Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Rutas

RUTA 8. DO VAO Ó CASTRO DE ANIDO POR CAMAFREITA

RUTA 8. DO VAO Ó CASTRO DE ANIDO POR CAMAFREITA

Viaxamos pola parroquia de Nantón, polo paraíso dos cabazos, mostra aínda do seu esplendor agrícola. As lendas emergullan nesta terra ateigada de tesouros coma os do castro de Anido, a canda a presenza do pasado de casas nobre como a Casanova ou a de Anido. As pegadas arqueolóxicas de Nantón lévannos visitar unha multitude de mámoas, sinal dun espazo sacro, pero tamén nos convidan a descifrar o enigma dun petroglifo de coviñas.

1. Mámoa no Vao
No lugar do Vao encóntrase unha areeira e unha finca de viveiros forestais, non obstante, o pasado arqueolóxico cobra presenza coa aparición dunha mámoa que se encontra desfeita por unha dos seus lados. Cerca, a lagoa das Samesugas onde nace o rego da Barcia.

2. Padrín
Padrín é un pequeno val con casas labregas. Un cabazo de seis pares de pés, tipo Fisterra, érguese no noso camiño.

3. Camiño de Cuns
Este era un vello camño que seguían os xalleiros (transportistas en mulas) que viñan buscar barro á vila de Buño e o dos labradores que carrexaban, en carros de bois ou de vacas, area desde a Insua para botarlle as súas leiras. Baixaban pan (millo) da Terra de Xallas, subían barro e carretadas de area.

4. Camafreita
En tempos, as pescas de Malpica, Laxe e Corme chegaban a Camafreita con cestos de peixe á cabeza para cambiar por un cribo de millo. Como aldea agrícola, Camafreita amosa bos exemplos de cabazos: un cabazo de pés amosa un pasadizo na súa cepa; outro, que se encontra á súa sombre, é hoxe bicentenario, a rudeza das súas pedras demóstrannolo.

5. Cazón
En Cazón, case no final do lugar, un conxunto etnográfico formado por tres cabazos de pés. Algunhas vivendas da aldea foron restauradas con acerto.

6. Casa de Rellán
Casa de labradores con certos elementos distintivos como o seu balcón con varanda enreixada, pozo na fachada. Non obstante, omáis salientable é unha porte de estilo medieval que aparece nun cabanote anexo. Á dereita, empoleirado na aba dun monte, érguese un cabazo de esveltos pés.


7. Cruceiro nunha vivenda
Vemos un cruceiro no interior dunha vivenda.

8. Denillón
En Denillón encóntrase a casa duns descendentes da portentosa familia Graíño Amarelle e dosAndrade. Os desta casa pagaban renda no pazo de Porto do Souto (Nemeño. Ponteceso). Os actuais propietarios, traballadores dunha granxa porcina, están emparentados co apelido nobre dos Pardiñas. Dentro do recinto da granxa encóntrase o castaño máis grandedo concello de Cabana de Bergantiños.

9. Casa de Roque en Nantón
Como elemento anexo posúe un cabazo de seis pares de pés, datado en 1934; salienta polos seus preciosos remates. Como anexos da vivienda, obsérvase unha tulla e un cabanote con palleira. A casa antiga, hoxe restaurada, tiña dous fornos, un grande e outro pequeno. Fronte á Casa de Roque, encóntrase o muíño de Nantón, movido no seu tempo con enerxía eléctrica.


10. Mámoa de Monteagudo

Esta mámoa hoxe xa non existe posto que foi desfeita durante unhas tarefas agrícolas.


11. Mámoa da Chousa de Campelos
Consérvase en bastante estado, agás a presenza das rodeiras de tractor dun camiño que a corta por unha das súas marxes.


12. Mámoa do Monte de Campelos
Situada no centro dunha chousa, é de pequenas dimensións.

13. Petroglifo da Piolla
É o único petroglifo, resto arqueolóxico da Idade do Bronce, de todo o territorio de Cabana de Bergantiños. A súa descrición é uniforme, dado que tan só se encontra formado por cazoletas. A de maior tamaño parece dominar, case desde o centro, a laxe na que aparece gravado. Arredor da grande cazoleta, beirean un círculo de pequenas coviñas. Unha fileira de pequenas covas aparece na marxe da laxe.


14. A Casilla

Desde a estrada, segundo baixamos A Casilla, ollamos de fronte a corda montañosa de Borneiro que semella un xigante deitado. O monte Gontón é a cabeza, os montes de Borneiro as mans e os do Allos os pés.


15. Peralta
Nome de lugar que significa ?pedra alta?. A referencia paisaxística que explicaba este topónimo xa non se encontra actualmente presente, posto que a canteira (clausurada e hoxe convertida nunha pequena lagoa) comeu as pedras que bautizaban este espazo.


16. Cruceiro de Peralta
Hai anos, na praga do expolio do patrimonio da Costa da Morte, foille roubada a cruz do cruceiro de Santo Alberte de Peralta. Ata este cruceiro (Otero Cebral, 27), noutros tempos, traían en procesión todas as imaxes santas que se veneraban en Nantón.


17. Escola Unitaria de Peralta
Espazo educativo desta parroquia cabanesa. Detrás da escola, encóntrase a «Cova dos Ladróns», lugar cuberto de xestas onde os máis vellos din que nela se escondían e vivían os ladróns.


18. Igrexa de San Pedro
O entorno da igrexa de San Pedro de Nantón está cuberto de carballos centenarios. O portal que nos leva á rectoral cóbrese
dunha inscrición na que podemos ler a data de construción: 1815. Parte das escaleiras que baixan ao adro están formadas por antigas lápidas de pedra. Para Lema Suárez (1998, t. 2: 588) a capela maior, coa súa bóveda de crucería nervada, data de finais do século XVI; a nave posiblemente fose ergueita en época barroca (XVIII); os retablos son neoclásicos e barroco-rococó. No interior vemos tamén a bóveda de canón e os confesionarios introducidos na parede. No muro sur da igrexa,
albíscase o espazo dunha porta pechada con pedra. A fachada, pentagonal, sotén a torrecampanario. No cemiterio salientan os panteóns de pedra.
1

9. Fonte do Carme
Próxima ao cemiterio novo, encóntrase a fonte do Carme, onde noutros tempos (Otero Cebral, 141) os confrades ían a ela en procesión cos «mitíns», nos que realizaban ofrendas de cerros de liño e cartos.


20. Cabazo da Palleira

No lugar da Palleira, no interior dunha vivenda, podemos observar o cabazo máis grande de Bergantiños, aínda que en realidade, son dous cabazos unidos, ou un primitivo cabazo de seis pares de pés ampliado con outro de catro pés. No cabanote da vivenda, dúas abellarizas e un pombal.


21. Pombal da rectoral

O pombal da rectoral encóntrase no medios dos prados.


23. O Bidual

No lugar do Bidual aínda quedan restos das murallas do pazo pertencente á familia dos Pose e Anido.


25. Castro de Anido

Dun vello camiños que leva ao castro de Anido dise que por el descendían os mouros a coller auga ao rego de Ponte Paíño. O
castro de Anido está moi abrigado dos ventos do sur. O foxo, aínda hoxe reodea parte da desaparecida dobre muralla. A lenda
(Rodríguez Casal, 1975: 118) cóntanos que aquí, en tempos mo antigos, habitaban xentes de mouros e cartaxineses, ou que hai unha viga e unha ola de ouro enterrados no castro. O restos arqueolóxicos encontrados (Otero Cebral, 27) formábano sartegos en grupos de tres e de catro enterrramentos.

RUTA 7. DAS AGRELAS Ó BRIÑO POR FONTEFRÍA

Este itinerario condúcenos desde as augas do Anllóns ata o pasado máis remoto de Cabana de Bergantiños.
Seguindo as pegadas decimonónicas do bardo de Bergantiños, Eduardo Pondal, subimos O Roncaduiro e achegámonos á Cidá de Borneiro, fiel mostra da cultura castrexa máis enxebre, menos romanizada. Desde ela, encamiñámonos ós cumes do monte Gontón para albiscar A Insua e a Terra de Bergantiños coma se fosemos donos do vento. A casa do pintor naïf, Manuel Lema Otero, tres cruceiros viradoiros e aldeas espalladas polo Chan de Borneiro vixían o noso deambular.
Case no treito final, os dolmens de Dombate agárdannos como arcas que acubillan no seu interior unha historia ateigada de segredos. A carballeira do Briño, coa súa romaría, a fonte, a capela vestida de santos pétreos e o seu vello cruceiro dinos adeus na nosa viaxe.

1. Miradoiro das Agrelas.

O miradoiro das Agrelas é unha pequena área de descanso que nos brinda con toda a emoción a vida e cores que reinan na enseada da Insua. Coa impresión de que a poderemos tocar coa man, veremos A Barra, lingua de area que fecha o paso das augas mariñas e que conforma un hábitat particular para a vexetción dunar (feo da praia Ammophila arenaria). Na revolta da Barra gaivotas, cercetas, gavitas e cormoráns ofrécense como unha pequena representaciónda colonia de aves que poboan o esteiro ó longo de todo o ano. As placas de area agatuñan, empurradas polo vento, polas abas do
monte Branco ata dominar as alturas desde o seu cume. Na distancia, Corme como vila mariñeira irmá de Cabana por un pasado compartido de embarcacións veleiras. Nas lindes das augas do río, pervive aínda o pasado das carpinterís de ribeira.

Ás nosas costas, tras as casas, as ruínas da capela de Fátima, en Sinde, que vimos no primeiro itinerario.

2. Rego dos Muíños
Este rego nace entre o castro A Cidá e as faldras do Castelo de Borneiro. Por veces, o seu percorrido convértese en fervenza e o ruído das súas aguas provoca un constante e agradable son.
O seu desnivel foi tamén aproveitado para mover os rodicios e oito muíños.

Este regato foi un espazo de vida, pero tamén de maxia, xa que aquí se encontraba o cruceiro viradoiro da Corga da Coxa.

3. Cruceiro da Corga da Coxa ou do Roncaduiro
O cruceiro da Corga da Coxa ou do Roncaduiro sabemos del por un debuxo que o galeguista Alfonso R. Castelao incluíu no seu libro As cruces de pedra na Galiza. Ademais, este escritor de Rianxo, ofrécenos a súa descrición
(Castelao, 1950: 48-49)
?Unha cruz que cómpre citar como moi antiga, aínda que a súa antigüidade sexa hipotética, é a que se ve no logar do Roncadoiro ?feligresía de Borneiro e concello cruñés de Cabana- Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun moimento antigo, cicais arrefeitado máis tarde. Pola súa condición de pedra xiradoira, o pobo concédelle virtudes miragreiras?.

4. Ponte vella no rego dos Muíños

Unha ponte de pedra, da primitiva estrada Cabana-Baio esconde, baixo os seus arcos cubertos de hedra, unha pequena fervenza. Ponte arriba, achegámonos ós dous primeiros muíños do río dos Muíños ou do Roncadoiro. Tamén a unha pequena área de información sobre cultura castrexa e a Cidá de Borneiro. Desde esta, collemos sendeiro para acceder ó único castro escavado e con servizo de guía informativo na Costa da Morte.


5. A Cidá de Borneiro

O nome co que se coñecía antigamente (Otero Cebral, 55) era a Cidade dos Mouros.

A Cidá de Borneiro atópase nun extremo do Chan de
Borneiro. A súa planta ovalada está protexida por un foxo e
unha muralla só interrompida polo leste para dar paso á
entrada principal. As murallas foron construídas meidante
un amoreamento de grandes pedras, rodeadas de terra e
pedra miúda por ambos lados, e todo isto contido por un muro; o grosor medio é de 4 m, a parte máis alta mide 5 m. As súas dimensións (56×104) catalógano como un castro de tamaño medio. Foi o primeiro castro galego que contou con datación absoluta a partir do método do C-14. Jorge Juan Eiroa ofreceu como data máis alta de habitabilidade o ano 520 a.C. Foi descuberto en 1924 por Isidro Parga Pondal e Ciriaco Pérez Bustamante. As primeiras escavacións iniciáronse na década dos 30 do séc. XX a cargo de Sebastián González; na dos 70 reanudounas J.J. Eiroa; a terceira etapa desenvolveuse a partir de 1980, dirixida por Ana Romero.


Achados pétreos
As pezas máis abundantes son os muíños planos, coa base plana e pisón. Ademais, encontráronse pedra de afiar, moldes de fundición de metais, pequenos colgantes de adorno, fusaiolas e un machado pulido.

Cerámica
Os miles de restos de pratos, cuncas, olas ou xarras encontrados apareceron en estado fragmentario, debido a que o castro foi abandonado pacificamente (os seus habitantes só deixaron pezas que non lles servían para nada). É cerámica bastante tosca con areas na superficie. Predominan as coloracións avermelladas ou amareladas. Os motivos decorativos son mamilos, cordóns aplicados, ungulacións, triángulos. A decoración realizábase por aplicación plástica, mediante incisións, excisións ou por técnica impresa ou brunida.
Achados metálicos
En bronce apareceron agullas, aneis, doas de colar, fragmentos de vasillas metálicas, asas de sítulas, conteiras, empuñaduras de puñais de antenas, láminas decoradas. O máis salientable é unha fíbula de longo travesaño, decorada coa técnica de nielado con fío de prata, e que no século pasado chegou a formar parte da exposición Galicia no tempo. Os obxectos de ferro (coitelos, puñais, fouces, ciceis ou picos) relaciónanse coas actividades doméstica, agrícola ou metalúrxica que se desenvolvían no castro.
As vivendas
Son de planta redondeada ou rectangulares e agrúpanse a modo de pequenos conxuntos de construcións dispostas arredor de espazos baldeiros, verdadeiros antecedentes dos barrios de castros romanizados. Os seus muros orixinais poderían acadar ata 2 m de altura. O curioso é a orixinal ausencia de porta nas casas, que leva a pensar a que estarían a bastante altura no chan para impedir o acceso á vivenda a réptiles. No interior atópanse os fogares rectangulares formados por pedras espetadas verticalmente; o lume facíase sobre unha capa de arxila; as pedras verticais protexían do lume o poste central que aguantaba do teito. A cuberta, de forma cónica, debía ser de vexetais entretecidos.
A lenda
Polo lugar de Borneiro (Otero Cebral, 58) dise que no castro A Cidá viviron os mouros e que aínda hoxe se poden ver as súas casas antigas.

6. CD e canción: “No confín dos verdes castros” de Milladoiro
No ano 1999, o grupo folc Milladoiro, participou no proxecto de divulgación turística do concello de Cabana de Bergantiños, editando un CD con 7 cancións recollidas a Saturnino Cuíñas ou inspiradas nas terras de Cabana. O CD, igual, có libro, levaba un título de fondas pegadas pondalianas: No confín dos verdes castros. Libro e disco, son a base desta viaxe dixital que realizas por Cabana desde a pantalla do teu ordenador.

7. O galeguista Xocas en Borneiro
Contra 1925, cando Xoaquín Lorenzo Fernández (Xocas) era alumno da Facultade de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, participa, con membros do Seminario de Estudos Galegos, nas primeiras escavacións do castro A Cidá. Esta presenza de Xocas en Borneiro serviulle, ademais, para escribir un artigo que leva como título: ?Notas etnográficas da parroquia de Borneiro?. Para Xocas, estas notas eran ?simplemente unhas papeletas que pubricamos con obxecto de que poidan ser utilizadas por quen, algún día, faga o estudio da parroquia?. Neste traballo, Xocas describe a xeografía de Borneiro, así como a casa con todos os seus elementos internos e anexos, apeiros de labranza e muíños; tamén realiza unha colleita de cantigas populares, algunhas delas cantadas en vivo polosveciños da parroquia que participaban nas escavacións:

Daille gracias aos señores
por nos poñer no retrato:
vinte e dous traballadores
e iles dous, vinte e catro.

As Notas etnográficas de Xocas ían ser publicadas, en galego, no tomo VII dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, pero por mor do estalido da Guerra Civil a revista non chegaría a circular. Anos máis tarde, en 1942, publicouse, agora en castelán, no Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense (1942: 183-203). En 2004, o Concello de Cabana de Bergantiños, co patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística, con motivo do Día das Letras Galegas dedicadas a Xocas, rescatou a versión galega do seu traballo. Ademais, ofrecíase unha proposta didáctica a cargo de Carme Fariña Miranda, Ángel Eiroa Pose, Ana Pastora Recarey Lema e Martín Martínez Rioboo.

8. Camiño real a Vilaseco
Á beira da estrada AC-430 Cabana-Baio, encóntrase a fonte de Vilaseco. A carón dela transcorre o camiño real que seguía Eduardo Pondal e o seu criado Farruco da Bouza cando, dacabalo, na súa viaxe desde Ponteceso se dirixían a Nemiña (Muxía) para estudar co seu tío crego, Cristóbal Abente Lago.

9. Cruceiro viradoiro camiño de Borneiro
A carón da pista asfaltada encontramos (dos tres), un dos cruceiros viradoiros que existen na parroquia de Borneiro.

10. Igrexa de San Xoán de Borneiro
Segundo Xosé Mª Lema Suárez (1998: 103-126), o arco da porta principal, de grandes doelas, o arco triunfal interior, de molduraxe moi fina, e o corpo da nave son as partes máis antigas da igrexa de San Xoán de Borneiro, do século XVI. O retablo maior, barroco, do segundo terzo do XVIII, é obra do imaxineiro local Juan Martínez e do seu fillo Ignacio. Do século XVIII é o seu crucifixo, e os seguintes santos: Virxe do Socorro, Santo Antón Abade, Santo Antón, Santiago e a Virxe das Dores. No século XIX dátase o San Xoán. E do XX, unha Soidade, unha Mariña e un San Roque.

11. Juan Martínez
Juan Antonio Martínez (Lema Suárez, 2000: 175-205) rexentou un obradoiro de retablos na parroquia de Borneiro. Traballou durante os anos 1720 e 1749. Da súa labra son os retablos das igrexas de Laxe (1723), Sarces (1727) e Baio (1734). Ademais, fixo as figuras do alto do cruceiro do adro de Lamas. Para Lema Suárez (2000: 179), Juan Martínez debeu ser un mestre ?moi habelencioso, un verdadeiro mañoso que tanto facía retablos como esculturas ?de madeira ou de pedra- e mesmo, se facía falla, atendía encargos para traballar como mestre de obras na arqitectura das igrexas?.

12. Ignacio Martínez
Fillo de Juan Antonio, Ignacio Martínez aprendeu o oficio no obradoiro de seu pai. Segundo Lema Suárez (2000: 182), en 1744 Ignacio Martínez ten un enfrontamento cos veciños de Borneiro porque non lle aceptan unha imaxe do Carme:
?falto al trato haziendo una imagen indigna de representar en un altar con señales del Carmen, y pr. no querer hazer otra imagen mas decentemente formada?.
Isto puido provocar que o ?escultor e labrador?, como Ignacio Martínez é recoñecido no Castastro de Ensenada (1953), emigrase a Troitosende (A Baña). Desde alí, traballa para as igrexas de Soneira ata a súa morte en 1788.


13. Tradicións en Borneiro
En Cabana de Begantiños, a parroquia de Borneiro é unha das que máis tradicións, crenzas e supersticións conserva. Estas foron recollidas polo mestre Xosé Luís Otero Cebral. Expoñémolas a continuación:

  1. Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Borneiro deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.
  2. Cando unha persoa corta o pelo o día de San Xoán (Otero Cebral, 6) botábano arredor do galiñeiro para protexer as galiñas do raposo durante todo o ano.
  3. Tamén (Otero Cebral, 6) se botan espadanas cun tractor, antigamente con carros, pola estrada e polos lugares nos que na mañá do día 24 de San Xoán transcorrerá a procesión. Rematada a procesión, recóllense as espadanas e lévanse para as casas, quéimanas no lume e afúmase a xente para non colleren o «aire dos mortos» ou «o mal do aire».
  4. En Borneiro (Otero Cebral, 8) críase que se berran os corvos ou os mouchos é sinal de morte no lugar.
  5. Ademais (Otero Cebral, 8) quen encontre un corvo na estrada, se a ave vira cara a esquerda, é sinal de que quen o ve vai perdido; se vai cara á dereita, aínda pode haber esperanza.
  6. Tamen se di que cando ouvea un can (Otero Cebral, 8) é sinal de desgracia na familia, incluída a morte.
  7. Para espantaren o lobo (Otero Cebral, 9) que ouveaba nas portas, colocábanlle na gateira un fachucos de pallas ardendo e deste xeito o lobo escapaba por medo ó lume.
  8. Para plantar unha árbore fóra de tempo (Otero Cebral, 12) ou no propio tempo tiña por costume botarlle unha capa de terra e unha presa de trigo alternativamente, pois isto seica era bo para que lle entre o xermolo da raíz, xa que cando o trigo empeza a medrar vaille metendo a raíz á planta.
  9. Polo Día de Defuntos (Otero Cebral, 12) non varren a cociña, porque lles vai o demo bailar nela e isto é sinal de mala sorte.
  10. Non se varría a cociña (Otero Cebral, 12) pola noite para fóra xa que así se ía a sorte da casa e cando ó varreren a cociña lle varren a un os pés nunca se casará porque queda sen pretendentes.
  11. O Día de Defuntos (Otero Cebral, 12) cando van para a cama non apagan o lume da lareira, pois os vellos din que se veñen quentar os defuntos a ela.
  12. Ó meter o pan da artesa para o forno coa pa (Otero Cebral, 12), se se pasaba con esta por riba do lombo dunha criatura, seica se lle cortaban as medras e quedaría anana para sempre.
  13. Para espantaren as meigas (Otero Cebral, 12) usan un dente de allo ou unha cruz que levan a canda eles no peto.
  14. Fáiselle (Otero Cebral, 12) á masa do pan que está na artesa unha cruz para que levede e así non entren as meigas no pan.
  15. Cando un labrego (Otero Cebral, 13) acaba de traballar unha leira fai unha cruz no chan para que non entren as meigas nela.

14. Cruceiro do igrexario 3
Sorprende neste cruceiro o capitel abucinado invertido con moldura na parte superior. Semella unha maceta feita en barro de Buño. A cruz, singular, ofrécese con forma romboidea, remates florenzados e círculo central case en altorrelevo. Desde unha plataforma enterrada e un pedestal cúbico, emerxe o varal octogonal que nace en sección cadrada.


15. Cruceiro do igrexario 1
O cruceiro do igrexario de Borneiro sorprende pola súa construción: a súa estrutura desde logo non faría pensar que rematase nunha cruz de brazos achafranados exenta de todo tipo de imaxes. Non obstante, isto parece unha constante en varios cruceiros encontrados nesta parroquia. Ademais, a cruz non presenta o seu anverso cara á mesa adosada que senta enriba dun pedestal tamén rematado en chafráns. O pedestal ten dúas escaleiras. O máis salientable é o capitel con astrágalo circular liso, rica decoración vexetal e cabezas de querubís nas metades de cada cara.


16. Cruceiro do igrexario 2
Este cruceiro presenta como particularidade a de ter plataforma e pedestal enterrados. O varal é octogonal. O capitel, cilíndroco moldurado. A cruz contén tres detalles decorativos: brazos achafranados, remates florenzados e un círculo no cruzamento dos paos.
17. Casa do pintor naíf Manuel Lema Otero
Manuel Lema Otero foi gañador, en 1982, coa obra A batalla do Ebro, do Iº Premio de Arte Naïf ou Inxenuísta Galega convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.


