Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Persoeiros

Saturnino Cuíñas Lois

SATURNINO CUÍÑAS LOIS

Cura de Cesullas e folclorista benemérito
Carballedo (Cotobade, Pontevedra), 21/12/1897 – Cesullas (Cabana de Bergantiños), 07/04/1978

Tras exercer como capelán da Condesa de Torre Penela de Carballo e da familia Figueroa en San Martiño de Horto (Abegondo), Saturnino Cuíñas Lois foi enviado como párroco a Santo Estevo de Cesullas, en substitución de Manuel López Porto. Presentouse en Cesullas o 10 de abril de 1931 acompañado pola súa nai Adelina e mais os seus irmáns Aurelio e María.

Desde a súa chegada, a parroquia colleu un forte dinamismo relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Creou coros parroquiais, revitalizou as celebracións do Nadal e achegouse á mocidade organizando festas do catecismo. Foi unha figura clave para a construción da estrada de Neaño a Baio.

Como recoñecemento ao seu labor, o 17 de marzo de 1956 —coincidindo coas vodas de prata como párroco— o Concello de Cabana de Bergantiños nomeouno fillo adoptivo. Durante o acto descubriuse unha placa de mármore na igrexa de Santo Estevo.

Saturnino Cuíñas exerceu o seu ministerio ata pouco antes do seu falecemento, o 7 de abril de 1978. O seu pasamento converteuse nun importante acontecemento social en toda a comarca de Bergantiños, con presenza de veciñanza dos concellos limítrofes e da corporación municipal ao completo. O funeral foi oficiado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Ángel Suquía. Foi soterrado no cemiterio parroquial de Cesullas.

Cinco anos máis tarde, o 21 de agosto de 1983, o Concello de Cabana de Bergantiños realizou unha homenaxe póstuma e nomeouno fillo predilecto. Os actos culturais contaron coa participación das corais Coral de Bergantiños, Toxos e Flores de Ferrol, Follas Novas, Lembranza, e Cántigas da Terra da Coruña; o grupo folc Marea Baixa de Carballo; os grupos folclóricos da Asociación Cultural Río Anllóns de Ponteceso e do CEIP As Revoltas de Cabana; e o humorista O Xestal, que fixo rir aos asistentes cos seus chistes e cantou por primeira vez en público acompañado por Xosé Manuel Eirís, quen tocou unha zanfoña pertencente a Saturnino Cuíñas. Como peche, Andrés Rei dirixiu a interpretación do famoso Berro Seco.

Tamén se descubriu unha placa conmemorativa na fachada da ermida de San Fins.

Saturnino Cuíñas e o San Fins do Castro

A romaría do San Fins do Castro, festa patronal por excelencia de Cabana de Bergantiños, é filla espiritual de Saturnino Cuíñas. El dotouna de elementos singulares e únicos que a distinguen doutras romarías galegas, marcando un antes e un despois na súa identidade e celebración.

Saturnino Cuíñas naceu con alma de músico. Desde a súa infancia, rodeado de bailadores e gaiteiros, tomou compromiso de rescatar a memoria musical de Galicia. Así, a súa memoria prodixiosa foi quen de conservar coplas e cantos do seu Cotobade natal, como tamén melodías Cabana, Ponteceso, Carnota, Corcoesto, Cambados. Todo ese legado folclórico, retido na súa cabeza, foille cedido, sen nada a cambio, a toda persoa que se achegase a el.

De todos modos, sería a agrupación coruñesa Cántigas da Terra, grazas á amizade co seu director, Adolfo Anta Seoane, quen tivo a fortuna de recoller no seu arquivo musical todo o traballo de recolleita desenvolto por Cuíñas ó longo de toda a súa vida. Entre a obra recollida están as foliadas de Augasantas, de Bora, de Vilaxoán, de Corocoesto, de Trabazo ou de Corcoesto. Ou as pandeiradas de Cesullas, de Ponteceso, de Loureiro ou de Carnota. E tamén os alalás de Cerdedo, de Santo Ourente
ou de Carballedo. Cantos de aninovo, de berce e de canteiros enriquecen o legado.

