A fortaleza defensiva medieval transfórmase en pazo no século XVII por mandato de Lorenzo Bermúdez de Castro como medida para o establecemento dunha rede de fortalezas fronteirizas para amparar Bergantiños. Destaca por ser exemplo da orixe dos pazos na arquitectura militar e defensiva. Dubídase a cantidade de torres que chegaron a existir no lugar por parte dos investigadores, indo dende dúas ata a posibilidade de catro.
Conta cunha planta cadrada e soamente queda en pé unha das torres que conformaban a fortaleza. Aínda que mantén a robustez e sobriedade propia deste tipo de construccións, o cambio de funcionalidade fixo que perdera o seu carácter defensivo, destinándose ata hai pouco a celeiro e pombal.
Conta con planta cadrada e catro alturas aínda que en disposición na fachada só se aprecian tres. A entrada pola fachada principal realízase a través dunha porta de medio punto de grandes doelas, mentres que na fachada posterior hai un acceso directo á terceira planta debido ao desnivel do terreo.
O resto do edificio conta coas características propias dunha fortaleza defensiva: sobriedade na composición, grosos muros e escaseza de vanos. No interior quedan restos dunha escaleira de caracol de madeira. A torre remátase cun antepeito de cantería coroado por ameas. Nunha das fiestras pódese apreciar o escudo de armas da casa cos Bermúdez, Castro e Riobóo.
Ás costas da Torre atópase unha fonte con pía en forma de sartego e dous canos de auga. A lenda conta que a fonte é unha ofrenda dunha muller á que lle morreu o fillo ou unha posible penitencia. Tamén se relaciona cun suposto pasadizo que comunicaba a Torre coa fonte e que permitía a comunicación coa mesma en caso de asedio.
Cerca do lugar, o cruceiro con inscrición estaba antigamente na entrada da fortaleza. A lenda conta que quen traspasase o cruceiro quedaba ceibe dos seus perseguidores. Así, unha muller fuxitiva parece que se achegou ao cruceiro salvador pero foi apresada antes e decapitada. Compadecidos, os veciños laiáronse: “Pena dela!”, de onde se extraería o nome do lugar.
SAN PEDRO
A igrexa, de dimensións moi reducidas, é de gran sinxeleza. Conta cunha planta de salón rectangular e unha ábsida cadrada á que se accede mediante un arco triunfal. Ten unha sancristía anexa ao lado norte. A volumetría da nave sobresae en altura, de modo que a correspondente ao presbiterio é lixeiramente inferior. A fachada coróase cunha espadana de cemento con dúas campás.
O cruceiro do adro é de granito e carece de plataforma. Conta cun pedestal octogonal e un varal cadrado con chafráns. O capitel é cadrado e moldurado, mentres que a cruz é tamén cadrada e presenta remates florenzados cun botón central.
CAPELA DE SANTA MARGARIDA DE BANEIRA Trátase dunha ermida sinxela, de planta rectangular e cuberta a tres augas. No presbiterio presenta unha fiestra rectangular semellante á dunha casa. A fachada coróase cunha espadana na que se conservan dúas inscricións. A romaría celébrase o 13 de xullo.
A fonte de Santa Margarida de Baneira é a máis monumental de todos os conxuntos relixiosos do concello. Presenta dous corpos de pedra: o central, rectangular, está coroado de pináculos e unha cruz acanalada que cobre o manancial; xunto a el, sobresae un corpo máis baixo cuberto por unha pequena bóveda de canón que conduce ao interior da fonte. Nas súas augas, os romeiros mollen panos e deixan moedas para curar as verrugas. Segundo o etnógrafo Otero Cebral, os devotos tamén lavan nas augas as pernas e as mans que teñen algún mal.
FERMÍN CALVO GÓMEZ Fermín Calvo Gómez naceu en Silvarredonda poucos meses antes do inicio da Guerra Civil. Como tantos nenos da posguerra, apenas puido ir á escola. Comezou a traballar sendo aínda un rapaz, servindo en casas de labregos, onde comía nunha banqueta no medio da cociña, lonxe da mesa dos amos.
Máis adiante puido asistir durante un tempo á escola de Silvarredonda. Por mor da vergoña de ser máis vello ca os demais nenos, aplicouse moito e aprendeu axiña as nocións básicas para defenderse na vida.
Traballou como serranchín cortando madeira nos montes de Bergantiños, madeira que se transportaba en barcos de cabotaxe desde A Insua ou Corme. Máis tarde exerceu de canteiro, subindo barro e masa para os mestres canteiros, e despois aprendendo a traballar a pedra el mesmo. Unha das súas tarefas era picar as moas dos muíños hoxe abandonados.
Como moitos bergantiñáns, tamén emigrou, partindo en tren cheo de ilusión. Porén, a realidade foi dura: o que cría un palacio era unha barraca, e tivo que comezar a traballar de contado.
No século XX, Bergantiños foi terra de poetas populares, entre eles os regueifeiros. Fermín foi un dos máis coñecidos, baixo o nome artístico de Fermín da Feira Nova, pola feira de Coristanco onde viviu. Espertou para a regueifa nas foliadas, nas fiadas e nos traballos comunitarios. Recorda como moitas mulleres cantaban mellor ca os homes, aínda que non se atrevían a facelo en público.
Fermín é hoxe un dos últimos regueifeiros tradicionais que seguen vivos. Foi testemuña directa dos grandes regueifeiros do século XX, como Calviño de Tallo, Camuzas ou Blanco, o seu mestre. Fermín comezou a cantar o día que lle gañou unha regueifa ao propio Calviño.
Participou en festas e programas como Luar da TVG, e foi homenaxeado en múltiples ocasións. En 2006, o Concello de Cabana e a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizaron unhas xornadas de regueifa nas que Fermín compartiu escenario con regueifeiros históricos e novas promesas.
Publicou o libro Recordos dun regueifeiro, unha obra onde recolle a súa vida, os seus versos e a memoria das aldeas de Bergantiños. Nel, o autor recoñece a influencia de poetas como Alfredo Brañas, María Baña, Eduardo Pondal ou Asunción Antelo. Os seus versos respiran amor pola terra, crítica social e o humor propio da regueifa.
A día de hoxe é raro ver unha regueifa en Bergantiños, pero coa lectura deste libro podemos volver escoitar a voz de Fermín enriba dun palco ou na televisión. Unha voz que conserva a fala viva da comarca, ás veces tamén en castelán, como reflexo da súa realidade social.
MÚSICA
Os ghaiteiros de Neaño Foron tocar á Penela. Perderon a gaita en Liñares, Andan mirando por ela.
Arado de ferro E carro con bois, Orquillas e sachos, Traelos despois.
Arado de ferro E carro con bois, Orquillas e sachos, Traémolos nós.
A catro pesetas Traballades vós.
BIBLIOGRAFÍA
Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P. (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergantiños. Cabana de Bergantiños.
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995). Cabana: Análise histórica e social. Cabana de Bergantiños: Deputación da Coruña.
Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995). Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso. Deputación da Coruña.
O castro de Folgoso está situado nun pequeno elevamento do terreo. A súa croa ten forma ovoidal, cunhas dimensións de 122 metros de longo por 103 de ancho, e está rodeada por un parapeto de entre 7 e 8 metros de altura. Cara ao noroeste atópanse dous antecastros de aproximadamente 70 metros de longo e 20 de ancho. Cara ao suroeste localízase un precipicio coñecido como o Pozo da Forca, vinculado a varias lendas.
Nunha destas lendas afírmase que no fondo do pozo se agocha unha grade de ouro que ninguén conseguiu atopar. Outra versión conta que no fondo se atopa unha trabe de ouro que comunica a fervenza coa Torre da Penela.
No centro do castro érguese a capela barroca de San Brais, datada do século XVIII. Presenta planta de salón cunha soa nave e un retablo tamén de estilo barroco. A imaxe do santo (San Brais pequeno, patrón da gorxa) trasládase dende a igrexa de San Martiño durante as festividades do 3 de febreiro e 26 de abril.
O presbiterio está nun nivel máis elevado ca nave. A cuberta é a dúas augas e a fachada principal está coroada por unha espadana sen campá. No adro, na marxe sueste, hai un cruceiro de granito e formigón, con plataforma cadrada de dous graos. O pedestal remata nunha roda lisa, o varal é octogonal (aínda que comeza cadrado), non ten capitel, e remata nunha cruz de formigón con extremos lanceolados.
IGREXA DE SAN MARTIÑO
O cruceiro, situado no lado norte do adro, combina formigón e granito. Ten unha plataforma de tres graos, pedestal circular, varal cadrado con chafráns, capitel moldurado e cruz octogonal. No anverso figura Cristo crucificado con tres cravos, mans abertas, cabeza ladeada á dereita e pano de pureza atado. No reverso, unha Virxe orante.
A igrexa foi construída por mandato de Ruy Soneira de Riobóo, nobre da casa da Penela, onde tamén foi soterrado. Inicialmente independente da parroquia por falta de atención pastoral, pasou a depender de Riobóo.
A edificación actual é maioritariamente barroca, aínda que conserva elementos románicos: a ábsida, as primeiras fiadas dos paramentos e o arco triunfal con semicolumnas que separa a cabeceira.
A planta é de salón cunha única nave rectangular e ábsida cuadrangular, separadas por un arco de medio punto. Ten teito raso de madeira e tellado a dúas augas. A fachada é sobria e está coroada por unha espadana con dúas campás.
No interior destaca o arco triunfal con perfil en aresta, apoiado sobre columnas adosadas de estilo compostelán románico (1099-1101). Hai dúas pías bautismais: unha sobre base con forma de oso ou lobo (símbolo dos Moscoso) e outra máis grande decorada con gallóns.
O retablo de San Martiño é de estilo barroco e está considerado unha xoia do patrimonio sacro local.
Baixo o altar consérvanse tres sepulcros:
Esquerda: escudo dos Castro, Moscoso, Riobóo, Leis e Villardefrancos, pertencente a Lorenzo Bermúdez de Castro e María de Leis.
Centro: sepultura de Ruy Soneira de Riobóo.
Dereita: sen epígrafe identificativo.
MÚSICA TRADICIONAL DE FOLGOSO
Punteada de Folgoso Muiñeira da ribeira, muiñeira ribeirana, muiñeira da ribeira tócoche de mala gana. (…)
Xota de Folgoso E vira e vira e volve a virar, a volta da vira é mala de dar. (…)
FERMÍN CALVO GÓMEZ
Fermín Calvo Gómez, nado en Silvarredonda pouco antes da Guerra Civil, viviu desde novo as penurias da posguerra. Comezou a traballar como criado nunha casa labrega e, aínda que apenas puido ir á escola, máis adiante aprendeu a ler e escribir.
Traballou como serranchín e canteiro, picando pedras de muíños e cargando materiais. Tamén emigrou, vivindo as duras condicións da diáspora galega.
Pero Fermín tamén destacou como poeta popular e regueifeiro, coñecido como Fermín da Feira Nova. Participou en festas e foliadas, compartindo palco con outros grandes da regueifa como Calviño de Tallo, Grixoa ou Guillermo da Rabadeira.
Foi homenaxeado polo Concello de Cabana de Bergantiños e publicou o libro “Recordos dun regueifeiro”, onde se recollen coplas sobre a vida rural, as romarías, os costumes e tamén críticas sociais. Na súa obra recoñece a influencia de Pondal, María Baña e Asunción Antelo.
MÚSICA: OS GAITEIROS DE NEAÑO
Os gaiteiros de Neaño foron tocar á Penela. Perderon a gaita en Liñares, andan mirando por ela.
Arado de ferro e carro con bois, orquillas e sachos traémolos nós.
Igual que o castro do Piñeiro de Anos, presenta unha croa circular duns 55 metros de diámetro. Esta croa estaba rodeada por un parapeto de entre 4 e 6 metros de altura que foi arrasado durante as tarefas agrícolas. Cara ao norte e noroeste obsérvase un antecastro tamén moi alterado polos traballos agrícolas. É posible que os niveis habitacionais do castro se conserven en bo estado.
Desde o castro pode gozarse dunha excelente panorámica da contorna. Ao norte albíscase o cume do monte Neme e ao oeste o monte Faro de Brantuas. Segundo Rodríguez Casal (1975: 122), este castro tiña un cuncheiro, como os de San Fins do Castro e A Cidá de Borneiro. A lenda (Casal, 1975: 122) conta que nas vésperas de San Xoán sae unha galiña negra cos seus pitos, e que os mouros sacan as súas mulas a beber nun recodo do río.
No ano 1928, o castro de Beres foi escavado polo enxeñeiro Adelino de Faría Rodríguez, quen atopou restos de cerámica elaborada con lousa moída. Este castro foi tamén fonte de inspiración poética para Eduardo Pondal: neste recinto castrexo, Temunde, a fada do vento, contempla a visión do irmandamento entre os guerreiros galegos e portugueses.
A lenda recollida por Otero Cebral (35) relata que os antigos contaban que no castro había soterrada unha relucente cadeira de ouro da que nunca ninguén puido dar fe.
IGREXA DE SAN XOÁN DO ESTO
Trátase dunha igrexa de estilo barroco situada nun lugar solitario, entre as parroquias de Anllóns e Silvarredonda. No espazo relixioso exterior atópase o cemiterio parroquial.
O templo presenta planta de salón, formada por un presbiterio e unha nave única. A ábsida é cadrada e está cuberta cunha bóveda de canón en pedra, sustentada por arcos perpiaños. A sancristía está adosada ao muro norte do presbiterio, ao que se accede por unha porta interior; tamén está cuberta cunha bóveda. A cuberta do edificio é a dúas augas, con tella curva tradicional.
No interior, os muros están revocados e encalados, agás a bóveda do presbiterio e a arcada estrutural. A decoración destaca polo retablo do altar maior, con características claramente barrocas.
A fachada principal posúe a estrutura pentagonal tan común nas igrexas da zona. Sobre un eixo vertical imaxinario, distribúense unha porta rectangular enmarcada en cantaría, unha pequena ventá e unha espadana de formigón con dous vans para as campás. Os muros exteriores están revocados en cal, agás os esquinales, feitos con cachotaría, e os linteis das portas e fiestras.