18. Manuel Lema Otero
Manuel Lema Otero naceu e morreu no lugar de Borneiro (Cabana de Bergantiños) nas seguintes datas: 04.06.1916 / 06.08.1991.
É a persoa máis singular desta parroquia cabanesa por varios motivos. Por ser home de moitos oficios: labrador, carpinteiro-encofrador, emigrante, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos, escavador no castro A Cidá. Por ser persoa de varios nomes: Manuel do Monte, o Home dos Pitos. E por ser o pintor e inventor máis famoso de todo Cabana de Bergantiños.
Moi pouca xente da redonda sabía que Manuel do Monte pintaba, cando, no ano 1981, gañou o primeiro premio (200.000 pesetas) do Concurso de Arte Naif ou Inxenuísta convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Contaba daquela con 65 anos. A este certame pictórico presentáranse 575 obras e Lema Otero, das dez que depositara a concurso, saíu vencedor con «La Batalla del Ebro» e metera outras dúas na final. O xurado, formado por persoas de prestixio como Juan Antonio Vallejo-Nájera, declaraba que o cadro do pintor de Borneiro estaría «entre os 12 mellores naif de España» e cualificábao como «orixinal e libre na súa exposición». Como recoñecemento por este premio, o concello de Cabana homenaxeouno en febreiro de 1982.
Tras este éxito, viñeron as exposicións colectivas e individuais. As primeiras realizounas na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. As individuais, en Ponteceso, Vimianzo, Negreira, Baio, O Couto ou Cabana de Bergantiños. En Vimianzo e Cabana impartiu conferencias arredor do seu traballo como pintor naif. Ademais, moitos dos seus cadros forman parte de pinacotecas individuais espalladas por Laxe, Baio, A Coruña ou mesmo Suíza.
Manuel Lema pintaba polas noites, quitándolle horas ó sono, nun galpón da casa, despois das duras tarefas do campo. A afección por pintar nacéralle na infancia, xa que desde os primeiros anos lle reclamaba a seus pais lapis e papeis que consumía a pasos axigantados debuxando todo o que se lle poñía por diante: barcos, casas, persoas, vasos, vacas.
A obra pictórica de Lema Otero ten moito de autobiográfico. Os cadros repasan momentos de cando estivo na Guerra Civil, de cando traballou de encofrador ou de cando participou nas escavacións da A Cidá. Moitas das pinturas teñen certo sabor didáctico ó emitir mensaxes de denuncia contra unha sociedade enterrada no vicio, no alcoholismo e formada por unha xuventude sen cabeza. A abundancia de temas relixiosos e a presenza constante da súa paisaxe natal van conformando un mundo creativo cheo de interese.
Outra das facetas creativas de Manuel do Monte foi a de inventor. Tamén de cativo, cos amigos da aldea, comezou a elaborar todo tipo de aparellos. Un dos primeiros foi o sistema para conseguir metano a partir de esterco con tubos de barro. Andando os anos, saíron do seu maxín o libro das quinielas, xoguetes articulados, moldes para capiteis, termómetros de fornos, sistemas de alarmas contraincendios ou a bomba de auga sen gasto de enerxía. Os inventos de máis sona, e que conseguiron patente, foron a tella plana e a incubadora dos pitos. Este último artiluxio deulle de comer durante moito tempo, dado que se dedicou a comercializar crías de galiñas por todas as aldeas da Costa da Morte, de aí que nalgúns lugares se coñecese co nome de «O Home dos Pitos».

19. Castro de Borneiro
Está situado na faldra dun dos cumes dos montes de Borneiro. Para Isidro Parga Pondal e Ciriaco Pérez Bustamante (1934), este era un dos castros máis intersantes de Galicia pola grandeza das súasobras de defensa; os seus construtores aproveitaron os bloques de granito da montaña para construír os bastións, muros e parapeitos.
A lenda (Otero Cebral, 69) conta que en Borneiro hai unha longa vida de ouro que van desde A Cidá ata o Castro de Borneiro; esta viga está recuberta de xofre; cóntase tamén que, se un carro pasa por casualidade por onde a viga, seica a chega a rascar coa roda, pero ó parecer ninguén a chegou a ver. Outra das lendas do castro (Otero Cebral, 70) fala dunha galiña con pitos:

Un bo día, unha muller do lugar de Borneiro decidiu ir dar un paseo cunha veciña súa polo castro de Borneiro. Estando nestas e polo castro adiante, a muller viu nun acocho unha galiña cunha enfeitizosa rolada de pitos. Ós poucos, intentou convencer a veciña para volveren para as súas casas. A boa da veciña, sen sospeita de ningún tipo, accedeu á proposta, regresando deste xeito as dúas ós respectivos fogares. A muller, de alí a un instante, foise de novo ó castro e colleu para o seu regazo a galiña e os pitos e levounos con moito aledamento para a súa casa. En chegando a esta, abriu de mandil diante dos seus para así ensinárllelos, pero topouse con que no seu fardel xa non había nada. Segundo ían pasando os días, ela íase entristecendo e entristecendo ata que chegou bater coa inesperada morte?.

20. Igrexa dos Lobos ou Niño dos Corvos
Encóntrase a carón do castro. É un dolmen natural (non contruído polo home), quizais tamén utilizado polos habitantes do castro. En tempos servía de refuxio ós pastores de Borneiro, así como tamén de animalias salvaxes.
Otero Cebral (68) recolleu a seguinte memoria deste monumento natural:
?A Igrexa dos Lobos, tamén coñecida no lugar co nome de A Cova dos Lobos, atópase no mesmo van do castro de Borneiro. Cóntase no lugar que en tempos lonxanos os gandeiros que ían coa vacariza para o monte todo o día, seica se ían abrigar á mentada cova e tamén din que se axuntaban alí todos ata para comeren e divertírense. Era, pois, o lugar de encontro entre todos os que se xuntaban ó pastoreo. No lugar tamén marmañan que cando houbo habitantes no castro, é de supór que estes acudisen ó lugar tan infranqueable para protexerse, tanto dos inimigos coma das feras que os atemorizasen?.

21. Fernandiña
Fernandiña (371 m) é un dos cumes máis altos do monte Gontón ou montes de Borneiro. Desde ela, gozaremos dunha boa panorámica da enseada da Insua, de todas as parroquias de Cabana e da maioría dos concellos da comarca de Bergantiños.

22. Cruceiro viradoiro en Vilaseco
En Vilaseco, outro cruceiro viradoiro, nesta ocasión máis alto có primeiro que vimos e, ademais, apegado ó recinto de peche dunha vivenda. Levántase enrique dunha pena rodeada de loureiros. Na actualidade, a súa cruz viradoira está cementada para evitar as trasnadas dos rapaces.

23. Conxunto etnográfico de Vilaseco
Na desembocadura do camiño real que traía a Pondal por Vilaseco batemos cun cruceiro e un conxunto de cabazo que obrigan a nosa parada. Cabazos de pés e cepas que nos falan da importancia que tivo, e aínda ten, a agricultura para os habitantes desta aldea cabanesa.

24. Chan de Borneiro
O Chan de Borneiro é unha planicie que se inicia nas terras de Baio e, contra a banda de Cesullas e Laxe, se rodea dunhas cordas montañosas; non obstante, cae en declive polo leito do rego dos Muíños que leva ás Agrelas e contra a banda de Ures, que anda camiño do desaparecido mosteiro de Canduas. No noso deambular polo Chan de Borneiro, cando a vexetación o permita, podemos albiscar as terras areosas do monte Branco.

25. Ures
Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Ures deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

26. Fontefría
Este lugar, que debe o seu nome ás cualidades ?frías- das augas da súa fonte, espéranos con cabazos de pedra ateigados de pan ?millo-, con cruceiros que marcan de modo sagrado as encrucilladas como espazos de encontro. Por vedes, os peches das hortas fanse con setos vexetais. (Desde Fontefría, pola dereita, é aconsellable subir ó monte Castelo, a pé ou en bici; desde aquí, despois de pasar o cruceiro da portela, observamos a vila mariñeira de Laxe; baixada opcional ata a aldea de Aguarrei e A Cruz do Cabalo).

27. Regueifa en Fontefría
Otero Cebral (71-74) recolleu esta regueifa dun regueifeiro do lugar de Fontefría.


Aquí veño, os de Borneiro,
mirádeme ben para as orellas,
eu sonvos aquel lorchán
que ía sempre coas ovellas.

Canto eu ir para fóra,
canto eu moito saber;
pois xa sei dende agora
que máis non vos pode ver.

Dis dese porque está rico
e a pobres non quere ver;
si xa teño gardado un pizco
que chega ben para non volver.


Habana é o dezaseis de marzo
que cadra na quinta feira
do min novecentos noventa e un
contando á nosa maneira.


Carta que lle escribe un homiño,
no mesmo medio do monte,

e debaixo dunha sombra,
e que manda á carreira

nunha ala dunha pomba,

para que sexa lida toda enteira

no medio de Santa Comba.


Non vén pedindo limosna,

anque vergoña non cha ten;

si Deus lla mandara pedir,

sen ti un home de ben.


O pedir non é vergonza,

pedir non é pecado,

vergonza é ser moi rico

para logo ser condenado.

Feito está xa,

principal desta carta
que vos mando caladiña
e moi quedos estaredes escoitando.

Empezaron os veciños
e tamén outra xentiña;
os seus tenros sospiros
por causa desa terriña.


¡Ai, terra de Borneiro!
Tres anos hai que non te vin,
e trece que te deixei
e o dobre que eu nacín.


Catrís e Vilamaior,
Grisol, Vilar, Rivela,
Pedrido, San Salvador
ata as torres da Penela.


Rial de Cuns e Xurdín de Fornos

e Vilar Queimado,
porque andades coma sombra,

ben detrás ou ben de lado.

Desde o castro de Borneiro,

onde andaba coas ovellas,

como vin salir o fume

blanquiño das vosas tellas.


¡Ai, miña Costa querida!
¿Canto sobre ti estarei?,

porque non me veu a morte

o día que te deixei

Vedes unha cazarola
que está alí na rilleira;
pois alí xuntábame eu
con Pepe da Carballeira.


Os dous eramos rapeces,

pero queriámonos ben.
Eu pensaba ser seu mozo,

miña moza ela tamén.


O día que eu marchei de aí,

ela botou uns cantos espiriños.

Deus lle dea moita sorte
para criar os seus filliños
e a min moita paciencia
con estes meus traballiños.


Traballos que eu non busquei,

buscáronme eles a min,
pero non faltará quen diga

que eu son un galopín.


Eu non sei que demo teño,

nin fumo, nin bebo viño;
ás mulleres non llo dou
e nunca teño un pesiño.


Pero acórdome dun conto
de Salgado da Riqueira,

sentino no amullareiro,

serache a muller ou a meiga.


O lugar de Vilaseco,
todo é un pedregal,
as casiñas afumadas
e as ventanas sin cristal.


O lugar da Fontefría
non é lugar nin alforxa,
todo é corredoiras vellas

onde o burro estrica a gorxa.


No lugar de Vilaseco,
hai unha pedra furada
para se sentar so mozos

cando veñen da foliada

28. Antes nas praderías
A semellanza das grandes pedras coas que se levantaron os dolmens, ás veces, fileiras de antes, pedras planas chantadas de pé, marcan as lindeiras das fincas.

29. A Gándara
Na aldea da Gándara, a tradicional produción agrícola reconverteuse en cultivos baixo abrigo. Nas eiras, de par dos cabazos, aínda nos é doado observar algún que outro palleiro ou cabana de palla de trigo, elemento etnográfico que deu nome a este concello de Cabana de Bergantiños. Nas leiras da Gándara tamén se encontrou un dolmen chamado «Pedra da Mina». Durante a noite de San Xoán
(Otero Cebral, 5), os veciños da Gándara deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

30. Dolmen da Gándara
Na Gándara (Eiroa Pose) hai os restos dunha mámoa con dolmen que tería unhas medidas iniciais de 15 m de diámetro e 2 m de altura. Está moi afectado polas tarefas agrícolas. Hoxe tan só se conserva unha lousa fracturada do antiga cámara poligonal. O dolmen da Gándara foi estudado polos arqueólogos do Seminaro de Estudos Galegos en 1924.

31. Cruceiro en Dombate 1
Nunha plataforma enterrada aséntase o pedestal cadrangular que remata en mediacana. O varal é octogonar con remates cadrados. Capitel, cadrangular moldurado. A cruz presenta curtas dimensións, pero aspecto cadrangular e macizo. O reverso carece de imaxe. No anverso Cristo crucifícase, en imaxe de altorrelevo, de mans abertas con tres cravos, cabeza inclinada á dereita; está coroado de espiñas e o pano da pureza anóase tamén á dereita.

32. Cruceiro de Dombate 2
Levántase parello ó valado dunha herdade. A plataforma é de mampostería. O pedestal, cadrangular bastante desgastado. O varal, robusto, ten sección octogonal. O capitel moldurado ofrece unha das peculiaridades deste cruceiro: a presenza das inciais BFB, posiblemente en alusión ó doador deste elemento patrimonial. A cruz cadrangular presenta dous singulars detalles decorativos: unha Virxe orante esculpida en altorrelevo e que se encerra nunha roda que rodea os paus; este detalle emparenta este cruceiro de Dombate coas cruces de inspiración irlandesa de Tabagón (O Rosal. Pontevedra). Baixo os pés da Virxe, aparecen o cáliz e a hostia. ¿Que pasa no reverso? Os remates frontais dos paus decóranse cuns sinxelos círculos.

33. Aldea de Dombate
Casas rurais con cabazos soneiráns de pés e outros edificios anexos.

34. Cista da Insua
A cista da Insua achouse cando uns labregos andaban facendo uns labores agrícolas nos mesmos abeiros do dolmen de Dombate, no lugar da Insua, sito na parroquia de Borneiro. É unha sartego formado por varias pedras que data da Idade do Bronce Final (3000 anos de antigüidade). Encóntrase depositada no Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña e fórmana sete lousas das que catro conteñen motivos decorativos e as restantes non.

As catro lousas que posúen motivos decorativos teñen estas dimensións, segundo os arqueólogos que as estudaron:

  1. A lonxitude destas vai dende os trinta e dous centímetros ata os noventa.
  2. O alto das mesmas varía dunha á outra e vai dende os trinta e sete centímetros ata os cincuenta e catro.
  3. O grosor tampouco é uniforme, indo dos sete centímetros ata os dez.

Eses mesmos estudiosos tamén nos amosaron as características decorativas que nos presentan as devanditas.
A primeira lousa preséntanos unha franxa chea de figuras triangulares equidistantes e unha ringleira de cazoletas que levan entre elas unha liña paralela e unhas once perpendiculares.
A lousa segunda ten semellos coa primeira e presenta certos fundamentos iconográficos con figuras inacabadas e axiométricas.
A terceira está formada pro dúas filas de triángulos, tendo unha oito e outra nove.
A cuarta, posúe unha parella decoración coa anterior, pero con nove triángulos en cada fila.
A reconstrución da cista da Insua vén ser un parelípedo ó xurtármos as súas lousas e comprobarmos as súas formas. Pola súa arquitectura, parece pertencer ó Bronce Antigo ou mesmo ó Inicial.

35. Dolmen de Dombate
O dolmen de Dombate é un monumento funerario de cámara poligonal con corredor diferenciado, con gravados nalgunhas lousas e rodeado por un túmulo de forma acorazada. A cámara está formada por 7 ortostatos verticais e unha cuberta. Mide 4 x 2,5 m e ten unha altura de 3 m; a altura exterior da lousa de cabeceira alcanza os 4,64 m. O sistema de colocación das lousas e de construción da cámara realizouse polo método de imbricación, calzadas con pedras de menor tamaño para asegurar a súa verticalidade. O corredor, disposto cara a oriente, está formado por tres treitos de ortostatos e ten unha lonxitude de 4 m. As pedras da cámara e corredor (Eiroa Pose) foron arrincadas do monte Pedras Bastas, en Dombate, que está formado por un granito doado de traballar. A masa tumular está composta por terra de cor escura e con pequenas pedras. O remate exterior do túmulo márcase cunha fileira de lousas planas depositadas horizontalmente no chan; descoñécese se a súa atípica forma acorazonada foi adoptada voluntariamente desde un comezo ou se procede de adicións sucesivas.
A pintura
Presente no interior da totalidade dos ortostatos, está aplicada sobre unha capa de imprimación de arxila branca. Aparece como un complexo conxunto articulado en dous rexistros horizontais definidos por unha banda vermella adornada de puntos vermellos e negros. O rexistro superior da pintura, só conservado no corredor, presenta restos de zig-zags negros inscritos en dúas rectas paralelas tamén en negro. A disposición destes zig-zags, vertical e horizontal nos extremos das lousas, indican que servían de delimitadores deste rexistro, a modo de marcos. As pinturas de Dombate enmárcanse na corrente de arte megalítica noroccidental.
Os gravados
Existen tan só no interior dos ortostatos da cámara e son de difícil interpretación. Presentan o aspecto de figuras bicónicas, cunhas liñas que semellan asas, preto das que aparecen varias liñas onduladas e serpentiformes. E. Shee e García Martínez denomináronos The Thing ou A Cousa. Aparecen en disposición vertical e horizontal.
Os idoliños
No límite exterior da coraza destacou a aparición dunha fileira de 20 idoliños que separaban o xacemento do mundo exterior e actuaban como protectores do dolmen. Algúns teñen forma toscamente humana, outros redondeada.
Outros achados
Trapecios de sílex, follas enteiras ou fragmentadas, contas de colar toneliformes, puntas de frecha de base triangular en sílex ou cuarzo, hachas e aixolas pulimentadas, fragmentos de cerámica campaniforme.
A lenda
A lenda do dolmen (Eiroa Pose) conta que a súa cuberta de cabeceira foi transportada á cabeza por un encanto feminino, quen construíu o dolmen mentres palillaba.
Dombate primitivo
A gran sorpresa das escavacións foi a aparición dun dolmen pequeno debaixo do túmulo do visible. A cámara estaba composta por nove ortostatos reforzados cun contraforte. Consérvanse un dos soportes da cámara, as laxes horizontais do perímetro exterior do túmulo e algunhas pedras da coraza que podemos obsrvar na sección dun muro testemuña.

36. Poema O dolmen de Dombate de Eduardo Pondal


O dolmen de Dombate
Aínda recordo, aínda, cand?eu era estudiante,
garrido rapacete que ben regerse sabe,
cand?iba p?ra Nemiña a estudïar o arte
do erudito Nebrija e do boo Villafañe,
e iba a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.
Pasado Vilaseco, lugar batido do aire,
no alto da costa d?Ures, de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo p?a gandra adiante,
ja vía desde longe o dolmen de Dombate.
Deixando Fonte-Fría cara o lado de Lage,
e levando o camiño de San Simón de Nande,

polo chan de Borneiro de cativos pinales,
cuase pasaba a rentes do dolmen de Dombate.


Quedaba o misterioso fillo doutras edades
c?a súa antiga mesa, c?as súas antigas antes,
no seu monte de terra, non alto e ben roldante,

poboado en redondo de montesío estrame,
de pequenas queiroas e de tojos non grandes,
como calada esfinge que, sublime, non fale;
como náufrago leño de soberbio cruzamen,
lanzado sobr?a praia por potente oleage,
que de pasada rota mostre rudas señales,
e mostre aberto o flanco por glorioso combate,
e con linguage mudo das súas glorias fale.
¡Canto, ai, mudar pode longa e vetusta idade!


Entonces eu deixando ambas rendas flotantes,

penoso iba cuidando, p?la Viqueira salvage,
nos nosos ja pasados, nos celtas memorabres,
nas súas antigas glorias, nos seus duros combates,

nos nosos vellos dolmens e castros verdejantes.


E despois a Nemiña, ou que fose ou que tornase,
ó velo desde longe, indo p?la gandra adiante,
sempre ledo escramaba: «¡O dolmen de Dombate!»


Agora que pasano meus anos jogorales,
agora que só vivo de tristes suïdades,
que cumpro con traballo meu terrenal vïage
e qu?a miña cabeza braquea a grave edade,
aínda recordo, aínda, o dolmen de Dombate.


Eduardo Pondal

Poema. “O dolmen de Dombate” de Antón Zapata
(Dunha costume danzal celta: a roldanza)
Ao son das graves arpas dos bardos de Briganza,
e darredor do dolmen cinguido de druídas,
baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas,
as celtas virxinaes bailaban a roldanza.
As súas cantareas de arela, fide e espranza,
voaban pola gandra, cal pombas tremecidas;
e, brancas e lanzales, finxían margaridas

brandéndose co sopro da bris da venturanza.
Daqueles nobres tempos -¡ouh, dolmen de Dombate!-,
só ti quedache ergueito, despois do fero embate
que os lobicáns de Roma levano ó teu solar;


mais, se de nuite a lúa tece seu albo saio
cabo de ti, di a xente que vai pra Laxe ou Baio,
que vío vultos brancos ao teu redor bailar!


Antón Zapata García

38. Canción. “Dombate” de Milladoiro
No ano 1999, o grupo folc Milladoiro, con motivo da elaboración da guía-cd No confín dos verdes castros compuxo a canción Dombate inspirada neste xacemento megalítico cabanés.


39. Cruceiro da Balsa
Está totalmente construído en granito e presenta a plataforma enterrada. O pedestal é cadrangular rematado con medias canas. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel é cadrangular moldurado. A cruz ten sección cadrangular. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita, de mans abertas e con coroa de espiñas, co pano da pureza anoado á dereita. O reverso carece de imaxe.


40. Escola Unitaria de Borneiro
O edificio da escola unitaria de Borneiro exerce unha dobre función social. Ademais da educativa, outros espazos da mesma foron adaptados para punto de lectura e salón de actos e reunións para os colectivos da parroquia.

41. O regueifeiro Severo Rodríguez
O regueifeiro Severo Rodríguez Martínez naceu no lugar de Sinde (Canduas) e morreu en Boneiro apenas días antes de cumprir os 92. Traballou como lancheiro na enseada da Insua cando as vellas lanchas do Anllóns transportaban madeira desde o río ata o porto de Corme para embarcala en desaparecidos barcos de cabotaxe.
A figura de Severo Rodríguez é mostra dun importante pasado cheo de persoeiros da literatura popular en Cabana de Bergantiños. Pelexou cos mellores regueifeiros da época e dos que xa hoxe non queda memoria. Con David Tedín de Tabuído, con María da Barola do Buzaco, con Cadete, con Bailón de Reboredo. Unhas veces regueifaba na taberna de Paredes de Borneiro, outras na sala de festas de Baio, cando non o facía en calquera xantar de festa.
Non obstante, as retesías que máis recordaba Severo eran as mantidas coa regueifeira bergantiñá por excelencia, con Leonarda. Non está de máis rescatarmos do esquecemento uns versos.

Mira aquela muller vella
que apaña a herba coa man
como non ten home,
de compañeiro ten un can.
Respondeu ela:
Non che é can que é cadela
mira que te engañas ben,
fáltalle un como o teu,
que como o meu xa o ten.

O Carme do Briño de Enrique Labarta
Cara a romaxe do Carme
que no Briño se celebra,
festa tan boa, que hai poucas,
que poidan botarlle a perna,

42. O Briño
A aldea do Briño está partida pola estrada As Agrelas-Baio. No Briño (Otero Cebral, 13) aínda pervive o feito de que os labregos non botan (sementan) as patacas no día da Nosa Señora de Marzo, pois se o fan será mala a colleita. Dise no Briño (Otero Cebral, 15) que se unha persoa conta as estrelas nunha anoitecida calquera do ano seica lle nacen e medran enrugas por toda a súa pel. Tamén, no Briño
(Otero Cebral, 15), falan de que lle nacerán no seu corpo verrugas a quen conte as estrelas nas noites dos martes e venres.

43. A romaría do Briño
Nela encóntrase unha mesta carballeira que garda infinitas historias e innumerables lendas. Na carballeira celébranse a festividade da Virxe das Virtudes (1º domingo setembro) e a romaría do Carme do Briño (18 xullo). Esta última foi cantada nun romance polo poeta do rexurdimento galego nacido en Baio: Enrique Labarta Pose.