Ademais de compilador de música tradicional, Saturnino Cuíñas foi un excelente músico tradicional. Chegou a dominar instrumentos como a gaita, a pandeireta, o bombo, a bandurria, o harmonio e a zanfoña. Na súa época, xunto con Faustino Santaelices, foi unha das poucas persoas de Galicia que interpretaba a zanfoña. Unha das súas históricas zanfoñas foille entregada a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 na romaría de San Fins. Despois, Cántigas interpretaría con ela cantos de cego por distintos escenarios do país.


Como mérito polo seu labor folclórico, a Real Academia Nosa Señora do Rosario concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. Os actos de entrega tiveron lugar o 24 de agosto de 1954 na Casa da Cultura da Coruña. En xornada de tarde, na Praza de Touros da cidade herculina celebrouse unha festa folclórica coa participación das agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago, Follas Novas, Aturuxo e a Masa Coral da Fábrica de Tabacos da Coruña.

María Baña Varela

MARÍA BAÑA VARELA

Poetisa popular
Vilariño, 10 de xaneiro de 1906 – Neaño, data de pasamento descoñecida

Aínda que naceu nos Casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poetisa popular María Baña Varela botou raíces no lugar de Neaño. Alí fundou a súa casa familiar xunto ao seu home, Xusto Cousillas Castro.

Desde nena, as ocupacións como muller labrega impedíronlle ir á escola, polo que a escrita era para ela un territorio vedado. Non obstante, a súa mente non deixaba de compoñer versos, que gardaba na memoria con absoluta claridade. Nunha ocasión chegou a declarar nun medio de comunicación comarcal que ela “pensaba en copla”.

Co paso do tempo aprendeu, mal que ben, a escribir, para así poder deixar por escrito os poemas que tiña gardados na cabeza. Calquera tipo de folla servíalle para transcribir os seus versos. A súa propia vida, a da súa familia e a dos seus veciños —ás veces en ton serio, outras con retranca e humor— son os eixos temáticos principais da súa obra.

En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou postumamente a súa obra inédita e instituiu o Certame de Poesía para a Xuventude María Baña, como homenaxe á súa figura.

María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Tabuído, conforma a tríada de poetisas populares cabanesas que non tiveron vergoña de seren mulleres escritoras, elevando a voz feminina desde o rural galego a través da poesía.

Manuel Lema Otero

MANUEL LEMA OTERO

Pintor naif e inventor
Borneiro (Cabana de Bergantiños), 04/06/1916 – 06/08/1991

Manuel Lema Otero é, sen dúbida, a figura máis singular da parroquia cabanesa de Borneiro. Destacou por ser un home polifacético: labrador, carpinteiro-encofrador, emigrante, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos, e mesmo escavador no castro A Cidá. Coñecido tamén polos alcumes de Manuel do Monte ou o Home dos Pitos, foi o pintor e inventor máis recoñecido de todo o concello de Cabana de Bergantiños.

Poucos coñecían a súa faceta como artista ata que, no ano 1981, acadou o primeiro premio no Concurso de Arte Naif convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, cunha dotación de 200.000 pesetas. Tiña daquela 65 anos. Presentáranse 575 obras, e Lema Otero resultou gañador coa pintura “La Batalla del Ebro”, ademais de colocar outras dúas entre as finalistas. O xurado, no que estaba Juan Antonio Vallejo-Nájera, destacou que o cadro estaría “entre os 12 mellores naïf de España”, cualificándoo como “orixinal e libre na súa exposición”.