ANXO COUSILLAS
Anxo Cousillas Bermúdez, nado en 1961 na parroquia do Esto, defínese como artista vocacional e autodidacta. Formado en debuxo, modelado e talla na Escola Mestre Mateo, traballa principalmente a madeira e a pedra, aínda que ás veces tamén incorpora vidro ou metais.
Participou en numerosas exposicións tanto no ámbito comarcal (Castelo de Vimianzo, Centro Cultural de Ponteceso) como no estatal (Palacio de Congresos de Zaragoza, Casa de Galicia en Madrid). Varias das súas obras están instaladas en espazos públicos de Laxe, Ponteceso, Carballo, Ribadeo ou Pobra de Trives.
Neste caso, atopamos unha escultura do autor que representa a Santiago peregrino, recoñecible polo sombreiro, as vestiduras e o bastón coa cabaza.
CRUCEIRO DO CAMPO DA FESTA
Cruceiro de granito. A plataforma é cadrada e conta con tres chanzos. O pedestal é cadrado e presenta mesa adosada. O varal é octogonal e comeza en forma cadrada. O capitel é cilíndrico, remata cadrado e está moldurado. A cruz é rectangular con brazos de media cana. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ladeada á dereita, mans abertas, coroa de espiñas e pano de pureza atado á dereita. Aos lados están a Virxe e San Xoán. No reverso non hai imaxe.
CRUCEIRO DE SAMPIL
Feito en granito. A plataforma atópase soterrada. O pedestal é circular. O varal é octogonal. O capitel é cadrado, moldurado e decorado con rostros. A cruz é octogonal. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, cabeza erguida, mans abertas, coroa de espiñas, pano de pureza sen atar e cartela co INRI. No reverso non hai imaxe.
CRUCEIRO DA PARROCHA
Erguido nunha antiga encrucillada de corredoiras. O varal é de cemento; o capitel está decorado con querubíns e follas. No anverso aparece Cristo; no reverso, a Virxe en actitude orante. O pedestal está encastrado na plataforma.
O CIPRIANILLO DE BERES
O Ciprianillo de Beres é un manuscrito de mediados do século XIX elaborado por Rafael Ares y Torres, un crego erudito que exerceu na parroquia de Pazos (Ponteceso). Comezou o seu labor arredor de 1845, estendéndoo ata 1880. No seu texto recompilou moita información sobre a cultura popular de Bergantiños.
En Galicia, Asturias e Portugal acadou gran sona o Libro de San Cipriano, ou Ciprianillo, polas listas de tesouros e rituais que indicaban como desfacerse dos feitizos que protexían os tesouros das mouras e meigas agochados en castros ou mámoas. En esencia, un ciprianillo é un grimorio, un libro de maxia e ocultismo que recolle oracións e rituais cristiáns para enfrontarse ao demo. O ciprianillo foi moi coñecido a finais do século XIX, circulando en diversas versións con fragmentos engadidos ou modificados. A súa orixe podería remontarse ao século XVII.
A obra foi recompilada e investigada por Juan Félix Neira Pérez e publicada en 2023 baixo o título Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras.
No lugar da Piolla consérvanse un total de 14 mámoas, con diferentes diámetros e alturas. A maioría delas presentan un bo estado de conservación, constituíndo un interesante exemplo do megalitismo na comarca.
PETRÓGLIFOS DA PIOLLA
Xunto cos de Corme e O Roncudo, os petróglifos da Piolla constitúen un dos escasos exemplos de arte rupestre da Idade de Bronce na comarca de Bergantiños. A súa conservación é case un milagre, xa que se atopan moi próximos a unha antiga canteira empregada para extraer pedra de construción.
Trátase dun conxunto de cazoletas dispostas case en círculo, ao redor das cales se organizan outras máis pequenas. Nun lateral da laxe pode observarse unha ringleira de coviñas dispostas en liña.
CASTRO DE ANIDO
Castro bastante alterado polas tarefas agrícolas mecanizadas. Aínda así, consérvanse restos defensivos nas ladeiras noroeste, leste e suroeste. A croa, de 90 metros de longo por 70 de ancho, podería conservar niveis habitacionais non afectados polos traballos agrícolas. O recinto está rodeado por un parapeto duns 4 metros de altura.
PAZO DE CASANOVA
Actualmente transformado en casa labrega, este edificio de tres corpos presenta patín e corredor aberto. Na entrada hai dous escudos coas armas das familias Pardiñas, Villardefrancos, Riobóo, Moscoso e Caamaño.
Foi fundado polo capitán Francisco Rodríguez de Gondomil e destaca por ser o único exemplo no concello cunha planta en forma de “U”, que rodea un patio central. A escaleira de pedra remata nun patín cuberto con peitoril macizo de cantería, elemento que dá acceso á planta nobre, mentres que a planta baixa estaba destinada a tarefas agrícolas.
Cómpre salientar a importancia das lareiras nos pazos galegos: este en concreto contaba con dúas, ademais dun forno.
IGREXA DE SAN PEDRO
A igrexa atópase nun contorno arrodeado por carballos centenarios. No portal de acceso á reitoral consérvase unha inscrición coa data de 1815. Segundo Lema Suárez, a capela maior, con bóveda de crucería nervada, dataría de finais do século XVI. A nave sería posterior, construída posiblemente no século XVIII. Os retablos son neoclásicos e barroco-rococós.
O interior conta cunha bóveda de canón, e os confesionarios están integrados nos propios muros. No muro sur albíscase unha antiga porta cegada con pedra.
A fachada, de forma pentagonal, sostén unha torre campanario cunha soa campá, construída a finais do século XIX. No cemiterio destacan varios panteóns de pedra.
CRUCEIRO DO IGREXARIO
Cruceiro de granito situado preto da igrexa. Erguido sobre unha plataforma cadrada dun só chanzo. O varal comeza en cadrado e continúa octogonal, con adornos nos chafráns. A cruz é rectangular, tamén con chafráns nos brazos. No anverso, representa a Cristo crucificado con tres cravos, mans abertas, cabeza ladeada á dereita, coroa de espiñas e pano de pureza atado á dereita. Non se conserva imaxe no reverso.
HÓRREO DA PALLEIRA
Impoñente hórreo de pedra, de ancho normal, sustentado sobre 20 pés troncocónicos con repisa e coroa. Non presenta decoración nas sobrepenas.
É considerado o cabazo máis grande de Bergantiños, aínda que en realidade se trata de dous cabazos unidos.
MÚSICA – HIMNO DE CABANA DE BERGANTIÑOS
Ben te podes alabare, Cabana de Bergantiños: por un lado, te-lo Anllóns; polo outro, te-lo mare.
Deixei as verrugas no San Fins do Castro, apañei os ramos na de Remuíño, cureime da gorxa no San Brais de Canduas e comín as roscas no Carme do Briño.
Hainos a feixes na ría: mexillóns e berberechos. As rapazas de Cabana apáñanos á tardiña.
(Retrouso)
En Anos teñen O Espiño, Santa Lucía en Nantón, en Cundíns, teñen San Paio, en Canduas, San Martiño.
(Retrouso)
Non os hai como en Borneiro, monumentos tan antergos: o Dolmen maila Cidá, famosos no mundo enteiro.
(Retrouso)
Ten Riobó e A Penela, Silvarredonda e O Esto. En Cabana hai de todo, non vin terra como ela.
(Retrouso)
BIBLIOGRAFÍA
Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P. (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergantiños. Cabana de Bergantiños.
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995). Cabana: Análise histórica e social. Deputación da Coruña.
Lema Suárez, X. M. (1999). Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas). Asociación Neira.
Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995). Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso. Deputación da Coruña.
Na Margarida, no ano 1994, un familiar dunha alumna, María Torres, do colexio As Revoltas, atopou, mentres traballaba unha leira, un machado biface pulido de pedra pertencente ao final da cultura megalítica. Datariase, polo tanto, entre os anos 3500 e 3000 a.C. A falta de máis datos, deduciuse que o machado formaría parte dun enxoval funerario. Os machados de pedra eran ferramentas utilizadas en tarefas artesanais ou domésticas, aínda que neste caso actuaría como unha ofrenda á persoa soterrada.
IGREXA DE SAN PAIO DE CUNDÍNS
Accédese ao adro por unha cancela de ferro coroada por dúas molduras-capiteis cadradas. Estes capiteis (Garea, 80) proveñen da desaparecida casa modernista Villa Fanny de Ponteceso de Cabana.
Ten planta de salón, composta por unha capela maior cadrada e unha nave. Xunto ao muro norte da nave localízase unha capela lateral tamén cadrada, e ao carón, adosada ao muro norte do presbiterio, sitúase a sancristía.
A capela maior está cuberta por unha bóveda de crucería nervada, mentres que a capela lateral presenta unha bóveda de nervios estrelados con catro claves. A nave está cuberta con madeira.
A finais do século XVI, construíuse neste lugar unha capela-panteón coñecida como capela da Virxe da Soidade. Posteriormente levantouse a actual igrexa parroquial. Os dous corpos estaban separados por unha reixa. As construcións conservadas pertencen ao primeiro barroco galego. A porta exterior amosa (Garea, 80) un frontón partido co escudo do Marqués da Serra. Na inscrición pode lerse JANUA COELI (Porta do Ceo).
No interior de San Paio destaca o retablo barroco do altar maior. Na iconografía represéntase, no ático, a decapitación de San Paio; no primeiro corpo, á esquerda do espectador, unha imaxe de San Paio e, á dereita, outra de San Pedro. Aínda que non pertencen ao retablo, colocáronse na mesa do altar as imaxes do Sagrado Corazón de Xesús e de San Isidro.
A porta principal está enmarcada por un arco de medio punto feito con grandes doelas. Esta parte (Lema Suárez, 1998 II: 643-70) é a máis antiga da igrexa; o resto e a espadana foron construídas a finais do século XIX. O retablo maior é barroco.
CAPELA DE SAN MARCOS
En Cundíns (Otero Cebral, 43) existiu no pasado unha capela dedicada a San Marcos, hoxe desaparecida, aínda que pervive na memoria oral da veciñanza.
A ermida foi fundada en 1860 por Francisco Rodríguez de Soto. En 1749 xa constaban os seus bens como “incultos e moi deteriorados” e en 1753 era unha “ermida ben indecente”. É probable que fose abandonada definitivamente tras a Desamortización de Mendizábal de 1834. Cara a mediados do século XX, o gando aínda se refuxiaba entre os seus muros. Consérvase o topónimo “Monte de San Marcos”. A pía bautismal foi trasladada a unha casa próxima á igrexa de Anós. Tamén se conta que a imaxe barroca de San Marcos (último terzo do século XVIII) da igrexa de San Cremenzo de Pazos (Zas) procede desta ermida cabanesa.
REITORAL DE CUNDÍNS
Á dereita do cruceiro está a reitoral de Cundíns, que conserva un hórreo rústico de seis pares de pés. As ventás dominan a igrexa e o val da parroquia. Ao redor da reitoral (Otero Cebral, 76) ergueuse a antiga Casa da Fábrica ou de Beneficencia, destinada antigamente á atención dos pobres e romeiros que acudían os días 26 e 29 de xuño.
CASA DE ENRIQUE SIEIRO
Á sombra dun carballo centenario está situada a casa de Enrique Sieiro, mestre xa finado, natural de Codeseda (Pontevedra). A eira é circular. Preto dela, atópase un pozo con caseta de pedra. En fronte, outra vivenda onde vivía Dédalo, un can de caza que viviu máis de 25 anos e que, polo seu nome, tiña alcume de embarcación de guerra.
JOSÉ EIROA FONDO
José Eiroa Fondo naceu en O Perico, parroquia de Cundíns, o 14 de decembro de 1929 e faleceu en Pedrouzo, tamén en Cundíns, o 2 de abril de 2003. Coñecido como o Fotógrafo de Cundíns, iniciou a súa paixón pola fotografía durante o servizo militar. Ao regresar á súa aldea natal, alugou unha cámara a Gervasio de Carballo e comezou a facer fotos por toda a comarca. Pronto o oficio deulle rendemento e encargou unha cámara Leica por case un millón de pesetas da época, enviada desde Alemaña.
Eiroa tiña un auténtico ollo de artista. Se compraba unha cámara nova, probábaa cos seus fillos bañándose nunha tina de cinc xunto á cociña de ferro. Fotografaba tamén escenas da vida rural, feiras, festas, vodas, comuñóns e outros eventos sociais.
Nos comezos, desprazábase ás romarías en bicicleta, coa cámara ás costas, logo cunha moto Guzzi e despois con coches Citroën. Fotografaba os xantares e os grupos de mozos e mozas que querían gardar recordos.
Vendía as fotos nas feiras de Baio, Agualada e Anllóns, onde despregaba os retratos nun expositor e os veciños levábanos con ledicia. Máis adiante comezou a traballar dende a casa, onde mesmo exhibía no escaparate unha fotografía dun mozo con dúas pombas nos ombreiros.
Tamén sufriu contratempos. Cando facía falta diñeiro na casa, emigraba ou embarcaba, pero sempre volvía á súa verdadeira vocación: a fotografía.
Nunha ocasión foi a Anós a facer fotos de carné. Durante o xantar deixou a cámara nunha mesa e desapareceu. Denunciou o roubo, pero días despois apareceu no Allo, sobre unha pedra. Tratouse dunha broma pesada.
José Eiroa era un fotógrafo completo: disparaba, revelaba e entregaba as fotos. Foi dos poucos que revelaban en branco e negro na zona. Aprendeu a técnica en Foto Blanco da Coruña e construíu un pequeno laboratorio na súa casa.
O seu traballo é testemuña imprescindible da vida de Cabana de Bergantiños no século XX. Cada fotografía súa é unha lembranza dunha terra e dunha xente.
