Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CÁNDUAS

CASTRO DE SINDE

A historia da parroquia de San Martiño de Canduas remóntase á Prehistoria. Así, a parroquia conta cun asentamento fortificado da Idade do Ferro situado nos arredores do lugar de Sinde. A súa croa, de forma case circular, ten unhas dimensións de 86 x 70 m de diámetro. Está delimitada en todo o seu perímetro por un terraplén que a separa do terreo circundante. Na parte Leste e Sur aparece un foxo, hoxe cuberto pola vexetación, aínda que perceptible desde fóra. Cara ao Oeste da croa hai dous antecastros de uns 70 e 50 m. Este castro atópase en terreos de cultivo, é dicir, non está musealizado, e o seu estado de conservación é bo.

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CANDUAS

A igrexa de San Martiño de Canduas erixiuse no ano 1910 arredor dun núcleo de casas no propio lugar de Canduas. A súa orientación (Lema Suárez, 1998: 75-79) é distinta á tradicional, xa que mira cara ao norte. A nave e a capela lateral leste están cubertas por unha bóveda de canón lixeiramente apuntada; mentres que a capela leste cóbrese con falsas bóvedas de crucería.

A orixinalidade desta igrexa preséntase na súa fachada: pentagonal, construída case integramente coas doelas do hórreo de pedra do antigo mosteiro, que tiña as súas orixes no século IX. Na súa vertical, enriba da porta principal, atopamos un pseudo-rosetón circular e a espadana con vidreira simple.

No seu interior destaca unha serie de vidreiras con representación dos principais santos festexados na parroquia, coroadas

pola vidreira do patrón, San Martiño, representado como soldado romano. No centro do conxunto, unha escultura de Deus, coa orbe na man esquerda e a man dereita alzada en xesto de bendición, recibe a quen entra pola porta principal, de gran tamaño e en madeira orixinal.

Os retablos e esculturas son contemporáneos e de estilo ecléctico. O campanario, feito en granito e de deseño xeométrico con perpiaños rectangulares, lembra unha torre e favorece a verticalidade. A cruz que o coroaba desapareceu.

A fachada posterior conta cunha celosía de pezas prefabricadas, coñecida popularmente como o “ceo de Canduas”, tamén con vidreira simple. Esta igrexa foi promovida activamente polo párroco Manuel Costa, quen en 1928 investiu 3.030 pesetas na súa reforma, procurando dar traballo aos mendigos e persoas sen recursos do lugar mediante obras de cantería e albanelaría.

CAPELA DE FÁTIMA DE SINDE

Esta capela foi levantada durante a posguerra, nos anos 40 do século pasado, en granito, por mandato do párroco de Canduas, Manuel Costa Verdía. A súa construción tiña como obxectivo facilitar aos veciños de Sinde o acceso ás celebracións relixiosas, evitando así desprazamentos ata Canduas.

Porén, a súa estrutura non resistiu co tempo e puido utilizarse poucos anos. Na actualidade encóntrase semiderruída, aínda que conserva elementos singulares como o seu arco oxival e pinturas nas bóvedas do altar. As formas cadradas que aínda se poden ver na fachada lembran á celosía da igrexa de San Martiño de Canduas.

A capela ten planta rectangular cunha única nave principal. Dispuña dun coro alto sustentado sobre arcos rebaixados e bóveda de canón tamén rebaixada. Ao longo da parede dereita existiría unha serie de capelas cubertas con semi bóveda de canón, ás que se accedía mediante tres arcos de medio punto, aínda conservados. Tamén se manteñen os vans que actuaban como fiestras, permitindo a entrada de luz tanto ao altar como ao resto da estancia, sempre baixo arcos de medio punto e con decoracións xeométricas onde se situaban as vidreiras.

CASA DE COLLAZO

Levántase ao lado do cruceiro dos Romero. Enriba do lintel da porta principal aparece un semi-escudo coa inscrición: «LA EDIFICÓ J.C.C. EN EL AÑO 1887». As siglas J.C.C. correspóndense co nome José Collazo Campos. Fronte a esta casa, había un lavadoiro de pedra.