Como recoñecemento, o Concello de Cabana rendeulle unha homenaxe en febreiro de 1982. A partir dese momento, comezou a súa etapa expositiva: participou en mostras colectivas na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago, e organizou exposicións individuais en Ponteceso, Vimianzo, Negreira, Baio, O Couto ou Cabana. Impartiu conferencias sobre a súa obra en Vimianzo e Cabana, e moitos dos seus cadros forman parte hoxe de coleccións privadas en Laxe, Baio, A Coruña e incluso en Suíza.

Pintaba polas noites, logo dunha dura xornada no campo, nun galpón da súa casa. A súa afección pola pintura nacera xa de neno, cando pedía insistentemente lapis e papel para debuxar barcos, casas, persoas ou animais.

A súa obra ten un marcado carácter autobiográfico: representa escenas da Guerra Civil, do seu traballo como encofrador ou da súa participación nas escavacións arqueolóxicas da Cidá. Moitas das súas pinturas teñen un fondo didáctico e de denuncia social, tratando temas como o alcoholismo ou a falta de valores da mocidade. Tamén abondan os temas relixiosos e as paisaxes locais, elementos que conforman un universo creativo propio.

Outra das súas facetas foi a de inventor. Xa de cativo, fabricaba aparellos cos seus amigos. Entre os primeiros inventos destaca un sistema para obter metano a partir de esterco. Co tempo deseñou o “libro das quinielas”, xoguetes articulados, moldes para capiteis, termómetros para fornos, sistemas de alarmas contraincendios e unha bomba de auga sen consumo enerxético.

Os seus inventos máis populares, polos que obtivo patente, foron a tella plana e a incubadora de pitos. Este último invento proporcionoulle sustento durante anos, xa que criaba e vendía polos por toda a Costa da Morte. De aí vén o alcume polo que moitos o coñeceron: o Home dos Pitos.

José María Álvarez

JOSÉ MARÍA ÁLVAREZ

Músico e director de bandas

Músico e director de banda
Corme Aldea, Corme (Ponteceso), 28/12/1905 – Neaño, Cesullas (Cabana de Bergantiños), 01/05/1977

No lugar natal de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, en cada casa había polo menos un músico de banda. Na súa familia non foi diferente, pois pertencía a unha estirpe musical que se transmitía de xeración en xeración. Desde pequeno, estivo vencellado á música: con tan só seis anos, xa acompañaba as procesións das festas locais tocando un tamboriño coa Banda de Corme.

Conta a anécdota que un día, canso de camiñar polas procesións, sentou nun curral, e seu pai díxolle:
«Levántate, que che arreo unha patada no cu.»

A música, aprendida primeiro de oído e logo mediante solfexo, acompañouno toda a vida. Incluso durante o servizo militar, exerceu como corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme, e máis adiante dirixiu outra banda en Coristanco, onde tamén fundou unha orquestra.

Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, quedan versos como estes da poetisa Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños:

Sentía ensaiar os músicos
cando ía pra Carballo:
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.

Posteriormente, instalouse en Neaño, onde mercou unha taberna-casa de comidas. Alí fixo vida definitiva en Cabana de Bergantiños, onde entablou amizade co crego e folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa relación naceu o Himno a San Fins do Castro, con letra e música de Cuíñas e arranxo para banda realizado por José María.

A súa veciña, a poetisa María Baña Varela, inmortalizouno na literatura popular a través destes versos, recordando a súa presenza e a dos seus músicos na romaría de Santa Margarida de Baneira (Corcoesto):

E estaba José María,
dirixindo na orquestra,
tocando no pasodobre,
que era a alegría da festa.

E estaba José María, dirixindo na orquestra, tocando no pasodobre, que era a alegría da festa.

José María Álvarez foi un dos grandes referentes musicais da Costa da Morte como músico polifacético e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e vento, compoñía música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.

Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, cun pequeno acordeón de botóns. Máis tarde, chegaron ás súas mans varios acordeóns piano, uns comprados en Ferrol cos cartos prestados pola súa nai, e outros recibidos como agasallo da súa dona.