MINA DE SAN LOTO
Nas minas de San Loto extraíase rutilo. Un dos traballadores, Manuel Torrado do Outeiro (Anós), contou nunha entrevista (Eiroa Pose):
“Fai 43 anos, no lugar de San Loto (ano 1958), comezamos a traballar nas minas. Duraron dous anos. A empresa era de Mourelle, Manolo de Xaquín e Lelo de Cacharro. Tiñamos unha barraca para gardar o mineral, cun vixilante de noite. O mineral era rutilo, que se usaba para obxectos de guerra (pistolas, balas?). Traballaban entre 30 e 40 persoas. Usabamos azadón, pala e pico. Facíase un canal por onde corría a auga cun motor. Íase picando e botando terra no canal. A auga lavaba a terra e o mineral quedaba no fondo. Recollíase en caldeiros e gardábase ata que viñan camións. Cobrábamos cinco pesos diarios, que non estaba mal. Cando había moito mineral, os xefes facían comida. Había moi bo ambiente.”
As minas foron recollidas en verso pola poetisa de Neaño, María Baña Varela (2004: 89):
Xa che buscamos traballo. Vouche mercar unha moto, léva-lo caldo na pota, vas traballar a San Loto.
CRUCEIRO DE CUNDÍNS
Está situado nunha área recreativa próxima á igrexa. Erguido sobre unha plataforma cadrada con catro chanzos. O pedestal está encastrado no último chanzo. O varal é octogonal e remata nun capitel sinxelo e cadrado. A cruz está esculpida polas catro caras.
CRUCEIRO DO IGREXARIO
Combina formigón e granito. Ten dúas plataformas: unha de formigón para salvar o desnivel do terreo e outra de granito con tres chanzos. O pedestal é cadrado con chafráns e ten mesa anexa. O varal é octogonal, comezando e rematando en cadrado. O capitel, cadrado e moldurado, presenta cabezas de anxos con ás. A cruz é cadrada, con brazos achafranados e tamén con anxos.
No anverso: Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ladeada á dereita, mans abertas, coroa de espiñas, cartela de INRI, pano atado á dereita e pés sobre caveira con tibias. Por riba, a cara do Pai. Aos lados, a Virxe e San Xoán.
O castro de Corcoesto presenta unha croa circular duns 95 metros de diámetro nos que o parapeto contaría con pouca altura. O seu estado de conservación é excelente a pesar de ser utilizado como terras de cultivo.
SANTA MARIÑA
A capela conta cunha planta de salón, unha soa nave e ábsida e un teito a dúas augas. A fachada é plana e presenta unha espadana simple coroándoa.
Coñécese a existencia dun sillar dunha deusa da fertilidade prerromana que na actualidade de conserva na ábsida da parroquia de San Martiño de Cores en Ponteceso. O retablo dataría do reinado de Isabel II no século XIX, sendo obra do párroco Antonio Rodríguez Ardeleiro. A romaría de Santa Mariña celébrase no campo da carballeira o 18 de xullo onde se realizan merendas e outras festas gastronómicas.
O cruceiro de Santa Mariña do Remuíño é un do máis singulares do concello. Construído en granito conta cunha plataforma enterrada e un pedestal cuadrangular. O varal é cadrado con cafráns mentres que o capitel é cilíndrico con astrágalo circular liso, un ábaco de lados curvos e vértices agudos con follas de bordos lobulados. A cruz é cuadrangular con brazos achafranados, a cartela co INRI, a coroa de espiñas, os cravos e o corazón con sete espadas.
MINA DE SANTA MARIÑA
A mina de Santa Mariña adscríbese culturalmente á época romana e preséntase como un gran corte moi pronunciado na ladeira do monte a carón do río Anllóns.
REITORAL
Pazo señorial con pombal e cabazo datado do século XVIII. A casa consistorial conta cunha planta rectangular con cuberta a dúas augas, muros de mampostería en elementos de sillería na formación de ocos e cornixas. O hórreo é de pedra e conta cuns 10 metros de longo cun soporte de tipo “celeiro”, polo que se conta con dous pisos. A ventilación conséguese graxas as fiadas de pedra e pezas menores intercaladas. Ademais, presenta un patín para o acceso á cámara. Nos terreos consérvase un pombal de sección circular típico na zona.
A primeira referencia á casa reitoral atópase no Libro eclesiástico no expediente do Catastro de Enseada do 1753. A casa sería un claro exemplo da arquitectura tradicional das casas reitorais da comarca de Bergantiños. A comezos do século XX realizóuselle unha ampliación.
A prensa histórica fai referencia ás diferentes situacións pólas que pasou o edificio (atentados no 1902 e 1922). Así, foi habilitada na súa planta baixa nos anos 60 como local social da parroquia ata o seu abandono no 1979 co falecemento do último sacerdote.
O estado de conservación de todo o complexo é desfavorable, atopándose en gran medida en ruínas.
SAN PEDRO
Conta na fachada cunha torre campanario e dous camelios que a enmarcan. No interior gárdase a imaxe de Santa Mariña que só se traslada ata O Remuíño o día da romaría. Conta cunha planta de cruz grega co brazo maior máis alargado e tellado a dúas augas.
MÚSICA
Rosa de Corcoesto
Meniña, rapaza nova, ¡ouh rosa de Corcoesto!, que te brandeas con gracia ós doces sopros do vento, s’é certo que por ti vivo, s’é certo que por ti peno, se tan doce e dadivosa como din que es é certo, cúrame, ¡ouh rapariga!, estas suidades que teño, estas suidade da alma, e non sei que, que padezo. ¡Ti tes dos meus males a doce manciña, Ouh rosa de Corcoesto!
Recinto castrexo datado na Idade do Ferro. Ocupa unha posición privilexiada sobre o val de Cesullas, por onde discorre o río Balsa. Foi un castro de grandes proporcións, aínda que hoxe se atopa moi deteriorado por labores agrícolas. Aínda así, consérvanse restos visibles dos seus muros e terrapléns. O parapeto que delimita a croa ten 30 metros de longo, 14 de ancho e 7 de alto na súa parte noroeste. No lado oeste, o foxo ten 20 metros de longo, 8 de ancho e 1,5 de profundidade.
Este xacemento deu orixe ao topónimo San Fins do Castro. Segundo informa o arqueólogo Antón Abel Rodríguez Casal, en terreos situados baixo o castro apareceron sepulturas tipo caixa con lousas que contiñan cinzas e ósos, o que podería relacionarse co castro da Cidá de Borneiro. Tamén se atopou un importante cuncheiro de berberechos.
A lenda conta que no castro hai unha viga de ouro agochada hai moito tempo polos mouros, antigos habitantes do lugar.
IGLESIA DE SAN ESTEBAN DE CESULLAS
Situada no centro da parroquia de Cesullas, tivo como párroco durante preto de 50 anos a Saturnino Cuíñas Lois, crego e folclorista natural de Carballedo (Cotobade, Ourense), terra de canteiros. Foi fillo adoptivo e predilecto de Cabana de Bergantiños. Como sacerdote, impulsou a romaría de San Fins do Castro, e como folclorista, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do premio Marcial del Adalid. A súa sepultura pode verse no cemiterio parroquial.
Trátase dunha igrexa de estilo barroco que substituíu outra anterior, posiblemente románica. A súa nave central é rectangular, con dúas capelas laterais que lle dan forma de cruz latina. A sancristía adóusase ao muro norte da capela maior, tamén de planta rectangular.
A capela maior está cuberta por bóveda de arestas; xunto coa nave e a fachada, forma parte dunha profunda remodelación do templo realizada no último terzo do século XVIII.
A fachada é pentagonal, con porta alintelada e orellas formadas por un grosor moldurado. Sobre a porta principal aparece unha imaxe pétrea de San Estevo, flanqueada por volutas nunha fornela situada dentro do frontón triangular partido. Debaixo da espadana barroca dun só corpo con dous vans onde se sitúan as campás, hai unha ventá rectangular.
A parte máis antiga do templo parece ser a capela lateral sur, datada no século XVII e dedicada á Virxe do Rosario. Presenta unha bóveda de cruceiría nervada, de reminiscencia gótica. A capela norte, construída en 1873 imitando á anterior, foi costeada por Fernando Pérez, emigrante arxentino natural da parroquia. A ambas capelas accédese mediante un arco de medio punto.
No interior da igrexa consérvanse cinco retablos: o maior e dous en cada capela lateral. O retablo maior, de estilo clásico, data de 1783 e divídese en dous corpos: o principal con tres rúas e un ático. Na rúa central hai un templete co sagrario na parte inferior e unha imaxe da Virxe do Carme na superior. Á esquerda está San Antonio, e á dereita, San Roque. No ático, San Estevo, patrón do templo.
Na capela norte atópanse os retablos da Inmaculada (1873), pagado por Fernando Pérez, e o da Virxe do Carme (1921), costeado por Antonio Rodríguez, emigrante en Montevideo. Ambos son de estilo ecléctico.
A capela sur alberga os retablos do Rosario (1818), de estilo neoclásico, e o do Santo Cristo (1873), tamén ecléctico, patrocinado por Fernando Pérez.
Na década de 1940 construíuse a espadana. Para que os sillares novos non desentoaran coa pedra antiga, fregáronse con esterco de vaca para favorecer a formación de musgo e así “envellecelos”.
ERMITA DE SAN FINS
Situada na parroquia de Cesullas, esta ermida presenta unha orientación inversa á tradicional: a súa fachada mira ao leste en lugar de ao oeste. Ten ábsida e nave rectangulares. No lado sur da ábsida adosouse un pórtico lateral para a celebración de misas durante a romaría.
Na fachada pentagonal obsérvase unha celosía de pedra que podería ser prerrománica.
Unha lenda tenta explicar a orientación atípica da capela. Segundo esta, un mozo que foi rezar á antiga ermida foi sorprendido por unha terrible treboada. Choveu tanto que se inundou a capela e tivo que subir ao tellado para non afogarse. Nese momento prometeu que, se se salvaba, construíría unha nova ermida coa entrada orientada ao leste. Como sobreviviu, cumpriu a súa promesa.
ERMITA DE NUESTRA SEÑORA DE LAS NIEVES
Está situada na parroquia de Cesullas. Ten un atrio de forma triangular e unha espadana sen campás. A fachada é pentagonal.
PAZO DO BOSQUE
Esta sobria casa señorial atópase a carón do río Anllóns, nunha curva pechada que rodea o monte do Castro. Ten aspecto de casona de cantería, con planta rectangular e dúas alturas.
A planta baixa é a máis antiga, como se aprecia no gran grosor dos seus muros interiores e na escaseza de ocos, salvo unhas troneras que ventilaban o espazo onde se gardaba o gando. A planta superior, á que se accede por unha escalinata de pedra, conta con cociña e gran lareira, visible desde o exterior pola súa cheminea de pedra labrada.
Chámase así polo extenso bosque que a rodea. Non conserva escudos heráldicos.
Foi fundada pola familia Rodríguez Arijón e Romero, liñaxe moi estendido pola comarca de Bergantiños. Os Romero, propietarios da casa de Canduas, tamén habitaron este pazo.
Teresa Rodríguez de Andrade e Romero casou co licenciado José Andrés Amarelle Malpica, e desta unión naceu Francisco Amarelle Rodríguez. A súa filla, Fanny Amarelle Varcia, herdou tanto a casa de Canduas como a do Bosque. Casada cun membro dos Graíño, deixou como herdeiro ao seu fillo Juan Antonio Graíño Amarelle.
Forma parte dun conxunto arquitectónico que inclúe: un hórreo de once pares de pés, dúas construcións usadas como alpendres e cortes, un palomar de planta octogonal e unha capela privada dedicada a San Antonio e á Virxe das Neves, aínda que separada pola estrada.
CASA DE NATIVIDAD
Esta casa foi a número cinco no primeiro rexistro municipal de vivendas. Os documentos datana no século XVII. Ata 1930 foi carnizaría. O seu primeiro nome foi Casa dos Tisos, e máis adiante Casa dos Bastiáns.
Conserva construcións anexas como a caseta da carnizaría, un almacén de gran, un hórreo de pés redondos con base cónica, un lavadoiro de pedra e un pozo empedrado por dentro con torno de extracción de auga
CASA DE MONTERROSO
Sufriu un incendio no século XIX. Conserva elementos de arquitectura tradicional como o forno, un portal con cruz, alpendres e cortes. O tellado ten como peculiaridade uns remates típicos de hórreo.
CASA DE MIRAFLORES
Accédese a esta casa-pazo por un antigo camiño onde se botaba toxo a podrecer para facer esterco. En 2023 supera os 270 anos de antigüidade. Segundo a tradición familiar, foi construída por un crego que a deixou en herdanza a unha filla.
As pedras que sobresaen da fachada representan os días de xornal que o propietario debía pagar aos canteiros. O escudo foi desprazado do seu lugar orixinal cando se abriu unha porta. O propietario quixo destruílo, pero o crego Saturnino Cuíñas Lois pediulle que o conservase.
No interior, as dúas ventás da dereita teñen bancos interiores para ver a ría desde dentro. Na cheminea pode lerse a inscrición: “Pedra Cuca 1952”. Cóntase que a Garda Civil retía aquí os detidos. Entre as construcións anexas destacan un hórreo e un alpendre. É propiedade privada.
PAZO DE CASANOVA
A Casanova de Nantón foi fundada —segundo Martínez Barbeito (1986: 420-422)— polo capitán Francisco Rodríguez de Gondomil. A casa, de tres corpos, conta con patín e corredor cuberto.
No portalón de entrada poden verse escudos que representan as armas dos Pardiñas, Villardefrancos, Figueroa, Rodríguez de Arijón, Moscoso e Caamaño. Actualmente pertence a unha familia de labregos.