44. O Carme do Briño de Enrique Labarta

Cara a romaxe do Carme
que no Briño se celebra,
festa tan boa, que hai poucas,
que poidan botarlle a perna,

dazäoito de Xulio,
[…]
Érguese a pequena ermida

onde a Virxen se venera
do Carme, preto unha fonte
i a rente dunha alboreda,
á sombra da que se ven,

formando unha ringla tépeda,

carros con odres de viño
nos que o dios Baco se asenta;

ringlas, a unha i outra banda,

de bancos vellos,

e mesas acoguladas de roscas,
auga de limon, etcétera;

mulleres que venden froita

berrando: «¿A ver quen ma leva?»

Panadeiras cos seus bolos
inda máis duros que as pedras,

que dicen «¡Ai que fresquiños!»

(a todos cantos llo crean);

cafés, de dous chavos taza,
e que eu non me resolvera
a tomar ¡así me desen
a taza i unha peseta!
I en fin, xentes que se cruzan,

codéanse, falan, berran, cantan,

rin, meten barullo, corren,

veñen e se sentan;

familias que buscan sitio,
e cando o topan esperan
a que a misa se concruia
pra escomenzar a merenda;

siñoritas que chegando
veñen das vilas de cerca
e que, con ricos vestidos
de sospeitosa maxeza,
que foran da últema moda, aló…

na invasión francesa,

facendo mil aspaventos
i á pasiño de gacela,
por antre a xente camiñan

ollando dunha maneira
que quere decir: «¡Asús!
¡Si esto non vale la pena!»
Nais que lles poñen ós mozos

caras de sogras videiras;
pais grosos e bonachós,
que parescen lúas cheas;

abigarrado conxunto
de caras lindas e feas,
de páledas rapaciñas
e de rixosas labregas;
de calzós mui axustados,
de polainas e monteiras,
de saias, panos marelos
e froleadas baxeiras;
de pantalós abombados
e axustadiños á perna;
de lanvitas doutro sigro,

capas azúes e negras,
sombreiros altos e baixos;
montecristos e chaquetas;
de vestidos de cretona,
de lan, de pano e de seda;
todo de tantos cöores,
de feituras tan diversas,
que aquelo tal ves paresce
unha ben surtida tenda,
unha esposición andante,
un bazar de roupas feitas
con mecánecos resortes
que as soparan, que as achegan,
que as alargan, que as encollen,
e confunden e marean.

45. A ermida das Virtudes e do Carme
A ermida das Virtudes e do Carme (Lema Suárez, 1998, t. 3: 126-
153) amosa, no seu muro sur, un pórtico exterior adosado. A capela
maior acolle, en cada triángulo esférico da súa cúpula, as
esculturas policromadas de catro evanxelistas; no exterior
culmínase cunha lanterna de tambor cilíndrico que ofrece luz ó
interior.
A torre campanario érguese no último treito do muro sur.
A fachada, pentagonal, aparece decorada con seis figuras pétreas
de santos: no remate, o patrón da parroquia, San Xoán Bautista; no
centro, en fornelo rectangular, a Virxe das Virtudes; acompáñana Santiago, santo André, san Paulo e san Pedro. A parte máis antiga da ermida data do século XVI; a fachada é do XVIII.

46. A lenda da fonte e da Virxe do Carme
A lenda da Virxe do Carme (Otero Cebral, 94) dinos que esta apareceu sobre a fonte que mana diante da fachada da ermida. As súas augas eran empregadas para sacar o mal do aire; para que xurdisen efecto, as persoas que a ían buscar non podían cruzar palabra con ninguén polo camiño, nin mirar atrás; tamén curan os males dos ollos ós romeiros ou son benefactoras para os ben pretendidos en amores. A literatura oral soubo gardar estas lendas.

47. O Hospital do Briño
Documentación do XVIII fálanos da existencia dun hospital para enfermos devotos ó coidado dun ermitán construído arredor da fonte. O hospital tamén podía acoller a peregrinos que se desprazaban a Compostela por Zas ou a Fisterra. A confraría das Virtudes era a encargada de sleecionar o confrade que máis doara á Virxe. En 1731, Eusebio de Calo ofrecía un castrón e media libra de cera, pero foi superado por Miguel da Castiñeira, con dous castróns e unha libra de cera, quen se quedara co cargo. O hospital foi reformado en 1784 e arruinouse pouco a pouco. Na actualidade tan só se conserva o nome. Os veciños de Boneiro asocian a contrución deste hospital cunha dozaón, por curar dunha doenza, que no século XI fixera a condesa Argilo Peláez ou Argelona, emparentada cos Condes de Traba. A condesa doa nesa data o seu mosteiro familiar de San Xoán Bautista de Borneiro ó mosteiro de Moraime de Muxía. Otero Cebral (54) indica que o mosteiro estaba no lugar chamado Vilanova.


48. Un entroido coa corrida do galo
No Briño, durante o tempo de entroido, celebrábase unha singular manifestación entográfica (Imia Vázquez, 1999: 12) coñecida como o Xogo do Galo. Esta celebrábase o luns ou martes de carnaval nunha das leiras do lugar. Collíase o mellor galo da parroquia, colgábase pés arriba dunha corda atada a dous paus e un mozo de ollos vendados tiña que tocar o animal cunha vara. Quen o lograse tocar, levábao como premio.


49. Cruceiro do campo do Briño
No pedestal do cruceiro do Briño podemos ler esta inscrición SE RETOCÓ, TRASLADÓ Y PINTÓ SIENDO CURA PÁRROCO FRANCISCO LEMA MARTÍNEZ, NATURAL DE ESTA PARROQUIA, AÑO 1899. Na parte superior do varal, octogonal, aparece a data 1622. O capitel posúe base cilíndrica e remata con decoración xónica e caras lisas. Na cruz aparecen a figura de Cristo e da Virxe, orante, sobre unha cabeza de anxo con ás.


50. Cruceiro no Briño
Presenta plataforma enterrada e pedestal cadrangular rematado en chafráns. O varal é octogonal aínda que comeza e remata con seccións cadradas. O capitel, cadrangular, aparece moldurado. A cruz de formato delgado é octogonal e os brazos rematan en florenzados.


51. Cruceiro no Briño 1
Tamén presenta plataforma enterrada e pedestal cadrangular. Varal octogonal con extremos cadrados. Capitel cadrangular moldurado. A cruz é octogonal e ofrece dous detalles decorativos: remates florenzados e círculo con pétalos no interior semellante ós que se gravaban nos apeiros de labranza de vello. Isto fálanos dos intercambios creativos entre artesáns populares como os canteiros e carpinteiros.

RUTA 6. DE NEAÑO ÁS TORRES DO ALLO POR CESULLAS

Este itinerario ten o mesmo inicio có anterior. Atravesamos o núcleo de Neaño, visitando o Museo do LIño e adiviñando o pasado desta aldea como espazo inzado de ferrerías. Baixoamos ao muíño de Rellán e vemos o seu rodicio vertical de principios do século XX. Visitamos a primitiva capital do concello, a aldea de Cabana, e vivimos intensamente a gran romaría de Cabana de Bergantiños, que se celebra cada primeiro de agosto, o San Fins do Castro. Para finalizar, proseguimos ata as Torres do Allo (Zas), aínda que antes seremos gratamente sorprendidos por vellos camiños das aldeas de Cesullas.

1. Museo do Liño

Museo do LiñoO Museo do Liño, pertencente á Asociación Cultural O Fol está situado nos baixos do restaurante O Sabelo.
Nesta praza celebránbanse as festas da Virxe do Carme, agora trasladadas á praza nova que visitamos no itinerario anterior.
A poetisa María Baña Varela.

2. A poetisa María Baña Varela

Aínda que nacida nos casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poetisa popular María Baña Varela botou raíces no lugar de Neaño. Alí fundou a casa familiar na compaña do seu home Xusto Cousillas Castro. As ocupacións de muller labrega desde nena non lle deixaron ir á escola, de aí que a escrita era para ela tema vedado. Non obstante, a súa cabeciña non paraba en compoñer poemas que gardaba memoria. Chegaría a manifestar a un medio de comunicación da comarca que ela ?pensaba en copla?. Co tempo deu en aprender malamente a escribir para deixar por escrito os poemas que tiña gardados na cabeza. Calquera tipo de folla valíalle para pasar a letra os seus versos. A súa propia vida, á da súa familia e a dos seus veciños, ás veces en ton serio, ás veces con carga humorística son as principais liñas temáticas da súa obra. En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou, postumamente, a obra inédita de María Baña e instituiu o Certame de Poesíe para a Xuventude María Baña. María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Tabuído forman a tríada de poetisas populares que non tiveron vergoña de seren mulleres escritoras.


4. Taberna de Xulián
Unha casa baixa á dereita da estrada foi, en tempos, a antiga taberna de Xulián, un taberneiro que acudía coa súa cantina a todas as festas que se celebraban durante o verán pla redonda.

5. Salón de Baile de Neaño
Aínda quedan os restos do salón de Baile de Neaño.

6. Muíño de Rellán
É un muíño hidráulico centenario. O seu rodicio vertical é o máis grande de todo Bergantiños. Ao seu carón, encóntrase un aserradeiro hidráulico.

7. Cabana
En 1833, durante o reinado de Isabel II, realízase unha nova división administrativa do territorio español. Desaparecen os señoríos e coutos xurisdicionais coma os da Penela e créanse os concellos actuais. A primeira casa consistorial do concello emprázase no lugar de Cabana. O motivo do seu emprazamento é a céntrica situación respecto dos lindes municipais. A antiga Casa do Concello, hoxe está convertida en vivenda familiar. Outros lugares que foron capital de concello son: Cesullas, O Bosque, Neaño e A Carballa na actualidade.
En 1842, durante o período de rexencia do Xeneral Espartero, a Deputación Provincial da Coruña aproba un novo proxecto de división municipal en 51 concellos. Cabana queda con todas as parroquias de Laxe; con Cospindo, A Graña, Tella, Tallo e Langueirón de Ponteceso; con Cereo, Castro, Agualada e Cuns de Coristanco. En 1843, tras a caída de Espartero, anúlase este proxecto.
Desde Cabana, ao lonxe, vemos o monte Gontón e o caserío do Burgo. Cabana encóntrase encima do val do río Balsa.

8. Canto de pandeiro de Cabana e Corcoesto no CD No confín dos verdes castros de Milladoiro
Recollido polo crego Saturnino Cuíñas Lois, o ?Canto de pandeiro de CAbana e Corcoesto? figura no CD que Milladoiro dedicou a Cabana de Bergantiños. O texto deste tema é o seguinte:

Botádelle un asubío,
botádelle un asubío,
os mociños de Cabana
non poden pasa-lo río.
Mociñas de Rebordelo
arrimaivos ó loureiro
que veñen os de Cabana
con ferreñas e pandeiro.
Santo Estevo de Cesullas
ten os zapatiños blancos,
as mozas de Rebordelo
vanllos ver os días santos.

9. A romaría de San Fins do Castro

A Romaría de San Fins do Castro, patrón de Cabana de Bergantiños, celébrase todos os 1 de agosto. A principios do século XX era unha romaría de pouca sona, pero desde os anos 30, coa chegada de Saturnino Cuíñas Lois á freguesía de Cesullas, comezou a cobrar importancia. Cada primeiro de agosto, desde a mañá cedo, os gaiteiros tocan alboradas pro todo o campo da romaría. As misas celébranse desde as dez da mañá ata a unha da tarde, hora da misa grande. Séguelle a procesión por dentro do campo da festa ata o cruceiro. O seu percorrido está marcado no chan coas placas de todas as parroquias de Cabana. Despois, cántase o Himno a San Fins, bótase o Berro Seco e os romeiros xantan á sombra dos bidueiros ou nos prados dos arredores. O 2 de agosto celébrase a festa da Virxe dos Remedios.

A ermida
De orientación oposta á tradicional (a fachada mira ao leste), a ermida de San Fins ten ábsida e nave rectangulares. No lado sur da ábsida, adosouse un pórtico lateral para a celebración de misas o día da romaxe. Na fachada, pentagonal, aparece unha celosía de pedra, quizais prerrománica, unha inscrición coa lenda O POBO DE CABANA Ó SEU FILLO PREDILECTO D. SATURNINO CUÍÑAS AGOSTO 1983 e a espadana de dous vans.


A fonte
Á fonte, situada á beira da ermida, deber acudir os romeiros antes de saír o sol. Alí mollan os seus panos e lavan caras e mans. Poñen os panos a secar na campiña que rodea a fonte; unha vez secos os panos, xa os romeiros quedarán sandados das verrugas. A auga bendícese para, en botellas, levárena os romeiros ás súas casas. Onda o cando colgan dúas culleres de ferro para beberen os romeiros.


O Himno a San Fins
A letra é de Saturnino Cuíñas Lois e a música do director de Banda Xosé María de Neaño. Interprétase acompañada por unha banda de música e cántase por todos os romeiros.


O Berro Seco

Segundo Saturnino Cuíñas, consiste nun triple berro informe, a coro, no que cada quen participa como pode. Para emitilo, os romeiros xúntanse en fronte do palco de música, de crequenas e collidos das mans, e, a un sinal do párroco, érguense e báixanse tres veces lanzando ao ceu un forte berro
«ouuuu…»


O Santo de Pólvora
É unha pequena falla, con figuras en movemento, nas que se representan tres oficios artesanais: o de ferreiro, o de canteiro e o de afiador. O ferreiro, oficio máis representado, peta na zafra mentres a muller lle arrea vasoirazos na cabeza. O canteiro aparece picando na pedra. Na falla do afiador, a muller move a roda coas mans, mentres el lle axuda co pé dereito e moe un fouciño.

10. Poemas a San Fins do Castro

Romería de San Fins
Meu santo san Fins do Castro
¿que lle dás ós teus romeiros? Auga da túa fontiña,
sombra dos teus bidueiros.


Romería de San Fins
dendes da Cruña a Fisterra,

pasando por Bergantiños,
non hai romaxe como ela.


Ten un campo o noso Santo

todo cheíño de herba,
donde os romeiros descansan

deitados por cima dela.


Nin unha raia de sol
entra no campo da festa,
por mor de que os bidueiros,
cas súas sombras non deixan.


Inda ben non rompe o día,
vén a mañanciña fresca,
óiense cantar os carros;
levan viño prás tabernas.


Na fonte da romería,
a xente está en cadea
para lavar as berrugas
dos que as teñan recesas.


As campás tocan a misa,
a capela vese chea
de romeiros da redonda
para facer súa oferta.


Non fallan, non, os mangantes,

nunca, nunca, desta festa,
pois o crego da parroquia

escríbelles pra que veñan.
Aló polas dez ou once,
cando o sol ben alumea,

aparecen os gaiteiros

que ruben pola vereda.


Estronan, pra recibilos,
os foguetes de primeira;
os rapaces van correndo
pra coller as canivelas.


Nesta romaxe tan boa,
non faltan pitos, cornetas,

abanicos, cordeóns,
relós, que os rapaces mercan.


Desque anda a precesión,

xúntanse vellos e vellas,

miran o Santo de Polvora
e márchanse prás merendas


O día vaise acabando,

Santiño solo queda,

despedíndose os romeiros

con bailes e cantareas.

Adiós, meu santo san Fins,

despedirme dáme pena,
pra outro ano volverei
ver túas sombras espesas…


Romería de San Fins
dendes da Cruña a Fisterra,

pasando por Bergantiños,

non hai romaxe como ela.

(Popular)
Saturnino Cuíñas Lois

Meu santo san Fins do Castro

¿que lle dás ós teus romeiros?

Auga que sale da fonte,

Sombra dos teus bidueiros.

Fonte de san Fins do Castro

donde beberon os moros;

luxáronche a túa auga,

escorrentáchelos todos.


Auga de san Fins do Castro
que lavas tantos romeiros;

deixan queda-los trapiños
á sombra dos bidueiros.


Fonte de san Fins do Castro

donde lavei as verrugas;
augas con tanta virtú
non me deixaches nincunhas.


Miña Virgen dos Remedios,

santa de veneración,
curas tódolos enfermos
que veñan con devoción.


Don Saturnino Cuíñas
puxo as culleres na fonte,
pre que bebesen por elas
os seus romeiros de lonxe.


?Tá na porta da capilla
por quen veu a carretera.
El botaba o Berro Seco,
¡viva la gente rumbera!


O noso cura Francisco,
que hoxe ten cara de risa,
que escolla na mellor moza
e bote os bailes da misa.


Cura coma o de Cesullas
n?o hai en calquera lado,
bo mozo de riba a baixo

merecía ser casado.

Que baile o señor Fariña,
que é home correspondiente,

co carreiro polo lado
e pelo rizo na frente.


Que veñan os carrilleiros
todos xuntos na manada,

que se eles non están no campo,

a festa non val pra nada.

Falo cos da comisión,
se algún non marchou contento,
que pousen a cesta no campo,
bótelle os gitanos dentro.


Falo cos da comisión,
se cadra tamén me engaño,
non hai santo que non dea
pra mante-lo ermitaño.


Se me vir ade corenta
e co sentido cabal,
quixera ir a San Fins
enfrentarme co Xastal.


¡Que viva san Fins do Castro,
con todos os seus romeiros!
¡Rapaciños traghé cartos,
que xa están os canquilleiros


María Baña Varela (2004: 57-59)

11. Tradicións no lugar de San Fins
Na noite de San Xoán (Otero Cebral, 5) en San Fins do Castro facían a auga para lavar a cara o día seguinte e logo deixala secar ao día seguinte ao sol e ao aire; a agua tiña que botar toda a noite ao resío. Botábanselle as seguintes flores e plantas: zugameles, pólas malva de olor, espadanas, fiúnchos, fieitos reais, loureiros reais e, a maiores, névedas e herbas collóns de gato. En San Fins
(Otero Cebral, 14) bendícese a auga da foente para que as persoas alí presentes enchan no mesmo manantío as súas botellas que levarán para as casas.

11.Seixoso
Nome de lugar que significa terreo abundante en seixos ou pedras pequenas.

12.Ternande
En Ternande encontramos un particular pasadizo por enriba das nosas cabezas que comunica dúas casas separadas polo camiño.

13. Fonte do Torno
A fonte do Torno é peculiar pola cruz que ten chantada enriba. Esta cruz é substitutoria doutra máis antiga e desaparecida que tiña base circular. O varal da cruz é un pé de cheminea. Desde O Torno

poderemos subir ata o monte Gontón para gozar dunhas boas panorámicas das terras de Cabana e Bergantiños.

14. Casa do Vinculeiro
É unha vivenda rural totalmente de pedra coa súa esvelta cheminea rectangular.


15. O Carballal

No Carballal, topónimo que debe o seu nome á antiga abundancia de carballos, poderemos encontrar exemplares de teixo non moi abudantes entre a vexetación autóctona. Esta planta arbustiva pode servir de feche de vivendas e xardíns.


16-.Camiño das torres do Allo
Antes de chegar ás torres do Allo, pertencentes ao concello de Zas, pasaremos por Muriño, Regalado co seu cabazo á beira da estrada e cunha liña de carballos que delimita as beiras do regato, e a aldea de Pombal. Entramos nas torres baixo unha bóveda de castaños que nos fornecen sombra durante os rigores do verán. Contra a nosa dereita, os montes de Borneiro aos que poderemos acceder a través de pistas forestais, preferiblemente a pé ou en bicicleta.

RUTA 5. DE NEAÑO Á ERMIDA POR ANOS

Comézase aquí un novo itinerario nunha encrucillada de vellos camiños. O «camiño francés» que levaba, en tempos, os viaxeiros ata as terras de Laxe. O «camiño medieval» que, á inversa do noso percorrido, traía os camiñantes de Compostela desde Ponte Nafonso, Ponte Brandomil, Esmorís, Cesullas ata Ponteceso.

No noso camiño encontraremos, viventes aínda, fontes curativas e con lendas, vales empoleirados nas ladeiras de montañas ou, entre outros puntos de interese, santuarios de concorridas romarías.

Neaño
É bo lugar para tomar un aperitivo antes do inicio deste percorrido. Neaño é un dos núcleos de poboación máis grandes de Cabana. Podemos distinguir as edificacións máis antigas, que se sitúan na parte alta do lugar e as máis novas xurdidas arredor da estrada Ponteceso-Laxe. Neste último, naceu un florecente complexo de hostalería conformado por tabernas, bares de tapeo e dous hoteis concorridos de viaxeiros en tempos de vacacións. Por entre as vivendas que beirean a estrada,
pódese observar aos poucos o monte Branco no horizonte que emerxe das augas da enseada da Insua.
Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Neaño deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.


2. A igrexa do Carme

María Baña Varela (2004: 50-51) compúxolle un poema á igrexa de Neaño


Plegaria á nova iglesia de Neaño

Á subida da Corveira,
en frente a esas casiñas,
deixou un solar comprado
don Saturnino Cuíñas.

Veu o cura don Francisco
e mirouno dúas veces.
Puxo esta iglesia no sitio
coa axuda dos feligreses.

Eínda ?taba sin campanas,
sin elas non vai quedare,
(entre tódolos que somos
pouco nos pode costare)
pra lle tocare á santiña.

Que troughemos pró altar,
que foi a Virxe do Carme,
a quen temos que rogar,
que coida dos nosos homes,
que están por riba do mar.

Nosa Señora do Carme,
acórdaste dos do fondo,
fainos pra riba flotar,
que veñan corpos enteiros,
que os coñeza a familia
xunto cos seus compañeiros.

Nosa Señora do Carme,
a ti temos que rogar:
coida de ricos e pobres
que pisan augas do mar.

Aquí quedas para sempre,
coma unha estrela do ceo,
dando reflexos ao mar.
Se ves homes afogar,
aprésaos co teu velo.
Se saen cheos de frío,
nai de Deus Nazareno,
tápallos co teu manto,
dálles calor do teu seo.

¡Salve, Raíña dos Mares,
que vas ir en procesión!
Non deixes ós mariñeiros,
lévaos no teu corazón.

Nosa Señora do Carme,
non estreasches o manto
que che tiñan os veciños,
concédelle o que che pide
a quen che regalou tanto.

A don Manuel Fariña
as grazas teño que dar,
que che trouxo a carreteira
por onde vas a pasar.

A ombros dos teus veciños
baixarás pola Corveira,
coa cariña fronte ao mar.
¡Salve, estrela dos mares!
Coida dos teus fillos,
non nos desampares!

3.Praza de Neaño
A nova praza de Neaño converteuse nun punto de referencia para o desenvolvemento social e cultural de Cabana de Bergantiños. Todas as xeracións de cabaneses acoden en calquera momento do ano a gozar de variadas actividades. O Centro da Terceira Idade converteuse nun espazo para a conversa, o xogo e o baile, non só das persoas máis vellas de Cabana, senón tamén da redonda. A biblioteca María Baña Varela, non só é motivo de lembranza da gran poetisa pouplar cabanesa, senón que ademais recibe, cada mes de maio, aos galardoados no Certame poético instituído polo concello na honra desta muller. O salón de actos do centro cívico acolleseminarios, xornadas e congresos de todo tipo, pero sempre coa
terra de Cabana de Bergantiños como punto de investigación, coñecemento e divulgación. A propia praza de Neaño é punto de acollida, cada data de festa patronal, de veciños e familiares que gozan dos actos festivos na honra da Nosa Señora do Carme.

4. Vello cabazo
Vello cabazo escondido detrás dun muro.

5. Escola Unitaria
Escola Unitaria de Neaño

6. Fontenla
Na entrada do portal dunha das casas de Fontenla érguese unha alta cruz de pedra sobre o recinto que pecha a vivenda. Fontenla tamén forma parte do mapa galego da música tradicional, pois aquí recolleu o crego Saturnino Cuíñas Lois o Maneo de Fontenla, canción que fixo internacional o grupo Milladoiro.


