas.

FAUNA


A fauna que se esconde da ollada humana


As ribeiras fluviais formadas por praias, pequenos cantís, praderías, xunqueiras,silveiras e pequenos bosques acollen unha sorprendente e variada colonia de mamíferos, réptiles e anfibios.


Os mamíferos conforman unha especie abundante na Insua. Destaca a lontra que coas súas patas debuxa carreiros por xunqueiras e praderías. Sorprende a aparición da martaraña, aquí fóra da súa área de distribución galega. Outros son a xeneta, o teixugo, o armiño de suave pel branca no inverno e parda no verán, o esquío e o raposo.


Dos réptiles aparecen tres especies de lagartos: o lagarto das silveiras, o arnal e a lagartixa galega. Acompáñanos o esgonzo, a víbora de Seoane e a cobra de colar. Nos terreos lamacentos, regatos e fontes viven toda caste deanfibios. O limpafontes verde, o sapo corriqueiro ou a estroza son especies de valor comunitario a protexer. Comparten hábitat coa ra verde, a ra patilonga, o sapo cunqueiro e a píntega

EMBARCACIÓNS

As vellas embarcacións tradicionais do Anllóns


Construídas neste entorno, as lanchas do Anllóns, os pataches e as gabarras foron tres das embarcacións que ó longo de varios séculos realizaron todo tipo de transporte por augas fluviais e mariñas.


A embarcación máis tradicional do Anllóns é a lancha. Movíase a vela latina, aremo e con dificultades polo río, arrastrábase cunha corda desde a beira fluvial. Tras salvar as dificultades da Barra, levaba a Corme madeira para cargar pataches; a cinco
quilómetros río arriba (Os Maseiros), transportaba sal, tella e area para a labranza. Os pataches eran barcos de cabotaxe que operaban por toda a Península, costa africana e América. En ocasións, houbo 30 pataches no porto de Corme á espera
de mercadoría. Podían invernar dentro da Insua. Ó principio eran soamente veleiros, mentres que os últimos (coma o Puenteceso) foron moto-veleiros.


As gabarras eran embarcacións de madeira a motor dedicadas á extracción de area para a construción. Sacábana do leito do río para despois colocárena en depósitos creados nas marxes
fluviais.

CARPINTERÍA DE RIBEIRA


Pervivencia milenaria da construción artesanal de embarcacións de madeira


As ribeiras fluviais próximas a desembocaduras foron lugares adecuados para a construción de embarcacións nas carpinterías de ribeira. Hoxe en día, aquí aínda se conserva esta tradición artesanal que se remonta en moitos séculos no
pasado.


Os primeiros carpinteiros de ribeira poden datar daIdade do Bronce cando se construíanembarcacións de coiro. Na Idade de Ferro, os habitantes do castro A Cidá ou San Fins baixaban á Insua a mariscar e navegar.


No século XVIII, Martín Sarmiento informa da presenza de barcos pataches que arribaban á enseada; moitos deles construíronse nestas ribeiras.


Non obstante, o auxe da carpintería de ribeira acadouse no século XX. Aquí, ademais de continuar a fabricación de barcos veleiros de cabotaxe, armáronse decenas de pesqueiros para todos os portos da redonda: desde A Coruña ata Carnota.


Na actualidade, perviven tres carpinterías de ribeira (O Baladiño, O Tecelán e Roseva) como mostra dunha herdanza artesanal milenaria legada de xeración en xeración.

AVES

Un refuxio de importancia europea para as aves


Este espazo natural é lugar de acollida para numerosas aves. Algunhas residen aquí todo o ano. As viaxeiras paran camiño do norte en primavera e do sur no outono. Outras pasan todo o inverno fuxindo dos fríos nórdicos.


A ave máis importante na enseada da Insua é apíllara das dunas, pequena limícola ameazada de extinción en Galicia. Aniña nas dunas, por iso cómpre ter especial coidado no acceso ás mesmas. Distínguese polo seu constante bulir.


Os abundantes parrulos forman grupos apretados e fáciles de observar desdelonxe. Entre eles encóntranse o lavanco real, coa cabeza verde botella dos machos. Tamén a cerceta, máis pequena e coa cabeza verde e laranxa.
Outras aves que viven aquí son as gavitas, os mazaricos, as garzas reais, as garcetas e os corvos mariños; ademais de varias especies de gaivotas.