MÚSICA TRADICIONAL
Repertorio destacado:
“Maneo de pandeiro de Fontenla”
“Cantiga de San Fins”
“Pasodobre do Jai Jai”
“Xota por Neaño arriba”
“Dulce Lola”
“Noiteboa en Enano”
“Berro Seco”
“Maneo de Fontenla”
Composicións de carácter histórico:
“O Santo da pólvora”
“San Fins do Castro (foliada)”
“Rumba de Neaño”
“Muiñeira de Neaño”
Composicións de carácter histórico:
“O Santo da pólvora”
“San Fins do Castro (foliada)”
“Rumba de Neaño”
“Muiñeira de Neaño”
EDUARDO VÁZQUEZ ESPASANDÍN (EL JAY JAY)
Naceu en Rebordelo, Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 08/12/1909 e faleceu en Neaño, Cesullas, o 25/11/2003.
A pesar de ter aprendido do seu irmán o oficio de carpinteiro, Eduardo Vázquez Espasandín foi un célebre músico popular, coñecido desde A Coruña ata Padrón, desde Cabana ata O Carballiño. Quen non o lembra nas festas, co bombo ás costas, aínda que el en realidade quería ser gaiteiro?
Comezou a súa andaina musical no grupo Os Jaiteiros de Neaño e Jai Jai, xunto aos seus veciños:
Manuel do Bronllo (cuñado da poeta María Baña), gaiteiro
Servando de Indalecio, gaiteiro
Gabriel de Indalecio, tamborileiro
Máis adiante, formou parte durante uns anos do grupo Os Marabillas de Corme, e a súa gran etapa como músico vivírona con Os Enxebres de Neaño.
O nome do grupo suxeriullo o párroco de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois. Un día, Eduardo preguntoulle como debería chamar ao grupo. Cuíñas respondeu: “Póñelle Os Enxebres”. Eduardo replicou: “¿Por que?”. E o cura respondeu: “Porque o enxebre es ti”.
Durante máis de oitenta anos, Jai Jai estivo acompañado por unha gran variedade de músicos populares da Costa da Morte:
De Neaño: Manolo de Xusto (sobriño de Manuel do Bronllo e fillo de María Baña), gaiteiro; Plácido Vigueret (Plácido de Meiruco), tamborileiro
De Corme: Calixto e Ramona dos Marabillas
De Laxe: José García Insua (Reboredo), gaiteiro
De Lamas (Zas): Manuel, coñecido como O Galo de San Clemente, gaiteiro
De Bamiro: José O Lambirote, gaiteiro, e o seu cuñado tamborileiro
De A Campara: Alfredo Castro Fariña, gaiteiro; os seus irmáns José, tamborileiro, e Ramón, gaiteiro
De Cances: José da Viúda (José Collazo Álvarez), gaiteiro
De Anllóns: Gabriel, O Zoqueiro da Garga, gaiteiro
De Iñaño: Serafín, gaiteiro
De Langueirón: Pepe de Langueirón, gaiteiro formado por Eduardo
De Pedracuca: Lelo do Gaiteiro, tamborileiro
E tamén o gaiteiro de Reparada (Vimianzo)
Os Enxebres de Neaño convertéronse así nunha verdadeira escola de música tradicional na aldea de Neaño, nas terras de Cabana de Bergantiños.
Alboradas, procesións, sobremesas e merendas de festas e romarías por toda Galicia coñeceron as súas melodías: Na Coruña, Eduardo do Menucho compartiu escenario con Mariñita da Peña e era habitual das festas de María Pita. No San Xoán de Carballo competían con bandas de música como as de Gamallos. No Santiaguiño do Monte de Padrón, os gaiteiros de Neaño eran os únicos que cantaban de forma enxebre.
A Virxe da Barca en Muxía, as Barquiñas de Ponteceso, as Festas do Mar de Malpica… todas contaron coa súa presenza. Pero, sen dúbida, a romaría máis emblemática para el foi San Fins do Castro, á que asistiu de forma simbólica e ininterrompida desde os anos 20 ata os nosos días.
Os Jaiteiros de Neaño ou Os Enxebres con Jai Jai ao bombo son unha parte inseparable da historia desta romaría, igual que o Berro Seco ou o Santo da Pólvora.
Como dicía Eduardo Vázquez Espasandín: “¡Viva a mocidade! E que non morran os vellos!”
JOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CANTO
O músico José María Álvarez Canto naceu en Corme Aldea (Ponteceso) o 28/11/1905 e, tras converterse en cabanés adoptivo, faleceu en Neaño (Cesullas) o 01/05/1977.
En cada casa de Corme Aldea había cando menos un músico de banda, e a súa non foi a excepción. José María comezou desde neno: con só seis anos xa tocaba o tamboril nas procesións coa Banda de Corme. Un día, esgotado polos camiños, sentou nun curral. O seu pai díxolle: “Levántate ou dáseche unha patada no cu.”
A música, primeiro aprendida de oído e logo con linguaxe de solfexo, acompañouno toda a vida, mesmo no servizo militar, onde foi corneta do Rei. Foi músico e director da Banda de Corme, despois dirixiu unha banda en Coristanco e creou unha orquestra.
A poeta Asunción Antelo Suárez, Rexubeira de Bergantiños, dedicoulle estes versos polo seu paso musical por terras de Coristanco:
“Sentía ensaiar os músicos cando ía pra Carballo eran os Soanes da Miñata e os Naias de Carantos.”
Máis adiante, comprou unha taberna–casa de comidas en Neaño, onde se estableceu definitivamente. Alí entablou amizade co crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois, e froito das súas tertulias naceu o Himno a San Fins do Castro, con letra de Cuíñas e música de José María.
Foi un dos grandes referentes musicais da Costa da Morte, dominaba todos os instrumentos de percusión e vento, compoñía para toda a banda e foi mestre do acordeón.
Aprendeu a tocalo en Corme cun pequeno acordeón de botóns. Máis tarde adquiriu varios acordeóns piano, algúns comprados en Ferrol con diñeiro prestado pola súa nai, outros regalados pola súa muller.
En Neaño, tras deixar a dirección de bandas, impartiu clases de acordeón. Entre os seus alumnos estiveron Jacinto Paredes e Manolo de Ovidio. Tamén animaba as tardes de baile no salón de O Burreiro, acompañado por Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ao clarinete, “que facía falar”.es de baile en el salón de O Burreiro, acompañado por Lelo de Pedra Cuca a la batería y Anselmo Cousillas al clarinete, “que hacía hablar”.
ELISA MOSQUERA TEDÍN
Natural deste lugar é a escritora Elisa Mosquera Tedín, autora dunha novela infantil publicada por Ediciós do Castro baixo o título de Barullo. Ambientada neste contorno, a obra permite coñecer, a través dos ollos dun neno en idade escolar, as beiras do Anllóns cara a mediados do século XX.
MARÍA BAÑA VARELA
Aínda que nacida nos casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poeta popular María Baña Varela botou raíces en Neaño, onde fundou o fogar familiar xunto ao seu esposo Xusto Cousillas Castro.
Criada como muller labrega desde nena, non tivo oportunidade de asistir á escola, polo que a escritura era un terreo prohibido para ela. Porén, a súa mente non deixaba de compoñer versos que memorizaba. Chegou a afirmar nunha entrevista local: “eu penso en copla”. Co tempo, aprendeu a escribir de forma rudimentaria para deixar constancia dos seus poemas. Calquera folla servíalle para verter a súa poesía.
A súa obra xira arredor da súa propia vida, a da súa familia e veciños, ás veces en ton serio e outras cunha carga de humor. En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou postumamente a súa obra inédita e instituiu o Certame de Poesía para a Xuventude María Baña.
María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Taboído, forma a tríada de poetas populares que non tiveron medo de ser mulleres e escritoras.
Na actualidade, a Biblioteca Municipal de Cabana leva o seu nome.
SATURNINO CUÍÑAS LOIS
Saturnino Cuíñas Lois naceu en Carballedo (Cotobade, Pontevedra) o 21 de decembro de 1897 e faleceu en Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 7 de abril de 1978.
Aínda que nacido en San Miguel de Carballedo, adoptou Cabana de Bergantiños como terra natal. Desde a súa chegada como párroco a Santo Estevo de Cesullas en 1931, impulsou o dinamismo relixioso, festivo e social da parroquia, así como importantes melloras en infraestruturas, como a estrada de Neaño a Baio.
En 1956, o concello nomeouno Fillo Adoptivo do municipio. Tras o seu falecemento, foi recoñecido como Fillo Predilecto nun acto na capela de San Fins, onde se colocou unha placa e se convocaron agrupacións folclóricas de toda A Coruña.
O seu legado máis destacado foi a organización da romaría de San Fins do Castro. Ao chegar, esta festa era apenas coñecida. Coa creación do Berro Seco, o Santo da Pólvora, a Traca de Fogo, o Himno a San Fins e a participación dos mellores coros e gaitas de Galicia, converteu esta celebración na máis representativa do municipio e unha das máis singulares da provincia.
O seu labor como folclorista transcendeu os límites parroquiais. Desde neno coleccionou cancións populares de toda Galicia, conformando un dos arquivos máis importantes do país, hoxe depositado en Cántigas da Terra. Moitas desas pezas seguen sendo interpretadas por grupos como Milladoiro, Treixadura ou a propia Cántigas da Terra.
En 1954 recibiu a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid, outorgada pola Real Academia Nosa Señora do Rosario.
Ademais, foi un virtuoso da música tradicional. Dominaba instrumentos como a gaita, pandeireta, bombo, bandurria, harmonio e zanfona. De feito, xunto con Faustino Santalices, foi un dos poucos galegos da súa época que tocaba a zanfona. Unha delas doouna a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 en plena romaría de San Fins..
PLÁCIDO VIGUERET VILLAR
Nado en Neaño en 1925 e falecido o 13 de xullo de 2020, Plácido Vigueret herdou do seu pai o oficio de carpinteiro, sustento da familia tanto en Galicia como na emigración americana.
Desde mozo combinou o torno coa música e a poesía popular. Foi o último en falecer dos míticos Gaiteiros Enxebres de Neaño, onde tocaba con mestría a pandeireta, cunchas, tamboril, caixa e bombo.
Aos 84 anos publicou a súa obra Poemas, unha brillante recompilación de versos en lingua viva e cunha temática profundamente enraizada na sabedoría da tradición oral.
OS MUIÑOS
Este tipo de construción está moi estendido por Galicia e foi fundamental na vida cotiá. Por unha banda, era o lugar onde se moía o gran para pan ou alimento animal. Por outra, tamén era un centro social, onde os labregos se xuntaban para falar, cantar, bailar… e mesmo onde os namorados atopaban intimidade.
Este papel quedou reflectido nunha rica literatura popular, con coplas e refráns como:
“O muíño xa é vello ten silvas arredor; as mozas que a el van perden todo o color.”
“Un burro branco bailando no campo coa peza no pé e burro non é.”
“O cura foi ao muíño cun grupo de rapaciñas elas en camisón e el en calzóns.”
Co tempo, estes usos foron desaparecendo, e os muíños acabaron sendo substituídos por sistemas máis modernos. Hoxe moitos están en ruínas, aínda que algúns seguen activos grazas ao coidado dos seus propietarios.
En Cabana, o muíño máis común é o de regato, situado xunto a un regueiro. A auga desvíase mediante unha canle, que ás veces gaña altura para adquirir forza. Chega ao cubo, onde un aliviadoiro e unha reixa permiten regular o paso da auga.
O punto final da canle chámase billote, por onde pasa a auga que acciona o rodicio, unha roda horizontal con paletas de madeira ou ferro. Esta transmite o movemento ao eixe vertical (veo ou vara), que xira a pedra superior (capa ou moa) sobre a base de pedra fixa (pé).
O gran vértese pola parte superior na moega, que conecta coa quenlla. Unha táboa chamada tenxedoira, movida pola propia pedra, fai caer o gran que, moído, se recolle nun caixón.
Para deter o muíño, usábanse sistemas como unha táboa atada cun cordel que, ao baleirarse a moega, soltaba o freo e pechaba a entrada de auga (pechadoiro).
Algúns muíños como o de Rellán contaban cunha roda vertical, que tamén transmitía o movemento.
Os muíños requirían mantemento, como picar as pedras periodicamente para obter boa fariña.
Había muíños dun só dono, que cobraba en diñeiro ou nunha parte do gran. Outros eran comunitarios, con quendas rotativas ou comprados (a compra da peza).
Entre as parroquias de Borneiro e Canduas consérvanse 14 muíños de herdeiros, testemuñas do poder económico que tivo o mosteiro bieito de Canduas. Lamentablemente, a maioría non foron restaurados, aínda que algúns seguen en pé preto do Rego dos Muíños.
O MUÍÑO DO RELLÁN E A PONTE MOURÍN
Sobre o río da Balsa —que nace na parroquia de Anós e descende bruscamente polo lugar de Esmorís—, despois de mover o rodicio do muíño da Balsa, atópase o muíño do Rellán, situado na ponte Mourín, xa en pleno val de Cesullas, preto da aldea da Cabana, que lle dá nome ao concello e onde se situou a primeira casa consistorial.
O muíño recibe este nome a partir de 1906, cando pasa a ser propiedade do pai do actual dono, apelidado Rellán. Naquela época, os muíños eran industrias rendibles e, polo tanto, moi demandadas. Este tiña varias moas, tanto para trigo (albeiro) como para millo, movidas por unha roda vertical ou nora.
Máis tarde incorporóuselle unha máquina para serrar madeira, que aínda se conserva. A través dun sistema de transmisións por poleas, poñíase en funcionamento.
A edificación tradicional foi substituída por outra feita con materiais máis recentes. Porén, consérvanse en bo estado tanto a nora coma a serra. As moas albeiras, de orixe francesa, pasaron a formar parte do mobiliario do xardín.
Estamos, pois, ante un exemplo representativo dunha pequena industria tradicional do mundo rural galego.
A antiga denominación de ponte Mourín podería deberse a unha familia do mesmo apelido, residente en Neaño e recollida no catastro de Ensenada: Estevo, labrego, e o seu fillo Domingo, arrieiro de fariña.
CRUCEIRO DO SACRAMENTO
É o cruceiro máis salientable do concello pola súa rica ornamentación. Está construído en granito. A plataforma é cadrada, con tres graos. O pedestal, tamén cadrado, remata en chafráns e conta cunha mesa anexa. Nela destaca unha lápida de granito decorada cun relevo de dous anxos aos lados e unha custodia no centro.