CASA DOS ROMERO

Coñécese co nome da Casa do Vinculeiro. Edificio de planta rectangular e de traballada cornixa de pedra. Son dúas vivendas apegadas que comparten medianeira, ademais dun pombal, un eirado de planta octogonal e un cabazo. A de arriba, habitada, posúe un escudo oval encadrado por sillares; as divisas dos parentescos da familia son dos Moscoso, Rodríguez de Arijón, Caamaño e Pardiñas Villardefrancos.

O edificio de abaixo, cunha data no lintel da porta (1660), é usado hoxe como corte. Na árbore xenealóxica da Casa de Romero destacan (Martínez Barbeito, 1971: 158) os capitáns Martín Romero de Caamaño e Andrés Romero, que pelexaron na guerra de Portugal.

A parte máis antiga ten forma rectangular con cuberta de tella curva a dúas augas. Consta de dous andares que se comunicaban por unha escaleira de tres tramos —hoxe desaparecida—, estando as dependencias máis privadas no superior, distribuídas por un corredor central que conduce á parte nova do pazo. O estado de conservación non é moi bo debido a que se atopa deshabitada.

A parte “máis nova” data do século XIX e trátase dun volume de dúas alturas apegado ao anterior, aínda que se encontra máis elevado ca el polo desnivel do terreo. A disposición dos ocos na fachada principal segue, á maneira clásica, un eixo de simetría central marcado polo escudo de armas no primeiro andar, e colocándose dous ocos en ambos lados. O lintel destes coróase cun frontón semicircular de pedra. Este material tamén queda visto nos esquinais, na liña de imposta, no zócolo e na cornixa, deixando os panos recebados e caleados.

CASA DO XOANO

Atópase nun desvío entre a Casa do Collazo e a Casa dos Romero. Conta con dous corpos en forma de L. A porta ten gateira, con trampela interior para os días de frío. Na cociña hai forno, mesa de pedra para a sella e corte de gando. Conta tamén cunha ventá con parladoiros e tragaluces. A fachada estaba cuberta por un antigo cabanote, do cal hoxe só queda en pé a columna de pedra que o sostiña.

FREXUFRE

En Frexufre atopamos unha antiga ponte de pedra, da mesma idade que a vella estrada de Ponteceso a Laxe. Ao seu carón, a ponte nova e, un pouco antes pola súa dereita, báixase á aldea de Frexufre, á que se chega baixo a sombra dunha bóveda de loureiros.

Frexufre é coñecido como o paraíso das plantas tropicais e das flores de Canduas. Os habitantes do lugar cren que o nome provén da abundancia de freixos que había na contorna. Aínda hoxe se conserva un vello e único exemplar desta árbore.

O lugar configúrase como un aliñamento rectangular de casas señoriais. As tres primeiras, hoxe abandonadas, contan cun cabazo de pés, palmeira e pradal. A casa que posúe cheminea rematada en catro picos e escudo é coñecida como Casa dos Barreiros (Barreiro González). No lintel dunha ventá traseira figura a inscrición “Rodrigo de Leis 1764” e no lintel da segunda casa, “Año 186¿2? JHS MA”.

Segundo Leonor Alonso e Luís Giadás (1998: 137), os antigos propietarios foron a familia dos Leis, señores da Casa de Mórdomo (Traba de Laxe) e de Taraio (Cerqueda, Malpica de Bergantiños). Entrelazados coas principais familias fidalgas da Costa da Morte, eran unha das liñaxes máis influentes do noroeste coruñés. O fundador do casal foi Rodrigo Sancho de Leis, fillo de Francisco Antonio de Leis Villardefrancos e Quiteria Bermúdez de Castro, bisneto de Gonzalo Posse “O Vello”, quen fundou a igrexa de Santo Estevo de Soesto e onde Rodrigo solicitou en 1745 que a súa nai fose enterrada.