En Neaño, unha vez deixada a dirección das bandas de música, comezou a impartir clases de acordeón. Entre os seus alumnos destacaron Jacinto de Borneiro e Manolo de Ovidio. Ademais, foi o alma das tardes de baile no salón do Burreiro, onde tocaba o acordeón acompañado por Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ó clarinete, que “o facía falar”.

JOSÉ EIROA FONDO

Fotógrafo
O Perico. Cundíns (Cabana de Bergantiños), 14/12/1929 – Pedrouzo. Cundíns, 02/04/2003

En José Eiroa Fondo, coñecido popularmente como o Fotógrafo de Cundíns, prendeu o xerme da fotografía durante o servizo militar. Ó regresar á súa aldea natal, alugoulle unha cámara a Gervasio de Carballo e comezou a tirar fotografías por toda a comarca. O oficio comezou axiña a dar froitos, polo que encargou unha cámara Leica, valorada en case un millón de pesetas da época, que lle foi enviada desde Alemaña.

Eiroa posuía unha verdadeira ollada de creador. Se mercaba unha cámara nova, as primeiras probas facíaas cos seus fillos, que se bañaban nunha tina de cinc xunto á cociña de ferro. Os labores da aldea, os pequenos detalles do día a día, festas, feiras, vodas, comuñóns e eventos sociais encheron a temática dun mundo creativo aínda por descubrir para o gran público.

Nun principio desprazábase ás romarías coa cámara ás costas e montado en bicicleta, que logo cambiaría por unha moto Guzzi e posteriormente por varios Citroën. Nas festas retrataba merendas e, sobre todo, grupos de mozos e mozas que querían gardar instantáneas daqueles momentos.

Nos primeiros anos, vendía as fotografías polas feiras da zona: Baio, Agualada e Anllóns. Alí abría a súa maleta e expoñía os retratos, que as persoas mercaban coa mesma ledicia que se descubre un tesouro. Máis adiante, entregaba os traballos desde a súa casa. Durante un tempo, incluso colgou no escaparate unha fotografía dun mozo con dúas pombas pousadas nos ombreiros como reclamo.

A súa traxectoria tamén estivo marcada por momentos difíciles. Cando na casa facía falta máis diñeiro, Eiroa emigraba ou embarcábase, pero sempre regresaba á súa verdadeira paixón: a fotografía.

Nunha ocasión, desprazouse a Anos para facer fotos de carné. Na hora do xantar, deixou a cámara enriba dunha mesa, e cando volveu, xa non estaba. Denunciou o roubo e, por sorte, días despois apareceu en O Allo, enriba dunha pedra á beira da estrada. Fora unha broma pesada, que afectou fondamente a un home tan humilde como el.

José Eiroa era un fotógrafo total, que abarcaba todo o proceso fotográfico: desde tirar a foto ata o revelado e entrega final ao cliente. Foi dos poucos na contorna que revelaban en branco e negro, técnica que aprendeu nos laboratorios de Foto Blanco da Coruña. Montou un pequeno laboratorio na súa casa, equipado con ampliadora, líquidos e papel, onde fixo milleiros de copias.

O traballo de José Eiroa Fondo, o Fotógrafo de Cundíns, é unha testemuña imprescindible dun pasado en imaxes de Cabana de Bergantiños. Por dereito propio, cada unha das súas fotografías converteuse nun recuncho de lembranzas dunha terra e dunhas xentes que habitaron estes confíns no pleno século XX.

Hermosinda Varela Lema

HERMOSINDA VARELA LEMA

Poetisa popular
Tabuído, Canduas (Cabana de Bergantiños), 1914 – 26 de febreiro de 1989

A poetisa popular Hermosinda Varela Lema naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a súa casa natal todo eran propiedades da familia. A facenda incluía vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, mesmo se entregou como dote unha parella de bois para Portugal. Por tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible, ás beiras onde o río Anllóns rende os seus últimos alentos: Tabuído.