O varal é octogonal con chafráns, o capitel cadrado e moldurado. A cruz presenta brazos achafranados, remates en punta de diamante e imaxes nas súas catro caras:
Anverso: Cristo crucificado con tres cravos (como nos Cristos góticos), con cabeza inclinada á dereita, mans abertas, sen coroa, cabelo trenzado, pano da pureza anoado á dereita e cartela de INRI enriba dunha caveira e tibias.
Reverso: A Virxe, en actitude orante cos dedos entrelazados, enriba dunha peaña.
Laterais: Posible representación de María Madalena rezando cun rosario e San Estevo.
CRUCEIRO DE VILLA FANNY
Cruceiro de granito cunha plataforma cadrada dun só grao. O pedestal, tamén cadrado, remata en chafráns. O varal é octogonal, agás na base que é cadrada.
Destaca o capitel troncopiramidal invertido, octogonal, con volutas nas catro esquinas. A cruz ten brazos achafranados.
Anverso: Cristo crucificado con tres cravos, mans abertas, coroa de espiñas, pano da pureza á esquerda, cartela de INRI e San Francisco abrazando o crucificado.
Reverso: A Virxe orante, coas mans xuntas e coroa.
CRUCEIRO DE SAN FINS I
Feito en granito, a súa plataforma e pedestal están soterrados. O varal é cadrado con chafráns e o capitel cúbico. A cruz presenta brazos achafranados.
Anverso: Cristo crucificado con tres cravos, cabeza inclinada á dereita, mans pechadas, sen coroa, pano á esquerda, acompañado pola Virxe e San Xoán.
Reverso: A Virxe en actitude orante, coas mans xuntas e nimbo.
CRUCEIRO DE SAN FINS II
Tamén en granito. A plataforma é cadrada, con dous graos. O pedestal é circular, semellante ao pé dun muíño. O varal, de forma circular e textura leñosa con nós, semella un tronco de árbore. O capitel é cilíndrico, con astrágalo circular liso e cabezas de anxos con ás nos ángulos. A cruz é circular, leñosa, con nós e remates florenzados.
Anverso: Cristo crucificado con tres cravos, cabeza inclinada á dereita, coroa de espiñas, pano á dereita e enriba del, a cara do Pai.
Reverso: A Virxe en actitude orante, corada por anxos situados nos paos da cruz.
CASA DO CONCELLO
En 1833, coa supresión dos señoríos, créanse os actuais concellos. No primeiro ensaio de 1820 pensábase en situar o concello en Corcoesto. En 1845, Madoz menciona o concello de Cesullas, con 1.060 habitantes e dúas escolas en Cesullas e Corcoesto.
A primeira casa consistorial localizouse na aldea da Cabana, escollida pola súa situación central. Esa casa está hoxe totalmente modificada.
Durante a etapa do xeneral Espartero (1840–1843), proponse un novo mapa municipal, que incluía parroquias de Laxe, Ponteceso e Coristanco, pero nunca se aplicou.
Dende mediados do século XIX até ben avanzado o século XX, a sé municipal foi O Bosque. Despois trasladouse a Aspera, a unha casa alugada por José García Gil. En 1948 ofreceuna ao Concello por 140.000 pesetas, xustificando a venda pola situación precaria das dependencias municipais e os constantes cambios por razóns políticas.
Finalmente, en 1978, malia certa oposición veciñal, o Concello instalouse definitivamente no lugar da Carballa. O antigo edificio serviu despois como biblioteca municipal e hoxe acolle unha asociación veciñal.
A historia da parroquia de San Martiño de Canduas remóntase á Prehistoria. Así, a parroquia conta cun asentamento fortificado da Idade do Ferro situado nos arredores do lugar de Sinde. A súa croa, de forma case circular, ten unhas dimensións de 86 x 70 m de diámetro. Está delimitada en todo o seu perímetro por un terraplén que a separa do terreo circundante. Na parte Leste e Sur aparece un foxo, hoxe cuberto pola vexetación, aínda que perceptible desde fóra. Cara ao Oeste da croa hai dous antecastros de uns 70 e 50 m. Este castro atópase en terreos de cultivo, é dicir, non está musealizado, e o seu estado de conservación é bo.
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CANDUAS
A igrexa de San Martiño de Canduas erixiuse no ano 1910 arredor dun núcleo de casas no propio lugar de Canduas. A súa orientación (Lema Suárez, 1998: 75-79) é distinta á tradicional, xa que mira cara ao norte. A nave e a capela lateral leste están cubertas por unha bóveda de canón lixeiramente apuntada; mentres que a capela leste cóbrese con falsas bóvedas de crucería.
A orixinalidade desta igrexa preséntase na súa fachada: pentagonal, construída case integramente coas doelas do hórreo de pedra do antigo mosteiro, que tiña as súas orixes no século IX. Na súa vertical, enriba da porta principal, atopamos un pseudo-rosetón circular e a espadana con vidreira simple.
No seu interior destaca unha serie de vidreiras con representación dos principais santos festexados na parroquia, coroadas
pola vidreira do patrón, San Martiño, representado como soldado romano. No centro do conxunto, unha escultura de Deus, coa orbe na man esquerda e a man dereita alzada en xesto de bendición, recibe a quen entra pola porta principal, de gran tamaño e en madeira orixinal.
Os retablos e esculturas son contemporáneos e de estilo ecléctico. O campanario, feito en granito e de deseño xeométrico con perpiaños rectangulares, lembra unha torre e favorece a verticalidade. A cruz que o coroaba desapareceu.
A fachada posterior conta cunha celosía de pezas prefabricadas, coñecida popularmente como o “ceo de Canduas”, tamén con vidreira simple. Esta igrexa foi promovida activamente polo párroco Manuel Costa, quen en 1928 investiu 3.030 pesetas na súa reforma, procurando dar traballo aos mendigos e persoas sen recursos do lugar mediante obras de cantería e albanelaría.
CAPELA DE FÁTIMA DE SINDE
Esta capela foi levantada durante a posguerra, nos anos 40 do século pasado, en granito, por mandato do párroco de Canduas, Manuel Costa Verdía. A súa construción tiña como obxectivo facilitar aos veciños de Sinde o acceso ás celebracións relixiosas, evitando así desprazamentos ata Canduas.
Porén, a súa estrutura non resistiu co tempo e puido utilizarse poucos anos. Na actualidade encóntrase semiderruída, aínda que conserva elementos singulares como o seu arco oxival e pinturas nas bóvedas do altar. As formas cadradas que aínda se poden ver na fachada lembran á celosía da igrexa de San Martiño de Canduas.
A capela ten planta rectangular cunha única nave principal. Dispuña dun coro alto sustentado sobre arcos rebaixados e bóveda de canón tamén rebaixada. Ao longo da parede dereita existiría unha serie de capelas cubertas con semi bóveda de canón, ás que se accedía mediante tres arcos de medio punto, aínda conservados. Tamén se manteñen os vans que actuaban como fiestras, permitindo a entrada de luz tanto ao altar como ao resto da estancia, sempre baixo arcos de medio punto e con decoracións xeométricas onde se situaban as vidreiras.
CASA DE COLLAZO
Levántase ao lado do cruceiro dos Romero. Enriba do lintel da porta principal aparece un semi-escudo coa inscrición: «LA EDIFICÓ J.C.C. EN EL AÑO 1887». As siglas J.C.C. correspóndense co nome José Collazo Campos. Fronte a esta casa, había un lavadoiro de pedra.
CASA DOS ROMERO
Coñécese co nome da Casa do Vinculeiro. Edificio de planta rectangular e de traballada cornixa de pedra. Son dúas vivendas apegadas que comparten medianeira, ademais dun pombal, un eirado de planta octogonal e un cabazo. A de arriba, habitada, posúe un escudo oval encadrado por sillares; as divisas dos parentescos da familia son dos Moscoso, Rodríguez de Arijón, Caamaño e Pardiñas Villardefrancos.
O edificio de abaixo, cunha data no lintel da porta (1660), é usado hoxe como corte. Na árbore xenealóxica da Casa de Romero destacan (Martínez Barbeito, 1971: 158) os capitáns Martín Romero de Caamaño e Andrés Romero, que pelexaron na guerra de Portugal.
A parte máis antiga ten forma rectangular con cuberta de tella curva a dúas augas. Consta de dous andares que se comunicaban por unha escaleira de tres tramos —hoxe desaparecida—, estando as dependencias máis privadas no superior, distribuídas por un corredor central que conduce á parte nova do pazo. O estado de conservación non é moi bo debido a que se atopa deshabitada.
A parte “máis nova” data do século XIX e trátase dun volume de dúas alturas apegado ao anterior, aínda que se encontra máis elevado ca el polo desnivel do terreo. A disposición dos ocos na fachada principal segue, á maneira clásica, un eixo de simetría central marcado polo escudo de armas no primeiro andar, e colocándose dous ocos en ambos lados. O lintel destes coróase cun frontón semicircular de pedra. Este material tamén queda visto nos esquinais, na liña de imposta, no zócolo e na cornixa, deixando os panos recebados e caleados.
CASA DO XOANO
Atópase nun desvío entre a Casa do Collazo e a Casa dos Romero. Conta con dous corpos en forma de L. A porta ten gateira, con trampela interior para os días de frío. Na cociña hai forno, mesa de pedra para a sella e corte de gando. Conta tamén cunha ventá con parladoiros e tragaluces. A fachada estaba cuberta por un antigo cabanote, do cal hoxe só queda en pé a columna de pedra que o sostiña.
FREXUFRE
En Frexufre atopamos unha antiga ponte de pedra, da mesma idade que a vella estrada de Ponteceso a Laxe. Ao seu carón, a ponte nova e, un pouco antes pola súa dereita, báixase á aldea de Frexufre, á que se chega baixo a sombra dunha bóveda de loureiros.
Frexufre é coñecido como o paraíso das plantas tropicais e das flores de Canduas. Os habitantes do lugar cren que o nome provén da abundancia de freixos que había na contorna. Aínda hoxe se conserva un vello e único exemplar desta árbore.
O lugar configúrase como un aliñamento rectangular de casas señoriais. As tres primeiras, hoxe abandonadas, contan cun cabazo de pés, palmeira e pradal. A casa que posúe cheminea rematada en catro picos e escudo é coñecida como Casa dos Barreiros (Barreiro González). No lintel dunha ventá traseira figura a inscrición “Rodrigo de Leis 1764” e no lintel da segunda casa, “Año 186¿2? JHS MA”.
Segundo Leonor Alonso e Luís Giadás (1998: 137), os antigos propietarios foron a familia dos Leis, señores da Casa de Mórdomo (Traba de Laxe) e de Taraio (Cerqueda, Malpica de Bergantiños). Entrelazados coas principais familias fidalgas da Costa da Morte, eran unha das liñaxes máis influentes do noroeste coruñés. O fundador do casal foi Rodrigo Sancho de Leis, fillo de Francisco Antonio de Leis Villardefrancos e Quiteria Bermúdez de Castro, bisneto de Gonzalo Posse “O Vello”, quen fundou a igrexa de Santo Estevo de Soesto e onde Rodrigo solicitou en 1745 que a súa nai fose enterrada.
A casa de abaixo, a única hoxe habitada, é propietaria dos invernadoiros de flor que se espallan pola pequena agra da ribeira. Nela consérvanse tres abellarizas nas paredes.
Non se pode abandonar Frexufre sen visitar o Coído dos Muíños. Accédese por un carreiro baixo unha bóveda de carballos, que acompaña un pequeno regato no seu rápido descenso. No interior da carballeira destaca un elemento etnográfico singular: muros de contención para crear pequenas terrazas de cultivo. Xunto ao río, consérvase unha sucesión de muíños de auga construídos en granito. O último deles está situado tan preto do mar que xa toca a auga salgada.
MOSTEIRO BENEDICTINO DE CANDUAS
Situado nun outeiro entre Laxe e Canduas, houbo un mosteiro benedictino. Primeiro de monxas (século IX) e despois de monxes da mesma orde. Posiblemente fose dúplice nos primeiros tempos. Pasou a mans varonís en tempos do arcebispo don Lope de Mendoza, segundo conta o Padre Yepes na súa Crónica general de San Benito. O priorato desta freguesía substituíu o antigo mosteiro, incorporándose a San Martiño Pinario de Santiago en 1436, sendo aprobada a decisión polo papa Uxío IX en 1442.
O mosteiro, pese a que contaba coa protección dos reis de Castela, no primeiro tercio do século XV sufriu abusos dos nobres galegos. Durante a súa viaxe por Galicia en 1745, o ilustrado Frei Martín Sarmiento hospedouse unha noite no mosteiro e recolleu valiosa información sobre a zona. Destacan as súas notas sobre a existencia dunha pedra con inscrición antiga, a relación co mosteiro de Borneiro, e a descrición da ría de Corme e Laxe, que el denominaba “ría de Cándoas”.
Hoxe en día consérvase parte da casa reitoral, construída aproveitando os sillares do mosteiro, así como a “horta do cura”. O gran cabazo do mosteiro foi desfeito nos anos 20 para erguer a fachada da igrexa de San Martiño. O pombal, a horta e a eira de pedra aínda se manteñen.
CONVENTO DE SAN PEDRO
En San Pedro, durante a Alta Idade Media, había un convento de monxas que tamén era parroquial. Dise que había unhas catorce casas, e os habitantes de Valarés (Ponteceso) pertencían a esta parroquia debido ao illamento doutras zonas.
A súa desaparición pode deberse ás razzias almorábides do 1115, que obrigaron a poboación a fuxir terra adentro. As pedras do convento foron utilizadas polos veciños para construír as súas casas. Os capiteis románicos decoran aínda hoxe a entrada dunha das fincas do lugar.
Existe a lenda de que a imaxe de san Pedro Papa da parroquial de san Paio de Cundíns procedería deste convento, aínda que é máis probable que se trate dunha estatua neoclásica do século XIX.