A casa de abaixo, a única hoxe habitada, é propietaria dos invernadoiros de flor que se espallan pola pequena agra da ribeira. Nela consérvanse tres abellarizas nas paredes.

Non se pode abandonar Frexufre sen visitar o Coído dos Muíños. Accédese por un carreiro baixo unha bóveda de carballos, que acompaña un pequeno regato no seu rápido descenso. No interior da carballeira destaca un elemento etnográfico singular: muros de contención para crear pequenas terrazas de cultivo. Xunto ao río, consérvase unha sucesión de muíños de auga construídos en granito. O último deles está situado tan preto do mar que xa toca a auga salgada.

MOSTEIRO BENEDICTINO DE CANDUAS

Situado nun outeiro entre Laxe e Canduas, houbo un mosteiro benedictino. Primeiro de monxas (século IX) e despois de monxes da mesma orde. Posiblemente fose dúplice nos primeiros tempos. Pasou a mans varonís en tempos do arcebispo don Lope de Mendoza, segundo conta o Padre Yepes na súa Crónica general de San Benito. O priorato desta freguesía substituíu o antigo mosteiro, incorporándose a San Martiño Pinario de Santiago en 1436, sendo aprobada a decisión polo papa Uxío IX en 1442.

O mosteiro, pese a que contaba coa protección dos reis de Castela, no primeiro tercio do século XV sufriu abusos dos nobres galegos. Durante a súa viaxe por Galicia en 1745, o ilustrado Frei Martín Sarmiento hospedouse unha noite no mosteiro e recolleu valiosa información sobre a zona. Destacan as súas notas sobre a existencia dunha pedra con inscrición antiga, a relación co mosteiro de Borneiro, e a descrición da ría de Corme e Laxe, que el denominaba “ría de Cándoas”.

Hoxe en día consérvase parte da casa reitoral, construída aproveitando os sillares do mosteiro, así como a “horta do cura”. O gran cabazo do mosteiro foi desfeito nos anos 20 para erguer a fachada da igrexa de San Martiño. O pombal, a horta e a eira de pedra aínda se manteñen.

CONVENTO DE SAN PEDRO

En San Pedro, durante a Alta Idade Media, había un convento de monxas que tamén era parroquial. Dise que había unhas catorce casas, e os habitantes de Valarés (Ponteceso) pertencían a esta parroquia debido ao illamento doutras zonas.

A súa desaparición pode deberse ás razzias almorábides do 1115, que obrigaron a poboación a fuxir terra adentro. As pedras do convento foron utilizadas polos veciños para construír as súas casas. Os capiteis románicos decoran aínda hoxe a entrada dunha das fincas do lugar.

Existe a lenda de que a imaxe de san Pedro Papa da parroquial de san Paio de Cundíns procedería deste convento, aínda que é máis probable que se trate dunha estatua neoclásica do século XIX.

CRUCEIROS E ELEMENTOS SINGULARES

Cruceiro dos Romero

Está construído en granito. Ten como plataforma unha pilastra. O pedestal é cuadrangular e remata con medias canas e cunha roda lisa; posúe a seguinte inscrición: “De la casa de los Romero”. Ten mesa anexa. O varal é octogonal e comeza en cadrado. O capitel esférico, singular no concello, presenta astrágalo circular con chafráns e liso, follas de acacia e serpe coroándoo. A cruz é cuadrangular. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita e coas mans pechadas, á cabeza coroa de espiñas, o pano da pureza anóase á dereita e lese a cartela de INRI. No reverso aparece a Virxe en actitude orante coas mans xuntas.

Cruceiro do Igrexario

Está construído en granito. A súa plataforma está enterrada. O pedestal é cuadrangular. O varal é cadrado con chafráns adornados. O capitel é esférico coma o do cruceiro dos Romero, aínda que nesta ocasión carece de decoración, e coróase cun semicapitel cuadrangular. A cruz é octogonal con remates florenzados.