Muller profundamente relixiosa, nunca perdía a misa, mesmo interrompendo calquera labor no agro para acudir á igrexa con puntualidade. Esta devoción está presente na súa obra poética, con composicións dedicadas á Virxe, á chegada de novos cregos ou ás súas experiencias persoais, como unha excursión á Virxe de Fátima, en Portugal.

Natural dunha terra con forte tradición poética e formada nunha escola rural, Hermosinda xa compoñía coplas dende moza. Escribía versos para veciñas, rapaces que llos levaban á escola, ou mesmo para o seu xenro. A construción das escolas das Revoltas tamén pasou pola súa pluma. Esta forza creativa estivo viva ata o día do seu pasamento.

Xunto con figuras como María Baña Varela, Hermosinda representa a pervivencia da literatura oral e popular nas aldeas galegas. Como mostra do seu estilo, compartimos estes versos inéditos, onde conta á súa maneira a historia da parroquia:

Vou contar unha historia
aquí con poucas palabras:
o que antiguamente era
a nosa parroquia de Canduas.

Había un convento de monxas
disque no lugar de San Pedro.
Eu esto xa non o vin,
pero díxomo o meu abuelo.

Despois marcharon de alí,
eu non sei pra que lugar;
disque lle iban facer guerra
os mariñeiros do mar.

E despois aquí en Canduas,
segundo algún vello dixo,
era un convento de frailes,
chamábase San Martiño.

Os frailes de aquí marcharon
e non sei para que sitio;
así lle quedou o nome:
parroquia de San Martiño.

Esta historia é pequena,
ten moi poucas palabras.
A parroquia de Borneiro
disque era anexo de Canduas.

Estas cousas de tan vello
saberano dous ou tres,
que tamén era de Canduas
o lugar de Valarés.

Unha vez viñan cun morto
a Canduas a enterrar,
como non había ponte
na Barra, caeu ó mar.

Ó pasarlle esta avería,
por se morrería outro,
ordenaron que o lugar
fora pra parroquia do Couto.

Antes Canduas era pequeno,
segundo dixo un estudante,
pero como todo aumentou,
hoxe é unha parroquia grande.

Fermín Calvo Gómez

FERMÍN CALVO GÓMEZ
(Regueifeiro)
A Silvarredonda (Cabana de Bergantiños) 24.05.1936

Fermín Calvo Gómez naceu en Silvarredonda a escasos meses do inicio da Guerra Civil española. Como todo neno da posguerra, a súa vida non foi como a de calquera rapaz de hoxe. Apenas puido ir á escola. Iría cando era un mozote. E desde os primeiros anos tivo que traballar en casa de labradores para gañar o caldo. Á hora de comer non sentaba na mesa dos
amos, senón que comía nunha banqueta no medio da cociña como clara mostra da separación de clase social entre un criado de servizo en casa de labradores.


Cos anos, os tempos viñeron a mellor e nuns poucos meses acode a escola en Silvarredonda. Pola vergoña que padecía, ó ser un mozote entre nenos pequenos, aprende rápido as catro regras básicas para se mover na vida do seu tempo.
Logo, bótase a serranchín cortando madeira nos montes de Bergantiños. Daquela, a madeira era moi apreciada e transportábase en barcos de cabotaxe desde a enseada da Insua ou desde o porto de Corme.


Outro oficio que desempeñou Fermín foi o de canteiro. Comezou, coma todos os rapaces, subindo barro amasado e encharcado de auga á cabeza por escadas arriba para darlle masa ós canteiros. Pronto deixaría esta dura tarefa e aprendería xa a andar coas pedras. Unha das súas tarefas como canteiro era a de picar as pedras (moas) dos muíños, hoxe abandonados.

Coma moitos bergantiñáns, Fermín Calvo tamén padeceu a lacra da emigración. Partiu en tren con toda ilusión, pero a realidade fíxoo espertar do seu soño: o que pensaba ser un palacio para vivir era unha barraca; e nada máis chegar, xa tivo que botar mans ó traballo.