CRUCEIROS E ELEMENTOS SINGULARES
Cruceiro dos Romero
Está construído en granito. Ten como plataforma unha pilastra. O pedestal é cuadrangular e remata con medias canas e cunha roda lisa; posúe a seguinte inscrición: “De la casa de los Romero”. Ten mesa anexa. O varal é octogonal e comeza en cadrado. O capitel esférico, singular no concello, presenta astrágalo circular con chafráns e liso, follas de acacia e serpe coroándoo. A cruz é cuadrangular. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita e coas mans pechadas, á cabeza coroa de espiñas, o pano da pureza anóase á dereita e lese a cartela de INRI. No reverso aparece a Virxe en actitude orante coas mans xuntas.
Cruceiro do Igrexario
Está construído en granito. A súa plataforma está enterrada. O pedestal é cuadrangular. O varal é cadrado con chafráns adornados. O capitel é esférico coma o do cruceiro dos Romero, aínda que nesta ocasión carece de decoración, e coróase cun semicapitel cuadrangular. A cruz é octogonal con remates florenzados.
Cruceiro do Campo da Escola
Está construído en granito no lugar coñecido como Campo do Outeiro, no que no século pasado estaba a escola de Canduas. A plataforma é cuadrangular de tres graos. O pedestal é cuadrangular e remata con chafráns. O varal octogonal comeza e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.
Cruceiro de San Martiño
Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é cúbico. O varal é octogonal aínda que comeza en cadrado. O capitel é tronco cónico invertido e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.
Cruceiro de Taboído
Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é circular. O varal é circular partindo dun pedestal cuadrangular liso. O capitel ten astrágalo circular liso, ábaco de lados rectos e catro caras. A cruz é cuadrangular con remates florenzados.
Cruz do Padrón
Está construído en granito. Carece de cruz e pedestal xa que se incrusta nun penedo. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel cuadrangular está moldurado en cuarto bocel e media cana. A cruz é romboidea con remates florenzados e círculo no centro.
Cruceiro de Piquite
A cruz de pedra que aparece en punta Taboído chámase o cruceiro de Piquite. Foi levantada no lugar trala morte neste espazo duns pescadores de liña. Da Piquita, realiza Otero Cebral a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
“A Piquita, a insólita e mesmo entristecina amiga das estrelas e do medo do mar, visitada amiga da sospeita e do fenezo que non ficas nese teu remouso e reclamo.”
Furna da Escanavada
Ao longo da ribeira cabanesa encóntrase a solitaria furna da Escanavada. É un precipicio de máis de 50 metros. Só se pode chegar a ela andando polas pedras da ribeira ou por mar, con marea baixa, en bote.
MUÍÑOS
Este tipo de construción está moi espallada pola xeografía galega e foi testemuña de grande importancia na vida cotiá dos habitantes destas terras. O seu uso é claro: era un aparello no que os veciños do lugar moían o gran que servía despois para facer o pan no forno ou para darllo aos animais.
Porén, tamén xogou un papel importante na vida social, xa que era un punto de reunión dos labregos e labregas posto que, cando acudían a el para moer, reuníanse e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Incluso era un lugar onde os namorados quedaban para manter relacións sexuais. Todo isto quedou reflectido nunha rica literatura popular na que as coplas e refráns sobre estes asuntos son abundantísimos. Os temas tratados son moi variados; dende os temas propiamente amorosos ata o tratamento irónico-sarcástico que reciben os curas:
“Co paso do tempo estas costumes foron desaparecendo, debido a que os muíños foron substituídos por outros aparellos máis modernos, polo que foron sendo progresivamente abandonados. Hoxe en día, un gran número destas construcións están nun estado de claro deterioro. Actualmente só un pequeno número deles segue funcionando grazas aos coidados que lle profesan os seus donos.
En Cabana, o tipo de muíño que máis abunda é o muíño de regato, coma no caso do Rego dos Muíños, que nace nas estribacións de Borneiro, formado pola unión de dous pequenos regatos no Roncadoiro, facendo de linde co Castro A Cidá. É de afamada sona polo grande número de muíños que posúe e que sempre posuíu, aínda que a día de hoxe tan só hai un en funcionamento, contra o comezo do sendeiro que corre a carón do rego.
Dentro deste tipo de muíños de regato hai certas variacións, pero que se corresponden cunhas liñas xerais. Están situados á beira dun río ou regato normalmente, aínda que tamén hai algúns afastados deles. A auga soe desviarse do seu curso normal mediante unha canle; ás veces acada certa altura para que a auga colla forza. Por ela vai a auga ata o cubo; no final da canle hai un aliviadeiro para tornar a auga se fose necesario e unha gradicela para que non pase o lixo. A parte final do cubo, onde se estreita máis, chámase billote. Ao pasar a auga, esta acciona o rodicio, que é a roda horizontal. Este rodicio, formado por culleres ou penas, e que pode ser de madeira ou ferro, é a peza que transmite o movemento ao resto dos elementos do muíño. O rodicio descansa na porca ou mesa, que é a viga que vai ao traveso por baixo, mediante un aguillón ou grilo de forma apuntada. O veo ou vara é o eixo vertical que parte do rodicio e vai dar ao piso do muíño e atravesa o pé que se mantén sempre fixo e é de pedra, o mesmo que a moa ou capa, peza superior que xira encol do pé. A parte do piso onde está a moa chámase tremiñado.
Ao final da canle hai unha especie de porta pequena que ao abrila fai que a auga entre no muíño, é o que se chama pechadoiro. Na parte superior é por onde se mete o gran. Primeiramente está a moega ou moxega; esta ten unha pequena canle por onde corre aquel e chámase quenlla. O gran cae polo movemento da tenxedoira, que é unha táboa que vai unida á quenlla. Esta táboa móvese co movemento da moa, sobre a que está situada. O gran convértese en fariña mediante o movemento da capa sobre o pé, e aquela recóllese nun caixón.
Para facer o muíño hai varios sistemas, consistentes en non deixar pasar a auga cara dentro del mediante unhas táboas. Un mecanismo moi usado é o de meter unha pequena táboa dentro da moega e pasala por unha roldana que vai amarrada cun cordel ao pecho do freo. Cando se baleira a moega e queda libre a táboa de madeira, o pecho do freo desprázase e pega no enganche do pechadoiro, facendo que se corte o fluxo da auga e, polo tanto, o muíño queda parado. Neste concello atopamos muíños, como é o caso do muíño de Rellán, que posúen unha roda vertical ou volante de grandes dimensións e que ten a función tamén de transmitir o movemento á moa da pedra.
Como todo aparello, o muíño sofre avarías ou necesita estar en boas condicións para moer. Por iso, cada certo tempo, hai que picar a capa e o pé, para que a fariña saia en boas condicións. A parte interna da moa debe ir máis picada e a parte externa ha de ir máis fina.
En canto ao sistema de organización, este é diferente segundo os casos. Hai muíños que eran dun só dono, entón o propietario moía para os veciños cobrándolles en diñeiro, pero o máis frecuente era quedar cunha porcentaxe do que se moía, que era tratada entre o muiñeiro e o propietario do gran. Os muíños podían tamén ser de varios veciños e, entón, cada un tiña un horario ou quenda determinada; de mañá, de tarde, de noite etc. Ás veces podíase comprar un turno determinado, que era o se coñecía como a compra da peza.
Entre as parroquias de Borneiro e Canduas podemos atopar 14 muíños de “herdeiro”, que evidencian a fartura das posesións que tiñan os monxes bieitos do antigo mosteiro de Canduas. É unha mágoa que non se restauren estes muíños, dos que, como xa dixemos antes, tan só se restaurou un, pero que algúns aínda se conservan na canle de enlace co rego dos Muíños.
CARPINTERÍA DE RIBEIRA
Os barcos como medio de transporte
Os barcos foron, desde moi cedo, un elemento esencial de comunicación, acadando un grande desenvolvemento ao longo dos séculos. A súa importancia fixo que os coñecementos sobre a súa construción se estendesen por toda a beiramar galega, dando lugar a distintos tipos de embarcacións adaptadas aos usos de cada zona.
En Galicia, a construción de embarcacións conta cunha longa tradición e Cabana de Bergantiños non é allea a esta realidade. Xa no século XVIII existía unha intensa actividade pesqueira na ría de Corme e Laxe —como mencionaba o Padre Sarmiento—, o que xeraba tamén a necesidade de construír barcos.
O Baladiño e os primeiros estaleiros
Destaca a carpintaría O Baladiño, que conserva a construción artesanal máis antiga do esteiro do Anllóns. Xa no século XIX hai constancia da construción de embarcacións na enseada coñecida como A Telleira.
A comezos do século XX, Julián Tedín Leis, que iniciou o oficio con só doce anos, deu un importante impulso á actividade coa creación dun estaleiro que construíu grandes barcos, como o Ponteceso. O estaleiro pechou na primeira metade dos anos 60, xa dirixido polo seu fillo, Juan Tedín.
Durante a Primeira Guerra Mundial (1914–1918), a demanda de madeira e embarcacións multiplicouse. Desde a parroquia de Canduas embarcábanse toneladas de madeira cara aos portos europeos e construíanse múltiples barcos. A actividade era tan intensa que se tiveron que contratar carpinteiros doutras zonas, como Noia, chegando a construírse ata tres embarcacións simultaneamente na praia do Pendón.
Mulleres na carpintaría de ribeira
Cómpre salientar tamén a presenza de mulleres neste oficio, como Dolores Centeno, que traballaba como armadora.
Os principais obradoiros
Durante o seu período de maior esplendor, chegaron a existir arredor de cinco carpintarías de ribeira en Cabana:
Hermanos Suárez Taboada (O Tecelán)
Roseva e O Baladiño (nas Grelas e Taboído)
Tedín e Antón do Chicho e fillo (na Telleira, xunto á praia do Pendón)
Estes obradoiros situábanse preto do mar ou dos ríos, en lugares protexidos do vento. Contaban cun pendello de madeira ou pedra para traballar os barcos baixo cuberto, así como cun taller de pedra e espazo para almacenar a madeira.
O proceso de construción dunha embarcación
Escolma da madeira
O proceso comezaba cando o armador falaba co carpinteiro para encargarlle unha embarcación, acordando dimensións e prezo. O carpinteiro encargábase de todo: desde buscar a madeira ata construír o barco.
Usábanse principalmente madeiras de carballo, eucalipto e piñeiro, seleccionadas no monte segundo a forma e calidade. A madeira cortábase con machado ou tronzador, e logo serrábase coa serra portuguesa, operada por dous homes, un enriba e outro por baixo do tronco.
Montaxe da estrutura
Cadernas (de carballo): compostas por varengas, medios, sinol e sobresinol.
Vagras e durmintes (de eucalipto): de proa a popa, sosteñen os vaos.
Vaos (de carballo ou eucalipto): van de babor a estribor, suxeitan a cuberta e teñen forma arqueada (brusca) para evacuar auga polos imbornais.
Tapa trancanil (de carballo): nela van encastrados os barraganetes (de piñeiro).
Cuberta: de táboas de piñeiro con cuarteis e espazo para motor e ponte de goberno.
Obra morta e acabados
Os barraganetes levan rexistros (inferiores e superiores) e a tapa regala ou batiola.
A ponte de goberno faise cun armazón de piñeiro e chapa mariña.
No interior colócanse as cornamusas (para amarrar), os calzos do motor e a sobrequilla.
Logo vén o banceado, é dicir, forrar o casco con táboas: cintas, cintón, rozadeiro, varadeiro, e o bordo de calime (contra a quilla).
Calafateado e carenado
O calafateado consiste en meter estopa nas xuntas e selalas con brea.
O carenado implica o tratamento da madeira con alcatrán e unha mestura de brea, xofre e aceite quente.
Para eliminar parasitos, queimábase toxo debaixo do casco.
A botadura e o simbolismo
A botadura marcaba o final do proceso: rompíase unha botella de champaña contra o casco e, segundo a tradición, levábase a unha meiga para bendicila. No barco colocábanse ferraduras, imaxes relixiosas ou botábase auga bendita. Todo isto celebrábase cunha festa de bebida, comida e baile.
Ferramentas do carpinteiro de ribeira
As ferramentas principais eran:
Martelos, mazos, sarxentos (grande tamaño)
Serras (de aire, portuguesa, de voltas)
Machados, tronzadores
Galropas, serróns, cepillos
Aixolas (de pé e man)
Falsa escuadra e compás de puntas (para medidas)
Formóns, berbequís, pés de cabra
Estaleiros e carpintarías de ribeira en Cabana de Bergantiños
Estaleiro Roseva
O estaleiro Roseva foi o único de Cabana de Bergantiños no que se combinaba a construción de embarcacións artesanais de madeira e de casco de ferro.
Situado na enseada de Cabana, aproveitaba a protección natural da costa no delta do Anllóns. A edificación orixinal, integramente de madeira, foi conservada como parte do antigo asteleiro tradicional, ao tempo que se incorporaron dúas naves máis modernas para a construción de embarcacións de diverso tipo.
Fundado no ano 1958, o estaleiro permanece inactivo desde o ano 2023.
Carpintaría de ribeira O Tecelán (Hermanos Suárez Taboada)
Esta carpintaría de ribeira naceu como sociedade familiar formada polos irmáns Marcial, Manuel e Santiago Suárez Taboada. Fundouse no ano 1973 no lugar de As Grelas, na zona do Lodeiro, un espazo cunha longa tradición en aserradoiros.
Antes da súa creación xa existía neste mesmo lugar un estaleiro anterior, o de Basilio e Manolo Mato, que desaparecera tempo atrás.
Durante a marea baixa, é común ver pescadores usando o cavaduiro ou forquita na busca de senrada. Nese entorno, aínda sobresaen da area cabezas de cadernas de antigas embarcacións xa podres.
Actualmente, a carpintaría segue en funcionamento, dirixida por Marcial Suárez Valiña, representante da terceira xeración familiar.