Cruceiro do Campo da Escola

Está construído en granito no lugar coñecido como Campo do Outeiro, no que no século pasado estaba a escola de Canduas. A plataforma é cuadrangular de tres graos. O pedestal é cuadrangular e remata con chafráns. O varal octogonal comeza e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.

Cruceiro de San Martiño

Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é cúbico. O varal é octogonal aínda que comeza en cadrado. O capitel é tronco cónico invertido e remata en cadrado. A cruz é octogonal con remates florenzados.

Cruceiro de Taboído

Está construído en granito. A plataforma está enterrada. O pedestal é circular. O varal é circular partindo dun pedestal cuadrangular liso. O capitel ten astrágalo circular liso, ábaco de lados rectos e catro caras. A cruz é cuadrangular con remates florenzados.

Cruz do Padrón

Está construído en granito. Carece de cruz e pedestal xa que se incrusta nun penedo. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel cuadrangular está moldurado en cuarto bocel e media cana. A cruz é romboidea con remates florenzados e círculo no centro.

Cruceiro de Piquite

A cruz de pedra que aparece en punta Taboído chámase o cruceiro de Piquite. Foi levantada no lugar trala morte neste espazo duns pescadores de liña. Da Piquita, realiza Otero Cebral a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:

“A Piquita, a insólita e mesmo entristecina amiga das estrelas e do medo do mar, visitada amiga da sospeita e do fenezo que non ficas nese teu remouso e reclamo.”

Furna da Escanavada

Ao longo da ribeira cabanesa encóntrase a solitaria furna da Escanavada. É un precipicio de máis de 50 metros. Só se pode chegar a ela andando polas pedras da ribeira ou por mar, con marea baixa, en bote.

MUÍÑOS

Este tipo de construción está moi espallada pola xeografía galega e foi testemuña de grande importancia na vida cotiá dos habitantes destas terras. O seu uso é claro: era un aparello no que os veciños do lugar moían o gran que servía despois para facer o pan no forno ou para darllo aos animais.

Porén, tamén xogou un papel importante na vida social, xa que era un punto de reunión dos labregos e labregas posto que, cando acudían a el para moer, reuníanse e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Incluso era un lugar onde os namorados quedaban para manter relacións sexuais. Todo isto quedou reflectido nunha rica literatura popular na que as coplas e refráns sobre estes asuntos son abundantísimos. Os temas tratados son moi variados; dende os temas propiamente amorosos ata o tratamento irónico-sarcástico que reciben os curas:

Co paso do tempo estas costumes foron desaparecendo, debido a que os muíños foron substituídos por outros aparellos máis modernos, polo que foron sendo progresivamente abandonados. Hoxe en día, un gran número destas construcións están nun estado de claro deterioro. Actualmente só un pequeno número deles segue funcionando grazas aos coidados que lle profesan os seus donos.

En Cabana, o tipo de muíño que máis abunda é o muíño de regato, coma no caso do Rego dos Muíños, que nace nas estribacións de Borneiro, formado pola unión de dous pequenos regatos no Roncadoiro, facendo de linde co Castro A Cidá. É de afamada sona polo grande número de muíños que posúe e que sempre posuíu, aínda que a día de hoxe tan só hai un en funcionamento, contra o comezo do sendeiro que corre a carón do rego.