Ó longo do século XX, Bergantiños foi un paraíso de poetas populares. Entre eles destacan, pola súa sona, os regueifeiros. Un deles é Fermín Calvo Gómez, coñecido no mundo da regueifa como Fermín da Feira Nova por ser este o lugar de
Coristanco a onde casaría.


Espertou ó mundo da regueifa naqueles traballos comunais das aldeas de Bergantiños que convidaban a festa ou remataban en foliada. Así, nas fiadas de liño e de la poñía os ollos nos homes e mulleres que cantaban. Cando había foliadas de pandeireta en calquera rueiro tamén prestaba atención. Nas xuntanzas das carretadas de pedra para as casas ou nichos de cantería atendía ó cantar de canteiros e carreteiros. Fermín lembra como naqueles tempos había mulleres que cantaban a regueifa moito mellor cós homes, pero por ser muller dáballes vergoña competir con eles en público.


Fermín Calvo é hoxe historia viva da regueifa en Bergantiños e en Galicia. Primeiro, porque é un dos últimos vellos regueifeiros vivos; un dos que cantan á vella maneira. Segundo, porque é testemuña e libro aberto para falarnos dos máis importantes regueifeiros que houbo na comarca ó longo do século XX. Ninguén mellor ca el para falarnos de Cadete da Campara, Camuzas, O Piloto, Verdías, Leonarda, Churrillo, O Sotelo, O Galo, Calviño de Tallo, Maximino de Mens, Celestrino de Leduzo, Blanquiño, Grixoa ou Costa de Xaviña. De todos eles, Blanco foi o seu mestre e Fermín botou a cantar a regueifa
o día en que tumbou ó gran Calviño de Tallo.


Moitas aldeas de Bergantiños, lugares de Galicia, varios programas de televisión ou mesmo de radio gardan testemuño das coplas deste regueifeiro. Fermín é un asiduo ó programa Luar da Televisión de Galicia, a xornalista Cristina Abelleira teno entrevistado en directo a través das ondas de Radiovoz Bergantiños. Ten Fermín compartido palco con Calviño, Grixoa ou Guillermo da Rabadeira nas Festas da Regueifa que organizou a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños). En marzo de 2006, o Concello de Cabana de Bergantiños, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüistica, recuperou a tradición da regueifa nunhas xornadas nas que interviron especialistas en poesía popular como Dorothé Schubarth ou Domingo Blanco. Os actos fecháronse cunha regueifa na que participaron os catro últimos regueifeiros de Bergantiños: Guillermo da Rabadeira e Fermín da Feiranova, como representantes da vella garda; e Suso e Antonio de Xornes, a nova fornada de cantadores. Fermín estaba entre eles e alí desvelou a todos a súa orixe cabanesa nas terras de Silvarredonda.


O regueifeiro Fermín botouse tamén a poeta, púxose a escribir aquilo que tiña cantado en público tantas e tantas veces e publicouno baixo o título de “Recordos dun regueifeiro”. Esta publicación do Concello de Cabana de Bergantiños en homenaxe ó seu fillo regueifeiro, supón o rescate dun poeta popular como outros moitos que hai por Galicia adiante. Non é este o primeiro libro dun poeta popular en Bergantiños xa que desde hai décadas téñense publicado varios poemarios de escritores desa estirpe. Citamos as Páxinas da “rexubeira de Bergantiños” de Asunción Antelo, “A miña vida en verso” de Manuel Mourelle ou a “Colleita poética” de María Baña. Agora súmanse estes Recordos dun regueifeiro.