Carpintaría de ribeira O Baladiño
A carpintaría O Baladiño consérvase como exemplo do modelo tradicional de carpintarías de ribeira no esteiro do Anllóns. Está situada no lugar de Taboído, en O Baladiño, e conserva o seu galpón de madeira e o varadeiro tradicional tamén de madeira, empregado para as botaduras das embarcacións.
Desde esta localización obtéñense vistas privilexiadas da Barra, zona de repouso de aves, e do Monte Branco, que parece ao alcance da man.
O estaleiro é propiedade de Martín Senande Vázquez, neto do seu fundador Benito Senande.
Areeiras en Canduas
As empresas areeiras tiveron tamén un papel importante na parroquia de Canduas, vencelladas aos traballos mariños e á ría. Estas empresas empregaban pequenas embarcacións, como lanchas ou gamelas, para extraer area da Barra e dos distintos areais, destinada posteriormente ao sector da construción.
Durante o século XX funcionaban tres areeiras principais na ría:
Areeira de Rama (dirixida durante moitos anos por Elvira de Rama)
Areeira de José de Daniel (situada na Telleira)
Areeira de Antonio de Ceslao (a máis recente)
Nun inicio, o proceso de extracción era moi rudimentario: a area cargábase en cestas que se levaban á cabeza ata a embarcación. Máis adiante incorporáronse carretas, e finalmente, dragas embarcadas, o que mellorou a eficiencia do proceso e reduciu o impacto ambiental na Barra.
Co tempo, prohibiuse a extracción de area na ría, o que levou ao cesamento total da actividade das areeiras.
Bibliografía consultada
Castro Béizana, F.X., Concello de Cabana de Bergantiños
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social. Cabana de Bergantiños: Deputación da Coruña
Fuertes Dopico, O., Fernández Madrid, J. (2011), Estudio tipológico de la construcción tradicional de astilleros en Galicia. Instituto Juan de Herrera, Madrid
Lema Suárez, X. M. (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas). Asociación Neira
Soraluce Blond, J.R., Fernández Fernández, X. (1995), Arquitecturas da Provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso. Deputación da Coruña
Recoñecido en 1984 pola arqueóloga Ana Mª Romero Masiá, trátase dun asentamento fortificado da Idade do Ferro ou mesmo Medieval, construído sobre unha formación granítica nos montes de Borneiro. A croa presenta forma ovoidal (95 x 60 m) e delimítase mediante un terraplén natural con afloramentos rochosos, reforzados con grandes bloques de pedra. Circúndano dous antecastros cara ao sur, leste e oeste, que fortalecen o sistema defensivo. O seu estado de conservación é excelente, e aínda se conservan restos das murallas dos antecastros.
A Cidá de Borneiro
Tamén coñecido como “A Cibdá”, é un dos castros máis antigos de Galicia e o primeiro que contou cunha datación científica mediante o método do C-14. Estivo habitado entre os séculos VI a.C. e I d.C., cun abandono progresivo e non repentino.
Historia arqueolóxica
Descuberto en 1924 por Parga Pondal e Pérez Bustamante.
Primeiras escavacións nos anos 30 por S. González García-Paz.
Nova etapa de escavacións nos anos 70 por J.J. Eiroa.
De 1980 a 1991, terceira e máis longa campaña dirixida por Ana Romero Masiá.
Actividades e modo de vida
Os habitantes dedicábanse á agricultura, gandaría, pesca e metalurxia. Os materiais atopados foron depositados no Museo Arqueolóxico e Histórico “Castelo de San Antón” e clasifícanse en:
Orgánicos: Concheiros con cunchas e espiñas de peixe.
Metálicos: Obxectos de bronce e ferro como agullas, aneis, fíbulas, ferramentas, etc.
Cerámicos: Miles de fragmentos por campaña, moldes, crisois, fusaiolas…
En pedra: Muíños, pedras de afiar, adornos e un machado neolítico.
Estrutura e distribución
A croa, escavada nun 75 %, ten 90 x 55 m e está rodeada por murallas e foxos. As vivendas son de planta redondeada, algunhas con funcións anexas. No leste atópase o “Barrio de Extramuros”, cunha gran casa ovalada e fontes.
Elementos destacados
Sauna castrexa: A única nas Rías Altas, confirmada en 2007 coa aparición da “Pedra Formosa”.
Sistema defensivo: Tres circuítos de murallas con foxos, adaptados ao terreo, cun sistema de construción baseado en amoreamento e muros contedores.
Dolmen ou Mámoa da Gándara
Coñecida dende 1924, a mámoa orixinal tiña uns 15 m de diámetro e 2 m de altura, pero foi rebaixada polas tarefas agrícolas. Só se conserva unha lousa fracturada e parte do túmulo.
Mámoas de Agranova
Mámoa nº1: 15 m de diámetro, 1 m de altura. Bo estado.
Mámoa nº2: 12 m de diámetro, 0,5 m de altura. Bo estado.
Mámoa nº3: 13 m de diámetro, 0,6 m de altura. Degradada por un camiño de carro.
Mámoa nº4: 10 m de diámetro, 0,3 m de altura. Bo estado.
Mámoa do Cruceiro da Portela: 12 m de diámetro, 0,8 m de altura. Estado aceptable, pese ao impacto de camiños.
Dolmen de Dombate
Estrutura
Monumento megalítico composto por un túmulo en forma de corazón, coiraza de pedras e cámara poligonal con corredor de acceso. Contén dúas fases construtivas:
Dombate Antigo: Pequena cámara con 9 ortostatos, túmulo de 10,5 m de diámetro.
Dombate Recente: Cámara de 4,2 x 2,5 m e 2,9 m de altura, con sete ortostatos e gran tampa. Corredor diferenciado con cuberta desprazada e escote inferior.
Elementos destacados
Gravados e pinturas nas lousas.
20 idoliños con forma humana na entrada (deuses protectores).
Achados: ferramentas, contas de colar, machados, cerámica, puntas de frecha…
Historia da investigación
Citas desde o s. XIX (Murguía, Pondal, Leisner…).
Escavacións importantes en 1987–1989 por José María Bello Diéguez.
Descubrimento da superposición de dous monumentos megalíticos: Dombate Primitivo e Recente.
Impulso á teoría da monumentalización.
Conservación e musealización
Cuberta provisional dende 1990 para preservar pinturas e estrutura.
Plan Director da Deputación da Coruña.
Concurso de ideas e proxecto gañador en 2008 por Francisco José Vidal Pérez.
En 2021 iniciouse a actualización da musealización: realidade aumentada, animacións 3D, proxeccións multimedia, aplicación móbil, etc.
CISTA DA ÍNSUA
Xacemento datado na Idade do Bronce e que foi destruído en 1975 por mor de tarefas agrícolas. Tras a súa destrución foi
levada á casa dos seus descubridores. Na actualidade, atópase depositada no Museo Arqueolóxico da Coruña. Deste monumento funerario consérvanse sete lousas que posúen un grande interese pola decoración gravada que presentan catro delas:
Lousa A: dúas liñas paralelas polos lados maiores serven de marco; banda con cinco triángulos equidistantes sen pechar no vértice superior; fileira de cinco cazoletas equidistantes que se corresponden aproximadamente cos vértices dos triángulos; paralelamente, liña recta con once pequenos triángulos perpendiculares.
Lousa B: repite a anterior decoración.
Lousa C: dúas fileiras (de 8 e 9, respectivamente) de triángulos enfrontados.
Lousa D: repite a decoración anterior, pero con fileiras de nove triángulos.
O arqueólogo Manuel Lestón sospeita que no lugar no que se atopou a Cista da Ínsua pode haber outras máis no subsolo.
ERMIDA DA NOSA SEÑORA DAS VIRTUDES DO BRIÑO
A ermida sitúase nunha pequena carballeira na zona occidental do lugar do Briño, onde se celebra a romaría o 18 de xullo. Presenta unha planta de salón conformada por un presbiterio cadrado (5,5 m de lado) e unha nave rectangular (10,6 x 5 m). Conta cunha sancristía cadrada adosada ao muro norte do presbiterio e un pórtico exterior adosado ao muro sur da nave no seu tramo medio, de forma rectangular.
No último tramo da nave, no seu muro sur, apréciase tamén a base da torre-campanario de planta cadrada. Os muros son de gran grosor: 1 metro no presbiterio e case 1,5 m na nave.
O presbiterio cóbrese cunha cúpula sobre pendentes, reforzada por dous contrafortes angulares no muro leste e un terceiro no muro sur. Nas enxutas da cúpula, sentados baixo arcos de medio punto e policromados, atópanse os catro Evanxelistas cos seus respectivos atributos. A sancristía cóbrese cunha cúpula semellante pero máis pequena e sinxela.
A nave presenta unha estrutura abovedada con sete arcos faixóns lixeiramente apuntados, apoiados directamente sobre os muros. O retablo neoclásico presenta a Santa Bárbara na parte superior, e na inferior á Virxe do Carme e á Virxe das Virtudes, sendo esta última a titular da ermida.
A comunicación do presbiterio coa nave establécese mediante un gran arco triunfal de aspecto lixeiramente apuntado e moldurado, que arrinca directamente do chan sen marcar a liña das impostas.
No primeiro tramo da nave obsérvanse a ambos lados fornelos profundamente escavados nos grosos muros, con arcos de medio punto, cada un cun altar pétreo de lados curvos. Actualmente están baleiros, aínda que antigamente albergarían retablos.
No tramo medio do muro norte ábrese unha porta travesa alintelada. Paralelamente ao muro oeste, ergueuse unha tribuna de madeira á que se accede mediante escaleiras adosadas aos muros oeste e sur. Estas escaleiras continúan cara á torre-campanario, aínda que de forma máis rústica.
A cuberta da nave é unha bóveda de canón lixeiramente apuntada, sostida polos sete arcos faixóns. Tanto esta bóveda como a cúpula da sancristía están sen encalar, polo que se aprecian as pezas de cachotaría.
Exteriormente, a nave está cuberta cun tellado a dúas augas que se prolonga cara ao sur para cubrir o pórtico. O presbiterio, con todo, cóbrese cun tellado centrado coroado por unha lanterna de tambor cilíndrico, rematada por unha pequena cúpula e un pináculo. Este tambor conta con catro arcos de medio punto que iluminan o interior a través dun óculo no centro da cúpula.
O pórtico exterior conta cunha porta en arco de medio punto na súa fachada sur, pechada cunha reixa de ferro.
A torre-campanario elévase sobre unha base cadrada de cantería, sobre a que se asenta un só corpo composto por catro piares que sosteñen outros tantos arcos de medio punto. Sobre este corpo, hai un pináculo en cada esquina e outro central que coroa a súa forma piramidal.
A fachada occidental presenta perpiaños de notable grosor pero escasa lonxitude. Segue o esquema clásico pentagonal, coa porta principal alintelada, un fornelo rectangular cunha imaxe de pedra da Virxe das Virtudes de estilo manierista, unha ventá rectangular e unha escultura de San Xoán Bautista, patrón da parroquia. A ambos lados do fornelo central hai outros dous forneis con arcos en cortina que albergan as imaxes de pedra de Santiago e San Andrés. Xunto á porta, San Paulo ao norte e San Pedro ao sur.
A parte máis antiga da ermida data do século XVI, con reminiscencias do gótico tardío no arco triunfal e nas arcadas da bóveda da nave. É probable que o presbiterio e a sancristía se rematasen a comezos do século XVIII.
CRUCEIROS
Destacan os cruceiros da parroquia de Borneiro por seren xiradoiros. Xunto ao camiño entre a aldea de Borneiro e a igrexa parroquial de San Xoán hai unha sinxela cruz sen ornamentación pero cunha particularidade: a parte superior, é dicir, a cruz, pode xirarse lateralmente. É costume facelo para pedir un cambio no vento ou no tempo, exercendo así un suposto control sobre a natureza mediante a relixión en favor de mellores colleitas.
No Roncadoiro localizábase outra pequena cruz xiratoria, debuxada por Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza, cunha cabeza ancha e tosca, adornada con pequenas cruces gravadas nos brazos e na parte superior. Segundo Castelao, “unha cruz que compre citar como moi antiga, aínda que a súa antigüidade sexa hipotética, é a que se ve no lugar de Roncadoiro -feligresía de Borneiro e concello da Coruña de Cabana-. Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun monumento antigo, quizais retocado máis tarde. Pola súa condición de pedra xiradoira, o pobo concédelle virtudes milagreiras”.
Desgraciadamente, esta cruz xiratoria desapareceu no vertedoiro instalado xunto á ponte do río dos Muíños, perdéndose así unha das xoias etnográficas de Borneiro.
Ademais destes cruceiros xiradoiros, hai outros dous en Vilaseco. Nun deles, a cruz está cimentada para evitar o roubo e a outra, sen decoración na parte da cruz, pode xirarse completamente.
Na carballeira do Briño consérvase un dos cruceiros máis antigos de Galicia. No pedestal figura a inscrición: “Se retocó, trasladó y pintó siendo cura párroco Francisco Lema Martínez natural de esta parroquia. Año 1899”. Esta inscrición é testemuña do costume de trasladar os
MATILDE VILARIÑO POSE
Matilde Vilariño Pose naceu o 12 de marzo de 1944 en Dombate, parroquia de Borneiro, no concello de Cabana de Bergantiños. Aos tres anos xa recitaba versos de García Lorca e escribe poesía dende que era unha nena. Rosalía de Castro e Yolanda Castaño son as súas poetas favoritas. Ademais, tamén adica parte do seu tempo á pintura.
En 2018 publicou o seu primeiro poemario, Poemas que non foron ó lume, que recolle 104 poemas escritos entre 2010 e 2018. Este libro viu a luz despois de participar nun programa de televisión, onde comezou a recitar publicamente os seus textos grazas ao apoio dos seus netos Jorge e Eloy, en especial deste último.
En 2022 publicou o seu segundo libro, Na lingua que eu falo, con lembranzas e recordos de carácter costumbrista e cun enfoque tamén pseudo-biográfico, aínda que non estruturado por anualidades.