¡Que ben baila, que ben baila,

da chaquetiña rosa;

inda bailaba mellor,

si a tivera redonda!

i la le lo, ai la la la

8. Cesullas

A referencia documental máis antiga do topónimo Cesullas data do ano 1178. Trátase dunha doazón do rei Fernando II:
?Eu, o rei Fernando (II), coa miña dona Urraca e co meu fillo Alfonso, fago donación ó mosteiro de Sta. María de Sobrado (dos Monxes) de Ermerezio (Almerezo) e dúas partes da igraxa de Corispendi
(Cospindo) cos seus coutos íntegros… a igrexa de Corme sen couto e a igrexa de Cesulles (Cesullas) co intantantico (anexo) de Neanio (Neaño)?
Segundo informa Pascual Madoz (tomo VI, 1845) Cesullas foi o primeiro nome que tivo o concello de Cabana de Bergantiños. E tamén nese tempo informa da presenza de dúas escolas no territorio de Cabana: unha en Cesullas e outra en Corcoesto; eran privadas, estaban sen mestres e tiñan entre as dúas 42 alumnos.
Segundo Otero Cebral (30) cada primeiros mércores de mes celebrábase en Cesullas unha feira.
Otero Cebral tamén recolleu algunhas tradicións celebradas polos veciños de Cesullas. Para bendicir as casas (Otero Cebral, 5), os veciños de Cesullas usaban estas palabras «A bendición de Deus pai, e do fillo e do Espírito Santo nos cubra co seu manto». En Cesullas (Otero Cebral, 6) había o costume de poñer un ovo na ventá a noite de San Xoán e dicían que ó outro día se vía nel un debuxo; ese debuxo tiña un significado e se se vía unha caixa era sinal de que morrería alguén na casa. En Cesullas (Otero Cebral, 6) levantábanse moi cedo o día de San Xoán para veren bailar o sol. Durante as festas de Corpus (Otero Cebral, 6) bótanse espadanas no chan, pero tan só diante da igrexa parroquial.

9. Cruceiro do Sacramento
O cruceiro do Sacramento, parroquial, foi recoñecido como meritorio por Patrimonio Artístico. Énos doado de distinguir polo baixorrelevo que se observa enriba da mesa do pedestal; nel aparecen a figura de dous anxos adorando o Santísimo, que se representa coa figura do ostentorio e a inscrición que lle dá nome ao cruceiro SANTÍSIMO SAGRAMENTO. A cruz aparece esculpida con figuras polas súas catro caras: Cristo, no anverso; a Virxe e os anxos no reverso; María Madalena e Santo Estevo
(patrón) nos laterais.

10. Fonte de Santo Estevo
Uns metros máis abaixo do cruceiro está a fonte de Santo Estevo, que no seu día (Otero Cebral, 142) tipo peto de seu. Na actualidade obsérvase a figura do patrón de Cesullas no interior dun fornelo e a lenda FUENTE DE S. ESTEBAN OBRA DEL AYUNTAMIENTO

11. Igrexa de Santo Estevo
Enfrontada á fonte do santo, encóntrase a igrexa parroquial: Santo Estevo de Cesullas. Dela foi párroco, cerca de 50 anos, o cura folclorista Saturnino Cuíñas Lois, natural de Carballedo (Cotobade. Ourense), terra de canteiros e fillo adoptivo e predilecto de Cabana de Bergantiños. Do seu labor como crego salienta a popularización da romaría de San Fins do Castro. Como folclorista, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña concedeulle a Medalla de Ouro da Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. O seu sartego pódese ver no cemiterio parroquial.
A igrexa de Santo Estevo (Lema Suárez, 1998: 13-56) encóntrase no centro da parroquia. A nave e a capela maior son rectangulares. No interior, no muro norte, en placa de mármore, aparece a inscriciónA NUESTRO PÁRROCO D. SATURNINO CUÍÑAS LOIS / SUS FELIGRESES EN SUS BODAS DE PLATA / 7 ABRIL 1956.

A fachada é pentagonal; enriba da porta principal aparece unha imaxe pétrea de Santo Estevo, enmarcado lateralmente por volutas; debaixo da espadana de dous vans encóntrase unha fiestra cadrangular. A parte que semella máis antiga do templo é a capela lateral sur (séc. XVII); a capela maior, nave, fachada e espadana datan do séc. XVIII.

12. Saturnino Cuíñas Lois
Saturnino Cuíñas Lois naceu en Carballedo (Cotobade. Pontevedra) o 21.12.1897 e faleceu en Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 07.04.1978. Pese a nacer en San Miguel de Carballedo, Saturnino Cuíñas Lois adoptou a Cabana de Bergantiños por terra nativa. Desque en 1931 o destinaron como crego á parroquia de Santo Estevo de Cesullas, esta cobrou un importante dinamismo no eido relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Nela creou coros parroquiais, deulle vida ás celebracións relixiosas, achegouse á xuventude a través do catecismo e mesmo se convertiría en persoa importante para que se construíse a estrada de Neaño a Baio.
Como pagamento por tamaño labor, a corporación municipal nomeouno fillo adoptivo de Cabana de Bergantiños o 17 de marzo de 1956, cando cumpría as vodas de prata; neste acto descubriuse unha placa de mármore na igrexa de Santo Estevo. E tras o seu pasamento, recoñeceuno como fillo predilecto nun evento no que se colocou unha placa na fachada capela de San Fins e no que se convocou a grupos folclóricos de toda a provincia da Coruña.
Non obstante, a obra que o perpetuou como gran persoeiro de Cabana de Bergantiños foi a organización da romaría do San Fins do Castro. Cando el chegara á parroquia, esta romaxe apenas era coñecida. Logo, coa creación do Berro Seco, o Santo de Pólvora, a Traca de Fogo, a composición do Himno a San Fins ou a presenza dos máis importantes coros e grupos de gaitas de Galicia converteuna na festa patronal por excelencia do concello e na romaxe máis singular de toda a provincia da Coruña
A relevancia da personalidade de Saturnino Cuíñas transcendeu fóra das lindes da súa parroquia. Isto, grazas ó destacado traballo como folclorista. Xa desde a infancia se dedicaba a memorizar vellas cancións das terras de Pontevedra. Despois, ó longo da súa vida, foi xuntando unha colección de cancións populares ata conformar un dos arquivos musicais máis importantes de Galicia. Entre a obra recollida están as foliadas de Augasantas, de Bora, de Vilaxoán, de Corcoesto ou de Trabazo; as pandeiradas de Cesullas, de Ponteceso, de Loureiro ou de Carnota; os alalás de Cerdedo, de Santo Ourente ou de Carballedo; ademais, cantos de aninovo, de berce e de canteiros. Todo ese traballo está depositado hoxe nos arquivos da coral coruñesa Cántigas da Terra. E moitas destas pezas son aínda interpretadas por grupos de relevo como Milladoiro, Treixadura ou Cántigas da Terra. Como mérito polo labor folclórico, a Real Academia Nosa Señora do Rosario concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid en 1954.
Pero ademais Saturnino Cuíñas Lois foi un excelente músico tradicional. Isto non estaba ben visto polo arcebispo de Compostela, que mesmo lle chamou a atención. Tocaba á perfección a gaita, a pandeireta, o bombo, a bandurria, o harmonio e a zanfoña. Maior importancia tivo como músico se sinalamos que na súa época Cuíñas Lois, xunto con Faustino Santalices, era unha das poucas persoas de Galicia que interpretaba a zanfoña. Unha das súas históricas zanfoñas entregoulla a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 en plena romaría de San Fins.

13. O fotógrafo de Cesullas
Temos visto algunha fotografía en branco e negro polas casas de CAbana asinadas como ?Fotografía Leika. Cesullas?. Segundo información que obtivemos, sábese que en Cesullas houbo un fotógrafo que despois marchou para Ponte do Porto e que se desfixo de todos os seus trebellos de fotógrafo. Sería de interese posuír máis datos sobre el.

14. Juan Antonio Pose, prateiro de Cesullas
O historiador Xosé María Lema localiza en Cesullas o prateiro Juan Antonio Pose, autor das cruces parroquiais de Cesullas e Canduas. Ademais, suponse que traballaría para as igrexas da redonda. Xunto cos Martínez de Borneiro, conforman a tríada de creadores de arte relixosa de Cabana de Bergantiños.

15.Cruceiro do Rego da Igrexa
Encóntrase nunha encrucillada. Descrición do cruceiro.

16. Castro de San Fins
O castro de San Fins é un castro de ladeira. Desde a súa altura domina amplamente o val de Cesullas por onde discorre o río Balsa. Debeu ter enormes proporcións dado que chegaba ata a ermida do santo. Na actualidade só se conservan parte dos seus muros e terrarpléns. A súa muralla inferior está bordeada pola estrada que leva á Balsa. Na actualidade, este castro está convertido en terras de labranza. Igual ca na Cidá de Borneiro, encontrouse (Rodríguez Casal, 1971: 20) un cuncheiro. Ademais, para Casal (1971: 20)
?nunhas leiras que hai abaixo do castro apareceron sepulturas con cinzas e ósos, nunhas cousas como caixas con antes e aínda debe haber máis pois o dono do terreo aínda lle toca o arado en pedra?.

A lenda cóntanos que a súa construción foi cousa de mouros e nel se encontra agachada unha viga de ouro.

17. Lugar da Balsa
Á dereita do lugar vemos un lavadoiro e un muíño de río.


18. Central da Balsa
En tempos, na artesanal e pequena central da Balsa producíase enerxía eléctrica para autoconsumo. Nalgunha ocasión mesmo se chegou a exportar para a vila de Laxe. O cabazo da vivenda, de catro pés, érguese empoleirado nunha pena que lle fai de cepa.


19. Iñaño

O pequeno, alto e venteado val de Iñaño presenta as súas leiras transformadas en terrazas para aproveitar o declive do terreo. Neste pequena aldea, os cabazos ofrecen a súa cara aos ventos, mentres que nalgunha das casas colgan balcóns-corredores. Un pombal sobresae da parede dun cabanote.

20. O Barreiro
O topónimo O Barreiro significa lugar de onde se extraeu barro ou onde hai barro. Nas aldeas era frecuente un espazo no que os canteiros extraían o barro para contruír as paredes das casas e balados.

21.Capela da Eirita ou do Espiño

É costume que o día antes do festexo, a capela da Eirita (Otero Cebral, 84) sexa limpada polas mulleres de máis anos do lugar; elas tamén se encargan de engalanala para a celebración dos actos relixiosos e a celebración da romaxe.

O adro posúe uns particulares sentadoiros apegados á parede que o
delimita, propios para collermos folgos no noso percorrido e tamén
para acougaren os romeiros que acoden a este espazo relixioso. Ao fondo, o monte Gontón óllanos desde occidente.
Cada 22 de setembro celébrase a romaría da Virxe da Eirita, patrona da capela, e da Virxe do Espiño. Os veciños do lugar (Otero Cebral, 82), cando desexan auga para as súas colleitas, levan a Virxe da Eirita á súa fonte e alí lávanlle os pés e a cara; se o que queren é sol, lévana á pena da Eirita. A Virxe do Espiño, de maior fervor, cura vultos e verrugas e remedia as pestes dos cereais. Otero Cebral (83) recolleu aquí a xuntanza das sete parroquias:

22.O Cruceiro da Eirita.

O cruceiro da Eirita, que se ergue no medio do adro desta ermida, é singular polo seu capitel con forma de pirámide escalonada de catro chanzos; no primeiro chanzo do capitel percíbese unha inscrición ilexible. A plataforma presenta dúas escaleiras da que sobresae un sinxelo pedestal cadrangular. O varal é cadrado con chafráns. A cruz tamén é cadrada e achafranada. Cristo está crucificado con tres cravos e presenta as mans abertas; a cabeza apenas se inclina cara á dereita; o pano da pureza anóase neste lado. No reverso, unha Virxe orante con mans en cruz sobre o peito; é tan pequena que a cabeza non chega á altura dos paus da cruz.

23. A Fonte Santa
Chégase a ela por unha pista de terra. Dous treitos de escaleiras báixanos ata a auga. Os panos obsérvanse estendidos durante todo o ano na herba que a rodea. A fonte é unha construción de cemento pintada de branca que, na frontal superior, contén unha placa de mármore con esta lenda:

ANO 1984. MANDADA CONSTRUÍR POR JOSEFA FONDO VIDAL DE IÑAÑO EN HONOR A LA VIRGEN DEL ESPIÑO Y NUESTRA SEÑORA DE LA EIRITA.
Otero Cebral (88) recolleu toda a maxia que encerra esta fonte:

Os romeiros bótanlle cartos para gañar os favores da Virxe. Para curar as verrugas hai que lavalas na fonte e levarlle unha prenda que, unha vez pasada pola doenza, se deixa alí na campiña. Pola noite de San Xoán, a fonte tórnase enmeigada, xa que sae o demo envolto en lavas desde as mesmas entrañas do inferno. Por San Valentín as augas trocan de cor, pero só durante un instantiño?.

24. A Pena da Santa ou Pena da Eirita

Durante o camiño de subida á Pena Santa acompáñanos un valado formado con champolas de pedras dispostas a modo se pasaventos. Desde a Pena da Santa, na que se encontra un repetidor, ollamos todo o val de Iñaño, coas súas casas no alto e as terrazas de labranza. A ría de Corme e Laxe, O Burgo, A Margarida e Cundíns, co seu val e igrexa, a aldea pontecesá de Anllóns, os cumes brancos do monte Neme, Silvarredonda, A Trabe, Carballido, Brantuas, Niñóns e monte Nariga. Entre a Pena da Eirita e o monte dos Anles están localizadas oito mámoas.

25. Miraflores
Aldea conformada por un casal de labranza.

26. Villarada
Tamén unha única casa.

27. Castro de Anos
É un recinto castrexo de pequeno tamaño que se ergue a carón do rego de Anos. A súa lenda (Rodríguez Casal, 1971: 116) conta que alí vivían os mouro

28. Escola unitaria
Escola unitaria de Anos.

29. O Piñeiro
O Piñeiro amósase coas súas casas de labranza acompañadas de cabazos e alpendres.

30. Igrexa de Santo Estevo de Anos

A igrexa parroquial de Santo Estevo de Anos salienta (Lema Suárez, 1998, t. 2: 673-688) polos sete canzorros que se conservan no muro sur da súa ábsida cadrada. O retablo é neoclásico. A sancristía, fachada e espadana de dous vans son do século XVIII.
A parroquia de Anos conta con tres lugares santos: a parroquial de Santo Estevo, San Roque da Ermida e a Santa da Eirita.

31. Cruceiro do cemiterio de Anos

Érguese enriba dunha plataforma de dúas escaleiras. O pedestal é cadrangular e remata con chafráns. Ten mesa adosada. O varal presenta forma octogonal, aínda que nas súas cabezas aparece con forma cadrada. A pesar de estar formado en formigón, o capitel é o elemento máis destacado deste cruceiro: de estilo corintio, con follas de ápice groso e forma redonda con tres capas de follas. A cruz rectangular, tamén de formigón, é sinxela. No anverso, aparece cristo crucificado con tres cravos, ladeando a cabeza cara á dereita e con coroa de espiñas; o pano da pureza anóase contra diante. No reverso, a Virxe enlaza as mans enriba do seu ventre mentres amosa cara de pesadume.

32. Taberna do Xastre de Anos
A primitiva taberna do Xastre de Anos converteuse na actualidade nunha casa de turismo rural co nome de O Xastre de Anos. Na primeira taberna ensaiaban, desde a segunda década do século XX, os Gaiteiros de Anos.


33. A Medoña
No espazo chamado A Medoña encóntrase unha mámoa

34. A Ermida

A aldea da ermida debe o seu nome á capela de San Roque que se ergue baixo unha mesta e centenaria carballeira. Cabana de Bergantiños posúe tres espazos relixiosos onde se celebran romarías sonadas en capelas que se abrigan do sol de verán entre as pólas de verdes carballeiras: a carballeira do Carme do Briño, a carballeira de Santa Mariña do Remuíño e a carballeira de San

35. Roque da Ermida.
A ermida de San Roque rexístrase a súa existencia (Lema Suárez,1998, t. 2: 703-710) desde a Idade Media. A capela maior, cadrangular, está a maior altura cá nave. Accédese ao presbiterio tras un arco triunfal barroco. A súa bóveda é de crucería. Na fachada campa a austeridade

36. Cruceiro da Ermida
Fronte á capela e contra o final da carballeira, érguese un fermoso, aíndaque desgastado cruceiro. A plataforma, de tres escaleiras, e o pedestal son cadrangulares. O varal, un tanto desproporcionado en grosor, é cadrado con chafráns. O capitel, cadrangular invertido, aparece exento de decoración e tomado con cemento ó varal, como sinal de reclamo dunha urxente
restauración. O conxunto escultórico que conforma a cruz é enormemente expresivo. Os brazos da cruz son acadrados con chafráns e finalizan con remates de flor. No reverso, cada brazo presenta unha cabeza de anxo con ás; na intersección escúlpese unha coroa de espiñas. Unha piedade aparece enriba dunha peaña con cabeza de anxo e ás; a Virxe sostén no seu regazo o corpo do seu fillo. No anverso, Cristo aparece crucificado de mans abertas con tres cravos, cabeza cara á dereita, coroa de espiñas, mentres que o pano se anoa á dereita; unha imaxe axeónllase ós seus pés mentres que llos bica. Nos laterais da cruz, a Virxe e San Xoán, apegados ó pau polos ombreiros, son testemuñas desta escena.

37. A fonte de San Roque
San Roque é avogoso contra a peste. As augas da súa fonte, que se encontra nun beiral da carballeira, son bo remedio (Otero Cebral, 81) para o mal de cabeza e as doenzas dos ósos.
Os habitantes do casal que se atopa á esquerda da capela teñen a obriga de custear a procesión o día da romaría (2º domingo de agosto)


38. Cabazo de cepa na Ermida.

Desde a Ermida podemos chegar ás Torres do Allo e a Baio, vila natal de Enrique Labarta Pose, autor do poema «O Carme do Briño».

RUTA 4. DA OUTRABANDA Á PEDRA DPOR CUNDÍNS


Este itinerario comparte cos dous anteriores un primeiro treito Outrabanda-Leas. Discorre por lugares con sabia arquitectura rural, pola perdida romaría de San Paio de Cundíns ata chegar á franxa imaxinaria que delimita as medidas de superficie do ferrado bergantiñáns e soneirán. No lugar do Vento, a memoria dos veciños recórdanos a primitiva existencia de muíños movidos pola forza do aire.

1. Cundíns Vello
En Cundíns Vello hai un río de lavar e cabazos con celeiro. Son de moito interese os alpendres. Unha casa con rampla de pedra amósanos a súa porta de castaño con 94 anos. Outra vivenda, con abellariza na fachada. Un particular cabazo de 1960, de pés, tercio pequeno e con fileiras de pasaventos cadrados na base.
Casa da Irmandade de Labradores

2. Casa da Irmandade de Labradores

Erixiuse ó lada da casa da antiga taberna de Pedrouzos. Hoxe é un alpendre, dado que nunca chegou a funcionar como casa da Irmandade de Labradores. Non obstante, este colectivo tivo actividade nunha casa branca sita uns metros máis abaixo.
A Irmandade de Labradores deixou de funcionar (Eiroa Pose) a principios dos anos 90 do século pasado; despois trasladaríase ó Centro Médico Antigo (actual Casa da Cultura da Carballa)
Igrexa de San Paio de Cundíns

3. Igrexa de San Paio de Cundíns

Éntrase no adro por unha cancela de fero coroada por dúas molduras-capiteis cadradas. Estes capiteis (Garea, 80) proveñen da desaparecida casa modernista Villa Fanny de Ponteceso de Cabana.
A porta da fachada está enmarcada por un arco de medio punto formado por grandes doelas. Este é (Lema Suárez, 1998 II: 643-70) a parte máis antiga da igrexa, o resto e a espadana sond e finais do século XIX; o retablo maior é barroco.
Adosada ao muro encóntrase a capela da Virxe da Soidade. A porta exterior presenta (Garea, 80) un frontón partido co escudo do Marqués de la Sierra. Na inscrición pódese ler JANUA COELI (Porta do Ceo)


4. Capela de San Marcos
En Cundíns (Otero Cebral, 43) existiu no pasado unha capela dedicada a San Marcos, hoxe desaparecida aínda que se sabe da súa existencia pola memoria oral dos veciños.

A ermida de San Marcos foi fundada en 1860 por Francisco Rodríguez de Soto. En 1749 xa tiña os seus bens ?incultos e moi deteriorados? e en 1753 era unha ?ermida ben indecente?. Quizais fose abandonada de modo definitivo tras a Desamortización de Mendizábal en 1834. Contra mediados do século XX aínda o gando se refuxiaba a carón dos seus muros. Consérvase aínda o resto toponímico baixo o apelativo do Monte de San Marcos. A pía bautismal trasladouse a unha casa próxima á parroquial de Anos. Tamén se comenta que o San Marcos barroco (último tercio XVIII) de San Cremenzo de Pazos (Zas) procede desta ermida cabanesa.

5. A Pena Bocha do Picón
No cume do monte Picón encótnrase a Pena Bochada do Picón. Os maoires da parroquia (Otero Cebral, 44) din que na pena máis alta deste monte ten a virxe a súa cama con almofada e cabeceira empedrada; tamén se conta que sobre ela apareceu a Virxe e deixou as súas pegadas na mesma rocha.

6. Cruceiro de Cundíns
Encóntrase nunha área recreativa próxima á igrexa. Érguese nunha plataforma cadrada de catro escaleiras. O pedestal está encastrado na última escaleira. O varal é octogonal e remata nun capitel sinxelo e cadrado. A cruz aparece esculpida polas catro caras.

7. Rectoral de Cundíns

Á dereita do cruceiro, encóntrase a rectoral de Cundíns que conta cun rústico cabazo de seis pares de pés. As ventás vixian a igrexa e o val da parroquia. Arredor da rectoral (Otero Cebral, 76) levantábase a Casa da Fábrica ou Casa de Beneficiencia, antano destinada ao servizo dos pobres e dos romeiros que acudían aquí cada 26 ou 29 de xuño.

8. Fonte de San Paio
Encóntrase á altura da rectoral, no Souteliño, no herbal do Santo. As súas augas e a fe no santo curan (Otero Cebral, 77) a reuma e todo tipo de enfermidades dos eivados. Os veciños de Cundíns (Otero Cebral, 7) bótanlle todos os anos ás súas fincas auga da fonte do lugar, bendita por Sábado Santo, para así protexeren as súas colleitas.

San Paio (Otero Cebral, 77) é avogoso e milagrento para a reuma e para todo tipo de enfermidades que deixen a un eivado; unha vez que os romeiros estiveron no lugar santo, logo tiñan que ir á súa fonte a beber, a lavar a cara ou outras partes do corpo onde sentiren o mal. San Paio é moi querido polos romeiros (Otero Cebral, 77), pois curou a motis do lugar en público e tamén favoreceu a moitos que alí se achegaron para gañar os seu favores.
Otero Cebral (79) recompilou dúas cantigas populares que fan referencia a San Paio e á súa fonte:

Pasei a fonte San Paio,
paseina dunha carreira,
pensando que era unha lebre,
saíume unha costureira.

Ó noso San Paio,
un santo moi milagroso,
pedinlle un home bonito
e deume un barbas de raposo.

A festividade de San Paio tamén foi cantada pola poetisa cabanesa María Baña Varela (2004:38) con estes versos:

Vin pra festa de Cundíns,
á misa de San Pelaio,
santo de tantos romeiros,
baixan os teus parroquianos
coa dádiva no sombreiro.

María Baña (2004: 38) tamén lle dedicou estoutros versos satíricos á festividade de San Pedro de Cundíns:

Por san Pedro de Cundíns
todos comen unha cabra,
baixan ca leña do monte,
ásana nunha larada.

Eínda n?a ten chamuscada,
xa non lle sacan a piel,
ponse todos darredor
como as abellas do mel.