Neste libro, Fermín é debedor, así o recoñece e así se pode ler na súa obra, de catro grandes poetas bergantiñáns: Alfredo Brañas, María Baña, Eduardo Pondal e Asunción Antelo. Nos versos do regueifeiro obsérvanse pegadas sobre todos destes tres últimos. Coma Pondal, canta á súa terra de nacencia. Como Asunción, condúcenos polos lugares máis simbólicos de Coristanco.
Nos Recordos dun regueifeiro, está parte de Bergantiños. Romarías, aldeas ou costumes da xuventude. Tampouco falta a crítica directa como denuncia de actitudes reprochables.


Lendo estes poemas de Fermín da Feira Nova, un pode facerse a idea de que o está vendo regueifar
enriba dun palco ou na pantalla da televisión. Canta e escribe nunha lingua de fonda raíz bergantiñá
como mostra da lingua viva conservada na nosa comarca, aínda que en ocasións empregue o castelán.


Hoxe en día é difícil presenciar unha regueifa na terra de Bergantiños, patria da regueifa. Tan só, de
raro en raro, se programa algunha por estes lares. Por sorte, coa lectura deste libro será máis doado
recordar a memoria destes versificadores de vella estirpe. Fermín Calvo Gómez, Fermín da Feira

Emilio Lema Pérez

EMILIO LEMA PÉREZ
Cesteiro
Canduas (Cabana de Bergantiños) 24.11.1928
Canduas (Cabana de Bergantiños) 28.08.2005

Emilio Lema Pérez tivo como profesión a de carpinteiro de barcos.
Aprendeu o oficio nas carpinterías de ribeira de Cabana de Bergantiños, para despois traballar longo tempo en distintos estaleiros da cidade da Coruña. Non obstante, a súa verdadeira paixón era a cestería. Érao tanto que mesmo lle quitaba o sono e coa alborada xa se poñía a traballar a carón
do seu banco de artesán.


Emilio Lema Pérez foi cesteiro desde os primeiros anos. Cando de cativo tiña que ir coas ovellas para
os montes de Canduas, dicíalles ós seus compañeiros: “Quen me coide das ovellas fágolle un cesto”.
Tal dito, tal feito.


De todos modos, os anos de maior actividade artesá foron os que seguiron á súa xubilación de carpinteiro. Neles, impartiu cursos de cestería, acudiu a mostras de artesanía no Couto, en Neaño, na Telleira, en Boimorto, en Laxe
e representou o oficio tradicional da cestería da Costa da Morte nos stands que a Asociación Neria levou á Feira Internacional do Turismo (FITUR) ou á Bretaña francesa. En Camariñas, uns sombreiros de varas soltas confeccionados por el resultaron co-gañadores do primeiro premio nodesfile de moda da Mostra do Encaixe. Polo tanto, Emilio Lema Pérez converteuse no artesán de maior proxección e máis internacional de Cabana de Bergantiños. Días antes do pasamento, encontrábase elaborando a cesta máis grande do mundo coa que situaría ó seu concello natal nas páxinas do Libro dos Récords


Para realizar as pezas, Emilio Lema empregaba fundamentalmente material autóctono. Acudía ós
prados para recoller vimbio e despois sometelo a distintos tratamentos: se quería elaborar unha peza
escura, facíaa co vimbio sen pelar; se a peza tiña que ser clara, cocíao e pelábao. Nos últimos anos,
incorporou material de fóra de Galicia, como podía ser a “vara longa” ou “médula” que el encargaba
en Salamanca. Nalgunha obra, empregou lamias de carballo.
As obras que nacían no obradoiro de Emilio Lema tiñan un dobre sentido: o práctico e o decorativo. Entre as primeiras, as máis abundantes, cómpre citar paxes, buceiras, cestas, bandexas, cestos de pesca, cestos de ovos,
cestos de romaría, sombreiros, cadeiras, botellas ou garrafas vestidas, ás veces con asa, ás veces sen ela. Entre as segundas, como retos que el se marcaba ou encargas realizadas polos visitantes do seu obradoiro, están avións, paxaros ou mesmo esveltos barcos veleiros.
Emilio Lema Pérez pertencía a esa estirpe de artesáns que se resistía á desaparicións nas aldeas de Turismo Galicia dos vellos oficios de antano. E Cabana de Bergantiños, documentado desde a idade media, é un verxel destes oficios. Como mostra, o exemplo deste cesteiro ou tamén o traballo das fiandeiras de liño e das encaixeiras