Dentro deste tipo de muíños de regato hai certas variacións, pero que se corresponden cunhas liñas xerais. Están situados á beira dun río ou regato normalmente, aínda que tamén hai algúns afastados deles. A auga soe desviarse do seu curso normal mediante unha canle; ás veces acada certa altura para que a auga colla forza. Por ela vai a auga ata o cubo; no final da canle hai un aliviadeiro para tornar a auga se fose necesario e unha gradicela para que non pase o lixo. A parte final do cubo, onde se estreita máis, chámase billote. Ao pasar a auga, esta acciona o rodicio, que é a roda horizontal. Este rodicio, formado por culleres ou penas, e que pode ser de madeira ou ferro, é a peza que transmite o movemento ao resto dos elementos do muíño. O rodicio descansa na porca ou mesa, que é a viga que vai ao traveso por baixo, mediante un aguillón ou grilo de forma apuntada. O veo ou vara é o eixo vertical que parte do rodicio e vai dar ao piso do muíño e atravesa o pé que se mantén sempre fixo e é de pedra, o mesmo que a moa ou capa, peza superior que xira encol do pé. A parte do piso onde está a moa chámase tremiñado.

Ao final da canle hai unha especie de porta pequena que ao abrila fai que a auga entre no muíño, é o que se chama pechadoiro. Na parte superior é por onde se mete o gran. Primeiramente está a moega ou moxega; esta ten unha pequena canle por onde corre aquel e chámase quenlla. O gran cae polo movemento da tenxedoira, que é unha táboa que vai unida á quenlla. Esta táboa móvese co movemento da moa, sobre a que está situada. O gran convértese en fariña mediante o movemento da capa sobre o pé, e aquela recóllese nun caixón.

Para facer o muíño hai varios sistemas, consistentes en non deixar pasar a auga cara dentro del mediante unhas táboas. Un mecanismo moi usado é o de meter unha pequena táboa dentro da moega e pasala por unha roldana que vai amarrada cun cordel ao pecho do freo. Cando se baleira a moega e queda libre a táboa de madeira, o pecho do freo desprázase e pega no enganche do pechadoiro, facendo que se corte o fluxo da auga e, polo tanto, o muíño queda parado. Neste concello atopamos muíños, como é o caso do muíño de Rellán, que posúen unha roda vertical ou volante de grandes dimensións e que ten a función tamén de transmitir o movemento á moa da pedra.

Como todo aparello, o muíño sofre avarías ou necesita estar en boas condicións para moer. Por iso, cada certo tempo, hai que picar a capa e o pé, para que a fariña saia en boas condicións. A parte interna da moa debe ir máis picada e a parte externa ha de ir máis fina.

En canto ao sistema de organización, este é diferente segundo os casos. Hai muíños que eran dun só dono, entón o propietario moía para os veciños cobrándolles en diñeiro, pero o máis frecuente era quedar cunha porcentaxe do que se moía, que era tratada entre o muiñeiro e o propietario do gran. Os muíños podían tamén ser de varios veciños e, entón, cada un tiña un horario ou quenda determinada; de mañá, de tarde, de noite etc. Ás veces podíase comprar un turno determinado, que era o se coñecía como a compra da peza.

Entre as parroquias de Borneiro e Canduas podemos atopar 14 muíños de “herdeiro”, que evidencian a fartura das posesións que tiñan os monxes bieitos do antigo mosteiro de Canduas. É unha mágoa que non se restauren estes muíños, dos que, como xa dixemos antes, tan só se restaurou un, pero que algúns aínda se conservan na canle de enlace co rego dos Muíños.

CARPINTERÍA DE RIBEIRA

Os barcos como medio de transporte

Os barcos foron, desde moi cedo, un elemento esencial de comunicación, acadando un grande desenvolvemento ao longo dos séculos. A súa importancia fixo que os coñecementos sobre a súa construción se estendesen por toda a beiramar galega, dando lugar a distintos tipos de embarcacións adaptadas aos usos de cada zona.

En Galicia, a construción de embarcacións conta cunha longa tradición e Cabana de Bergantiños non é allea a esta realidade. Xa no século XVIII existía unha intensa actividade pesqueira na ría de Corme e Laxe —como mencionaba o Padre Sarmiento—, o que xeraba tamén a necesidade de construír barcos.

O Baladiño e os primeiros estaleiros

Destaca a carpintaría O Baladiño, que conserva a construción artesanal máis antiga do esteiro do Anllóns. Xa no século XIX hai constancia da construción de embarcacións na enseada coñecida como A Telleira.