9. Casa de Enrique Sieiro
Á sombra dun carballo centenario encóntrase a casa de Enrique Sieiro, mestre xa falecido, natural de Codeseda (Pontevedra). A eira é circular. Onda ela, o pozo con caseta de pedra. En fronte á de Enrique, outra vivenda onde vivía Dédalo, un can de caza que morru con máis de 25 anos e que, como podemos comprobar polo seu nome, tiña apelativo de embarcación de guerra.

Pasei a fonte San Paio,
paseina dunha carreira,
pensando que era unha lebre,
saíume unha costureira.
Ó noso San Paio,
un santo moi milagroso,
pedinlle un home bonito
e deume un barbas de raposo.


A festividade de San Paio tamén foi cantada pola poetisa cabanesa María Baña Varela (2004: 38) con estes versos:
Vin pra festa de Cundíns,


María Baña (2004: 38) tamén lle dedicou estoutros versos satíricos á festividade de San Pedro de Cundíns:


á misa de San Pelaio,
santo de tantos romeiros,
baixan os teus parroquianos
coa dádiva no sombreiro.

Por san Pedro de Cundíns
todos comen unha cabra,
baixan ca leña do monte,
ásana nunha larada.
Eínda n?a ten chamuscada,
xa non lle sacan a piel,
ponse todos darredor
como as abellas do mel.

10. A Gándara
Desde A Gándara ollamos o monte de Frinle.

11 Rego do Outeiro
Desde o rego do Outeiro, cara a nosa dereita, está o monte de San Marcos onde noutrora, segundo recordan os veciños de Cundíns (Otero Cebral, 43), existiu unha capela dedicada a este santo.

12. Mina de San Loto
Nas minas de San Loto extraísase rutilo. Un dos seus traballadores, o señor Manuel Torrado do Outeiro (Anos), manifesta na entrevista (Eiroa Pose) que segue as formas de traballo na mesma:


?Hai 43 anos no lugar de San Loto (ano 1958) comézanse a traballar unhas minas. Este traballo durou dous anos. Levaban a empresa as seguintes persoas: Mourelle, Manolo de Xaquín e Lelo de Cacharro. Eles eran os xefes. Tiñamos unha barraca no San Loto, donde se gardaba o mineral e alí había un garda de noite para vixiar. O mineral obtido era o rutil. O rutil empregábase para obxectos de guerra
(pistolas, balas?). Alí traballaban sobre 30 ou 40 persoas? ou algo máis? As ferramentas utilizadas eran o azadón, pala e pico. Traballábase da seguinte maneira. Facíase un canaleto por onde corría a auga. Mentras se ía picando, metíanse paladas no canaleto. O canaleto tiña auga impulsada por un chupón con motor e lavaba a terra e a pedra e no fondo do canaleto quedaba o mineral. Logo, recollíase o rutil do canaleto con caldeiros e levábase para a barraca, onde se almacenaba o mineral ata que uns camións o viñan recoller. Daquela, cobrábamos cinco pesos diarios, que xa se podía ir indo. Cando tiñamos rachas de moito mineral, os xefes facían comida e, entre nós, había unha grande carallada?
As minas de San Loto foron recollidas en verso pola poetisa de Neaño María Baña Varela (2004: 89):


?Xa che buscamos traballo.
Vouche comprar unha moto,
léva-lo caldo na pota,
vas traballar a San Loto?.

13. A Margarida
Ao entrar na Margarida batemos cun cabazo, renovado en 1960, e aos seus pés un pozo cuberto con caseta de pedra. Na Margarida, aínda se recorda a numeración e valor das vellas moedas galegas.

14 Machado pulido do neolítico na Margarida


Na Margarida, no ano 1994, o familiar dunha alumna, María Torres, do colexio As Revoltas cando estaba traballando unha leira encontrou un machado biface pulimentado de pedra pertencente á época dos finais da cultura megalítica. Dataríase, polo tanto, contra os anos 3500 e 3000 a.C. Á falta de maiores datos, deduciuse que o machado formaría parte dun enxoval funerario. Os machados de pedra eran ferramentas coas que se realizaban tarefas artesanais ou domésticas, aínda que nese caso sería unha ofrenda á persoa que se encontraba enterrada.

15 O ferreiro da Margarida
Neste 2005, aínda traballa na súa fragua o ferreiro José Fariña. Aprendeu o oficio (Eiroa Pose) en Ternando (Cesullas) con seu pai. Lembra que nalgún tempo en Neaño había 17 forxas. Desempeña o seu traballo na Margarida desde hai 42 anos. Fai ferramentas de corte como fouciños e legóns que despois vende nas feiras da volta como a de Baio. Para quentar o ferro aínda utiliza o carbón vexetal feito de carolas ou pinas dos piñeiros.


16. O Vento
Dentro dunha propiedade, encóntrase un cabazo de 1954, moi semellante ao cabazo de Cundíns, de pés e pasaventos cadrados na base. Nesta aldea, debido á súa posición estratéxica, no altor, segundo contan os vellos, existiron muíños de vento, de aí o nome do lugar. Ademais, estas dúas aldeas, O Vento e A Margarida, marcan a liña divisoria do ferrado bergantiñán (5,24) e o soneirán (4,24). Desde aquí, segundo nos desprazamos polas súas estradas, veremos ao lonxe as terras de Zas, o pico de Meda; contra beiramar, as terras de Malpica de Bergantiños.


17 A Remisqueira
Na Remisqueira encóntrase a casona de Rellán. No lintel da súa entrada (Garea, 53) aparece a estrela de David con flor inscrita e, á súa dereita, unha rasqueta sobre tenaces.


18 A Pedra
Lugar que se asenta arredor das estrada A Coruña-Fisterra. É un entorno con servizos como gasolineira, centro de saúde, campo de fútbol do Nantón C.F. e local de hostalería. Os veciños da aldea son respectuosos co seu patrimonio á hora que restaurar as casas rurais herdadas dos seus devanceiros.

RUTA 3. DA OUTRABANDA Á MATA POLA PENELA


Este itinerario comparte co anterior un primeiro treito Outrabanda-Beres. Desde aquí, segue camiño cara ao condado medieval da Torre da Penela. Ademais, gozaremos de boas panorámicas bergantiñás desde os Chans de Perrol ou visitaremos o mellor retablo barroco do concello en San Martiño de Riobó. Despidiranos San Brais de Folgoso, o santo da gorxa, enriba dun recinto castrexo e espreitante do lugar lendario O Pozo da Forca.

1. Paradoa
Lugar de Paradoa, en Silvarredonda.
Na parroquia de Silvarredonda, como actividade económica, existe unha explotación de pizarra.


2. Igrexa de San Pedro

É unha pequena construción de ábside cadrada. A sancristía nace de par da ábsida e a espadana é de cemento. O vello cemiterio conserva aínda as lápidas na terra. O cruceiro é sinxelo, cun particular pedestal octogonal. Salientan as cruces dos panteóns de pedra.

3. Lugar do Rego
Desde aquí obtemos unha boa panorámica do monte Branco.

4. Capela de Santa Margarida
É unha construción sinxela, cunha ventá rectangular, semellante á dunha casa, no presbiterio. Na fachada e na espadana encontramos dúas inscricións. Desde o adro observamos Pazos, Cerqueda, o océano Atlántico, o monte de Beo e a Sisarga Grande. O cruceiro é de cemento. A romaría celébrase cada 13 de xullo como reflicte unha copla popular:


O día trece de xullo,
celébrase a romaría;
romeiros desde moi lonxe
veñen visita-la santiña.

Á dereita da estrada que leva á capela, abaixo na pradería, escóndese a mellor fonte de pedra do concello de Cabana de Bergantiños: a fonte de Santa Margarida de Baneira. Arredor das silveira, aparecen os panos do ofrecidos. No fondo da fonte, brillan tamén as moedas tiradas polos devotos para seren sandados das súas verrugas. Os fieis acoden ás augas desta fonte santa (Cebral, 124) e lavan nelas as pernas e mans nas que teñan algún mal.
Esta romaxe foi cantada por María Baña (2004: 38). Nos seus versos, cita ó músico local, e veciño dela mesma, José María Álvarez Canto.
Miña santa Margarida,
a túa costa subín,
bebinche a auga da fonte,
nunca máis aló volvín.
E estaba José María,
dirigindo na orquesta,
tocando no pasodoble,
que era a alegría da festa.

5. Regoseco
Regoseco é unha aldea que conta con casas de pedra con elementos anexos de arquitectura tradicional.

6. Bello
En Bello alterna a presenza de cabazos de pés con cabazos de graneira ou tipo Coristanco.

7. Perrol

A estrada que nos leva á aldeíña de Perrol preséntanos unha fonte de sorpresas cara ao horizonte coas illas Sisargas como panorámica máis afastada de nós. Perrol está composto por tan só unha casa. Este casal é venteado do norte e da travesía (sur). É a vivenda situada en maior altitude no concello de Cabana de Bergantiños. Conta cun pequeno cabazo centenario. A panorámica da vivenda amosa monte Neme, Pazos, Xornes, Cambre e Buño. Tralo descenso da aldea, xorde tamén na nosa ollada a silueta do monte Nariga.

8. Baneira
No lugar de Baneira celebrábase (Cebral, 37) todos os días tres de cada mes unha feira coñecida polo nome da «feira dos zapatos»

9. A Penela

Da aldea da Penela destaca o seu carácter rural, expresado nos seis cabazos de pés e cepas. O nome de lugar significa (Cabeza, 1992: 215) pena ou pedra pequena. Para Otero Cebral (38) o nome da Penela pode provir dos sacrificios das damas que se facían no lugar, xa que se conta que aquí se realizaban “sacrificios humanos e neste caso sería o equivalente a PENA ELA”
Aínda que o máis sobresaínte sexa o seu pasado histórico do que perviven aínda os seus restos pétreos: a torre da Penela. No pasado (Otero Cebral, 37) na Penela encontrábase o único condado do que hoxe son as terras de Cabana de Bergantiños; os vestixios históricos dese condado son a fortaleza, o cruceiro e a fonte.

10. A Torre da Penela

A torre da Penela é a máis pequena de catro torres medievais que vixiaban o condado da Penela. Os lindes do territorio deste condado estaban marcados (Cebral, 42) por tres cruceiros: o de Bello, o de Baneira e o do campo da Penela. O fundador do vínculo nobiliar (Martínez Barbeito, 1971: 478) foi Lope Bermúdez; a principios do século XVII, Lorenzo Bermúdez de Castro converteuna en pazo. A torre presenta un formato cadrado, un escudo na parte forntal e unha porta con arco de medio punto e de grandes doelas. O seu cume está aínda coroado por ameas. Os últimos apelidos nobres que posuían en propiedade a torre da Penela foron os do conde Javier Ozores Poderosa. Hoxe o edificio pertence a unha familia de labradore, que empregan, a parte baixa, como alpendres, e a parte media como graneira de trigo e pombal.

Os escudos
No antepeito da ventá do primeiro corpo da torre encontramos o escudo do remodelador da mesma. Os cuarteis amosan as armas (Martínez Barbeito, 1971: 478) dos Bermúdez, Castro e Riobó. Un segundo escudo aparece aos pés do cabazo da vivenda.
A lenda
Cóntase que os soldados tiñan retida unha fermosa moza no cárcere desta torre. Nun descoido, ela logrou fuxir, pero os soldados déronlle morte ao pé do cruceiro. Os lugareños, que viron o acontecido, comezaron a exclamar: «¡Pena… dela! ¡Pena… dela!» Por iso agora, aldea e torre se coñecen co nome da Penela.

O cruceiro
Cara ao oeste da torre, levántase o cruceiro da lenda. Aquel fuxido que pasaba do cruceiro, salvávase. A súa plataforma é de catro escaleiras; o pedestal, cadrado, conta cunha saínte caveira e tibias, que representan a morte; o varal, octogonal, posúe esctita unha data na súa base dereita: «1(7)66»; no capitel, aparecen cabezas de querubíns e a cruz escúlpese con forma de paos.

11. A Devesa

Segundo o toponimista Fernando Cabeza, a aldea da Devesa debe o seu nome á presenza duns terreos coutados ou pechados por valados.

12. A Barcia
Esta aldea recibe o nume do río Barcia que transita por un curto e verde val tras repousar no Pozo da Forca. O lugar encóntrase nunha extrema do val deixando as praderías útiles para a labranza.

13. Soutochán
É outra pequena aldea, neste caso formada por dúas casas en estado de abandono. Desde Soutochán chegaremos ó Pozo da Forca.

14. Pozo da Forca
O rego da Barcia, que nace nas terras do Vao ou As Samesugas, vólvese fervenza na Baiabosa e verte augas ós caldeiros do Pozo da Forca. A brancura e caudal espeso da fervenza obsérvase cuns cinco metros de altura. O Pozo da Forca é un lugar ateigado de lendas. Otero Cebral (23) recolleu varias. Unha di que o pozo vén sendo, en terra, un ollo do mar. Outra conta que, en certa ocasión, un crego quixo saber da súa fondura e para iso empregou doce pezas de adival do que colgaba unha pedra; botouna neste ollo de agua e din os máis vellos que non deu tocado fondo; ademais, non se sabe de ninguén que lle dera atopado fondo ao pozo. Asimesmo, dise que este era o lugar onde aforcaban os prisioneiros e os axusticiados da casa da Penela ou doutras cadeas do lugar. Por último, crese que no fondo do Pozo da Forca se encontra unha valiosa grade de ouro que ninguén deu atopado aínda.
Eduardo Pondal, rendeuse perante tanta beleza e incluíu en Queixumes dos pinos este poema:

Esquiva rapaceta,
coma do toxo a fror,
tan pura com’as frescas
augas de Rioboo,
(río de Bergantiños,

xentil e soador,
cando da Baiabosa
sae con rouco ton,
antre miúdos seixos
de branca e leda cor,
buscando o brando seo
do seu maior, o Anllóns)

Na festividade de San Brais, so mozos asistentes a esta romaría viñan merendar á fervenza por un camiño que baixa desde a ermida.
15. Riobó
Aldea de Riobó.
No lugar de Riobó consérvase unha lenda (Otero Cebral, 24) que di que esta aldea e o Pozo da Forca están unidos por unha viga de ouro; ninguén tentou a sorte de querela encontrar para non desfacer o misterio desta lenda transmitida de xeración en xeración.


16. Igrexa de San Martiño

Na entrada (interior) da igrexa aparecen dúas pías, a máis pequena ten de base un oso ou lobo, este último símbolo dos Moscoso. O arco triunfal da igrexa está sostido por capiteis románicos con decoración vexetal. A capela maior acolle un retablo barroco, a auténtica xoia sacra das terras de Cabana de Bergantiños.
Debaixo do altar, escóndense, por alfombra, tres sepulcros. No da esquerda, co escudo dos Castro, Moscoso, Riobó, Leis e Vilardefrancos, pódese ler a seguinte inscrición:

AQUÍ JAÇ LORENÇO BERMÚDEZ DE CASTRO, SEÑOR DA CASA DE A PENELA E DE SU XURISDICCIÓN E SU MUGER (MARÍA DE LEIS) 1675
Esta igrexa foi construída (Martínez Barbeito, 1971: 478) por mandado de Ruy Soneira de Rioboo, nobre da casa solarega da Penela, e, como deixou escrito en testamento de 1571, nela tamén foi soterrado.
A lenda (Otero Cebral, 24) conta qeu a igrexa de Riobó e o Pozo da Forca están unidos por unha enorme viga de ouro.

17. Chans de Perrol
Desde este cume cabanés, apreciaremos as alturas dos vales de Bergantiños e Soneira. A panorámica abrangue lugares como monte Neme, Sisargas, torres de Mens, monte do Faro, pico do Castelo, illa da Tiñosa, monte Branco, O Gontón, pico de Sinde, A Penela, Riobó; ao lonxe, pico de Meda. Na outra banda dos Chans de Perrol, observaremos, no horizonte, Buño, monte Neme, Carballo e Verdillo; aos nosos pés, Valenza e Agualada.

18. Folgoso
Este nome de lugar é un fitónimo, nome de planta, que anuncia a abundancia de fieitas no entorno. Nesta aldea, a señora Nieves Rial conserva a tradición de elaboras as filloas á pedra.
19. Corte das Cabras
Na ladeira do monte de Folgoso encóntrase (Otero Cebral, 25) a Corte das Cabras, lugar lousado e de forma moi peculiar onde os pastores e cabras se resgardaban do frío e das choivas; tamén servía de acubillo para o gando que pacía salvaxe.


20. Castro de Folgoso

Encóntrase nas aforas da aldea de Folgoso, contra o precipicio que forma o Pozo da Forca. A croa é ovoidal e ten 122 m de longo e 103 m de ancho. Está defendida por un parapeto duns 7-8 m de alto. Na propia croa, levántase a capela de San Brais. Contra o Noroeste aparecen dous antecastros duns 70 m de longo e 20 m de ancho. Presenta bo estado de conservación.


21. Capela de San Brais

A capela de San Brais erixiuse no centro da acrópole do castro de Folgoso. Trátase dun claro exemplo de espazo precristián sacralizado cunha ermida e tamén coa presenza dun cruceiro que ten como plataforma un penedo. San Brais é o santo da gorxa. Coma en Baneira, unha cantiga dinos o día da súa romaxe.

Meu santo San Brais,
feito de pau de loureiro,
ten a súa romaría
o día 3 de febreiro.

A capela data do século XVIII. O presbiterio está a maior altura cá nave; no interior garda un retablo barroco. A fonte encóntrase nas proximidades da ermida. Desde o campo da ermida, óese o ruído da fervenza do pozo da Forca.

22. A Mata
Esta aldea cabanesa é coñecida por ser berce de mozos regueifeiros.

23. Meixoeiro
Na aldea do Meixoeiro pódense observar interesantes edificacións de arquitectura popular como cabazos con columnas circulares en pedra de cachotería.

24. O Rempenín
Como elemento de arquitectura tradicional, aquí encóntrase un cabanote de longa fronte que sostén a súa teitume con dúas columnas circulares de pedra.

Ruta 2. DA OUTRABANDA A CORCOESTO POR BERES

A Outrabanda, do río Anllóns, en Cabana de Bergantiños, será a saída nodal dos tres próximos itinerarios, que comparten un primeiro treito común, desde o seu inicio ata o lugar de Leas.
Neste segundo itinerario viaxaremos desde as paredes nobres do Pazo do Bosque, lugar da antiga capital municipal do concello, ata as minas auríferas de Corcoesto, explotadas xa polos romanos.
Mentres andamos camiño, veremos as cruces debuxadas na fonte de San Xoán, visitaremos un taller de artesanía da pedra, adentrarémonos na ancestral romaría de Santa Mariña do Remuíño, que se celebra alí onde o Anllóns abandona terras de Coristanco e comeza en Cabana de Bergantiños a producir enerxía eléctrica na minicentral de Corcoesto, antes de Ponte Xavarido.


1. Outrabanda

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños da Outrabanda deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas

2. Porto dos Boedos

Ás beiras do Anllóns, encóntrase o antigo porto natural dos Boedos, lugar a onde os lancheiros de Cabana viñan desparagar area para abonar as leiras. É este tamén un espazo para capturar angula.

3. O Reguengo

No entorno, este topónimo cabanés pronúnciase «O Reghenco» xa que a esta pronuncia lle afectan dous fenómenos dialectais da gheada propios desta zona occidental de Galicia. Segundo o toponimista Fernado Cabeza Quiles (1992: 302) este nome indica pertenza como territorio de realengo.


4. Aserradeiro de Lucío
Todas as ribeiras do Anllóns eran espazo para o tratamento da abundante madeira dos montes de Bergantiños, maiormente dos concellos que beiraban o río no seu último treito: Ponteceso e Cabana de Bergantiños. A madeira, en torada, cortábase en táboa ou en puntal e dispoñíase en castelos a secar. Despois, agardaba a chegada das lanchas do Anllóns para que fose transportada ó porto de cabotaxe de Corme para proseguir a súa viaxe por toda a costa peninsular española.

5. Río da Balsa

No río da Balsa, a carón da ponte, había un lavadoiro a onde viñan lavar a roupa as mulleres de Neaño. Nos prados da beira do río poñían a roupa ó clareo. Hoxe é lugar de recollida de auga municipal para abastecemento das casas. En xaneiro, durante as mareas vivas, de lúa nova, a angula chegaba ata a desembocadura do Balsa co Anllóns.

  1. Monte de Vilariño
    Chégase a el por unha pista privada de terra. En Vilariño naceu a poetisa popular María Baña Varela. Nos seus poemas canta a súa aldea de infancia (2004: 44).
    Vilariño, Vilariño,
    casa donde me criei,
    nos brazos de meus avós,
    que eran José Baña Mata
    e Andrea Varela Rei

7.Capela da Nosa Señora das Neves
Onda ela hai unha fonte de pedra coa súa pía e cano labrado en catería. O adro é triangular, a espadana está baleira de campás e a fachada presenta forma pentagonal.
Pazo do Bosque

8. O Pazo de Bosque

O Pazo do Bosque foi a finais do século XIX capital de Cabana de Bergantiños. Esta mansión foi levantada polos fidalgos Rodríguez de Arijón e os Romero (Martínez Barbeito, 1971: 129-130) )que tiñan ademais outros pazos en Bergantiños, Nemancos e Soneira. Encóntrase a carón da capela das Neves. A casa, de planta rectangular, conta con baixo e dous pisos, paredes robustas, coma unha fortaleza, con ventás troneiras para defenderse e situadas a considerable altura. A lareira aparece na primeira planta. Nun lateral do tellado érguese unha boa cheminea de sillares. No exterior, pombal e espléndido cabazo. Todo o conxunto deféndese por recinto amurallado.


9.0Casa do Concello no Bosque
A carón do Pazo do Bosque erixíase a Casa do Concello, hoxe edificio desaparecido.


10. Taberna do Bosque
A taberna do Bosque era propiedade dos pais dun gaiteiro mítico de Cabana: Manuel do Bosque, como veremos adiante. Hoxe desaparecida, estaba en pé a principios do século XX. Nela detense o protagonista da novela do sevillano José Más, A Costa da Morte. É o primeiro lugar que Aurelio Mejuto visita en Cabana de Bergantiños. José Más describe unha taberna un tanto peculiar, onde hai un letreiro no que se recomenda ós serareiros que non marchen sen pagar. Nela, o vendedor Aurelio logra colocar algunha mercancía. Leamos o texto (Mas, 180-181):

  1. O gaiteiro Manuel do Bosque
    Na Taberna do Bosque naceu o gaiteiro Manuel Figueroa, coñecido como Manuel do Bosque. El é o autor da ?Muiñeira de Cabana? que se interpreta ó longo de Galicia polos gaiteiros. O grupo Milladoiro tamén incluíu este tema no CD No confín dos verdes castros.
  2. Os Maseiros
    Unha corredoira, con rodeiras milenarias de carro labradas en pedra, que descende apegada ó muro de peche do pazo condúcenos ata Os Maseiros. É un espazo á beira do Anllóns onde se pesca angula e onde, noutro tempo, se descargaba area da enseada da Insua. Precisamente, consideramos que o nome do lugar, Os Maseiros, fai referencia aos depósitos onde se descargaba a area. Este espazo fluvial tamén foi cantado pola poetisa María Baña Varela (2004: 32).
  • Río Anllóns, que vés de lonxe,
    pasas por tantos regueiros,
    tráe-la pesquiña toda
    á baixada dos Maseiros.
  • Alí te-lo criadeiro,
    alí quedan coleando,
    ó sonido das campanas
    que en Anllóns quedan tocando.