ELOY MATO RIAL
Eloy Mato Rial naceu o 8 de febreiro de 2001 en Dombate, Borneiro, no concello de Cabana de Bergantiños. Estudou no CPI As Revoltas, onde tamén asistiu ás clases municipais de teatro con Silvia Losada, participando en obras como O Xuíz dos Divorcios e O restaurante Farruco.
Desde os seis anos recibe clases de piano co profesor Herminio na Casa da Cultura de Cabana. En 2010 comeza a tocar pezas tradicionais cun teclado no grupo “Lúa Chea de San Xoán”, fundado polo seu pai Fernando Mato. Actualmente continúa neste grupo, hoxe chamado “O Son do Castro”, tocando a gaita e o acordeón.
Ampliou os seus estudos musicais en Baio con Tatiana Pankratova e posteriormente en acordeón con Fernando Fraga, da Escola de Música de Cee. Tamén recibiu nocións de acordeón con Xosé Manuel Mourín.
Cursou bacharelato no IES Maximino Romero de Lema e estudou un ciclo superior de Deseño en Fabricación Mecánica en Ferrol. Actualmente (2023) está a cursar Mecatrónica Industrial. A pesar da súa formación técnica, nunca deixou a música.
Participou en festivais como as Festiletras do Couto ou As nosas músicas, acompañando con fondo musical actos e entregas de premios. En 2022 acadou o primeiro premio no concurso de acordeón en Ponferrada na modalidade “Varieté”, interpretando as pezas Jotaerre e Indiffèrence.
Tamén actuou como gaiteiro co grupo tradicional “Queiroa” de Sada no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Actualmente segue a tocar acordeón e investiga no sistema basseti para interpretar pezas clásicas coa man esquerda.
MANUEL LEMA OTERO
Manuel Lema Otero naceu o 4 de xuño de 1916 no lugar de Borneiro, nunha familia de labradores de clase media. Os seus pais foron Concepción Otero e Rafael Lema. Desde pequeno compaxinaba os estudos coa axuda na labranza. A falta de clases de debuxo motivouno a iniciarse como pintor autodidacta.
Construíu un taller ao aire libre para facer experimentos, entre eles unha incubadora que patentou (nº 158.277), o que lle valeu o alcume de “o home dos pitos”. Tamén inventou un sistema de detección de incendios e fabricaba xoguetes mecánicos.
A pesar de traballar toda a súa vida como labrego, destacou como pintor naïf. No concurso de Arte Naïf de 1981 convocado pola Fundación Barrié de la Maza, presentou 10 obras, entre elas: O Gran Xuízo, A batalla do Ebro, Santa Compaña, Autorretrato… acadando o primeiro premio con A batalla do Ebro e un premio de 200.000 pesetas.
A súa obra foi exposta na Sala da Delegación Provincial da Cultura na Coruña, e posteriormente en museos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago.
Foi homenaxeado en Borneiro e no Día das Letras Galegas de 1983 realizou unha exposición conxunta con Xurxo Martiño. En 1985 ofreceu unha conferencia sobre arte naïf e mantivo un encontro co alumnado do colexio As Revoltas de Cabana. No 1988 participou na Exposición da Asociación Cultural Río Anllóns de Ponteceso.
Postumamente, a súa obra estivo presente en 1994 na Asociación Cultural Monte Branco e en 1998 na I Mostra de Creación Plástica da Costa da Morte.
Manuel Lema faleceu o 6 de agosto de 1991 e está soterrado no cemiterio parroquial de San Xoán de Borneiro.
MINA DO CALDEIRO
Trátase dunha mina de adscrición cultural indeterminada. Preséntase como un corte na parte baixa da ladeira fronte á Cidá de Borneiro. Ten 150 m de longo, 20 m de ancho e 6 m de fondo. A parte alta presenta unha sección en “V”; a parte baixa, preto do Rego dos Muíños, adopta forma de semicírculo.
A súa función foi a extracción de recursos primarios. Polas súas características, aseméllase ás minas explotadas no noroeste peninsular durante a ocupación romana, aínda que tamén podería pertencer á época castrexa.
BIBLIOGRAFÍA
Deputación da Coruña (2011). El Dolmen de Dombate. Arqueología, restauración, arquitectura.
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995). Cabana: Análise histórica e social. Deputación da Coruña.
Lema Suárez, X. M. (1998). A arte relixiosa na Terra de Soneira (Tomo III). Fundación Universidade de Cultura.
Lema Suárez, X. M. (1999). Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas). Asociación Neria.
Monteoliva Arquitectura S.L. (1999). Catálogo do patrimonio.
Rodríguez Castelao, A. (1949). As cruces de pedra na Galiza.
Romero Masiá, A. M. (1987). Castro de Borneiro (Campañas 1983-1984). Dirección Xeral de Cultura e do Patrimonio Histórico-Artístico.
O Concello de Cabana de Bergantiños é un territorio rico en historia, cun legado cultural e arqueolóxico que se remonta á prehistoria. Ao longo dos séculos, o seu desenvolvemento foi marcado pola presenza megalítica, castrexa, romana e medieval, ata chegar á conformación do municipio actual.
A seguinte cronoloxía recolle os principais fitos e épocas da historia de Cabana, cun percorrido que abrangue desde os primeiros asentamentos humanos ata a actualidade
ANOS
Castro Guisande ou de Anos
Érguese nos límites de terreos de cultivo e monte abaixo. Conta cunha ampla croa e antecastros defensivos. A croa é ovoidal duns 63 metros de lonxitude e 52 de ancho. No interior da croa pódese observar outro recinto máis elevado de 40 metros de lonxitude e 27 de ancho.
De modo concéntrico e dende a croa, desenvólvese un antecastro cun maior desenvolvemento nos lados Sur e Leste. As partes defensivas do antecastro sitúanse en terreos de cultivo polo que se atopan bastante desfeitas. O resto do conxunto presenta un bo estado de conservación.
En canto aos achados, atopouse un obxecto cónico con inscricións que hoxe en día está en paradoiro descoñecido. A lenda conta que os mouros tenderon unha trabe de ouro subterránea entre castro Guisande e o Castro de Borneiro.
Castro do Piñeiro
Atópase en terreos de monte abaixo e conta coa particularidade de posuír unha croa circular duns 50 metros de diámetro. A croa deféndese por un parapeto que ten alturas variables de 1 metro ata 8 e un foxo polo lado Sur e Leste. O estado de conservación é excelente.
San Estevo de Anos
A igrexa presenta unha cronoloxía inicial de finais do XII e comezos do XIII sendo o estilo de orixe o románico. Conta con diversas remodelacións barrocas.
Consta dunha nave única con dúas dependencias na cabeceira, a capela maior e a sancristía ambas as dúas de planta rectangular. A capela maior está recuberta cunha bóveda de canón reforzada por un arco faixón volteado sobre semicolumnas apegadas. A sancristía situada no lado norte, conta cunha bóveda de canón de cantería reforzada por tres arcos faixóns volteados sobre ménsulas.
O paso da nave á capela maior faise mediante un arco triunfal sobre semi-columnas apegadas e os capiteis son de tipo vexetal mostrando o desbaste románico característico.
O exterior conta con muros de cantería a excepción da sancristía que son de cachotería encintada nos cales no muro sur se conservan sete canzorros da súa ábsida cadrada. A fachada principal ten na porta principal unha fornela que acolle a imaxe pétrea de San Estevo, un pequeno oco rectangular e a espadana moi sinxela.
O cruceiro componse de granito e formigón e conta cunha plataforma cuadrangular de dous graos e un pedestal rematado con chafráns. Posúe unha mesa adosada para a colocación do Sacramento nas procesións. O capitel é corintio e presenta follas de ápice groso e redondo así como unha cruz rectangular cun cristo crucificado de tres cravos no anverso e no reverso a virxe con xesto aflixido.
Capela do Espiño (Eirita)
O adro posúe uns particulars sentadoiros pegados á parede que o delimita. O templo presenta unha planta de salón formada por unha capela maior e unha nave rectangular na que os muros son construídos en cantería e cachotería con perpiaños escadrados tan só nos esquinais e nos marcos dos vans.
A ábsida cadrada sobresae volumetricamente no conxunto cunha cuberta a catro augas coroada por unha cruz pétrea. No interior conta cunha éstrana bóveda de canón volteada sobre as propias paredes nas que os muros laterais están ordenados con seis arcos de medio punto apegados.
A fachada presenta no seu eixo central a porta principal rematada nun arco de medio punto de grandes doelas, un óculo de aireación e iluminación interior e a espadana. Constrúese arredor do 1545 segundo unha inscrición situada nun piar do arco triunfal.
A capela pertenceu ao pazo anexo do señor Marqués de la Sierra o cal, foi abandoado e posteriormente destruído, o mesmo que a capela, reconstruída no 1988. A romaría celébrase o 22 de setembro na honra da Asunción.
Capela de San Roque da Ermida
Aínda que o santuario actual foi construído a mediados do século XVIII, determinados documentos medievais xa fan alusión á existencia dunha ermida de San Roque neste lugar, informacións que levan a pensar que o edificio foi sufrindo diversas alteracións ao longo dos séculos. Exemplo disto é a inscrición que figura no banco do retablo na que se di que o santuario foi construído no 1675 polo licenciado Francisco Blanco, reitor de Anos e Cundíns.
Conta cunha planta de salón cun presbiterio e nave rectangular. A capela maior cóbrese cunha bóveda de crucería nervada dunha única clave central e volteada sobre ménsulas angulares, estaría a unha maior altura que a nave en volume. Comunícanse os dous espazos mediante un arco triunfal de medio punto volteado sobre pilastras.
A regheifa está na mecar
A regheita esta na mesa. Era de pan barolento. Ronda, queridiña, ronda. Ronda que érde-lo tempo.
A regheita está na mesa. Era de pan barutado que o barutou a novia Coas caínzas do carro.
A regheifa é bonita. Era de pan de senteo. O muíño que a muíu non ten rodisio nin beo.
Canto de Nadal: “La Virgen va caminando” Caminando la Virgen María en compaña san José.
Los caminos eran larghos. Tantas tatighas traían. El niño tenía sede. A su madre le decía.
Calla, hijo de mi vida. Calla, hijo de mi bien, que los ríos pasan turbios y no se puede beber.
Y un poquito más alante hay un verde naranjal que lo ghuarda un pobre siegho, siegho ue la luz no ve.
Siegho, dáme una naranja para este niño beber, que los ríos pasan turbios y no se puede beber.
Pase usted, buena señora, coja las que quiera usted. Cogió una para el niño y otra para San José.
Y otra es para la Virgen, para la Virgen olé. Mientras la Virgen cogia, el siegho empesó a ver.
Quien sería esa señora que me ha hecho tanto bien? Era la Virgen, doncella, con el Niño y San José.
“A Belen camina” A Belén camina la Virgen María. San José llevaba en su compania.
Era amante firme. No era de olvidar. Fueron caminando y luegho encontraron a dos pasajeros y les perghuntaron si para Belén si hay mucho que andar.
Respondieron ellos. Quisieron saber: un hombre de noche Con una mujer. Era amante firme. No era de olvidar.
No la llevo hurtada ni mal maginada, que es esposa mia, querida y amada. No la llevo hurtada. Ni, mal maginada.
Fueron caminando y luego encontraron a un portal viejo muy mal preparado. Hicieron concepto. Alí se quedaron.
Acuéstate, amante, Si vienes cansado por mi no tengas pena ni cuidado. Si la hora llega, serás avisado.
A la medianoche ha nasido un niño entre paja y hierbas Sin otro animo. Era el rey del cielo que viene a reinar.
Mande o aghinaldo, señora, por Dios, que es el nasimiento del hijo de Dios. Que Dios lo ha dado para dar a nós.
Poema: “Comeches aquela noite”
Dicialle a nai ao seu tío: Comeches aquela noite, aqui na pedra do lar, como un coche de Boimente. Lástima de non estalar! E ordenaron de machar el e mais Os compañeiros da parroquia,
En Carballo co criado volveron as bestas pa tras. Na taberna o que pediches Costoume vinte reás.
Dendes de Carballo á Cruña oito leguas costa arriba. Ti moi dreito parolando i eu comendo saliva.
Un pouquiño máis adiante tres patacóns me pediches pra unha libra de pan que sin escote comiches.
Xunto do cabalo branco cheghamos ó escureser. O primeiro que fixeches foi pedir de comer.
Deches en pedir pulpo, polo, ovos e touciño, molete, roscas, café, mais catro netos de viño.
Aló de noite na trapa tocáche-lo cornetín. O que comeras de día botáchelo sobre min.
Preguntaches pola piesa que é do irmán do calleiro. Caeches polo burato con cabeza e con traseiro.
Acudiuo cabalo branco. Sacoute cunhas cadeas. Lavoute nunha maseira Como se lavan as meas.
BIBLIOGRAFÍA Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P (2012), Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, Cabana de Bergantiños. Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña.
Xestionar o consentimento
Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou ID únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento, pode afectar negativamente a determinadas características e funcións.
Funcional Always active
289 / 5.000 O almacenamento técnico ou o acceso é estritamente necesario coa finalidade lexítima de posibilitar a utilización dun servizo concreto solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.
Preferences
The technical storage or access is necessary for the legitimate purpose of storing preferences that are not requested by the subscriber or user.
Estadísticas
The technical storage or access that is used exclusively for statistical purposes.O almacenamento técnico ou o acceso que se utiliza exclusivamente para fins estatísticos anónimos. Sen unha citación, o cumprimento voluntario por parte do seu provedor de servizos de Internet ou rexistros adicionais dun terceiro, a información almacenada ou recuperada só para este fin non adoita utilizarse para identificarlo.
Comercial
Gallego inglés español The technical storage or access is required to create user profiles to send advertising, or to track the user on a website or across several websites for similar marketing purposes. 181 / 5.000 O almacenamento técnico ou o acceso é necesario para crear perfís de usuario para enviar publicidade ou para rastrexar o usuario nun sitio web ou en varios sitios web con fins de mercadotecnia similares.