A comezos do século XX, Julián Tedín Leis, que iniciou o oficio con só doce anos, deu un importante impulso á actividade coa creación dun estaleiro que construíu grandes barcos, como o Ponteceso. O estaleiro pechou na primeira metade dos anos 60, xa dirixido polo seu fillo, Juan Tedín.

Durante a Primeira Guerra Mundial (1914–1918), a demanda de madeira e embarcacións multiplicouse. Desde a parroquia de Canduas embarcábanse toneladas de madeira cara aos portos europeos e construíanse múltiples barcos. A actividade era tan intensa que se tiveron que contratar carpinteiros doutras zonas, como Noia, chegando a construírse ata tres embarcacións simultaneamente na praia do Pendón.

Mulleres na carpintaría de ribeira

Cómpre salientar tamén a presenza de mulleres neste oficio, como Dolores Centeno, que traballaba como armadora.

Os principais obradoiros

Durante o seu período de maior esplendor, chegaron a existir arredor de cinco carpintarías de ribeira en Cabana:

  • Hermanos Suárez Taboada (O Tecelán)
  • Roseva e O Baladiño (nas Grelas e Taboído)
  • Tedín e Antón do Chicho e fillo (na Telleira, xunto á praia do Pendón)

Estes obradoiros situábanse preto do mar ou dos ríos, en lugares protexidos do vento. Contaban cun pendello de madeira ou pedra para traballar os barcos baixo cuberto, así como cun taller de pedra e espazo para almacenar a madeira.


O proceso de construción dunha embarcación

Escolma da madeira

O proceso comezaba cando o armador falaba co carpinteiro para encargarlle unha embarcación, acordando dimensións e prezo. O carpinteiro encargábase de todo: desde buscar a madeira ata construír o barco.

Usábanse principalmente madeiras de carballo, eucalipto e piñeiro, seleccionadas no monte segundo a forma e calidade. A madeira cortábase con machado ou tronzador, e logo serrábase coa serra portuguesa, operada por dous homes, un enriba e outro por baixo do tronco.

Montaxe da estrutura

  1. Cadernas (de carballo): compostas por varengas, medios, sinol e sobresinol.
  2. Vagras e durmintes (de eucalipto): de proa a popa, sosteñen os vaos.
  3. Vaos (de carballo ou eucalipto): van de babor a estribor, suxeitan a cuberta e teñen forma arqueada (brusca) para evacuar auga polos imbornais.
  4. Tapa trancanil (de carballo): nela van encastrados os barraganetes (de piñeiro).
  5. Cuberta: de táboas de piñeiro con cuarteis e espazo para motor e ponte de goberno.

Obra morta e acabados

  • Os barraganetes levan rexistros (inferiores e superiores) e a tapa regala ou batiola.
  • A ponte de goberno faise cun armazón de piñeiro e chapa mariña.
  • No interior colócanse as cornamusas (para amarrar), os calzos do motor e a sobrequilla.

Logo vén o banceado, é dicir, forrar o casco con táboas: cintas, cintón, rozadeiro, varadeiro, e o bordo de calime (contra a quilla).

Calafateado e carenado

  • O calafateado consiste en meter estopa nas xuntas e selalas con brea.
  • O carenado implica o tratamento da madeira con alcatrán e unha mestura de brea, xofre e aceite quente.

Para eliminar parasitos, queimábase toxo debaixo do casco.


A botadura e o simbolismo

A botadura marcaba o final do proceso: rompíase unha botella de champaña contra o casco e, segundo a tradición, levábase a unha meiga para bendicila. No barco colocábanse ferraduras, imaxes relixiosas ou botábase auga bendita. Todo isto celebrábase cunha festa de bebida, comida e baile.