13. Aserradeiro de Pepe do Bosque
Encontrábase a carón da estrada, nunha zona de curvas, e era mostra da puxanza da industria madeireira que había nas beiras do Anllóns. Desde o próximo lugar de Leas (Eiroa Pose) ata a desembocadura do Anllóns, había gran número de aserradoiros. Algúns deles eran estes: o de Xusto. o de Amarelle, o de Rial, o de Mourelle, o de don Juan, o da Pesqueira, o de Cousillas, o de José de Costa, o de Fabriquín do Couto, o dos Xaquíns, o de Francisco de Pailetes. A diminución do intenso labor dos aserradoiros provocou a desaparición do oficio dos lancheiros e a dos pataches. As causas de mingua dos aserradoiros foron principalmente a construcción da fábrica de aglomerados de Rus (UNEMSA) e a mellora das estradas da comarca co conseguinte transporte de madeira en camións.

14. 2,5 km
É a zona máis arriba do río a onde se viña capturar angula. Aquí, o Anllóns, abeirado por liñas de abeneiros, vólvese calmo e pausado nos prados de Cabana de Bergantiños. É esta tamén unha boa zona troiteira. Un castaño íspese de follas cada outono.

15. Taberna de Peón de Leas
Encóntrase na encrucillada de Leas que nos leva a O Esto. Esta taberna é famosa pola súa tortilla con chouriciños de pé e pola lamprea. No inverso é nomeado o seu cocido caseiro. Todo isto degustado a calor da lareira.

16. Ponte sobre o río Cundíns
Ponte que salva o río Cundíns que, poucos metros máis abaixo, desemboca, como afluente, no río Anllóns. O Cundíns é un dos afluentes cabaneses do gran río de Bergantiños. Contra á dereita da ponte, un río de lavar e un muíño. Río arriba o muíño da Bouza e O Parrocho. Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Cundíns deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

17. Artesanía en pedra
No lugar do Esto ten o seu taller de cantería o artesán e escultor Anxo Cousillas.

18. Punto de lectura do Esto
A escola unitaria do Esto, converteuse nun punto de lectura para os habitantes da parroquia. Nas aforas do edificio, unha área recreativa para descansar da lectura. Desde aquí albíscase o cume da Pena da Eirita.
Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños do Esto deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

19. Cruceiro da Parrocha
Levántase nunha antiga encrucillada de corredoiras. O seu varal é de cemento, capitel con querubíns e follas; Cristo no anverso, Virxe en actitude orante no reverso; pedestal encastrado na plataforma.

20.Campo da festa do Esto
É o espazo público para deleite comunal no día da festa do patrón. Nel érguese un cruceiro sen a figura da Virxe no reverso; sen embargo, está decorado con figuras de santos polos costados.


21.Igrexa de San Xoán do Esto
O recinto parroquial de San Xoán está delimitado polo adro. Accédese ó seu interior a través dunha entrada delimitada por unhas columnas que sosteñen dúas esferas e unha cruz de pedra moderna. Salvada esta, andamos polo cemiterio novo. No adro encóntrase unha pía bautismal. A parroquia de San Xoán do Esto (Otero Cebral, 34) foi anexa de Anllóns (Ponteceso) e pertencente ao arciprestado de Seaia; máis tarde, converteuse en parroquia de seu, tendo a Silvarredonda baixo a súa xurisdición

No Esto celébrase a festividade de San Ramón, santo que tamén cantou María Baña Varela (2004: 39)

San Ramón quedou no Esto,
que é o santo das mulleres.
Rapazas se ?tades gordas,
ide á misa se queredes.

22. O Rieiro
Lugar do Rieiro.


23. Fonte de San Xoán

Accédese a ela por un camiño de tera e a través dun prado. Esta fonte nace debaixo de dous loureiros novos e dun branco penedo. A lenda conta que cada ano, na pedra que hai encima da fonte, (Cebral) aparece unha cruz gravada; tamén, antes de saír o sol, se poden ver tres pebidas de ouro. As súas augas curan o mal do aire.

24. Beres
Casas de Beres.

25. Castro de Beres

Desde el gozamos dunha boa panorámica da contorna. Cara ao
norte, ollamos o cume do monte Neme, e cara ao oeste o monte
Faro de Brantuas. Segundo Rodríguez Casal (1975: 122) este castro
tiña un cuncheiro, coma o de San Fins do Castro e A Cidá de
Borneiro. A lenda (Casal, 1975: 122) cóntanos que nas vésperas de
San Xoán sae unha galiña negra con pitos; e tamén que os mouros
sacan as mulas a beber a unha revolta do río. En 1928, o castro de
Beres foi escavado polo enxeñeiro Adelino de Faría Rodríguez;
durante a súa actuación encontrou restos de cerámica elaborada con lousa moída. O castro de Beres tamén foi un espazo poético para Eduardo Pondal; neste recinto castrelo, Temunde, a fada do vento, logra a visión do irmanamento entre os guerreiros galegos e portugueses.
A lenda que recolleu Otero Cebral (35) di que os antepasados contan que no castro se atopaba soterrada unha relucente cadeira de ouro da que ninguén nunca soubo dar fe.

26. Teixedo
No lugar de Teixedo, encontramos unha casa con muros de sillería na que desapareceu o primitivo balcón. No murao da casa, destaca unha cruz de pedra. Abaixo, nas leiras, segundo contan os habitantes da aldea, había unha capela.

27. A Regueira
O regato da Regueira é cruzado por unha ponte e ademais é espazo para o muíño da Regueira. Non obstante, neste espazo fluvial encontramos outra das pequenas fervenzas das terras de Cabana de Bergantiños.

28. Cardezo

29. Corcoesto

En 1820, no primeiro intento de municipalización de España, Corcoesto foi nomeado concello. Trece anos despois, a capital do municipio pasaría a ser o lugar de Cabana (Cesullas). Segundo informa Pascual Madoz (tomo VI, 1845), en 1845 había dúas escolas no territorio de Cabana: unha en Cesullas e outra en Corcoesto; eran privadas, estaban sen mestres e tiñan entre ambas 42 alumnos.

30. Casa do Ferrador
A casa do Ferrador é testemuña dun oficio xa desaparecido na actualidade; non obstante, aínda se conserva, no seu xardín, o vello poldro (de madeira) para ferrar as vacas (poñerlle as ferraduras nos pés)

31. Cabazo con abellariza en Corcoesto

Na encrucillada de Corcoesto, o pináculo dun portal anúncianos unha abellariza na graneira (ou casadeira) dun cabazo. Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Corcoesto deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas. En Corcoesto (Otero Cebral, 6) levántanse moi cedo o día de San Xoán para veren bailar o sol. Na noite de San Xoán (Otero Cebral, 7), as mozas solteiras de Corcoesto poñen unha clara de
ovo nun vaso cheo de auga para así saberen que oficios van ter os
mozos que lles toquen en sorte. En Corcoesto (Otero Cebral, 12) teñen o costume de saíren todos os días pola mañá da casa botando primeiro pola porta o pé dereito. En Corcoesto (Otero Cebral, 13) evitase plantar as patacas cando a lúa está na punta; polo contrario, faise cando está menguante ou chea.

32. Taberna de Corcoesto
A taberna de Corcoesto ofrécenos descanso e conversa cos seareiros sobre as minas auríferas explotadas desde o tempo dos romanos nesta parroquia.


33. Casa dos Collazo
En Corcoesto a nobreza encárnase na Casa dos Collazo. Os seus escudos (Martínez Barbeito, 1971: 223), de emplumados elmos, presentan unha aspa acompañada de catro flores de lis, dúas caldeiras con serpes, un castelo con tres lises e unha aguia; o herdeiro do primitivo casal, Miguel Collazo, descendente de labradores, conseguiu en 1670 integrarse no Tribunal do Santo Oficio. Entroncado con este pazo estivo o poeta barroco Bernardo Antonio de Ribera y Collazo, autor do poema «La Barca máis Prodigiosa. Poema Historial de Nuestra Señora de la Barca»

34. Ponte Xiverido
Ponte Xiverido cruza o río Anllóns desde as terras de Corcoesto para coller camiño cara a Langueirón, xa en lindes do concello de Ponteceso. Aquí, o río pai de Bergantiños marca fronteira municipal. Arredor da ponte obsevamos mostras do pasado mineiro coa presenza da antiga casa da Compañía Mineira Sagasta e tamén aínda se perpetúan no tempo exemplos de explotación madeireira co funcionamento do aserradeiro de Varela Sánchez. Ademais, moi cerca da casa de Sagasta está unha das bocas de entrada da mina.

35. Minicentral
Desde Ponte Xiverido, seguindo parellos ó río, pola marxe cabanesa, chegaremos a unha minicentral levantada por un antigo alcalde de Carballo, Chinto (Jacinto Amigo Lera). A súa canle nace bastantes metros río arriba, ó lado de Santa Mariña do Remuíño. Alí, desde unha represa, nunha canle paralela ao río, condúcese a agua que despois poñerá en funcionamento as turbinas da minicentral.
Todo este treito de río, desde a represa ata ponte Xiverido é espazo troiteiro, así como de cando en vez non é raro que prenda algún reo. A 200 m da ponte podemos baixar ata outra boca de mina.

36. Boca de mina nos Picotos
Cerca dos Picotos, encontramos unha boca de misa. O seu interior está escavado en pedra.

37. Rectoral de Corcoesto
A rectoral de Corcoesto ten na actualidade un uso social como sé da Asociación de Veciños A Lareira. O conxunto das edificacións anexas da rectoral compleméntanse cun enorme cabazo de tipo Coristanco e un pombal, ambos de pedra.

38. Santa Mariña do Remuíño

O campo de Santa Mariña do Remuíño é un espazo etno-culturais máis importantes das terras de Cabana de Bergantiños. Aquí, ribeira abaixo, o río Anllóns separa os concellos de Coristanco, polas terras de Cereo, e Cabana. Contra a dereita da carballeira do Remuíño poderemos observar outra boca de mina con curva na súa entrada e á sombra de dous carballos novos. Desde esta boca de mina, un camiño da xente baixa ata as beiras do río. Neste meandro, comeza o embalse da minicentral que vimos atrás.
A carballeira do Remuíño é centenaria. Aquí celébrase cada 18 de xullo unha sonada romaría. Á sombra dos carballos érguese, observando a ermida, un particular cruceiro: anverso de corazón cravado de espadas, reverso de coroa de espiñas e unha serpe. Na fachada da capela desapareceu un sillar cunha deusa prerromana da fertilidade. Hoxe encóntrase na ábsida da parroquial de San Martiño de Cores (Ponteceso). A fonte do Remuíño data de 1896. Nas súas augas (Cebral, 107) lávanse os ubres das vacas para que desen máis leite; en tempos, tamén o facían as mulleres cando tiñan que amamantar nenos.
Por un camiño, á esquerda da capela, baixamos (200 m) ata o embalse e inicio da coanl eda minicentral. Enfronte están as terras de Langueirón (Ponteceso). (Podemos chegar ao lado contrario do embalse, a pé, desde Ponte Xiverido)

39. Pozo de Malacate
É un pozo vertical, de 100 m de profundidade, como resto do pasado de explotación aurífera. Comunica con todas as galerías e bocas de mina que acabamos de visitar. Desde o Pozo de Malacate obtemos unha boa panorámica da contorna.

40. Igrexa de San Pedro

Presenta unha fermosa estampa cos seus dous camelios enmarcando a fachada e a gran torre-campanario. No interior gárdase a imaxe de Santa Mariña, que só sobe ata O Remuíño cada 18 de xullo.

RUTA 1. DE PONTECESO DE CABANA A FREXUFRE POLA CARBALLA

Este itinerario discorre por onde Cabana é Mar, pola costa fluvial e marítima de Cabana de Bergantiños. Inicia a súa andaina no berce do gran escritor do Rexurdimento: Eduardo Pondal; alí onde o Anllóns é cororado por unha ponte de airosos arcos. Prosegue camiño da enseada da Insua, coa súa flora, fauna e actividade artesanal da carpintería de ribeira.
Trasládanos logo ás pegadas de Frai Martín Sarmiento no desaparecido mosteiro de Canduas, rodeado de casas nobres, calellas estreitas e cabazos de pés que amosan os seus pasaventos ós aires da enseada. En Canduas, onde os cesteiros debuxan caprichosas formas con varas de vimbio.
Convídanos a pasear polos areais de Cabana de Bergantiños: praia de Rebordelo, Area das Vacas, Praia de San Pedro. Lévanos polos cons onde aniñan os cormoráns e medran, en augas claras, os máis prezados percebes.
Despídenos con ramos de flores nacidas no exótico lugar de Frexufre, co seu freixo aínda en pé e o coído dos muíños, bañado, cada día de forte mar, por unha chuvia de salseiros.

  1. Casa de Eduardo Pondal

Despois de andar emigrado por América, o laxense Juan González Pondal regresaría á Terra e casaría coa moza Ángela Fernanda
Abente Chans. Despois de uns anos de matrimonio na vila de Laxe, desprázanse a Ponteceso onde erguen un pazo vilego nas beiras do
río Anllóns. Desde un peirao que constrúe nas marxes do Anllóns,
Juan González mantén intercambio comercial coas colonias americanas. En 1835, nacería o último fillo do matrimonio:

Eduardo Pondal Abente, quen co andar dos anos se convertiría no grande
autor do Rexurdimento literario galego e no autor da letra do noso Himno.
Eduardo Pondal cantou á súa casa natal con estes versos:

Eu nacín en agreste soedade,
eu nacín cabo dun agreste outeiro,
p’ronde o Anllóns, con nobre maxestade,
camiña ó seu destino derradeiro.

Como vemos neste poema, o gran bardo galego, Eduardo Pondal, naceu arrolado polas augas
do Anllóns e mirando, desde a máis tenra infancia, a través dos cristais das galerías do pazo paterno, as terras de Cabana de Bergantiños.

2. Xuncal de Ponteceso de Cabana

Situado á dereita da estrada C-431, é un lugar asequible para a observación de aves como os lavancos reais, martiños peixeiros, garzas e garcetas. Resulta curiosa a explicación deste topónimo. Chámase Ponteceso a capital do municipio lindante co noso. E a parte de noso, leva apelido, Ponteceso de Cabana, para diferencialo doutro lugar. O nome de lugar Ponteceso significa “ponte sobre o río Cessio”; polo tanto, ambas marxes son Ponteceso e para diferencialas ó lado cabanés chámaselle Ponteceso de Cabana. Por último, rescatar unha particularidade que sempre remarcaba

O crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois. El dicía que este lugar no se chamaba Ponteceso de Cabana, senónLoureiros.

3. Villa Fanny
Uns capiteis de Villa Fanny están no muro do adro da parroquial de San Pedro de Cundíns.Uns capiteis de Villa Fanny están no muro do adro da parroquial de San Pedro de Cundíns.

4. Casa de Natividad
Esta casa foi o número cinco no primeiro rexistro de vivendas do concello. Os documentos dátana como unha construción do século XVII. Ata 1930 foi carnicería. O seu primeiro apelativo era Casa dos Tisos para despois chamarseCasa dos Bastiáns. Na actualidade aínda conserva edificios anexos como a caseta da carnicería, graneira, cabazo de pés redoncos con base cónica, río de lavar con laxes de pedra e pozo empedrado polo seu interior e con sarillo para extraer a auga.

5. Casa de Monterroso
Sufriu un incendio no século XIX. Conserva elementos de arquitectura tradicional como o forno, o portal con cruz, cabanotes e cortes. O seu tellado inclúe como curiosidade uns remates típicos de cabazo.

6. Os anguleiros do Anllóns
Os habitantes de Ponteceso de Cabana foron, desde sempre, os anguleiros do Anllóns. Nas noites de inverno é frecuente ollalos coas súas luces ás beiras do río, as súas botas, o traxe de augas e o longo trueiro co que capturar este apreciado manxar. As angulas son despois prato esquisito nas tacas de Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

7. Cruceiro
Tras o valo escóndese un cruceiro moderno, anos 70

8. O Picón
Este lugar de Cabana está formado por casas de arquitectura tradicional, cos seus fornos apegados ás fachadas.

9. Monte de San Sebastián
A contorna do Monte de San Sebastián é outro lugar perfecto para a observación de aves. É recomendable visitar este espazo de marea baixa para moverse pola area e, ademais, acudir con prismáticos. Desde el, séntese o chiar das aves. Tamén o “bruar da Barra”, é dicir, o son do mar da ría da Corme e Laxe.
Nunha revolta que se adentra no esteiro aparece o Monte das Pías (57 m) e oMonte de San Sebastián (16 m) lugar onde en 1607 estaba en pé unha erida na honra deste santo. Tapado pola auga do Anllóns, o Pozo dos Caldeiros. Río abaixo, a corda montañosa do Monte Castelo, que marca os límites municipais entre Cabana e Laxe, e os tres picos do Gontón, monte cantado polo bardo Eduardo Pondal. Debaixo deles e a rentes das augas, xorden aldeas das parroquias de Cesullas e Canduas. Contra a nosa dereita, nas ladeiras do Monte Branco nace a illa dos Cagallóns, chamada así polos excrementos das aves que a habitan.

10. Os apañadores de senrada
O espazo fluvial próximo ó Monte de San Sebastián é lugar a onde acoden, de marea baixa, os pescadores para apañar a senrada (Nereis), unha pequena miñoca coa que enganarán os peixes. Para apañala proceden do seguinte modo: removen a area cunha pala de dentes, porto que esta miñoca se esconde a uns 10 cm de profundidade; unha vez collida, límpana e gárdana nun papel ou cartón para que conserve a humidade. Nalgúns treitos do río está prohibido capturar a senrada, posto que é o alimento das aves do esteiro.

11. Praia do Curro
É unha das praias fluviais do concello, a situada máis río arriba. Desde a súa apracibilidade poderemos observar todo tipo de anátidas.

12. Neaño
Ó longo da estrada Ponteceso-Laxe foi nacendo un novo núcleo de casas e establecementos de hostalería e turismo que lle outorgan modernidade a este concello. Dous modernos hoteis, restaurantes e tascas típicas obríganos a buscar pousada ou facer un alto no noso camiño. A aldea antiga, terra de ferreiros, músicos e poetisas populares encóntrase ladeira arriba. En Neaño (Otero Cebral, 14) é costume facer a procesión do Carme coas imaxes da Virxede de Santo Antón pola parte máis céntrica do lugar.


13. O músico José María Álvarez Canto

O músico José María Álvarez Canto naceu en Corme Aldea (Corme. Ponteceso) o 28/11/1905 e, despois de facerse cabanés adoptivo, faleceu en Neaño (Cesullas) o 01/05/1977.


En cada casa do lugar nativo de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, había polo menos un músico de banda e na súa casa, non ía ser menos, seguíase esa estirpe musical. Pai e fillo estaban unidos por ese vínculo desde a infancia, xa que o neno José María percorría con tan só seis anos as procesións das festas da contorna tocando un tamboriño coa Banda de Corme. Un día, con tan poucos anos e canso de tripar camiños, caeu sentado nun curral. Seu pai díxolle:«Levántate que che arreo unha patada no cu»


A música, primeiro aprendida de oído e despois coñecendo a linguaxe do solfexo, acompañouno durante toda a súa vida, mesmo no servizo militar onde sería corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme; despois, en Coristanco, dirixiu outra banda e creou unha orquestra. Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, fan mención estes versos da poetisa Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños:

Sentía ensaiar os músicos
cando iba pra Carballo:
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.


Tempo despois, mercou unha taberna-casa de comidas en Neaño e instalouse definitivamente nas terras de Cabana de Bergantiños. Traba amizade cos persoeiros locais, maiormente con crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa unión e das xuntanzas que mantiñan nunha habitación da taberna nace o Himno a San Fins do Castro, con letra de Cuíñas e música de José María.
Unha veciña súa, a poetisa María Baña Varela, levaría á literatura popular a presenza de José María cos seus músicos na romaría de Santa Margarida de Baneira (Corcoesto) con estes versos:

E estaba José María,
dirigindo na orquesta,
tocando no pasodoble,
que era a alegría da festa.


José María Álvarez foi un dos grandes referentes na Costa da Morte como músico e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e aire, compoñía a música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.
Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, nun pequeno acordeón de botóns. Despois, chegarían ás súas mans varios acordeóns piano, unhas veces mercados en Ferrol cos cartos que lle prestara súa nai, outras como agasallo da súa dona. En Neaño, unha vez abandonada a dirección de bandas de música, impartiu clases de acordeón. Recibiron as súas leccións Jacinto de Borneiro eManolo de Ovidio. Pero sobre todo, amenizaba con este instrumento tardes de baile no salón do Burreiro. Acompañábano Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ó clarinete, que o facía falar.

14. Praia da Urixeira
Río abaixo, é a segunda praia fluvial de Cabana. Conta cun acceso moi doado e pequeno aparcadoiro. De marea baixa é recomendable gozar dun paseo polas súas areas mentres o sol busca o seu ocaso. As barcas ficarán varadas na area, estrañando o balanceo inquieto nas augas. Tamén poderemos falar cos apañadores de senrada. Todos os xaneiros acoden a este lugar os membros da Sociedade Galega de Historia Natural para realizar o censo de aves da enseada da Insua.
Esta praia foi versificada por María Baña Varela (2004: 33)
Praia da Urixeira
Río abaixo, é a segunda praia fluvial de Cabana. Conta cun acceso moi doado e pequeno aparcadoiro. De marea baixa é recomendable gozar dun paseo polas súas areas mentres o sol busca o seu ocaso. As barcas ficarán varadas na area, estrañando o balanceo inquieto nas augas. Tamén poderemos falar cos apañadores de senrada. Todos os xaneiros acoden a este lugar os membros da Sociedade Galega de Historia Natural para realizar o censo de aves da enseada da Insua.
Esta praia foi versificada por María Baña Varela (2004: 33)

Neaño ten unha praia,
pasa polo Monte Blanco;
hai que vela que é bonita,
donde se bañan os pobres
no medio da xente rica

15. As aves na enseada da Insua

As aves son parte moi importante neste sistema natural. Distínguense entre as autóctonas (as sedentarias, aquelas que viven na Insua todo o ano) e as viaxeiras, aquelas que acoden a ela durante os meses de inverno, fuxindo do frío dos países do norte de Europa, do continente americano ou mesmo de Australia. Así, distintas especies de patos mariños, limícolas, ás veces pouco frecuentes por estas costas, garzas e aves de presa conforman a particular avifauna que aconsellan a visita respectuosa a este espazo natural.
Píllara papuda (Charadrius alexandrinus)
É a xoia das aves na enseada da Insua. Vive permanentemente neste esteiro, espazo privilexiado para ela dado que cada vez son menos os lugares en Galicia nos que pode aniñar, debido á forte presión dos humanos sobre os espazos naturais. Mide arredor de 15 cm. Pon os seus ovos directamente no chan, nunha pequena depresión de area, na zona das dunas.

Lavanco real (Anas platyrhynchos)
Podémolo observar de marea chea na zona do xuncal e de marea baixa nas pequenas lagoas que forman as canles da enseada e nas illas de area. Por veces, no areal, dispóñense en grupos ou en liña recta formada por centos de patos. O macho é facilmente recoñecible pola cor verde botella da súa cabeza. Encontrarémolos agrupados ou nadando en parellas. A disposición deste pato todo calmoso cara ó sol creou unha frase feita na lingua galega: cando alguén está deitado sen facer nada díxelle que “pareces un lavanco”
Garza (Ardea cinerea)
É a ave máis elengate da enseada, debido ao seu lento e maxestuoso voo, ademais da postura estática en que a podemos observar. Encontrarémola pescando peixes ou ras na zona do xuncal, atenta co seu esvelto pescozo e mergullada na auga coas súas altas patas.
Garceta (Egretta garcetta) É unha ave fácil de distinguir pola súa cor totalmente branca. As medidas son: altura, 90 cm e lonxitude 57 cm. Ten patas negras con pés e torso amarelos. O pescozo é longo e o peteiro afiado. Parenta próxima da garza, igual de esvelta, aínda que máis pequena. Voa en grupos.

Polas mañás é frecuente encontrala nas beiras do río, onda a casa de Eduardo Pondal. Con marea baixa descansa nas illas de area. Aliméntase de pequenos peixes, ras, crustáceos e insectos.

Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis)
Procura o seu alimento tanto río arriba (témolo observado preto do lugar de Anllóns) como na desembocadura. Encontrarémolo con frecuencia na lingua da Barra coas ás despregadas ao vento para secarse despois dunha sesión de pesca baixo as augas do río. É un gran mergullador, para iso os eu esqueleto óseo é mais pesado có de calquera ave. O seu voo é rápido e en liña recta, coma unha frecha, case a rentes da auga.

Gavita (Haematopus ostralegus)
Na Insua, frecuenta as zonas areentas. É unha limícola de gran tamaño (41 cm) de cor negra polo dorso e branca polo peito. O peteiro ten unha espectacular cor vermella,mentres que as patas son rosadas. En voo, apréciaselle unha longa mancha branca nas ás. Durante o inverno, algúns exemplares poden presentar un medio colar branco. Forma bandos de numerosos exemplares. Aliméntase de todo tipo de moluscos: ameixas, navallas, berberechos, mexillóns e tamén de crustáceos.

Gaivota clara (Larus artentarus)
É unha ave moi común no litoral galego. É branca con dorso e ás prateadas. As plumas remeiras son negras con manchas brancas. As patas son rosadas ou amarelas. O peteiro ten unha mancha vermella. Aniña nas zonas rochosas. Pon tres ovos nun niño feito de ramiñas e algas. Son chocados pola parella de 26 a 28 días. Os gaivotiños, pardos apencados con zonas negras, voan ás seis semanas.

Pirlo bulebule (Calidris albas)
Ten unha curiosa costume de perseguir as ondas na baixada das mareas, como podemos ver na foto. Busca o alimento en pequenos grupos. É tan confiado que nos podemos achegar a moi poucos metros del. É tridáctico, é dicir, soamente ten tres dedos en cada pata. Presenta partes superiores do corpo cincentas, mentres que ventre e peito son brancos.

16. O transporte fluvial
En 1745, Frei Martín Sarmiento fálanos dos “pataches de Laxe, Corme e Cándoas”. Isto é mostra da importancia que o transporte fluvial cobrou poloAnllóns cando menos durante dous séculos. Primeiro a vela, despois a motor, navegaban por estas augas as “lanchas do Anllóns”. Eran embarcacións que, río arriba, subían area, sal e tella. Río abaixo e ata o porto de Corme e Laxe, transportaban madeira de Bergantiños, que cargaban previamente nos abundantes aserradeiros que se esparexían polas marxes do río.

17. As Revoltas
Neste entorno, encóntrase a capital administrativa do concello de Cabana de Bergantiños, despois de percorrer desde a creación dos concellos os lugares de Cabana, O Bosque e Neaño. Encontramos a Casa do Concello, o Colexio de Primaria e Secundaria As Revoltas, o Pavillón
Polideportivo e Piscina Municipal, o Centro de Saúde.

18. O Pendón
Pequena praia fluvial na que andando século XX se construían todo tipo de embarcacións, sobre todo de cabotaxe. A máis importante carpintería de ribeira era a de Julián Tedín, da que aínda quedan restos das súas construcións. O Pendón tamén é base do Club Náutico de Cabana de Bergantiños e lugar de pescadores de robaliza.

19. Casa do Concello na II República

Duranteo século XIX e primeras décadas do XXnon existían Casas do Concello, senón que a xestión municipal (mesmo as propias votacións), se realizaban desde a casa do alcalde. Durante aII República, o alcalde Alejo Varela Centenolevantou estas dependencias municipais que nunca chegaron a cumprir a finalidade para a que foron construídas. Cumpría así unha pequena vinganza de levar o edificio municipal para territorio da parroquia de Canduas, roubándollo á de Cesullas.

20. A Carballa

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños da Carballa deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

21.Os Foucellas na Telleira
Durante a época de posguerra, na Telleira ocorreron uns feitos entre a guerrilla antifranquista
(comunmente chamados Os Foucellas) e a Garda Civil. En 1943,Os Foucellas cometen un triple asasinato nun mesmo día en (Cardezo), Brantuas (Ponteceso) e A Telleira (Canduas). En Cardezo e Brantuas matan a persoas da familia Baneira. Estes asasinatos provocaron un amplo despregamento da Garda Civil. Establecéronse controis nas estradas como a da Graña a Ponteceso. Detéñense cómplices e na Telleira é incendiada a casa/bar dun encubridor.

22. José Mas na Telleira
Aurelio Mejuto, o protagonista da novela A Cosa da Morte do escritor sevillano José Mas, tras aparecer polo “paraíso” do Bosque desprázase á Telleira, que é descrita (Mas, 181) coma se dunha pintura se tratase: “Na Telleira, despois de dúas horas de marcha… fantasiosa”
Na Telleira, Aurelio detense nunha excelente casa de comidas: a Casa de Arcadio. O seu propietario, gran cociñeiro, despois de vivir arriscadas experiencias asentou no lugar e fundou esta taberna (Mas, 182): “Na mesma estrada está a casa de Arcadio, famoso entre a xente mariñeira polas comidas que servía… submarinos alemáns”
O comedor da Casa de Arcadio era atendido polas dúas fillas que parecían nacidas da natureza na que se criaron (Mas, 182): “Servían as fillas de Arcadio… eran as súas voces”
A Casa de Arcadio era frecuentada polos patróns das embarcacións de cabotaxe que visitaban a Insua (Mas, ): “Arredor dunha mesa longa e basta, e sentados en banquetas, había alí varios patróns de veleiros”
Arcadio e os patróns mantiñan conversas sobre as mulleres de Corme que ían visitar os seus maridos a portos afastados (Mas, 183):

“-¿Acórdaste aquela tarde cando chegamos a Vilagarcía e nos encontramos no porto coa muller que fora a pé desde Corme?

  • Si, lémbrome. El estaba en terra mercado unhas cousas e ti preguntácheslle a ela: «Oes, Ampariño. ¿Pasa algo na túa casa? ¿A que vés de tan lonxe?» E contestouche con estas palabras: «Veño vixiar o marido e de paso a refrescar a co…»”
    A comida que despachaban todos os seareiros era un caldo de grelos con febras (Mas, 183): “todos os comensais ían engulindo o rico caldo con grelos e con illas flotantes de saborosas febras”.
    Mentres se comía, eran comúns as conversas mofentas e de anécdotas de todas as vilas da costa. Non obstante, facíase especial fincapé no sacrificio das mulleres de Corme á hora de vixiar os seus maridos, que mesmo chegaban elas nese acoso a portos tan distantes como o de Bilbao (Mas,
    183): “Nestas conversas… que follaxe”.
    Esa actitude desconfiante das mulleres era xustificada posto que os mariñeiros de cabotaxe facían certa a frase de “muller en cada porto” (Mas, 183): “Comprendíase o de vixiar o marido… ou descarga do veleiro”.
    Arcadio, o dono da casa de comidas, recordaba aqueles tempos no que os mariñeiros de Corme nadaban na abundancia (Mas, 183-184): “¡Que tempos aqueles! “exclamou… cos cartos”.

23. Pazo da Casanova
A Casanova de Nantón foi fundada (Martínez Barbeito, 1986: 420-422) polo capitán Francisco Rodríguez de Gondomil. A casa, de tres corpos, posúe patín e corredor cuberto. No portalón de entrada podemos ver os escudos nos que aparece as armas dos Pardiñas e Villardefrancos, Figueroa, Rodríguez de Arijón, Moscoso e Caamaño. Na actualidade, pertence a unha familia de labradores.

24. Elisa Mosquera Tedín
Natural deste lugar é a escritora Elisa Mosquera Tedín. É autora dunha noveliña infantil que publicou en Ediciós do Castro baixo o título de Barullo. Está ambientada neste entorno e serve para coñecer, a través da mirada dun neno en idade escolar, estas ribeiras do Anllóns contra mediados do século XX.

25. Pedracuca
En Pedra Cuca, no tempo de San Xoán (Otero Cebral, 5), os labregos bendecían cunha póla de oliveira e auga bendita as súas fincas, á vez que pronunciaban as palabras: «A bendición de Deus pai, e do fillo e do Espírito Santo nos cubra cos seu manto». Na casa de Miraflores o mal de aires (Otero Cebral, 11) sacábase afumando o doente con herbas de San Xoán e un dente de allo tronzado e posto en forma de cruz sobre as herbas; o adoecido tiña que tomar tres tragos de fume, afumar a súa roupa e a dos que vivían con el.
Respecto dos usos da cocción do pan, Otero Cebral (7) recolleu o seguinte uso en Pedraca: «No lugar de Pedracuca amornaban a auga da fonte para faceren o fermento. Este presa de fariña mesturada con auga morna remexíana nunha tarteiriña de barro cunha culler e logo empregaríase para amasar. Dese xeito, remozábase o fermento que logo se ía empregar para o levedo da broa na artesa. A nai, cando facía a cocción, dicíalle ao seu fillo que estaba reclamando a choros e berros.
-Calai, meu filliño, que che hei de facer un freixó.
Unha vez levedada a masa, a nai collía unha tixola, púñaa á lareira e nela botaba uns rixóns e logo sobre deles masa de broa. Este sería o freixó»

En Pedracuca, Otero Cebral (33) recolleu estes cantares populares que falan de oficios tradicionais en Cabana de Bergantiños:

Terra de moitos ferreiros,
lancheiros moitos había,
zapateiros outros tantos,
cada un na súa profesía.

Traballaban noite e día,
xente dura e forte;
aínda queda algún deles
que estas cousas recorde.

Naquel entón
facían moitos traballos;
carreteiros dos montes
baixaban moitos carballos.

Carros con bos bois
andaban polos camiños,
carrexando a pedra
para a casa dos veciños.

Despois de tanto traballo,
tanto carro, tanta forxa,
xuntábanse na taberna
para refrescar a súa gorxa.

Alí bebían uns bos viños
e xogaban unha partida,
e dispoñían os traballos
para facer no outro día.

Bois ó carro á mañá,
ferro ó lume a cantar,
os lancheiros ó seu remo,
todo o mundo a traballar.

Así era a nosa terra
corenta anos atrás.
Traballar noite e día
para comer un par de redes.

Aqueles que traballaban
cartos sempre xuntaban,
pero se querían zapatos novos,
os cartos non lles chegaban.

E así era a vida
dos nosos antepasados;
aínda que os recordemos,
temos que olvidalos.

E buscar novas ideas
coa xente de hoxe en día;
pois temos que modernizarnos
e non traballar noite e día.

Ferreiros e lancheiros,
zapateiros e serradores.

26. Rego de Ponte Paíño
A carón da ponte que cruza o rego de Ponte Paíño observamos unha pedra de lavar a roupa. Contra a dereita, un camiño levaranos a un entorno de muíños coñecidos con estes nomes: o muíño do Cubo e máis adiante o muíño do Pino.
Casa de Miraflores
Chégase a esta casa-pazo por unha antiga corredoira onde se botaba toxo a podrecer para facer esterco. Contando desde a actualidade (2005), esta casa sobrepasa os 250 anos de antiguidade. Segundo a memoria dos seus actuais habitantes, dise que foi levantada por un cura que lla deixou en herdo a unha filla. As pedras que sobresaen da fachada son as contas de días de xornal a pagar polo propietario aos canteiros. O escudo foi subido de lugar cando se abriu unha porta; nesta operación, o propietario da casa queriao tirar, pero o crego de Cesullas Saturnino Cuíñas Lois rogoulle encarecidamente que non se defixese del. No interior, as dúas ventás da dereita posúen parladoiro para ollar a ría sentados tras os cristais. Na cheminea, actual, lese unha inscrición coa súa data de construcción: “Pedra Cuca 1952”. Cóntase que a Garda Civil, cando apresaba algúen, o tiña aquí retido. Como edificacións anexos a esta casa, destacan o cabazo de pés e o cabanote. É propiedade privada.


27. O Esqueiro
Na aldea do Esqueiro aínda se conservan as vellas casas con apelativos do lugar. «Lugar do Esqueiro». A fachada da vivenda que as ten era unha antiga taberna.
O Buzaco
A pequena aldea do Buzaco está formada por casas de labranza con cabanotes, eiras redondas e cabazos. Salienta un cabazo de pés datado en 1895. O Buzaco nace a cabalo de dúas parroquias cabanesas: Cesullas e Canduas. O seu emprazamento foi fonte da seguinte historia acontecida na realidade que titulamos (Varela Varela, 1999: 23) “O morto de dúas parroquias”:

28. Rego de Ponte Paíño
A carón da ponte que cruza o rego de Ponte Paíño observamos unha pedra de lavar a roupa. Contra a dereita, un camiño levaranos a un entorno de muíños coñecidos con estes nomes: o muíño do Cubo e máis adiante o muíño do Pino.
Casa de Miraflores
Chégase a esta casa-pazo por unha antiga corredoira onde se botaba toxo a podrecer para facer esterco. Contando desde a actualidade (2005), esta casa sobrepasa os 250 anos de antiguidade. Segundo a memoria dos seus actuais habitantes, dise que foi levantada por un cura que lla deixou en herdo a unha filla. As pedras que sobresaen da fachada son as contas de días de xornal a pagar polo propietario aos canteiros. O escudo foi subido de lugar cando se abriu unha porta; nesta operación, o propietario da casa queriao tirar, pero o crego de Cesullas Saturnino Cuíñas Lois rogoulle encarecidamente que non se defixese del. No interior, as dúas ventás da dereita posúen parladoiro para ollar a ría sentados tras os cristais. Na cheminea, actual, lese unha inscrición coa súa data de construcción: “Pedra Cuca 1952”. Cóntase que a Garda Civil, cando apresaba algúen, o tiña aquí retido. Como edificacións anexos a esta casa, destacan o cabazo de pés e o cabanote. É propiedade privada.


29. O Esqueiro
Na aldea do Esqueiro aínda se conservan as vellas casas con apelativos do lugar. «Lugar do Esqueiro». A fachada da vivenda que as ten era unha antiga taberna.


30. O Buzaco
A pequena aldea do Buzaco está formada por casas de labranza con cabanotes, eiras redondas e cabazos. Salienta un cabazo de pés datado en 1895. O Buzaco nace a cabalo de dúas parroquias cabanesas: Cesullas e Canduas. O seu emprazamento foi fonte da seguinte historia acontecida na realidade que titulamos (Varela Varela, 1999: 23) “O morto de dúas parroquias”:

Unha casa do Buzaco está partida á metade pola liña divisoria das dúas parroquias. O primeiro defunto da vivenda foi motivo de discordia entre os curas de Canduas e Cesullas. Ambos viñérono buscar para enterralo, pero non se poñían de acordo. Entón, o cura de Cesullas dixo: «O finado ten que saír pola porta principal. Se che pertence a ti, lévalo; senón, lévoo eu». Como a porta principal estaba en terras de Cesullas, soterrouse no cemiterio de Santo Estevo?.
Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños do Buzaco deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

31. Sinde
Aldea que se ergue ó abrigo do Pico de Sinde, lugar a onde os lugareños levaban os seus defuntos antes de morrer. Na ladeira do monte, unha antiga casa de carpinteiro que se descubre polo seu balcón-corredor de madeira.
Otero Cebral (49) recolleu en Sinde esta tradición que se realizaba cos mortos do lugar:
“Mentáronnos os paisanos que no lugar de Sinde, en Canduas, se veu transmitindo de forma xeracional un vello costume relacionado coa morte e que mesmo nos amosa un salientado carácter exotérico. Os nosos devanceiros cando tiñan un enfermo agoniante no lar, quitábano da casa e levábano ao curuto do castro para que atopara alí a súa morte. Logo, traían o cadáver para a casa e xa despois metíano en terra santa. Outras veces, levábano xa de morto ata o mesmo castro para que dese xeito atopara o antes posible o seu imperezo descanso. Xesús Taboada Chivite méntanos que estes costumes teñen raigames de crenzas no máis alá e explica este proceso como un feitío que xa na cultura castrexa e noutras tiña o valor de que as alturas sacras eran a vía de contacto máis próxima entre os deuses e as almas”.


32. Castro de Sinde
O castro de Sinde, contra a ladeira do monte. Hoxe está desfeito polas tarefas agrícolas. Non obstante, aínda se perciben as dimensións de antano. Conta cunha croa e dous antecastros que vixían o vello camiño, hoxe estrada Ponteceso a Laxe. A súa lenda conta que nel hai unha fonte que vai dar ó lugar de San Pedro (aldea e praia da costa cabanesa). Contra o lado W (o castro de embaixo), a lenda di que os mouros enterraron un tesouro tan fondo que ninguén pode ir escavalo.

33. Capela de Sinde

Foi levantada durante a posguerra (anos 40 do século pasado) por mandato do párroco de Canduas Manuel Costa Verdía. Hoxe encóntrase semiderruída, aínda que conserva o seu arco ovixal e pinturas nas bóvedas do altar. Os rapaces do lugar coñécena co nome de «Roma Chica».

34. A Efixie de Ouro do Batilleiro
No Batilleiro, lugar de Sinde en Canduas, Otero Cebral (52) recolleu a lenda da Efixie de Ouro:
“No Batilleiro, lugar de Sinde, en Canduas, apousan uns montículos de terra que amurallan en redondo o monte e por iso a este monte do lugar se lle chama «Monte Redondo». Nel están colocadas unhas pedras qeu parece coma se foran dun dolmen. Así é como nós vemos desnde O Batilleiro o castro de Sinde. Nos devezos doutras xeracións andaba o comento enre os do lugar de que no chan do devandito lugar se achaba soterrada e ilocalizable unha fermosa efixie de ouro macizo. No lugar aínda se fala cun certo aquel, pero mentres tanto todo segue igual no céltico Batilleiro”.

35. Estaleiro Roseva
É o único estaleiro de Cabana de Bergantiños no que se alterna a producción de embarcacións artesanais de madeira e de casco de ferro.

36. Carpintería de ribeira O Tecelán
Encóntrase no Lodeiro, antiga zona de aserradeiros. Na marea baixa, tamén se ven pescadores co
«Cavaduiro» ou forquita na procura de senrada. Mergulladas na area sobresaen cabezas de cadernas de embarcacións putrefactas.

37. Hermosinda de Tabuído
Hermosinda Engracia Varela Lema naceu no lugar de Tabuído (Canduas) no ano 1914 e morreu na súa casa natal o 26.02.1989. Naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a casa natal todo eran propiedades de seu. Ademais, a facenda constituíana vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, entregouse como dote unha parella de bois para Portugal. Polo tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible ás beiras onde o Anllóns rende alentos: Tabuído.
Hermosinda de Tabuído era unha muller moi relixiosa. Nunca perdía misa, mesmo deixaba plantado calquera traballo na agra para acudir puntualmente á igrexa. Este trazo da súa personalidade verase plasmado despois na obra poética onde figuras como a Virxe son cantadas en varios poemas, onde a chegada dun novo cura á parroquia é celebrado con versos ou onde unha excursión á Virxe de Fátima en Portugal é recordada cunha boa presa de coplas.
Natural dunha terra de importante tradición poética popular e instruída nunha escola do rural, Hermosinda de Tabuído xa creaba coplas desde moza. Tanto lle compoñía poemas a unha veciña como lle enchía follas de versos ós rapaces que acudían a ela para levalos ó colexio. O seu xenro tampouco escapou á ollada poética. A construción das escolas das Revoltas pasou pola súa pluma. E esa forza e ánimo poético estivo vivo ata o día do seu pasamento.
Xunto con persoas como María Baña Varela, Hermosinda Varela Lema é claro exemplo de pervivencia dunha literatura oral e popular nas aldeas de Galicia. Como mostra, sirvan estes versos inéditos nos que poetiza a historia da súa parroquia. Orixinal maneira de contar e cantar as raiceiras nativas.

Historia de Canduas

Vouvos contar unha historia,
aquí con poucas palabras:
que antigamente era
a nosa parroquia de Canduas.

Había un convento de monxas
disque no lugar de San Pedro.
Eu isto xa non o vin,
pro díxomo meu abuelo.

Despois marcharon dalí,
eu non sei pra que lugar;
disque lle ían facer guerra
os mariñeiros do mar.

E despois aquí en Canduas,
segundo algún vello dixo,
era un convento de frailes,
chamábase San Martiño.

Os frailes de aquí marcharon
e non sei para que sitio;
así lle quedou o nome:
parroquia de San Martiño.

Esta historia é pequena,
que ten moi poucas palabras.
A parroquia de Borneiro
disque era anexo de Canduas.

Estas cousas de tan vello
saberano dous ou tres,
que tamén era de Canduas
o lugar de Valarés.

Unha vez viñan cun morto
a Canduas a enterrar,
como non había ponte,
na Barra caeu ó mar.

Ó pasarlle esta avería,
por se morrería outro,
ordenaron que o lugar
fora prá parroquia do Couto.

Antes Canduas era pequeno,
segundo dixo un estudante,
pro como todo aumentou,
hoxe é unha parroquia grande.

Esta é unha historia pequena
das cousas da antigüidade,
e eu se soupera máis,
dicíavola de verdade.

38. Carpintería de ribeira O Valadiño
Consérvase aínda como o modelo das típicas carpinterías de ribeira nas beiras do Anllóns co seu galpón de madeira e varadeiro de madeira para realizar as botaduras de embarcacións. Desde ela gózase dunha boa vista da Barra, pouso de aves, e do monte Branco, que parece tocarse coas mans.

39. Punta Tabuído
Punta Tabuído marca a entrada de auga na enseada da Insua. Aquí, co romper das ondas da ría de Corme e Laxe, nace o «Bruar da Barra». Desde ela, de dereita á esquerda, a nosa ollada abranque de preto a canle de entrada no esteiro, o monte Branco, a illa da Tiñosa, practicable en marea baixa, a praia de Valarés, o monte da Facha e, ó lonxe, a vila mariñeira de Corme.
Desde punta Tabuído, con marea baixa, podemos achegarnos a pé pola area ata O Valadiño.
Punta Tabuído fálanos de historias de afogados, de naufraxios das lanchas do Anllóns que, cargadas de madeira, tella ou sal, intentaban entrar e saír por esta perigosa bocana en días de mal tempo. Os puntais de madeira levábanse para as minas asturianas; a madeira, canteada, transportábase para o sur da Península, maiormente para Huelva.

40. Naufraxios
O profesor Xosé Baña Heim (1980: 23-24) tamén nos recorda a historia de veleiros naufragados como a do El Compostelano:
“Día de gran surada con refachos de travesía. Un barco no porto de Corme, por mor do temporal, ten que ser abandonado pola súa tripulación que, apresuradamente, en botes, chega ó peirao. O barco rompe amarras e queda ó pairo con un só ser a bordo: o gato. Esquiva os farallóns da Barra (illa da Tiñosa e punta Tabuído), entra en Canduas e, río Anllóns arriba, chega indemne á Telleira. A xente do contorno, que observa a «perfecta manobra» pregunta: «¿Quen goberna este barco?» A verdade é que El Compostelano non foi teledirixido. Teremos que pensar no Micifuz, naquel que, ó verse só a bordo, dixo para si: «¡Para mariñeiros, nós…!»”

41. Cruceiro de Piquite

A cruz de pedra que aparece en punta Tabuído chámase o cruceiro de Piquite. Foi levantada no lugar trala morte neste espazo duns pescadores de liña.
Da Piquita, realiza Otero Cebral 820) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:

“A Piquita, a insólita e mesmo entristecina amiga das estrelas e do medo do mar, visitada amiga da sospeita e do fenezo que non ficas nese teu remouso e reclamo.”

42. Praia das Maseiras
Chégase a ela por un vello camiño de pescadores. É un pequeno areal totalmente virxe, cunha fonte e que se cubre de aguas durante as mareas vivas. Os pescadores de barbadas teñen aquí as súas postiñas. Desde ela e o litoral escarpado cabanés ollamos Valarés, Corme, o cabo Roncudo co seu faro e a rompente da illa do Roncudo na que, segundo crenza local, se encontran os mellores percebes do mundo.

42. Praia das Vacas
Pequeno areal que, de marea baixa, comunica coa praia das Maseiras. Debaixo do areal escóndese un coído de pedra que, en ocasións, a marea deixa a descuberto. A ela verte un pequeno regato que descende por unha canle onde en tempos pacían as vacas, de aí o nome desta praia. Con marea baixa, podémonos adentrar na auga da ría máis de cen metros sen nos cubrir.
Da Area das Vacas, realiza Otero Cebral (19) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
“A Area das Vacas, encurutado e cimo rochedo que fas afondar a túa musa solarega, a túa harmonía queda e bruideira, a túa amiga de soidade da lúa e da tenrura da alba que xace na fondura mesma da beleza.”


43. Punta Padrón
Cabo cabanés engalanado por un cruceiro de varal octogonal que emerxe dunha das pías do laxedo. É excelente lugar para ver as dúas illas da ría de Corme e Laxe: a Tiñosa, na desembocadura do Anllóns e ó pé do monte Branco, e a illa da Estrela, a carón das casas mariñeiras de Corme. É tamén espazo no que botar unha ollada atrás e observar as dúas praias que acabamos de deixar na nosa viaxe: a praia das Maseiras e a das Vacas.

44. Furna da Escanavada
Ó longo da ribeira cabanesa encóntrase a solitaria furna da Escanavada. É un precipicio de máis de 50 metros. Só se pode chegar a ela andando polas pedras da ribeira ou por mar, con marea baixa, en bote.
Desta lendaria furna cóntanse moitas historias. Así, a principios do século XX, unha cabanesa, que estaba apañando toxo, levou o seu meniño no carro; o carriño esvarou pola furna embaixo e ela, intentando salvalo, caeu tamén polo precipicio. Ademais, dise que durante a Guerra Civil española, se escondían aquí os perseguidos (de igual maneira que o facían no monte Pindo de Carnota). A lenda da furna relátanos que a súa profundidade é tal que se pode chegar ata o «castro» andando.

Desta furna, realiza Otero Cebral (20) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
“A Furna Misteriosa, cicais ese vivo encanto que para podelo coñecer de cheo se haxa que meter nese seu misterio ou tal vez renaza como algo inesperado ese noso debezo de te desenmergullar; pero ti, furna, sexa cal sexa o desvelo que se che faga, serás igual.”


45. A furna dos Bólos
É unha pequena praia que, de marea baixa, descubre un coído. Excelente lugar para apañar ourizos.

46. A Insuela
Nela podemos encontrar outra cruz de afogados, nesta ocasión caleada.

47. A Mundiña
Ribeira afora, A Mundiña é a mellor punta percebeira de Cabana de Bergantiños. Dela cóntase a seguinte historia. Dise que houbo quen quixo facerse dono (privatizar) esta punta percebeira; na disputa, o crego Saturnino Cuíña púxose de parte do pobo, saíndo este vencedor.


48.Camiño francés por Canduas
Por Canduas (Ferreira, 1988: 139) pasaba o «Camiño francés», procedente de Malpica e que seguía polas terra de Laxe. En Canduas (Otero Cebral, 6) botan herbas arredor das casas o día de San Xoán para que non entren malos espíritos nos fogares.
No lugar da Ribeira, celebrouse, en tempo de entroido, o enterro do cangrexo. Consistía (Otero Cebral, 8) en ir andando de recú ata chegar ata as augas do Anllóns; unha vez alí, tirábase ao río un cangrexo vivo e un home, disfrazado de vello, recitaba as oracións correspondentes.
En Canduas (Otero Cebral, 16) hai costume e non comer as cousas ao dereito da tixola, pois os vivos teñen aínda a crenza e a experiencia de que son propensas a sentaren mal. Ademais (Otero Cebral, 16) cada vez que se comen filloas quentes da tixola, seguen o uso dos seus antepasados, de non beberen auga nin tampouco viño a canda elas.

49. Mosteiro benedictino de Canduas

Sutuado nun outeiro entre Laxe e Canduas, houbo un mosteiro benedictino (Lema Suárez, 1998: 74-75). Primeiro de monxas (século IX) e despois de monxes da mesma orde. Posiblemente fose dúplice nos primeiros tempos. Pasou a mans varonís en tempos do arcebispo don Lope de Mendoza. Segundo conta o Padre Yepes na súa Crónica general de San Benito «la hazienda no andava bien tratada en manos de mujeres». O priorato desta freguesía substituíu ó antigo mosteiro, incorporándose a San Martiño Pinario de Santiago en 1436, sendo aprobada a decisión polo papa Uxío IX en 1442. O mosteiro, pese a que contaba coa protección dos reis de Castela, Juan I e Juan II, no primeiro terzo do século XV subriu abusos dos nobres galegos. Nos abusos cometidos por Arias Pardo de Cela e Joán Becerra de Val de Veiga, alguén chegou a
«apalear al abad y ajar una sobrina suya»

50. Sarmiento e Canduas
Durante a súa viaxe por Galicia, no verán de 1745, hospedouse durante unha noite no mosteiro benedictino de Canduas o ilustrado galego Frei Martín Sarmiento. No seu caderno de viaxe
(Sarmiento, 2001: 94-95) recolleu as seguintes notas:
“Cándoas, outra légoa. Priorado noso. Noite. En Candoas no plano da escada hai unha pedra e esta inscrición: «HIC TUMULATUS MANET SUB ERA D. CXIII». Hic tumulatus manet sub era D. CXIII ou tal vez era 113 suplindo mil. Pero non se sabe quen é o que estaba enterrado onde apareceu esta pedra. Esta tróuxose non hai moito desde a igrexa de San Xoán de Borneiro, a que se compuxo ao tempo que se fixo a casa de Cándoas, no tempo do prior Frei Mauro Bázquez. A igrexa e couto de Borneiro foran da orde, segundo lin en pergameos en Moraime; e así é crible que Borneiro fora mosteiro e antigo. Está a unha legua de Cándoas.
Aldeas de Cándoas
Cándoas. Sinde. Ures, Tabuído. San Pedro. Freixufre. Aguarei. Cabo di Area. Rancodoiro.
A ría de Cándoas é boa; terá de longo desde a ponte até a barra, legua e media. A barra principal é a que ten ao norte o lugar de Corme, e ao sur o de Laxe, que como cabo correspondente ten ao Insua e o do lado de Corme é o cabo de Turnis ou o Roncudo. E os cabos máis dentro da ría son: o Padrón, o porto do Cavalo, o da parte de Cándoas, e Osmo, o da parte de Corme.
O sábado 14 saín de Candoas para Moraime por Ozón a Lourido.”

Vemos, pois, como o grande ilustrado galego, Frei Martín Sarmiento, ten unha dobre conexión con Cabana de Bergantiños. A primeira foi esa estancia no mosteiro de Canduas. A segunda, e consecuencia da primeira, a inclusión da longa cita anterior no seu libro Viaxe a Galicia (1745). Podemos sistematizar a información que recolleu Sarmiento (94-95) nos seguintes puntos:

  1. Fálanos da tradición de embarcacións de transporte de cabotaxe construídas na enseada da Insua. Exprésanos que ata Ponteceso chegaban “pataches da ría de Laxe, Corme e Cándoas.”
  2. Cita a freguesía de “San Estebo de Cesullas.”
  3. Informa que o lugar de Sinde pertence á parroquia de Canduas: “Sinde de Cándoas.”
  4. Conta a distancia que tivo que camiñar desde Sinde a Canduas: “Cándoas, outra legua.”
  5. Expresa a orde monástica que rexía o mosteiro de Canduas: “Priorado noso”; polo tanto, bieito.
  6. Indica o tempo que estivo no mosteiro: “Noite.”
  7. Describe, con todo detalle, unha pedra con inscrición: “En Cándoas no plano da escada hai unha pedra e esta inscrición HIC TUMULATUS MANET SUB ERA D. CXIII Hic tumulatus manet sub era D. CXIII ou tal vez sub era 113 suplindo mil. Pero non se sabe que é o que estaba enterrado onde apareceu esta pedra. Esta tróuxose hon hai moito tempo desde a igrexa de San Xoán de Borneiro.”
  8. Emparella os tempos de construción da igrexa de San Xoán de Borneiro e o do mosteiro de Canduas: “igrexa de San Xoán de Borneiro, a que se compuxo ao tempo que se fixo a casa de Cándoas.”
  9. Escribe o nome do prior fundador do mosteiro de Canduas: “Casa de Cándoas, no tempo do prior Frei Mauro Bázquez.”
  10. Descubre que a igrexa e mosteiro de Borneiro foran da orde dos bieitos: “A igrexa e o couto de Borneiro foran da orde, segundo lin en pergameos en Moraime; e así é crible que Borneiro fose mosteiro e antigo.”
  11. Informa da distancia de ambos espazos parroquiais: “Está a unha legua de Cándoas.”
  12. Compila os nomes das aldeas que conforman a freguesía de Canduas: “Aldeas de Cándoas. Cándoas, Sinde, Ures, Tabuído, San Pedro, Freixufre, Aguarei (sic), Cabo di Area (sic), Rancodoiro
    (sic).”
  13. Fálanos da condicións e dimensións da ría de Corme e Laxe que el lle chama ría de Cándoas: “A ría de Cándoas é boa; terá de longo desde a ponte até a barra legua e media.”
  14. Cando describe os lindes e accidentes xeográficos da ría de Corme e Laxe (Cándoas) confunde a Barra do Anllóns, a lingua de area que fecha a enseada da Insua, coas augas do mar da ría: “A barra principal é a que ten ao norte o lugar de Corme, e ao sur o de Laxe, que como cabo correspondente ten ao Insua e o do lado de Corme é o cabo Turnis ou o Roncudo. E os cabos máis dentro da ría son: o Padrón, o porto do Cavalo (sic), o da parte de Cándoas, e Osmo, o da parte de Corme.”
  15. Por último, informa da súa data de partida: “O sábado 14 saín de Cándoas para Moraime por Ozón a Lourido.”

51. José Mas en Canduas

Tras pasar pola Telleira e collendo camiño de Laxe, Aurelio Mejuto, xunto con Luís, o chocolateiro, detense en Canduas. Para nunha tenda que beirea a estrada da Telleira a Laxe. No tenducho, o chocolateiro coloca o seu produto e Aurelio tamén (Mas, 188-189): “Co seu permiso. Hei de entrar… e xa un pouco afastados do tenducho.”

Despois de Canduas sorpréndeos unha tormenta. Nese momento, o chocolateiro cita o dolmen de Dombate (Mas, 190): “¡Se o dolmen de Dombate estivese máis cerca, alí nos abrigaríanos.”

52. Igrexa de San Martiño de Canduas

Erixiuse arredor dun núcleo de casas. A súa orientación (Lema Suárez, 1998: 75-79) é distinta á tradicional, xa que mira cara ó norte. A nave e a capela lateral leste están cubertas por unha bóveda de canón lixeiramente apuntada; a capela leste cóbrese con falsas bóvedas de crucería.
A orixinalidade desta igrexa (Lema Suárez, 1998:75-79) preséntase na fachada: pentagonal, construída case integramente polas doelas do hórreo de pedra do antigo mosteiro. Na súa vertical, a porta principal, un pseudo-rosetón circular e a espadana. Nas fases construtivas da igrexa interveu, de forma esaxerada, o párroco Manuel Costa: en 1928 investiu 3.030 pesetas; as inquedanzas para estas reformas eran darlle emprego, nas obras de cantería e albanelería, aos mendigos e desocupados que tanto abundaban por eses anos.

53. Monolito da fachada
Á beira da fachada, érguese un monolito, levantado por mandato do párroco Manuel Costa Verdía, no que aparecen inscritas as iniciais F.C.R. y M. Estas son as siglas de Fe Católica, Religión y Moral.

54. Cemiterio de cantería
Canduas presenta un interesante cemiterio de pedra no que algúns panteóns presentan unha construción escalonada.
Rueiro medieval

55. Rueiro medieval

Nas paredes do adro, á beira do camiño, obsérvase unha pía, á que chega a agua a través da antiga canle do mosteiro. Onda a pía, un precioso rueiro que nos recorda á Canduas medieval, coas súas estreitas calellas e casas de pedra.
Cruceiro dos Romero

56. Cruceiro dos Romero
O cruceiro dos Romero, tamén coñecido como o cruceiro da praza, encóntrase nunha encrucillada do lugar de Canduas, preto da igrexa. Destaca polo seu capitel esférico decorado con follas. No pedestal leva esta inscrición: «Dela casa de los Romero

57. Casa de Collazo
Levántase ó lado do cruceiro dos Romero. Enriba do lintel da porta principal, aperce un semi-escudo coa inscrición «LA EDIFICÓ J.C.C. EN EL AÑO 1887» As siglas J.C.C. correspóndese co nome José Collazo Campos. Fronte a esta casa, había un lavadoiro de pedra.


58. Casa dos Romero
Coñécese co nome da Casa do Vinculeiro. Edificio de planta rectangular e de traballada cornixa de pedra. Son dúas vivendas apegadas que comparten medianeira. O de arriba, habitado, posúe un escudo oval encadrado por sillares; as divisas dos paarentescos da familia son dos Moscoso, Rodríguez de Arijón, Caamaño e Pardiñas Villardefrancos. O edificio de abaixo, cunha data no lintel da porta 1660 é usado hoxe como corte. Na árbore xenealóxica da Casa de Romero destacan (Martínez Barbeito, 1971: 158) os capitáns Martín Romero de Caamaño e Andrés Romero, que pelexaron na guerra de Portugal.


59. Casa do Xoano
Encóntrase nun desvío entre a Casa do Collazo e a de Romero. Conta con dous corpos en forma de L. A porta con gateira, con trampela interior no caso de frío. Forno na cociña, mesa de pedra para a sella, corte de gando, ventán con parladoiros e tragaluces. A fachada era cuberta por un antigo cabanote, hoxe só queda en pé a columna de pedra que o sostiña.


60. Sabor medieval
Canduas conserva o sabor medieval, coas súas estreitas calellas, os cabazos de pés, propios xa da Terra de Soneira, os portelos que nos abren vistas ás leiras e á enseada da Insua, as cruces e fontes de pedra.

61. Palilleiras e cesteiros
O catastro do Marqués da Ensenada dinos que en Canduas había oito palilleiras. Na actualidade aínda se conserva a tradición artesanal da cestería de vimbio.
O cesteiro Emilio Lema Pérez

62. O cesteiro Emilio Lema Pérez

Emilio Lema Pérez naceu en Canduas o 24.11.1928 e faleceu no mesmo lugar o 28.08.2005. Tivo como profesión a de carpinteiro de barcos. Aprendeu o oficio nas carpinterías de ribeira de Cabana de Bergantiños, para despois traballar longo tempo en distintos estaleiros da cidade da Coruña. Non obstante, a súa verdadeira paixón era a cestería. Érao tanto que mesmo lle quitaba o sono e coa alborada xa se poñía a traballar a carón do seu banco de artesán.

Emilio Lema Pérez foi cesteiro desde os primeiros anos. Cando de cativo tiña que ir coas ovellas para os montes de Canduas, dicíalles ós seus compañeiros: «Quen me coide das ovellas fágolle un cesto». Tal dito, tal feito.
De todos modos, os anos de maior actividade artesá foron os que seguiron á súa xubilación de carpinteiro. Neles, impartiu cursos de cestería, acudiu a mostras de artesanía no Couto, en Neaño, na Telleira, en Boimorto, en Laxe e representou o oficio tradicional da cestería da Costa da Morte nos stands que a Asociación Neria levou á Feira Internacional do Turismo (FITUR) ou á Bretaña francesa. En Camariñas, uns sombreiros de varas soltas confeccionados por el resultaron co-gañadores do primeiro premio no desfile de moda da Mostra do Encaixe. Polo tanto, Emilio Lema Pérez converteuse no artesán de maior proxección e máis internacional de Cabana de Bergantiños. Días antes do pasamento, encontrábase elaborando a cesta máis grande do mundo coa que situaría ó seu concello natal nas páxinas do Libro dos Récords
Para realizar as pezas, Emilio Lema empregaba fundamentalmente material autóctono. Acudía ós prados para recoller vimbio e despois sometelo a distintos tratamentos: se quería elaborar unha peza escura, facíaa co vimbio sen pelar; se a peza tiña que ser clara, cocíao e pelábao. Nos últimos anos, incorporou material de fóra de Galicia, como podía ser a «vara longa» ou «médula» que el encargaba en Salamanca. Nalgunha obra, empregou lamias de carballo.
As obras que nacían no obradoiro de Emilio Lema tiñan un dobre sentido: o práctico e o decorativo. Entre as primeiras, as máis abundantes, cómpre citar paxes, buceiras, cestas, bandexas, cestos de pesca, cestos de ovos, cestos de romaría, sombreiros, cadeiras, botellas ou garrafas vestidas, ás veces con asa, ás veces sen ela. Entre as segundas, como retos que el se marcaba ou encargas realizadas polos visitantes do seu obradoiro, están avións, paxaros ou mesmo esveltos barcos veleiros.
Emilio Lema Pérez pertencía a esa estirpe de artesáns que se resistía á desaparicións nas aldeas de Galicia dos vellos oficios de antano. E Cabana de Bergantiños, documentado desde a idade media, é un verxel destes oficios. Como mostra, o exemplo deste cesteiro ou tamén o traballo das fiandeiras de liño e das encaixeiras.

63. Monte da Costa
Canduas conta cun monte chamado da Costa (Otero Cebral, 47), un lugar sagrado e estraño no que, noutrora, chegou haber tres lanzais cruceiros de pedra que se construíran antigamente.
64. Praia de Rebordelo
Unha vía estreita e curvosa por entre as casas lévanos á praia de Rebordelo, o areal costeiro máis grande de Cabana de Bergantiños. O traxecto que conduce a ela é unha fonte de sopresas. Conforme descendemos, ollamos un río de pedra de lavar. O noso percorrido é acompañado polo rego de Rebordelos. Na pequena desembocadura, o feo da praia forma parte da vexetación dunar. Á dereita, unha branca cruz fálanos de pescadores afogados. Á esquerda, morre unha pequena fervenza que desauga con forza cada primavera. Desde o areal de Rebordelo podemos andar, por camiño de ribeira, ata a próxima aldea e praia de San Pedro.
Da praia de Rebordelo, realiza Otero Cebral (19) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
“No mesmo ollar ao mar dende o cimo, vese Rebordelo, un sorriso que non fende e permanece alerto, esa branca area de brancas laxes que nin na invernía se escurece e que se fai compañeira e amiga das pradeiras e das arboredas que a embelecen”
65. Lugar e praia de San Pedro
No lugar de San Pedro, a memoria das xentes conserva aínda viva a seguinte tradición. Os habitantes de Valarés (Ponteceso), que vivían en fronte, víñanse enterrar no cemiterio de San Pedro; a viaxe do defunto realizábase en barca, cruzando a ría de Corme e Laxe para desembarcar despois no areal.
Da praia de San Pedro, realiza Otero Cebral (19) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
“Entre a longal lagoa e no recóndito do rochedal, alí mesmo no seu encovo cun morno son, áchase a praia de San Pedro, entre a mitificación e os segredos doutrora e sempre alí metida no seu escondite. San Pedro, fidalga entre o acantilado con brillo branco e escuma salitrada está coma un agoiro, coma un engado do tempo e mesmo aillada coma se dun castigo da mesma natureza se tratase. Alí, no lugar do mesmo nome, áchase bele e fina esta musa do lecer, esta deusa das rocheiras e calas.”


66. Convento de San Pedro

En San Pedro, durante a Idade Media (Alonso / Giadás, 1998: 136) había un convento de monxas que era parroquial; a súa desaparición quizais fose no século XII, debido ás razzias almorábides do almirante Alí Ben Memón, que asolaron a Costa da Morte no ano 115, obrigando os campesiños a refuxiarse en covas, terra adentro, con todas as súas pertenzas. As pedras labradas do convento seerviron de alicerces das casas dos veciños. Os capiteis románicos da igrexa adornan a entrada dunha das fincas do lugar.

67. Punta do Cabalo
No antigo restaurante A Crus do Cabalo cóllese un camiño á dereita da estrada para chegar á Punta do Cabalo. Desde aquí ata a praia de Rebordelo é a enseada dos corvos mariños pola gran cantidade deles que podemos ollar nos cons da ribeira.

68. Casal de Aguarrei e monte Castelo
Desde a Crus do Cabalo, contra o lado esquerdo da estrada, subimos ó Casal de Aguarrei, a aldea máis pequena de Cabana de Bergantiños. Pista arriba, chegaremos ó monte Castelo onde se pode gozar dunha boa panorámica da enseada da Insua e da vila mariñeira de Laxe.

69. Frexufre
Unha antiga ponte de pedra, da mesma idade cá vella estrada de
Ponteceso a Laxe. Ó seu carón, a ponte nova, e, un pouco antes
pola súa dereita, báixase á aldea de Frexufre á que se chega baixo a
sombra dunha bóveda de loureiros. Frexufre é o paraíso das plantas
tropicais e das flores. Os habitantes do lugar cren que o nome
procede da abundancia de freixo que había no entorno. Aínda hoxe
se conserva un vello e único exemplar desta árbore.
Frexufre é un aliñamento rectangular de casas señoriais. As tres
primeiras, que están abandonadas, contan cun cabazo de pés, palmeira e un pradal. A que posúe cheminea rematada en catro picos e escudo chámaselle a Casa dos Barreiros (Barreiro González). No lintel dunha ventá traseira aparece a inscrición «Rodrigo de Leis 1764» e no lintel da segunda casa
«Año 186 JHS MA»
Segundo Leonor Alonso e Luís Giadás (1998: 137) os propietarios do lugar foron a familia dos Leis, señores da Casa de Mórdomo (Traba de Laxe) e de Taraio (Cerqueda, Malpica de Bergantiños), que, entroncados coas principais familias fidalgas da Costa da Morte, eran unha das liñaxes máis poderosas do noroeste coruñés. Se cada (Alonso / Giadás, 1998: 137) o fundador do casal foi Rodrigo Sancho de Leis, fillo de Francisco Antonio de Leis Villardefrancos e de Quiteria Bermúdez de Castro, bisneto de Gonzalo Posse «O Vello», fundador da igrexa de Santo Estevo de Soesto, onde Rodrigo solicitaría, en 1745, que súa nai puidese ser enterrada.
A casa de abaixo, a única habitada, propietaria dos invernadoiros de flor da pequena agra que se encosta desde a ribeira, posúe tres abellarizas nas paredes.

70. O Coído dos Muíños
Non se poden abandonar Frexufre sen visitar o Coído dos Muíños. Chégase a el andando por un carreiro e baixo a bóveda de carballos que acompaña un pequeno regato no seu precipitado discorrer. No interior desta pequena carballeira, un elemento etnográfico da modificación da natureza pola man do home, muros de contención de terra para construír pequenas terrazas de terra útiles para uso agrícola. A canda o río, unha sucesión de muíños de auga. O último deles mesmo está tocando as augas do mar.

71. Percebes na costa de Cabana
Este último treito de costa, no cal se empraza o Coído dos Muíños, e ademais Punta do Cabalo, Punta da Rubia e Puntal do Muíño é onde se extrae o mellor percebe da costa de Cabana de Bergantiños.

72. Última casa de Cabana de Bergantiños
Camiño de Laxe, a última casa de Cabana de Bergantiños comparte dous concellos; mentres que a vivenda é cabanesa, o cabanote erixiuse en terras laxenses. Isto non é inédito no concello, pois xa vimos atrás como unha casa compartía os seus muros entre dúas parroquias (Canduas e Cesullas)
Antes de chegar ó Cabo da Area, dipoñemos dun mirador para gozar de espléndidas vistas da praia e porto de Laxe.