Eduardo Vázquez Espasandín

EDUARDO VÁZQUEZ ESPASANDÍN

” O Jay Jay “

Músico Popular enxebre

Rebordelo. Cesullas (Cabana de Bergantiños) 08.12.1909
Neaño. Cesullas (Cabana de Bergantiños) 25.11.2003


A pesar de aprender con seu irmán o oficio de carpinteiro, Eduardo Vázquez
Espasandín foi un famoso músico popular desde A Coruña a Padrón, desde
Cabana ata O Carballiño. ¿Quen non lembra a súa imaxe polas festas co bombo ás costas, aínda que, en principio, el quería ser gaiteiro? iniciouse na música popular no grupo Os Jaiteiros de Neaño y Jay Jay. Con el estaban os seus veciños Manuel do Bronllo (cuñado da poetisa María Baña), gaiteiro; Servando de Indalecio, gaiteiro; e Gabriel de Indalecio, tamborileiro. Tempo despois, estivo uns poucos anos n?Os Maravillas de Corme. Por último, a grande etapa como músico pasouna n?Os Enxebres de Neaño.

Todo un amplo abano de músicos populares da Costa da Morte acompañou ó Jay Jay durante uns 80. De Neaño, amais dos citados arriba, estiveron con el Manolo de Xusto (sobriño de Manuel do Bronllo e fillo de María Baña),
gaiteiro; e Plácido Vigueret (Plácido de Meiruco), tamboriño. De Corme, Calixto e Ramona dos Maravillas. De Laxe, José García Insua (Reboredo), gaiteiro. De Lamas (Zas) Manuel, coñecido como O Galo de San Clemente, gaiteiro. De Bamiro, José O Lambirote, gaiteiro, e un cuñado seu, tamboriño.
Da Campara, Alfredo Castro Fariña, gaiteiro, e os seus irmáns José,tamboriño, e Ramón, gaita. De Cances, José da Viúda (José Collazo Álvarez), gaiteiro. De Anllóns, Gabriel, O Zoqueiro da Garga, gaiteiro. De Iñaño, Serafín, gaiteiro. De Langueirón, Pepe de Langueirón, gaiteiro que aprendeu con Eduardo. De Pedracuca, Lelo do Gaiteiro, tamboriño. Así como o gaiteiro de Reparada (Vimianzo). Os Enxebres convertéronse, polo tanto, nunha verdadeira universidade de música popular na aldea de Neaño, nas terras de Cabana de Bergantiños.

Alboradas, procesións, sobremesas e merendas de festas e romaxes de
gran parte de Galicia coñeceron as melodías d?Os Enxebres de Neaño. Na
Coruña, Eduardo do Menucho compartiu escenario con Marinita de la Peña,
así como tamén foi asiduo das festas de María Pita. Polo San Xoán de
Carballo competían coas bandas de música de Gamallos. No Santiaguiño
do Monte, en Padrón, os gaiteiros de Neaño eran os únicos que cantaban enxebre. A Virxe da Barca, en Muxía, as Barquiñas de Ponteceso, as Festas do Mar de Malpica
souberon tamén das súas músicas. Pero de todas as romarías foi o San Fins do Castro a que contou
coa súa presenza máis simbólica e ininterrompida desde os vinte do século pasado ata hoxe. Os
Jaiteiros de Neaño ou Os Enxebres co Jay Jay ó bombo constitúen parte indispensable da historia
desta romaxe, de igual maneira có Berro Seco ou o Santo de Pólvora. Como cantaba Eduardo
Vázquez Espasandín botemos este agrú na súa memoria: «¡Viva la juventú! ¡E os vellos que non
morran!»