Ferramentas do carpinteiro de ribeira

As ferramentas principais eran:

  • Martelos, mazos, sarxentos (grande tamaño)
  • Serras (de aire, portuguesa, de voltas)
  • Machados, tronzadores
  • Galropas, serróns, cepillos
  • Aixolas (de pé e man)
  • Falsa escuadra e compás de puntas (para medidas)
  • Formóns, berbequís, pés de cabra

Estaleiros e carpintarías de ribeira en Cabana de Bergantiños

Estaleiro Roseva

O estaleiro Roseva foi o único de Cabana de Bergantiños no que se combinaba a construción de embarcacións artesanais de madeira e de casco de ferro.

Situado na enseada de Cabana, aproveitaba a protección natural da costa no delta do Anllóns. A edificación orixinal, integramente de madeira, foi conservada como parte do antigo asteleiro tradicional, ao tempo que se incorporaron dúas naves máis modernas para a construción de embarcacións de diverso tipo.

Fundado no ano 1958, o estaleiro permanece inactivo desde o ano 2023.


Carpintaría de ribeira O Tecelán (Hermanos Suárez Taboada)

Esta carpintaría de ribeira naceu como sociedade familiar formada polos irmáns Marcial, Manuel e Santiago Suárez Taboada. Fundouse no ano 1973 no lugar de As Grelas, na zona do Lodeiro, un espazo cunha longa tradición en aserradoiros.

Antes da súa creación xa existía neste mesmo lugar un estaleiro anterior, o de Basilio e Manolo Mato, que desaparecera tempo atrás.

Durante a marea baixa, é común ver pescadores usando o cavaduiro ou forquita na busca de senrada. Nese entorno, aínda sobresaen da area cabezas de cadernas de antigas embarcacións xa podres.

Actualmente, a carpintaría segue en funcionamento, dirixida por Marcial Suárez Valiña, representante da terceira xeración familiar.


Carpintaría de ribeira O Baladiño

A carpintaría O Baladiño consérvase como exemplo do modelo tradicional de carpintarías de ribeira no esteiro do Anllóns. Está situada no lugar de Taboído, en O Baladiño, e conserva o seu galpón de madeira e o varadeiro tradicional tamén de madeira, empregado para as botaduras das embarcacións.

Desde esta localización obtéñense vistas privilexiadas da Barra, zona de repouso de aves, e do Monte Branco, que parece ao alcance da man.

O estaleiro é propiedade de Martín Senande Vázquez, neto do seu fundador Benito Senande.


Areeiras en Canduas

As empresas areeiras tiveron tamén un papel importante na parroquia de Canduas, vencelladas aos traballos mariños e á ría. Estas empresas empregaban pequenas embarcacións, como lanchas ou gamelas, para extraer area da Barra e dos distintos areais, destinada posteriormente ao sector da construción.

Durante o século XX funcionaban tres areeiras principais na ría:

  • Areeira de Rama (dirixida durante moitos anos por Elvira de Rama)
  • Areeira de José de Daniel (situada na Telleira)
  • Areeira de Antonio de Ceslao (a máis recente)

Nun inicio, o proceso de extracción era moi rudimentario: a area cargábase en cestas que se levaban á cabeza ata a embarcación. Máis adiante incorporáronse carretas, e finalmente, dragas embarcadas, o que mellorou a eficiencia do proceso e reduciu o impacto ambiental na Barra.

Co tempo, prohibiuse a extracción de area na ría, o que levou ao cesamento total da actividade das areeiras.


Bibliografía consultada

  • Castro Béizana, F.X., Concello de Cabana de Bergantiños
  • Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social. Cabana de Bergantiños: Deputación da Coruña
  • Fuertes Dopico, O., Fernández Madrid, J. (2011), Estudio tipológico de la construcción tradicional de astilleros en Galicia. Instituto Juan de Herrera, Madrid
  • Lema Suárez, X. M. (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas). Asociación Neira
  • Soraluce Blond, J.R., Fernández Fernández, X. (1995), Arquitecturas da Provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso. Deputación da Coruña

0 Comments

There are no comments yet

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *